«No fondo dos espellos» de X.L. Méndez Ferrín
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á aparición de No fondo dos espellos (Universidade de Vigo 2021), libro que recolle unha parte dos textos de X.L. Méndez Ferrín publicados entre 2015 e 2020 na sección homónima de Faro de Vigo:
Non se pode entender a figura cimeira nas Letras Galegas de Xosé Luís Méndez Ferrín sen a súa monumental achega ao xornalismo literario en lingua galega nas páxinas de Faro de Vigo. Unha teimosa tarefa literaria iniciada polas súas colaboracións pioneiras en La Noche (1955-1965), dende aquelas primeiras pezas, «Pondal, forjador de mitos» (10-11-1955) e «Cada coenllo ao seu tobo» (14-06-1956), cando comezou os seus estudos universitarios en Compostela. Tarefa xornalística continuada baixo o heterónimo de Dosinda Areses, primeiro no xornal El Pueblo Gallego (1979), despois na Hoja del lunes de Vigo (1981) e no semanario A Nosa Terra (1982-1983), textos recollidos no libro Dosinda Areses. Prosas completas (Xerais 1998), un dos fitos literarios máis punxentes dos anos da Reforma Política.
Unha colaboración literaria que Ferrín iniciara en Faro de Vigo, sendo director Francisco Leal Insua, apenas con dezaseis anos co artigo «Por tierras lusitanas. Impresiones de una excursión» (24-04-1954), froito dunha viaxe académica a Lisboa dirixida polo profesor Francisco Cerviño Gesteira, cando remataba bacharelato no Instituto de Pontevedra, á que seguiu un segundo, «Cuatro posibilidades de teatro gallego» (01-07-1956). Textos ocasionais durante a dirección de Álvaro Cunqueiro, «De “Foz” a “Fox”» (26-08-1966) e «Socialización, municipalización o estatalización del suelo» (04-02-1967), continuados nalgunha das entregas dos suplementos de «Arte e Letras» (1983) e «Pharo the bego», onde publicou «Su o sol de Satán» (08-03-1986).
En 1984 comezou a aparecer semanalmente a súa sinatura en Faro del lunes cos artigos «A intelixencia ausente» (02-04-1984) e «Nina Hagen / Luxemburgo» (09-04-1984), e a partir de 1988 en Faro de Vigo, que entón dirixía Ceferino de Blas, onde inicia a columna «Segunda Feira» cos artigos «A caste de Celso Emilio» (28-11-1988) e «A victoria final de Rodolfo Llopis» (05-11-1988). Dende entón os seus artigos dos luns se converten en referentes indiscutibles nas páxinas do decano e da propia sociedade viguesa. Textos sempre orixinais, áxiles, ben documentados, escritos nun galego literario de estirpe popular no que expresa a súa teimosa defensa do patrimonio e da natureza ou a súa ollada adiantada sobre a actualidade política e social de todo o que nos atinxe.
Colaboracións que Ferrín ampliou aos venres na columna «Os camiños da vida» co artigo «Do Vigo morto» (21-10-1994) e ás fin de semana no popularísimo «Consultorio dos nomes e apelidos galegos» (2004-2007), recollido en libro de título homónimo (Xerais 2007), no que Ferrín amosou a súa sabedoría e espírito didáctico no eido da onomástica e da historia. Páxina sabatina que mudou na sección «No fondo dos espellos» (2007-2020), iniciada por un artigo dedicado ao poeta, editor e inventor Alejandro Finisterre (17-02-2007) e por outro, «The importance of being Smith» (24-02-2007), onde ofreceu algunhas das mellor documentadas, máis fermosas e amenas mostras do seu pensamento e erudición cultural, recollida agora en parte no volume No fondo dos espellos. 2015-2020 (Universidade de Vigo 2021).
Unha compilación de 261 textos publicados dende 2015 ao 27 de xuño de 2020, no que a sección chegou ao seu remate, que conforman un océano textual biodiverso no que Ferrín afonda e dialoga sobre cuestións históricas, literarias e científicas, as súas temáticas preferidas dende aquela primeira crónica da viaxe iniciática a Lisboa, ampliadas en espiral cara a toponimia, onomástica, etimoloxía, xeografía, zooloxía (con especial interese pola entomoloxía, tan presente na súa obra narrativa), mais tamén cara a gastronomía, a mitoloxía, as artes escénicas, a edición gráfica e as artes visuais, entre outros saberes e disciplinas.
Como especial interese teñen outros destes textos de Ferrín de inequívoco carácter memorialístico e mesmo autobiográfico, claves para entender a historia do nacionalismo galego durante a ditadura, como «Constitución da UPG» (15-07-2017) e «Nacemento do PSG» (22-07-2017), por apenas citar dúas destas pezas. Como esoutras escritas para contribuír a construción da memoria de Vigo como cidade amada, protagonista dunha manchea de artigos, como o extraordinario «Vigo e Manuel Antonio» (05-08-2017), os varios dedicados a visita de Jules Verne e do Capitán Nemo, a serie dedicada ás tascas e cafés do Vigo ilustrado ou aos conflitos vigueses do 68, nos que a familia Valcárcel foi desposuída da concesión do tranvía, entre moitos outros.
Recomendo vivamente este libro arca e espiral, unha trabe de ouro na obra literaria incesante e continua que de forma asombrosa Ferrín ofrece semana a semana, dende hai case catro décadas, neste espazo liberdade que son as páxinas de Faro de Vigo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir