O Verne vigués de Ledicia

Dedidco o artigo da semana no Faro de Vigo a presentación de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas:

queizan_costas_16-09-2016No serán do pasado venres máis dun cento de persoas reunímonos no paseo das Avenidas, diante da estatua de Jules Verne de Molares, para participar na presentación de “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” (Xerais, 2016), novela pola que a viguesa Ledicia Costas obtivo o premio Lazarillo de Creación Literaria 2015, convocado pola OEPLI, sección española do IBBY (International Board on Books for Young People). Un premio de prestixio, convocado dende 1958, no que participan obras escritas nas diferentes linguas do estado, que consolida a traxectoria da escritora viguesa que no pasado ano recibiu o premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Unha presentación literaria ao aire libre, na que gozamos da fragrancia da maruxía do outono, na que os presentadores, o historiador Antonio Giráldez Lomba, o xornalista Eduardo Rolland e a escritora María Xosé Queizán homenaxearon a Verne e lembraron a súa relación con Vigo, tanto polas súas visitas de 1878 e 1884, como por terlle dedicado o capítulo oitavo da segunda parte de “Vinte mil leguas baixo os mares” titulado “A baía de Vigo”, novela por entregas publicada entre o 20 de marzo de 1869 e 20 de xuño de 1870. Datas que demostran que Verne escribiu de Vigo antes de visitar a nosa ría, que na novela de Nemo pintou con “augas impregnadas de luz eléctrica”.

Ledicia Costas centra esta súa novela en desenlear o enigma da segunda estancia de Verne, a que comezou o 21 de maio de 1884, cando procurou refuxio na ría viguesa (para el “un verdadeiro fiordo”), tras sufrir á altura da Coruña, unha avaría na máquina de vapor do “Saint Michel III”, que sería reparada nos talleres de caldeirería de La Industriosa, que Antonio Sanjurjo Badía (o famoso “Habilidades”) tiña no Guixar. Serán as relacións do escritor bretón co industrial vigués (ambos os dous visionarios da navegación submariña) e co boticario Philipot (personaxe de ficción), que custodia un importante segredo no seu establecemento da rúa Misericordia, as que permitan artellar a Costas unha trepidante novela de aventuras localizada no Vigo de hai cento e trinta anos.

Nun fermoso e emocionante exercicio de amor á súa cidade, Ledicia reconstrúe nestas páxinas aquel Vigo primixenio e xa cosmopolita, cunha fiestra sempre aberta ao mundo, cando comezou a desenvolver a estrutra ósea, as arterias e os pulmóns da cidade metropolitana actual. Un Vigo que se estricaba fóra das murallas, desenvolvendo as primeiras edificacións pétreas do ensanche portuario e as instalacións industrias de conserveiras e talleres nos barrios do Areal. Dende a descrición das rúas de oficios e negocios (Sombreireiros, Cesteiros, Ferraría…), hoxe Casco Vello, pasando polas novas avenidas de Policarpo Sanz e do Ramal, até a illa sur de Cíes, onde chantaban as raíces de sororidade as mulleres planta, Ledicia Costas ofrece algunhas das mellores páxinas do Vigo literario, na estela de doutras obras extraordinarias como “Amor de tango” de María Xosé Queizán, “Os fillos do mar” de Pedro Feijoo ou “Cabalos e lobos” de Fran P. Lorenzo.

Constrúe así a escritora de Brea Muiñeira unha novela verniana que homenaxea a orixe verniana da nosa cidade, que asume os valores do nantés, adaílde no seu tempo, como Sanjurjo Badía, da tecnoloxía, da ciencia, da industria e do progreso. Unha ficción que, mesturando rigorosa documentación histórica con doses de fantasía e melisa, esculca no ADN industrial de Vigo, afastándose dos mitos do relato da historiografía romántica. Un paso decisivo para a consolidación dun Vigo literario que posúe na figura de Verne un dos mellores esteos para a súa proxección internacional, sobre todo, no espazo cultural das fisterras atlánticas. Verne continúa sendo un escritor actual, lido e traducido en todo o mundo, quizais por que no seu tempo soubo fusionar os mitos coa ciencia, a modernidade coa tradición, conducindo ao seu lectorado ao paradoxo de que o futuro está contido sempre no pasado e que a natureza prefigura o porvir dos seres humanos. Dúas notas vernianas que Costas recolle na súa novela máis viguesa.

Xaora, o novo mito literario creado por Ledicia Costas ofrece unha oportunidade extraordinaria para incorporar a Verne no imaxinario popular vigués. A proximidade do 150 aniversario da chegada do “Nautilus” do capitán Nemo á ría de Vigo (18 de febreiro de 1868), unha data de ficción na nosa historia, non pode ser desaproveitada. Insisto en que Vigo debe preparar un plan que reconcilie a cidade coa figura de Verne. Pódese aproveitar a ampliación da ponte de Rande para bautizala co seu nome, como ten proposto Ferrín. Pódese incluír ao bretón no noso rueiro e poñer o seu nome á futura biblioteca do estado, que agardemos se constrúa na Panificadora. Ledicia Costas acertou de cheo reivindicando o Verne vigués.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *