Lixeiras melloras
Abriu Marián Mouriño a súa presidencia cunha vitoria, a primeira da tempada na catedral das abelairas, e cun achegamento simbólico a alcaldía do concello de Vigo, ocupando a butaca que o seu pai deixaba baleira no palco. Dúas noticias moi esperanzadoras, senllos síntomas de mellora que non agochan o enorme sufrimento co que foron obtidos estes tres puntos, froito dunha xenialidade, un taconazo moi afortunado de Xurxo Larssen, como tampouco ocultan as dificultades para abrir un diálogo empático con Abel Caballero, despois de anos de incomunicación e trasacordos, o que revertería, sen dúbida, na aceleración da posta en marcha das obras de construción da grada Gol e da finalización do novo estadio, e beneficiaría tanto a Sociedade Anónima Deportiva celeste como a propia cidade de Vigo. Melloras, en todo caso, que despois de catro xornadas sen perder, nas que se obtiveron 5 puntos de 12 posibles (máis do 40 %, mudando a tendencia negativa) e apenas se encaixou un gol, alivian un chisco a situación clasificatoria crítica dos celestes, que despois de varios meses, quedarán (canto menos por unha noite) virtualmente fóra das posicións de descenso, o que supón un cativo respiro de Nadal para Rafael Benítez (confirmado pola presidenta esta mesma semana) e o seus xogadores.
Sen chegar a provocar unha revolución, o adestrador celeste pouco amigo de cambios introduciu no once de gala até catro con respecto ao de Vallecas: Carlos Domínguez no centro da defensa, cubrindo con moi bo criterio e posición a gripe do incuestionable Starfelt; Ristic no lateral, mellorando tanto en defensa como en ataque o que viña facendo Manu Sánchez; Cervi na banda esquerda, amosándose máis profundo e constante que Mingueza; e Dotor no centro, probablemente máis implicado nos duelos ca Luca de la Torre, que o substituiría nos decisivos minutos finais, cando o equipo estaba en inferioridade. Mudanzas que en liñas xerais melloraron ao equipo, sobre todo a capacidade de presión inicial, onde destacaron tamén o compromiso e a intensidade de Renato de Tapia (mágoa das súas dificultades para atacar con máis precisión) e a afouteza incombustible de Iago Aspas, que fixo unha gran primeira metade, protagonizando case todas as transicións celestes, tirando faltas e saques de recanto, rematando, defendendo, un auténtico xogador orquestra, con vontade de aceiro que se resiste ao ocaso, a pesar da mala fortuna que tivo onte cando provocou unha falta táctica pola que foi sancionado de forma moi rigorosa cunha tarxeta vermella, que deixou ao equipo no minuto oitenta nunha situación moi comprometida.
No entanto, as mudanzas na aliñación de Benítez non puideron ocultar as carencias clamorosas de xogo dos celestes, aos que sobra medio do campo, tanto polo esquema inamovible do seu adestrador de “colle a pelota e corre” (emulando o título daquela película de Woody Allen), como pola ausencia dun xogador capaz de gañar superioridades nese espazo central, rebentando as liñas de equipos como o Granada ou Cádiz que en Balaídos tiveron máis a pelota e superaron aos nosos tanto en efectivos como en capacidade de chegar a área rival. Onte a promesa granadina, Bryan Zaragoza (xa fichado polo Bayer de Munich), toleou primeiro a Kevin e despois a Mingueza, aínda que por fortuna non conseguiu marcar cando cruzou de máis un balón ao pao longo. Como tamén foi de salientar onte, cando o Granada atacaba a tumba aberta, a coraxe coa que os celestes afrontaron en inferioridade eses derradeiros minutos e os seis de engadido, nos que con respecto a partidos anteriores aos nosos defensas treméronlle un pouco menos as pernas e Guaita con intelixencia procuraba en cada saque de porta a disputa de Doubikas, que (outra vez máis e desafortunadamente) entrou en xogo moi tarde, para substituír a Larsen, o dianteiro preferido da mocidade celtista, que, coa excepción do seu gol de alta escola, estivo espeso e pouco acertado.
Ao remate do partido, a bancada agarimou aos celestes por vez primeira no que vai de temporada do Centenario, na que os celtistas en Balaídos estamos vivindo (sufrindo) de puro celtismo, sen apenas outros motivos para a ledicia que celebrar os resultados e o xogo do Celta Fortuna do prometedor Giráldez. Ben sería que a nova presidenta, que inicia a súa responsabilidade con declaracións esperanzadoras de reconciliación co concello e coa afección, non adiara a contratación dese medio centro con xerarquía e algunha outra posición defensiva, que poderían funcionar como revulsivo imprescindible nunha segunda volta onde xa non se pode sentir medrar a herba.
Publicado en Faro de Vigo: 17/12/2023
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir