Onte 1591: #MobilizaRosalía

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Comezou a semana dedicada a Rosalía con motivo da celebración o mércores 24 do seu 179 aniversario. A programación tan intensa de actividades literarias, sobre todo nos centros de ensino, con especial incidencia este ano na utilización da comunicación dixital, demostran que os seus textos permanecen moi vivos e presentes na sociedade galega, ao tempo que posúe unha estraña e poderosa capacidade mobilizadora da nosa conciencia colectiva. Adiantada do seu tempo, sempre transgresora, radicalmente moderna, o fenómeno Rosalía increméntase cada ano como «o personaxe predilecto dos galegos», unanimidade interxeracional sorprendente que ben explica o éxito desta efeméride do 24 de febreiro. Polo que nos atinxe, celebraremos o día de Rosalía no Auditorio de Padrón, acompañando a Anxo Angueira na presentación da súa monumental edición de Follas novas, o segundo dos volumes da obra completa publicada por Xerais.

Imaxes liberadas pola Deputación da Coruña de catro deseñadoras galegas para utilizar na rede con motivo do Día de Rosalía.

Campo do Fragoso CLXXV

aspas_guidettiGOZAR E SUFRIR

En poucos estadios como no vello Balaídos pode experimentarse mellor que a ledicia e a decepción sexan emocións que xogan en idéntico terreo, capaces de mudar de bando en apenas uns minutos. Os celtistas comprobámolo o pasado sábado, nun partido moi gozoso durante oitenta minutos, nos que os de Berizzo marcaron tres golazos, mais que foi moi inquedante nos dez derradeiros, cando o fantasma da igualada eibarresa axexaba a porta do noso gato de Catoira. Nada extraordinario, xa que todo o celtismo hai tempo que asumiu que o sufrimento forma parte do ADN dunha afección que sabe encaixar con prudencia as vitorias e sen resignación as derrotas.

Xaora, cómpre recoñecer que os dous goles do Eibar en apenas tres minutos, o primeiro no 83, tras un penalti inocente e innecesario de Sergi Gómez, e o segundo no 86, tras unha xenialidade do xaponés Inui, que cruzou un xutazo dende fóra da área, provocaron unha lipotimia no equipo de Berizzo, un esvaecemento transitorio que por desgraza xa coñeceramos en partidos anteriores. Non é doado esquecer a vertixe dos minutos finais co Levante (4-3), os iniciais da segunda parte no Camp Nou (1-6) ou os fatídicos da reanudación do partido de Sevilla (0-4) que pecharon as portas da final de copa. Momentos de procrastinación na lameira e nervios na bancada, provocados quizais polo cansazo, pola inercia do resultado ou como sucedeu o sábado froito das desgrazas inherentes ao propio xogo diante dun rival que non se dobregou.

Máis eses minutos difíciles de desconcerto non poden cuestionar nin o gran partido do sábado nin a magnífica tempada dun Celta capaz de arrepoñerse ás dificultades, que con trece xornadas por diante case conseguiu o obxectivo da permanencia e aspira polos méritos do seu xogo e da súa envexable situación na táboa de marcas a algunha das prazas da competición europea. E foi ese o obxectivo co que saíu de forma case obsesiva a disputarlla ao Eibar, un rival directo, despregando un marabilloso xogo ofensivo, no que moito brillaron as parellas atacante, Aspas e Guidetti, e a de mediocampistas chilenos, Díaz e Hernández, ambas as dúas dispostas a pasar á historia celeste.

O dianteiro sueco soubo facerse un oco no cadro de gala e gañou decontado o afecto e admiración da bancada. A súa intensidade infatigable, a súa colocación para deseñar liñas no espazo baleiro, a súa facilidade para asociarse co xenio de Moaña, a súa capacidade de definición no momento decisivo, como a súa sintonía inmediata co corazón celeste fan de Guidetti un xogador imprescindible a esta altura do campionato. Demostrouno nas oportunidades que tivo na copa, recuncou co Eibar, con dous golazos e con outra actuación memorable, convertíndose cun Aspas, cada vez máis maduro, intelixente e xeneroso, nun dos xogadores máis destacados. Mais outro tanto sucede con Marcelo Díaz, un mediocampista de espírito discreto que en apenas tres partidos deulle ao equipo o acougo e a fluidez que precisaba nunha condución ofensiva, na que conta co soporte do traballo teimoso do Tucu Hernández, para min outra das claves desta tempada celeste.

Con estes vimbios o Celta foi o sábado un ciclón de xogo ofensivo, que non deu opción ao rival durante oitenta minutos nos que a bancada gozou das oportunidade dun equipo a tumba aberta, capaz de entrar tanto polas bandas, sobre todo a de Bongonda e Jonny, como abrir buratos polo centro. Así chegaron os goles, todos os tres de excelente fasquía, aínda que foron memorables o xute de Jonny dende o vértice da área e o que culminou Guidetti tras un pase da morte de Mallo que recibira na liña de fondo outro de Wass. Goles cantados pola bancada como merecían. Endebén, pagou a pena gozar e (tamén) sufrir apoiando a este Celta que continúa enganchado no corno da lúa.

Poema de hoxe 53: «A Rosalía» de Manuel Curros Enríquez

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Ai, dos que levan na frente unha estrela!

Ai, dos que levan no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez, «A Rosalía» (1885)

Onte 1590: Tren atlántico

V12S1717Lin onte na Voz a proposta do sindicato ferroviario de UGT de unificar en Vigo Urzaiz todas as frecuencias do tren atlántico, tanto as de velocidade alta, que hoxe empregan Urzaiz, como as de cercanías que chegan e saen de Guixar. Unha medida que requeriría un investimento de 5 millóns de euros necesarios para electrificar a vía dende Vilagarcía a Escravitude, ao tempo que reduciría a duración da viaxe dos servizos de cercanías, que abandonarían a utilización do gasoil. Unha proposta que parece razoable, xa que evitaría os trastornos que sufrimos os usuarios de ambos os dous servizos. Como para min é imprescindible reclamar a creación dunha frecuencia nocturna que saía de ambos os dous extremos, Urzaiz e San Cristobo, arredor das 10:30 da noite, o que nos permitiría a moitos abandonar  a utilización do vehículo privado. Valoramos as melloras do servizo do tren atlántico, a súa rapidez e comodidade, mais sabemos que aínda precisa destes axustes.

Poema de hoxe 52: «O mar pola noite» de Ismael Ramos

XG00246801O mar pola noite é un peixe que agoniza sen boquexar,

respirando suave sobre a area.

Ismael Ramos, Os fillos da fame (Xerais, 2016)

 

Onte 1589: Eco e o lector modelo

EcoSei que o pasamento de Umberto Eco impacta en todos os membros da miña xeración de profesores, lectores afervoados de obras como Apocalípticos e integrados e O nome da rosa, a novela pola que tanto apostou Esther Tusquets, a gran editora de Lumen, que limos afervoadamente cando rematabamos os días universitarios. Xaora, Eco foi sempre para min un referente na interpretación do fenómeno da lectura e da comunicación literaria, expresada en traballos como «O lector modelo« onde reclamaba o protagonismo do lector, na medida que todo texto require para ser completado da súa cooperación. Como tamén foi referente na defensa da cultura do libro, con especial fincapé no papel da biblioteca, da que deixou testemuña no entrañable «Decálogo do bo bibliotecario», e na defensa do libro impreso da que o piamontesino fixo moi fermosas gabanzas. Beizón, mestre.

Onte 1588: Na Biblioteca de Verín

Por_que_as_sombras_Verin

Dende aquela apoteósica presentación de Carrilanos, hai case dez anos, non volvéramos ás terras de Monterrei. Fixémolo onte para presentar na Biblioteca de Verín Por que as sombras non teñen ollos, a novela arraiana do escritor e senador galeguista Luís García Mañá, Máis de setenta persoas participaron nun acto que formaba parte da programación da Biblioteca Pública Municipal de Verín, instalada nun edificio neoclásico, o antigo colexio dos irmáns La Salle, recuperado na súa integridade para usos culturais. Unha biblioteca modélica, tanto polas súas instalacións como polo seu funcionamento, da que coñeciamos estaba asociada á rede de Bibliotecas da Unesco e mantiña unha actividade intensa a prol da lectura pola que foi recoñecida en 2011 co premio á Mellor Iniciativa de Fomento da Lectura, outorgado pola Federación de Gremios de Editores, e en 2014 co premio María Moliner polo seu programa de «Voluntariado cultural para o fomento da lectura» que leva os libros dende a rúa á piscina.

Como puidemos comprobar onte in situ, a de Verín demostra o papel da Biblioteca Pública como corazón (e polo tanto motor) das políticas culturais no eido local, sexa polo seu carácter de punto de encontro interxeracional para o fomento da lectura e alfabetización informacional, como pola súa capacidade para aglutinar as diversas iniciativas referidas ao patrimonio, a memoria ou as festas da súa comunidade. Os nosos parabéns por este traballo aos bibliotecarios Vicente Rodríguez Justo e Aurora Prieto Tarrio, que nos recibiron cos brazos abertos. Prometimos volver a Verín.

Poema de hoxe 51: «Técnicas de afeitado» de Carlos Negro

XG00246901Unha poética de dobre folla;

suave e apurada por fóra,

pero cun gume cortante por dentro.

Carlos Negro, Masculino singular (Xerais, 2016)

Poema de hoxe 50: Alfredo Ferreiro, «Visión do medium»

imgresEscribir un poema debe ser un diluvio que agoniza,

Que aperta con violencia o corazón contra si.

Que sufoca até o límite

Alfredo Ferreiro, Versos fatídicos (Positivas, 2011)

Onte 1587: Mensaxe nunha botella

mensaje-1Unha rapaza e dous rapaces de quinto do CEIP de Lourido, Poio, atoparon na praia unha mensaxe dentro dunha botella. Coma se dunha das historias de Agustín Fernández Paz se tratase, despois de escachar o vidro leron un texto datado en xuño de 1958 e localizado a 150 millas de Cabo San Vicente, enviado por algúen, identificado coas iniciais D.R.G., que partiu do porto de Cádiz cara a Panamá. Unha mensaxe conservada nunha botella que aboiou durante 57 anos no océano. Unha noticia fermosa, estimulante, semellante á que daba comezo Os fillos do capitán Grant de Jules Verne, que coñecemos o día que celebramos a chegada do Nautilus a Vigo. D.R.G é unha tripulante, unha emigrante? Estará viva? E onde? Quen se anima a introducir un argumento?