Pautas para reducir o impacto psicolóxico do confinamento

O SERGAS, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, publicou onte un valioso documento que ten por obxectivo proporcionar á poboación ferramentas de afrontamento para reducir o impacto psicolóxico do confinamento por Coronavirus.

Polo seu interese resumimos tanto as recomendacións xerais como aqueloutras especificas para persoas con diversidade funcional e para os nenos e nenas.

Recomendacións xerais

1–. Ter claro o motivo do confinamento: impedir a expansión do virus, ademais de coidar de nós mesmos, da nosa familia, da nosa veciñanza e da nosa comunidade.

2–. Todos e todas sentimos a incerteza de non saber canto tempo durará o confinamento nin o que pasará despois, o que pode provocar certa angustia, agobio ou menos de máis ou menos intensidade.

3–. Necesitamos información suficiente e veraz de fontes oficiais. Ollo aos bulos que poden crearnos máis angustia.

4–. A familia debe acordar que espazos e que tempos se van a compartir e cales se van a reservar a cada membro para estar a soas.

5–. Utilizar os medios de comunicación dispoñibles para manter o contacto coas persoas queridas que non conviven con nós.

6– O confinamento é unha oportunidade para facer esas cousas que non faciamos «porque non tiñamos tempo».

7–. Atendamos ao noso propio coidado como o das persoas coas que convivimos no que atinxe a realizar actividade, respectar unha dieta equilibrada, vestiario, rutinas horarias… Non esquezamos o coidado das persoas da nosa comunidade.

Recomendacións a persoas con diversidade funcional

1–. Explicarlles de forma clara e sinxela a situación que estamos vivindo e as razóns polas que debemos mudar algunhas rutinas. Lembrarllo, se fose necesario, evitando dar información que incremente os seus medos ou preocupacións.

2–. Atender aos seus posibles cambios no seu comportamento (enfado, agresividade, rabia, axitación…). Facilitar a expresión das súas emocións. Escoitar e tranquilizar e, se fose necesario, solicitar axuda a profesionais da saúde.

3–. Manter os mesmos horarios e rutinas habituais, ademais de ensinarlles a respectar as recomendacións de coidado e hixiene para protexerse do virus.

4–. En caso de necesidade saber que poden saír á rúa acompañados, ao abeiro do disposto no artigo 7 do RD 463/2020 de 14 de marzo.

Recomendacións a nenos e nenas

1–. Preguntémoslles o que saben e o que lles preocupa do que está pasando.

2–. Debemos dicirlles sempre a verdade e adaptar as explicacións a súa idade.

3–. Cando teñan algunha dúbida que non sabemos responder ou que creamos que facelo pode angustialos, recoñecer que as persoas adultas non o sabemos todo.

4–. Saber que o malestar das crianzas é esperable e que se pode expresar a través de sensacións corporais (malestar físico, falta de apetito, nerviosismo….), medos (a contaxiarse eles ou algún membro da familia), expresións de sentimentos de ira, enfado ou celos, dificultades para conciliar o sono…

5–. Recoñecer as súas preocupacións para poder darlles unha resposta tranquilizadora, mantendo a calma e transmitíndolle confianza.

6–. Recoñecer con paciencia o posible malestar das persoas adolescentes axudándoas a canalizar os seus posibles enfados.

Reflexións finais

1– Ser realistas: a situación pode durar máis do que se espera.

2–. O humor é unha vía de saída diante do malestar e a incerteza.

3–. Asumir que é o que depende de nós: cumprir as medidas, planificar o que facemos, xestionar o que sentimos.

4–. Identificar e agradecer as pequenas cousas das que podemos gozar.

5–. Tratar de descubrir «o bo do malo».

6–. Coidémonos!

O documento completo pode descargarse aquí.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Aplausos

Dedico o artigo semanal en Faro de Vigo á cerimonia vespertina do aplauso sanitario

Nas rutinas familiares da corentena o momento máis agardado da xornada é o do aplauso vespertino das oito. Apenas un par de minutos de apoio mutuo nos que a veciñanza se recoñece e saúda en fiestras e balcóns e celebra a fortuna de continuar un día máis sen novidade facendo fronte a unha inesperada circunstancia planetaria que a todas obrigou a modificar de forma radical as súas vidas. Un contacto apenas visual, acompañado nalgúns casos de asubíos, cancións ou percusións improvisadas, que expresa a esperanza de superar xuntas uns días de incerteza e medo nos que se loita contra algo invisible que a calquera pode matar. Aplausos solidarios nacidos para recoñecer a afouteza e a dedicación do labor do persoal sanitario e do resto de traballadores e traballadoras esenciais que coidan da nosa saúde, seguridade e benestar. Aplausos que fenden o silencio das rúas baleiras que constitúen unha inxección de optimismo para todas as persoas que loitan contra a propagación do contaxio, sexa as que o fan nos hospitais, nos centros de saúde, nas ambulancias ou laboratorios como as que tamén contribúen quedando na casa respectando tan incómodo confinamento domiciliario. Aplausos de fraternidade que quedarán na nosa memoria futura como a mellor expresión dunha desventura común vivida nuns días nos que agromaba o entusiasmo da primavera.

Aquela iniciativa puntual dun minuto de aplausos cidadáns, convocada por mensaxería instantánea e redes sociais hai pouco máis de dúas semanas en Madrid e Gasteiz, onde saltaron dous dos brotes iniciais da epidemia na península, co inicio do estado de alarma transformouse en práctica habitual en todas as cidades para recoñecer o traballo impagable do persoal do servizo público de saúde, tamén vítimas do contaxio. Un xusto recoñecemento ao sistema sanitario público nun momento inédito de emerxencia que probablemente chega tarde tras unha década de recortes continuados  e privatizacións que debilitaron e precarizaron a súa estrutura de profesionais, sobre todo na atención primaria, como os medios dispoñibles no seu conxunto. Carencias angustiosas de persoal médico e de enfermaría, mais tamén de medios (equipos de protección individual, probas diagnósticas ou aparellos de UCI…), que nestas circunstancias pavorosas e nunca vividas se están poñendo a proba, ameazando con colapsar o sistema, cando o virus se está, aquí como no resto dos estados da nosa contorna, amosando tan imprevisto como desapiadado.

Aplausos de solidariedade que moito se agradecen tamén nas residencias de maiores, como podemos comprobar cada serán na nosa rúa, outras das institucións golpeadas con máis crueldade por esta crise, tanto polo número elevadísimo de vítimas mortais e casos activos como pola incerteza inevitable que se vive dentro de todas elas. Residencias que forman parte da rede de coidados do sistema público de atención á dependencia que como sucedeu co sanitario foi dende 2012 moi danada tanto pola política de recortes e redución do déficit público como pola febre privatizadora de empresas transnacionais e fondos de capital risco que as consideran unha fonte segura de ingresos. A ausencia dramática en moitos destes centros de persoal cualificado, tanto de atención xerocultora como sanitaria, de equipos de protección individual, os soldos escasos das traballadoras, a rotación constante dos seus cadros de persoal, a externalización de boa parte dos seus servizos ou a falta de controles públicos do seu funcionamento foron denunciados como principais problemas dun sector que vive á intemperie os seus días dramáticos.

Aplausos interxeracionais, nos que participan as crianzas e as persoas maiores, que reclaman o valor precioso do sistema público de coidados dos sectores sanitario, educativo e de atención a maiores e persoas dependentes. Un valor que non se poderá desprezar cando se debatan as medidas para saír desta crise global, que non pode ser considerada como outra catástrofe económica máis a engadir ás provocadas polo capitalismo impaciente deste século XXI ou ás complexas relacións que a humanidade mantén coa saúde do planeta, onde probablemente puidese atoparse a orixe do virus asasino. Como sinalou o veterano pensador francés Alain Touraine, a saída posible pasa por deseñar «unha sociedade de servizos entre humanos», o que empurrará cara arriba ás persoas coidadoras, que sabemos son de forma maioritaria mulleres. Un mundo no que, como sinala o filósofo Daniel Innerarity, teremos que facernos a vivir con moitas cousas que descoñecemos, «onde as decisións son arriscadas e a información incompleta». Cadora, con estes aplausos diarios, como advertiu o escritor Manuel Rivas, tamén contribuímos a «manter a salvo a esperanza, é tan pequeniña!».

 

A xestión das emocións na corentena

Nesta situación excepcional de confinamento, os pais e nais das crianzas de Educación Infantil e Primaria, ademais de organizar as rutinas diarias, conservando os seus hábitos de alimentación, lecer e sono saudables, son as pezas fundamentais da súa seguridade afectiva e desenvolvemento emocional. Os menores non son alleos ao que está sucedendo e nesta situación senten emocións como enfado, alegría, tristeza ou incluso medo e inseguridade, que requiren ser xestionadas.

Unha situación excepcional que brinda a oportunidade a pais e nais a estar máis presentes nas vidas das súas crianzas, dedicando tempo a falar, xogar e mesmo a aburrirse xuntos. Unha situación que proporciona a posibilidade de poñer en marcha na familia as estratexias da intelixencia emocional, o que facilitaría que os menores adquirisen niveis máis elevados de tolerancia á frustración e resiliencia.

A corentena, aínda que poida parecer estraño, pode axudar a que as crianzas coñezan no seu fogar o valor de palabras como empatía, solidariedade, respecto ou tolerancia. Máis aínda, a longo prazo este incómodo confinamento é posible que as axude a facer fronte aos retos da vida diaria e dos momentos de crise coma o que estamos sufrimos.

Con esta intención, Elena Fernández Serrano, orientadora educativa do noso centro o pasado curso, propón unha serie de pautas que poden axudar ás familias do alumnado de Infantil e Primaria a xestión emocional desta crise do coronavirus:

1–.Falar as crianzas con franqueza e sinceridade sobre a situación, o que xerará nelas confianza e seguridade.

2–. Utilizar unha linguaxe adaptada a súa idade, utilizando os termos e os datos científicos dispoñibles.

3–. Utilizar fontes fiables evitando bulos ou datos alarmistas, que poden provocar nos máis pequenos maior ansiedade e preocupación.

4–. Seguir as recomendacións das autoridades sanitarias sobre as medidas de prevención do contaxio (lavado das mans).

5–. Escoitar as súas dúbidas e responder as súas preguntas de forma clara, variando os temas de conversa.

6–. Identificar os pensamentos que poidan xerarlles malestar, o que pode axudar aos proxenitores a proporcionar respostas axeitadas que contribúan a mellorar o estado emocional dos pequenos.

7–. Recoñecer e aceptar as emocións, algo que afecta tanto ás persoas adultas como ás menores. Non hai emocións malas nin boas, todas axudan a adaptarnos á realidade.

8–. Intentar manter unha actitude optimista e alegre. Unha boa xestión emocional axudará a manter unha mellor saúde física de toda a familia.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

 

O xogo do coronavirus e outros recursos na rede

Entre os recursos dispoñibles na rede para crianzas sobre o coronavirus e a corentena na casa paga a pena recomendar media ducia dos que consideramos de maior interese para o noso alumnado de Infantil e Primaria.

1–. «O xogo do coronavirus», vídeo dun minuto e medio de duración. Creado polo enfermeiro Santiago Santana na canle en YouTube do Consello General de Enfermaría propón as crianzas a forma correcta de lavar as mans como a medida preventiva máis importante fronte ao coronavirus. O xornal El País publicou un artigo no que explica o reto que pretende consolidar un hábito esencial, máis aínda neste momento.

2–. Aulas galegas, portal educativo sen ánimo de lucro no que se ofrecen recursos en lingua galega para os diversos niveis educativos e áreas curriculares. Aconsellamos moi especialmente o seu espazo dedicado ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, onde de poden ver contos, actividades con lingua de signos

3–. Retrincos de cores, caderno emocional (descargable en pdf), elaborado polo Grupo de intervención Psicolóxica en Catástrofes do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e moi útil para abordar esta emerxencia sanitaria a través do debuxo.

4–. Academia de Inventores, un espazo de YouTube, promovido pola editorial Edelvives, no que se están emitindo en liña clases de robótica, programación, mecánica e ciencia, todos os días ás 17:00 horas.

Cada día da semana aborda un nivel: os luns, os Baby inventores (3-5 anos); os martes, os Mini inventores (6-8 anos), os mércores, os Inventores junior (9-11 anos), os xoves, os Inventores Senior (12-14 anos) e os venres, os Inventores Master (15-18 anos).

5–. «¿Que es el Coronavirus?», vídeo de dous minutos e medio de duracion. Preparado pola pola canle de YouTube Happy Learning Español explica aos nenos e nenas en que consiste o coronavirus, cales son as súas consecuencias e que se debe facer para evitar o contaxio. Nesta canle hai un amplo abano de vídeos didácticos para o alumnado de Primaria.

6-. «Iniciativas e actividades para levar mellor o illamento», espazo do blog Con los niños y adolescentes na mochila, no que se ofrece á familia un amplísimo repertorio de actividades para compartir na casa durante a corentena: contacontos, manualidades, guías de experimentos en vivo en Instagram, ximnasia e actividades físicas, lecturas ou viaxes virtuais a museos ou exposicións.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

 

Persoas adolescentes na corentena

Polo momento evolutivo no que se atopan tampouco é doado para as persoas adolescentes pasar un mes sen saír da casa, sen facer deporte, sen acudir ao seu centro escolar ou sen estar a carón das súas amizades. A corentena é un tempo difícil tamén para elas.

Os medios de comunicación achegaron diversas recomendacións ás familias de especialistas en Psicoloxía da adolescencia que poden axudar a enfrontar mellor estes días de confinamento obrigado na casa:

1–. As persoas adolescentes deben continuar mantendo o fío do seu entorno social: comunicándose por medio dos seus dispositivos coas súas amizades e persoas coñecidas, realizando as actividades curriculares propostas polo seu centro, participando nas rutinas familiares de limpeza ou mesmo nas colectivas como o aplauso vespertino.

2–. As persoas adultas deben asumir a responsabilidade de manter as rutinas e horarios de costume na casa. Cunha actitude paciente e flexible deben propoñer que toda a familia comparta algunhas actividades que os seus membros non fan xuntos decotío: xogar en familia, ver unha película, participar na visita virtual a un museo, cociñar xuntos, compartir cancións favoritas ou ler en familia … E sobre todo, falar e manter unha comunicación afectiva.

3–. As persoas adolescentes deben ter acceso permanente ás noticias sobre a crise provocada pola pandemia e posibilidade de comentalas coas adultas dende unha perspectiva crítica e sen alarmismos. As persoas adultas deben insistirlles na necesidade de que utilicen fontes seguras e que comproben de forma crítica calquera noticia que reciban nas redes sociais, desbotando bulos e noticias falsas.

4–. Tanto as persoas adultas como as adolescentes deben recoñecer que na situación de corentena poden aparecer momentos de ansiedade, desánimo ou sensación de illamento, o que non debe alarmar, xa que os especialistas consideran «expresión dunha función normal e saudable que alerta das ameazas e axuda a tomar medidas para protexernos».

5–. É tamén posible que o desenvolvemento da crise provoque nas persoas adolescentes inquietude, ás veces expresada, outras non, como incerteza sobre o futuro, que as leve a repregarse aínda máis entre elas e sobre si mesmas. Neste caso as persoas adultas deben facilitar a expresión das súas emocións: «comprendamos que están tristes para que logo se sintan mellor».

6–. Sen embargo, na corentena as persoas adultas deben tratar de controlar as súas propias emocións, as adolescentes confían en que os seus pais lles proporcionen sensación de seguridade. Nunha situación como esta espérase das persoas adultas que sexan capaces de compartir coas adolescentes «palabras, reflexións, inquietudes, esperanzas e testemuñas dunha vida que continúa».

Para quen queira afondar nestas cuestións, recoméndase a lectura destes textos publicados ao fío da corentena:

–. «Adolescentes e coronavirus», artigo de opinión Ricardo Fandiño, presidente de ASEIA, La Voz de Galicia, 22-03-2020.

–. «Adolescentes en casa: los expertos aconsejan a los padres paciencia, flexibilidad y dar información veraz», reportaxe de Cristina Bisbal Delgado, El País, 17-03-2020.

–. «Coronavirus: 7 claves para proteger la salud mental de los adolescentes», entrevista a Lisa Damour, Unicef, 23-03-2020.

A Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) pon a disposición das familias un servizo telefónico de apoio emocional onde poder xestionar as inquedanzas e o posible malestar derivado da situación do estado de alarma.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Quedar na casa

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a pandemia do coronavirus e o confinamento na casa

A corentena permitiume volver sobre as páxinas d’ A peste (1947), a novela de Albert Camus, desta volta na extraordinaria tradución para o galego de Isabel Soto e Xavier Senín, publicada por Hugin e Munin (2018). Confeso que no relato de Camus abraioume a proximidade á situación que estamos vivindo. O retrato do mal e a súa superación, naquela primavera dun Orán colonial onde as ratas mortas inzan paseniño ás rúas mentres se estende a enfermidade, é útil para entender como unha praga semellante afecta tanto ás persoas contaxiadas como aqueloutras indemnes á doenza. A peste arrasa a actividade comercial e social e «suprime o futuro e os desprazamentos» de persoas que, até entón, se tiñan [coma nós] por libres ou non imaxinaban poder ser vítimas do contaxio. Mais tamén unha epidemia na que xurde [coma tamén no caso actual] o mellor da condición humana, unha mensaxe de esperanza que Camus deitaba cando a humanidade acababa de derrotar ao nazismo.

A lectura da versión galega d’ A peste convida a reflexión sobre a utilidade da ficción literaria para achegarse, a pesar de ter transcorridas sete décadas, a unha epidemia como a do coronavirus, onde aquela inquedanza inicial de hai unhas semanas polos seus efectos, á altura deste terzo do confinamento previsto no estado de alarma e diante das estatísticas sanitarias e económicas, converteuse xa en medo e ansiedade sobre o futuro que nos agarda. Emocións retratadas na novela de Camus como un xeito de «exilio na propia casa», onde cada un de nós estamos «reducidos ao noso pasado» e obrigados a «aceptar vivir o día a día, e só fronte ao ceo». Cadora e por ventura, nesa obrigada soidade familiar da nosa reclusión contamos coa comunicación dixital e o acceso aos produtos culturais nas pantallas que nos facilitan mantermos en contacto coas persoas queridas, acceder a información en tempo real ou mesmo, dentro das posibilidades, non desvincularmos totalmente da nosa actividade laboral ou educativa.

O saber experto, unha das claves para enfrontar a pandemia do COVID-19, xunto a posta en valor preferente dos servizos públicos de sanidade, atención á dependencia, educación e seguridade, estableceu que o confinamento e o distanciamento social son medidas imprescindibles e obrigadas para superar esta crise sanitaria. Medidas severas pola restrición da nosa liberdade para movernos onde nos pete e polo seu carácter universal (polo momento aínda incompleto, na medida que o actual estado de alarma non afecta a todas as actividades económicas non esenciais por igual) que poñen a proba tanto a nosa intelixencia colectiva como a capacidade empática de cada cidadán para respectalas coa severidade e continuidade que requiren. Empatía que debemos entender como un exercicio de intelixencia e solidariedade de cada un de nós que asume que toda a cidadanía está ameazada e que todos podemos sumar co noso comportamento responsable e cos coidados que achegamos na tarefa cooperativa de vencer ao coronavirus.

Non somos inxenuos e sabemos que este confinamento obrigado ten tamén un carácter de clase xa que afecta de forma moi desigual a unhas e outras persoas, dependendo da súa idade, das súas características funcionais ou das condicións da súa vivenda. Dentro destes colectivos máis vulnerables están as persoas maiores, que sofren a presión emocional de constituír o primeiro grupo de risco, as que padecen doenzas mentais ou discapacidades funcionais e os menores de 15 anos, un colectivo de 7 millóns de persoas, completamente desaparecido do espazo público, que dende a declaración deste estado de alarma adultocéntrico son responsabilidade privada que corresponde a cada unha das súas familias. Unha situación inédita que está provocando tensións nalgunhas familias, sobre todo nas que contan con vivendas máis reducidas ou precarias, menos recursos dixitais (carecen de ordenador, impresora ou conexión internet) e menor formación dos proxenitores. Unha fenda de desigualdade que apenas pode ser mitigada polo voluntarismo e entusiasmo do profesorado que pretende acompañar ás familias coas súas tarefas e orientacións propostas de forma telemática.

Nestas condicións, enfrontar as vindeiras semanas de reclusión non vai ser doado para ninguén, sexa polo impacto emocional que provoca a información da pandemia como polo ruído engadido polos bulos e fake news que corren polas redes sociais. Con todo, como sucede na novela de Camus, serán días nos que no entorno deste exilio na casa con certeza aparecerán iniciativas para mitigar a doenza da soidade das persoas queridas ou para evitar a pasividade ou a ansiedade das nosas crianzas. Quedar na casa e manter sempre aberto o fío coa comunidade á que pertencemos. Velaí o exercicio de intelixencia colectiva que precisamos.

 

Circulación de persoas do espectro autista

Alba Toba López, catedrática de Dereito Administrativo da USC, publica un chío que informa sobre a publicación no BOE do venres 20 de marzo dunha instrución do Ministerio de Sanidade pola que se establecen criterios interpretativos para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVI-19.

En concreto, establece no seu artigo segundo que a actividade de circulación olas vías públicas está permitida para «as persoas con discapacidade, que teñan alteracións condutuais, como por exemplo as persoas con diagnóstico do espectro autista e condutas disruptivas, o cal se vexa agravado pola situación de confinamento derivada da declaración do estado de alarma, e a un acompañante, a circular polas vías de uso público, sempre e cando se respectan as medidas necesarias para evitar o contaxio».

Unha importante modificación legal que autoriza, pois, a que estas persoas e un acompañante poidan saír a realizar paseos respectando as medidas para evitar contaxios

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Procurar calma na corentena

O período de corentena que comparte cada familia na casa é unha oportunidade preciosa para facer actividades que decote non sen fan nas que participen todos os seus membros ou para que cada persoa dedique máis tempo a algunhas das súas actividades preferidas.

No en tanto, probablemente, nestes días non todo vai ser un camiño de rosas, xa que aparecerán momentos de tensión («estrés») froito dunha situación excepcional que sentimos como ameaza (o perigo do contaxio do coronavirus, o medo ao desabastecemento de produtos básicos, o afastamento dalgúns familiares e amizades…) ou simplemente provocados polos intereses de cada persoa da casa (sexan maiores ou crianzas) confrontados nun espazo reducido durante un tempo prolongado.

Xestionar eses momentos de tensión, procurando experimentar o alivio de librarnos do peso do que nos ameaza (ansiedade, medos, aborrecemento, cansazo…) e recuperando a serenidade e a calma durante o maior tempo posible, é unha das claves para soportar este confinamento obrigado.

Xestión emocional para as que contamos con orientacións como as proporcionadas polo grupo de emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia [vídeo cinco minutos], que insisten na necesidade de que cada familia organice o seu horario diario, que só traslade información que sirva para coidarse e previr o contaxio e que as persoas maiores respondan as preguntas das crianzas de forma clara e sen mentirlles, demostrando así que poden confiar nelas.

Nesa xestión familiar do tempo de confinamento é importante diferenciar as rutinas dos días de traballo (nos que a rapazada realiza tarefas escolares) dos da fin de semana, nos que se poderían realizar outro tipo de actividades. Por ventura cada familia pode escoller entre as propostas publicadas estes días: «70 ideas doadas para xogar en casa», «30 plans divertidos para facer esta corentena», «Ideas para pasar estos días en casa con niños».

Nesa liña de xestión creativa da calma insírense os CoronaRetos propostos diariamente pola Biblioteca do noso centro, que ofrecen un abano de recursos e actividades (literarias, musicais, cinematográficas…) coa intención de desenvolver a creatividade, a curiosidade e evitar a pasividade de todos os membros da familia durante este período de confinamento. Propostas, ademais, que despois son gravadas e compartidas na rede reforzando así, tanto no seus protagonistas como no resto do alumnado, o carácter de pertenza a unha comunidade educativa, o que é esencial non perder nunca durante este tempo de separación.

Como tamén axudan a encalmar na corentena as receitas que propoñen no blog Bolboretas no bandullo, para converter crianzas e maiores e converter a cociña en laboratorio de experimentación e creación e espazo para a lectura. Ou os momentos de calma proporcionados polas visitas virtuais en tempo real ou breves sesións de milndfulnes, entre outras posibilidades a explorar por cada familia.

Boa fin de semana!

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

A Corentena en pictogramas

Os pictogramas, «Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación (SAAC)», son formas de expresión distintas á linguaxe oral que teñen como obxectivo aumentar as posibilidades de comunicación e ou compensar as dificultades de linguaxe de persoas con parálise cerebral (PC) ou con algún Trastorno do Espectro Autista (TEA), entre outras con discapacidade.

A Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) utiliza símbolos gráficos (fotografías, pictogramas, debuxos, palabras e letras) e xestuais (mímica, xestos ou signos manuais) adaptados ás necesidades de persoas con idades e habilidades dispares. A súa principal vantaxe é que permiten representar tanto algo concreto como algo abstracto, o que axuda a estas persoas a comprender conceptos, ideas, accións ou situacións da vida cotiá.

Entre os sistemas gráficos destacan os pictográficos, nomeados popularmente como pictogramas ou «pictos», pola seu carácter visual, universal e inmediato que facilita a accesibilidade cognitiva a todo tipo de persoas.

Por ventura os grupos de traballo de SAAC xa ofrecen magníficos textos pictográficos sobre a crise do coronavirus que poden axudar tanto ao alumnado TEA como ao resto das persoas a comprender a situación inédita e desconcertante de corentena que estamos vivindo. Recursos dispoñibles, recompilados no cartafol de recursos do Departamento de Orientación, que van dende a información básica sobre o coronavirus (dispoñible tamén en galego), pasando pola explicación das razóns para quedar na casa, até unha proposta de elaboración dun diario da corentena.

Para as persoas que teñan curiosidade por saber máis sobre o uso educativo dos pictogramas e dos SAAC recomendo visitar o espazo web do Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa (ARASAAC), fonte inesgotable destes recursos.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.

Na Corentena hai tempo para todo

Quedar na casa durante canto menos catorce días obriga a todas as familias a adoptar novas rutinas para facer fronte a unha situación excepcional e para evitar os prexuízos que este peche poida provocar no estado emocional e desenvolvemento académico dos nenos e nenas.

Por fortuna, as crianzas saben que este non é un período vacacional, razón pola que continúan coa actividade escolar dende a casa, establecida diariamente de forma telemática por candasúa titora. Con todo, é preciso que cada familia asuma esta situación como un reto, tanto pola dificultade de adoptar un novo modelo de conciliación e organización dos coidados e das actividades das crianzas e das persoas maiores (moitas delas teletraballando desde o fogar), como pola necesidade de organizar de forma consensuada os tempos e os espazos.

Nesa nova organización das rutinas é necesario que os nenos e as nenas realicen diverso tipo de actividades para evitar a pasividade ou a ansiedade que esta reclusión obrigada poida ocasionarlles.

Recomendamos manter os horarios habituais para erguerse e deitarse, así como para as horas do almorzo, xantar, merenda e cea.

Cremos que as horas da mañá deben estar ocupadas pola realización das actividades académicas titorizadas dende o centro, establecendo varios descansos e tempo de xogo libre, dependendo da súa idade.

Pola tarde sería o momento ideal do día para ter unha hora específica dedicada á lectura e a escritura, tanto dos textos propostos polo centro como doutros dispoñibles na biblioteca familiar.

Debe existir tamén outro tempo diario para as actividades artísticas e plásticas (manualidades, debuxo, pintura, mandalas, construcións…). Desde o centro proponse diariamente a realización dun Coronareto deste carácter, como tamén existen outras propostas deste tipo na rede: «15 días,15 debuxos», «O arco da vella. Todo vai ir ben»…

As rutinas deben contemplar un tempo para o movemento e a actividade física, o que sabemos pode ser difícil en moitos fogares ou mesmo imposible. Mais o que si o será en todos é que os nenos e nenas compartan as tarefas domésticas de limpeza e arranxo do cuarto, o que fomenta a súa responsabilidade, autonomía e a igualdade entre homes e mulleres.

Neste confinamento debe existir un tempo diario para a comunicación dixital ou telefónica coas amizades e cos familiares, así como outro para o xogo individual (videoxogos e outras actividades lúdicas) como tamén para o xogo en familia, tanto compartindo xogos de mesa como acometendo retos ou proxectos nos que participan maiores e crianzas.

Con certeza que haberá aínda tempo cada día para escoitar música, ver a televisión ou vídeos de You Tube ou visitar espazos seguros para os menores en Internet, preparados para esta corentena.

Con todo, dende o punto de vista formativo o máis importante desta reclusión, que non poderemos evitar que nalgún momento resulta molesta e aburrida, é que os nenos e as nenas comprendan a razón pola que se fai: contribuír a parar o contaxio dun virus perigoso para a saúde de todas as persoas.

Corresponde as persoas adultas compartir a información dispoñible e non ignorar os medos e dúbidas dos menores sobre a súa evolución. Tarefa na que o Departamento de Orientación do centro amosa toda a súa dispoñibilidade a colaborar.

Estas orientacións poden ser ampliadas nos recursos recomendados polo Departamento de Orientación na web do centro.

En próximas entregas comentaremos algúns destes recursos así como outros novos que iremos engadindo.

Texto publicado nas webs do CEIP Laredo e CEIP Cedeira.