O valor dun penalti
Tras o fracaso de Nicosia co modesto Omonia, que nos encolleu o entusiasmo, agardabamos con certo temor a chegada do Racing de Santander, que non visitaba Balaídos dende febreiro de 2007. Un recén ascendido, que comezara ben o campionato, a pesar de que esta mesma semana recibira unha malleira de sete goles fronte a un Barcelona que pretende gañar esta liga por esmagamento. Os de José Alberto López fixeron unha primeira parte na que en liñas xerais superaron aos celestes, tan ansiosos como precipitados para facer efectiva a presión alta e para a que Giráldez ensaiara outra defensa inédita ao redor da fiabilidade de Yoel Lago, até agora a revelación da tempada, con Álvaro Núñez e Sebastián Cáceres, ambos os dous nun excelente nivel.
Con todo, os cántabros caeron nun erro frecuente nos debutantes. Á altura do minuto 31, competeron un penalti dubidoso, desas mans que non se saben onde están no barullo da área, que finalmente sería sinalado polo VAR, rectificando a Burgos Bengoetxea, até entón ilustrando ao público en que os empurróns non están incluídos dentro das dezasete regras establecidas pola IFAB. Ver para crer! Penalti executado por Hugo González, como mandou Giráldez dende o banco. Unha xogada que sería determinante para o devir do partido.
Sabemos que no lanzamento dun penalti a gran cuestión é quen aguanta mellor a respiración, neste caso un duelo de contención entre Julen Agirrezabala, o porteiro que soou para o Celta, e Hugo González, o canteirán con máis gol do equipo. Fóra dese duelo emocional, o lanzamento dun penalti non ten gran cousa técnica, abonda con bater a pelota con destreza para introducila na portaría. O que fixo Hugo, a pesar de que o porteiro visitante acertou o ángulo polo que entrou o seu xute. Tres minutos emocionantes de ires e vires, nos que se dirimiu o devir do partido pechando sombras e afastando os medos celestes. Despois de semanas de indecisión o Celta comezou a carburar.
Mesmo os máis atrasados en poñerse ao día como Williot colleron o fío. O sueco rouboulle ao porteiro un balón que Jutglá, traballador pero aínda fóra de foco da portaría, non foi capaz de aproveitar. Mais o Celta seguiu. Da man de Miguel Román e Illaix Moriba, os seus medios en estado de graza, o guineano ampliou o marcador no minuto 42. Unha xogada para lembrar, iniciada polo roubo en campo propio do gondomareño que Moriba conduciu entre rivais, e chegando ás portas da media lúa, mudando de perna, ensaiou un esquerdazo con toda a alma que superou ao gardameta visitante. Un golazo que anunciou que o Celta desta vez ía en serio e non admitiría erros, que ao final é do que se trata no fútbol, cometer menos que o teu rival. Saíu do vestiario, coa lección ben aprendida, con Rueda, que non tivo tampouco a súa mellor tarde, e con Hugo González, tamén na caseta, a pesar da execución perfecta do penalti.
Outra proba de que Giráldez non anda con andrómenas. Deu entrada a Carreira e Pablo Durán, coa intención de abrir o campo con maior velocidade. Pouco despois, a entrada de Borja Iglesias, con media hora por diante, liquidou o partido cun terceiro gol, xa que o 2-0 é sempre un resultado moi perigoso. Borja, entón, ofreceu unha master class de dirección do xogo, a pesar de que non marcou gol, pero creou as condicións para que chegasen outros tres tantos, unha dupla de Pablo Durán, loitador incansable, e o de Miguel Román, un cacheirón formidable, tras un roubo de Moriba, noutra alquimia extraordinaria entre eles dous. O noso campión do mundo amosou que o fútbol é un deporte que, como sinalaba Johan Cruiff, se trata de pasar e recibir o balón, para mellorar cada xogada, e completalas todas, mesmo as que sabemos non teñen a fortuna de atopar portaría. Borja amosou que para saber xogar ao fútbol hai que saber parar o balón, o que fixo de xeito maxistral, e levou ao Celta a esta infrecuente goleada.
Pechada a crise de gol arrastrada desde o pasado mes de maio, non lembramos en primeira un resultado en Balaídos tan avultado, para o que habería que chegar a 1959, na visita do Real Zaragoza. Goleada inesperada que proporciona a Claudio e ao seu cadro acougo e confianza para enfrontar o parón de tres semanas e reflexionar e reordenar as pezas. Polo visto no serán do sábado, a medula con Yoel Lago, Cáceres e Núñez pode ser unha alternativa fiable. A parella de Miguel e Illaix está consolidada no medio, contando coa participación de Hugo Burcio, canteirán con forza e criterio, que peta nas portas do vestiario. Queda por anovar a composición das bandas, onde está a liña máis frouxa do que vai de liga; onde están moi baixos xogadores como Hugo Álvarez, apático mesmo o sábado como capitán, ou como Javier Rueda, con escasa implicación na maior parte dos partidos, e Javi Galán, cun nivel defensivo precario. Solucións técnicas, todas, que pasan pola ausencia de Iago Aspas, por desgraza lesionado en Nicosia, cuxa participación se adiará uns meses, agardando estea preparado para o derbi no novo Balaídos.
Publicado en Faro de Vigo: 21/09/2026


Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir