O galego, ben da humanidade
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o futuro da lingua, a raíz doutro texto de Xosé Luis Barreiro Rivas, «Ningunha lingua é eterna»:
Un amigo fíxome chegar o artigo de Xosé Luis Barreiro Rivas «Ningunha lingua é eterna» publicado no xornal conservador da Coruña. Non fixo falta ser o inspector Caldas para concluír que o articulista quedou irritado coas enquisas pre-electorais, que aventuran un excelente resultado para o BNG. Pouco tardou o veterano político de Forcarei en coller o lanzachamas da «imposición do galego» e da utilización por parte dos nacionalistas do idioma. Xaora, baixo a aparente retranca e a pretensión delirante de contar cunha lingua universal co 60 % de palabras inglesas, chama a atención que quen foi vicepresidente da Xunta de Galicia, cando se aprobou a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e que foi principal responsable da apertura da Radio Galega (1984) e TVG (1985) e do carácter monolingüe das súas programacións, trasacordase e pretenda agora cun chaplaso nunha columna se desentendese das políticas públicas de uso e fomento do galego das que foi responsable.
Sen intención de enredar o palangre, agoiro que este texto non é só unha chiscadela de ollo aos electorados de Democracia Ourensana e VOX, partido fascista que esixe ao PPdeG a derrogación das políticas lingüísticas. Tras o fracaso do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, que retirou xa ao galego das aulas das escolas infantís, os populares estarían dispostos a asumir un novo retroceso: a desregularización da utilización do idioma nas administracións públicas, incluídas as educativas e os medios de comunicación públicos. O galego quedaría a intemperie ao abeiro da escolla que cada falante. Noutros termos: «o galego só para quen o quera». Avalado polo vello argumentario da «imposición del gallego», xa utilizado (con éxito) polo PPdeG en 2009, con Rueda á cabeza, doutrina á que agora Barreiro engade a necesidade de «aforrar as subvencións» que reciben as editoriais, empresas que para el «editan libros con forceps» para «un nicho cultural». Barreiro traballa para quecer adiantando o discurso que poidan necesitar Feijoo e Rueda, sen importarlle utilizar afirmacións falsas, como as referidas as axudas de pouca monta que recibe o sector editorial galego, ou o que é máis grave, obviar o marco xurídico estatutario que recoñece a pluralidade lingüística, a cooficialidade e o galego como lingua propia.
Non é inocente este artigo de Barreiro, escrito para «darlle unha pensada» ao tema do galego. Un texto que nos devolve quince anos atrás, cando Feijoo decidiu rachar co consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua de 2004. E coma fixeramos entón non está de máis lembrar que o idioma non é de ninguén, porque é de todos, que o galego non é de onte nin de hoxe porque é de sempre. A lingua non se protexe nin se preserva para a cidadanía galega actual, senón que se garda e continúa –como lle escoitamos ao escritor Xabier DoCampo– para os de sempre, para os que foron, para os que son e para os que han ser. Como debería coñecer Barreiro que a lingua nin sequera é patrimonio dos que a usan, senón que é un ben da humanidade enteira. Patrimonio inmaterial para preservar, coidar e estender no seu uso, como para entregar con xenerosidade e orgullo aos nosos fillos e fillas e os netos e netas, coa intención de que se fagan responsábeis da cadea que tamén eles haberán de transcender.
Falamos a lingua que recibimos con amor das nosas familias, a que levan as palabras de aloumiño da infancia nosa, as que conteñen as que expresan o noso xeito de estar no mundo. A alma dun pobo é a súa cultura propia e o seu instrumento é a lingua. Así dicimos na fala galega viguesa: barolo, berete, canicouva, chiflaso, feixón, lestre, meniña, pachán, pisco, raparigha, sudre, torreiro, vitrasa, ou xira, entre outras. E expresamos as nosas emocións en frases, como as recollidas por Moncho Seixo no libro Non todo o que cae na rede é peixe (Morgante 2026): «a Cidade da Oliveira» para referirse a Vigo ou «facer barro coas orellas» para expresar que unha actividade foi moi ben. Palabras e frases que fan de nós o que somos.
Doulle razón a Barreiro Rivas cando identifica un retroceso no uso do galego, mais xa non acredito que sexa inevitable a súa desaparición coma el imaxina. Os sociolingüistas reclaman para conservar un idioma unha cidadanía comprometida coa preservación do seu patrimonio inmaterial máis valioso. Argumentan que ninguén imaxina que a fachada do Obradoiro puidese botarse abaixo, tras identificar algunhas gretas na súa estrutura; abondaría para conservala contar con recursos suficientes para reparala. Outro tanto sucede coa lingua nosa, non imos deixala morrer porque identifiquemos algunhas fendas, certo que moi grandes; é imprescindible que tanto os poderes públicos como a comunidade de falantes asuma a obriga de reparalos. E non habería que darlle unha pensada a esta tarefa?



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir