Lustres e Lorca paseados
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar os asasinatos de Federico García Lorca e Manuel Lustres Rivas:
Hai hoxe 94 anos que Manuel Lustres Rivas e Federico García Lorca se abrazaron no parque das Cabañas de Vigo, un fito no seu destino, cando o andaluz acababa de chegar de Nova York e o galego como director de Hoja del lunes facía campaña a prol da xubilación dos xornalistas. Un encontro que se produciu o 25 de agosto de 1932, pouco antes das sete e media da tarde, hora na que comezou a función de La Barraca, a compañía teatral universitaria dirixida por Federico, que puxo en escena tres entremeses de Cervantes, diante dun público vigués moi numeroso. A representación sería cualificada por Faro de Vigo como «marabillosa» e abeizoada por un artigo de Lustres, «Estudiantina de generación en generación», na súa sección de «Actualidades viguesas», a máis lida do xornal.
Daquela segunda visita a Vigo de Federico –aos dezaseis anos viaxara a Galicia como estudante da Universidade de Granada– consérvanse as imaxes do poeta paseando pola viguesa rúa Príncipe, acompañado do elenco da compañía, filmadas por un dos seus membros, Gonzalo Menéndez-Pidal. Un serán memorable no parque de lecer de Peniche, que o segundo conde de Torrecedeira abrira con gran éxito no comezo dos anos vinte, bonito merendeiro popular con pista de baile e palco para orquestras, utilizado para combates ou representacións teatrais, como foi neste caso.
Lembrando aquel encontro en Peniche entre Lustres e Lorca, Ceferino de Blas atopa similitudes entre as súas vidas e o seu tráxico final, sobre todo polo entusiasmo compartido pola cultura naqueles anos da República. Da man das Misións Pedagóxicas, un Federico pletórico percorreu España de forma incansable cos mozos de La Barraca coa intención de levar o teatro clásico español ás prazas dos pobos para goce de maiores e cativos.
Nacido en Ribeira en 1888, Manuel Lustres Rivas foi unha das maiores figuras do xornalismo galego de hai un século. Vinculado moi cedo con Vigo, onde casou con Emilia Fernández, comezou a escribir no Faro de Vigo en 1909, colaborou co semanario Vigo marítimo (1911), dirixiu o primeiro semanario e logo diario Heraldo de Vigo (1912), antes de marchar a Madrid en 1913 onde foi redactor de España Nueva. Volveu a Vigo para dirixir o semanario La Crónica (1915) e, despois doutra estancia madrileña, se radicou en Vigo en 1917 como redactor xefe de La Concordia, colaborando con El Sol e co semanario vigués La Ráfaga. No diario Galicia (1922) foi a man dereita do director Valentín Paz Andrade, onde escribiu algúns dos seus máis interesantes artigos. Tras unha experiencia dun ano en Buenos Aires traballando nunha consignataria, onde colaborou coa revista Céltiga, volveu en 1925 para incorporase á redacción de Faro de Vigo até as vésperas da súa morte e colaborar de forma intermitente en Vida Gallega.
Autor de centos de páxinas sobre Vigo, Lustres teimaba en que «Vigo debía contribuír eficazmente a que os aluvións cos que se formou o seu corpo urbano, se sedimentasen para que a alma cívica nacese». O. 31 de outubro de 1928 publicou un dos cantos máis aguzados sobre Vigo: «O galeguismo vigués non rifou nunca co sentido deportivo británico, nin co método filosófico alemán, nin coa modalidade práctica catalá. Fixo seu o fútbol importado polos oficiais do Cable Inglés e bautizou o seu equipo representativo co nome de Celta. Aprendeu dos cataláns a salgar as sardiñas, e os netos dos salgadeiros, chegados de Massnou, de san Feliu, de Mataró son vigueses con apelido catalán…»
Tras o 18 de xullo, Lorca e Lustres foron detidos decontado polos facciosos. Federico na tarde do 16 de agosto na casa (que cría segura) das irmás do seu amigo o poeta Manuel Rosales, todos membros de Falanxe, da que saíu en pixama conducido por Ramón Ruiz Alonso, que fora deputado da CEDA. Lustres foino na súa casa da rúa Luis Taboada de Vigo, hai outra versión que afirma que na propia redacción de Faro de Vigo, semanas antes do 27 de agosto de 1936, data na que causou baixa en Faro de Vigo. Preso no frontón de María Berdiales, habilitado como cárcere, antes de que fora trasladado ao campo de concentración da illa de san Simón, Lustres recibía a visita diaria da súa dona que o informaba do que ía sucedendo, como a noticia que o 22 de setembro leu en Faro de Vigo do asasinato de Lorca.
Ambos os dous foron paseados. Federico con 38 anos, segundo diversos investigadores, entre o día 17 ao 19 de agosto, hai noventa anos, nun lugar aínda non aclarado, entre os termos municipais de Viznar e Alfacor. Manuel con 48 anos e 32 activo no xornalismo, sería dos presos da illa de san Simón paseados, que como Víctor Fraiz Castellanos (19 anos), Vicente Bautista García (44 anos) e outros seis máis, apareceron o 10 de novembro no alto da Concheira de Redondela. Afinidades de Federico e Manuel que hoxe nos conmoven e merecen honra, gratitudes e respecto.




Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir