Onte 1709: Tras o Brexit

Tras o Brexit non é difícil afirmar que as mentiras fan hoxe a historia. Da existencia das armas de destrución masiva, que no cumio dos Azores avalaron a invasión do Iraq e o aniquilamento do réxime de Sadam Hussein, ninguén acredita hoxe, nin sequera algúns dos seus protagonistas. Como sabemos que tampouco son certos, algúns dos reclamos utilizados polos defensores do Brexit, que onte derrubou os mercados. Máis alá da previsibilidade das interpretacións sobre o Brexit, desacouga que o debate político sexa tan pouco rigoroso e veraz. Abonda con ler textos como os que publicaba onte Owen Jones en The Guardian para comprender a complexidade social e política agochada tras o resultado do referendum, moi arraizado sobre a situación de profunda desigualdade no RU. Non son adiviño, mais non é difícil aventurar que despois do Brexit veñen en Europa tempos apaixonantes de oportunidade, incerteza e ansiedade. Agardo que Galicia non perda este novo tren da historia.

Poema de hoxe 174: «A estación sen ti» de Daniel Salgado

A estas alturas nada colle nun poema,
todo semella tan ancho
que soborda
a cousa ruín dunha palabra.
A estas alturas
nada colle nun poema porque desencadeas,
amor,
a vida aberta fóra do papel.

Daniel Salgado, Sucede (Espiral Maior, 2004)

Poema de hoxe 173: «Ironía británica» de Manuel Rivas

Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d’«Os pinos», supera en todo o «God save the Queen».

Manuel Rivas, Os Grouchos (Xerais, 2008)

Onte 1708: Brexit

BrexitO Brexit expresa o fracaso do proxecto europeo como comunidade política, incrementado dende o inicio da crise financeira tanto polo aumento da desigualdade e da xenofobia como polo retroceso dos dereitos sociais e cívicos da cidadanía. Tras a decisión do Reino Unido ábrese un debate ineludible sobre o futuro do soño europeo, tanto polas posibilidades de cohesión que abre liberarse do lastre do nacionalismo inglés, como polos perigos de desintegración efectiva da UE, se os partidos da ultradereita chegan a encabezar algún dos gobernos. Xaora, é innegable que o Brexit abre a axenda para a reunificación de Irlanda e para a celebración dun novo referendum para Escocia (onde gañou a continuidade do proxecto europeo), mais que tamén suporá unha nova política de inmigración, creando incertezas e medos para os milleiros de compatriotas que traballan e viven no Reino Unido como cidadáns da UE. Tras o previsible tsunami de medo, o Brexit abre apenas unha nova etapa da crise aberta por Lehman Brothers en 2008.

Poema de hoxe 172: «Galicia», colectivo Ronseltz

Galicia

Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe.

Colectivo Ronseltz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (Positivas, 1994)

Onte 1707: Culturgal 2016 en marcha

logo-footer-culturgal2Dende onte poden reservarse espazos e propoñer actividades para o Culturgal 2016, que se celebrará do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Como en edicións anteriores hai descontos, que poden chegar até o 36 % do prezo base, para as empresas e entidades que contraten os seus espazos antes do 31 de agosto. As propostas de actividades e presentación de produtos, servizos e novidades nos eidos do Libro, Música, Artes Escénicas, Audiovisual, Infantil…. están abertas até o 2 de outubro. O vindeiro seis de xullo presentaremos esta novena edición de Culturgal, cuxa exposición principal xirará arredor do eixo temático  «Artes e natureza». Culturgal 2016 conitnuará asumindo a  corresponsabilide de administracións e gremios, apostando pola diversidade de públicos e priorizando as propostas máis emerxentes e renovadoras da industria cultural galega.

Quesada, mestre da retranca

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Fernando Quesada, mestre do humorismo gráfico galego falecido o pasado sábado.

quesadaCando souben do pasamento de Fernando Quesada lembrei aquela noite feliz da cea da Fundación Magar na que lle tocara no sorteo unha bolsa de produtos conxelados. Fernando, moi contento por tan valioso premio, lamentaba que se lle entregase apenas un vale para ir buscalo á tenda ao longo da semana. “Seguro que isto é unha coña de Magar” dicíanos aos compañeiros de mesa, escarallándose de risa.

Fora aquela unha noite feliz na que celebrabamos, tamén, a publicación de “Chispas de Quesada” (2007), o seu derradeiro libro antolóxico no que escolmou con paciencia entre as súas vinte mil viñetas, pouco máis de duascentas, unha pequena mostra da colaboración diaria que mantiña en Faro de Vigo dende o 3 de xuño de 1961, cando Díaz Jácome, daquela redactor xefe do decano, lle publicou o seu primeiro chiste político, sendo director do periódico Manuel Cerezales. Un libro que editamos en Xerais coa intención de continuar aqueloutros catro de “Chispas da roda”, publicados nos anos setenta con moito éxito na colección “O Moucho” de edicións Castrelos, así como os de Galaxia nos oitenta como “Xente de hoxe”, “Xente para todo” ou “Xente a esgalla”. Porén, despois da presentación das nosas “Chispas” no Corte Inglés, da man do seu amigo Ceferino de Blas, Fernando despediuse das páxinas de Faro no verán de 2011, case coincidindo co pasamento da súa compañeira Ana Legido, mergullándose na soidade dun escuro silencio.

Os que aprendimos a ler no Faro comezabamos o periódico polo chiste de Quesada, que nos achegaba o primeiro sorriso do día, un alustro de ironía en branco e negro, non exento dunha sutil dose de acedume, unha das marcas singulares da ollada retranqueira de Fernando. Aquelas viñetas iluminaron durante cinco décadas aos lectores de Faro polos aconteceres da actualidade política, social e deportiva de Galicia e, sobre todo, da cidade e do Celta de Vigo. Unha auténtica proeza xornalística, unha obra gráfica monumental dun humorista, debuxante e notable pintor figurativo que funcionou como o enganche imprescindible entre a primeira e xenuína tradición do humor gráfico galego desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro e o ponteareán Ignacio Vidales Tomé e as xeracións posteriores de humoristas contemporáneos, tanto a dos anos setenta e oitenta formada por Siro, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Gogue, Bofill e Xosé Lois “O Carrabouxo”, como a máis recente, a do século XXI, a dos Davila, Aguilera, Kiko da Silva, Pinto e Chinto, Santi Gutiérrez e outros moitos. Nomes todos que se espellaron no mestre Quesada e que fixeron de Galicia a auténtica potencia da retranca que é hoxe.

Fernando Quesada foi o terceiro irmán dunha familia de pintores ourensáns. Comezou a publicar os seus primeiros debuxos na revista do Club Deportivo Ourense onde din tamén xogaba ao fútbol de forma xenial. Despois de rematados os seus estudos de Profesorado Mercantil e de ingresar en 1958 no corpo de xestión da Facenda Pública (onde traballou ata a súa xubilación en 1998), chegou a Vigo en 1961, iniciando as súas publicacións en “Faro de Vigo”. Colaboración que ampliaría, dende 1964, nas páxinas da prensa madrileña, primeiro en “Arriba” e, logo a partir de 1969, no vespertino “Pueblo”, onde os seus chistes adquiriron gran popularidade, e noutras moitas revistas como “La Codorniz”.

Quesada contoume como daquela mandaba o seu chiste a Madrid polo tren que saía cada tarde de Urzaiz ás oito e cuarto. Xeralmente non había problema, mais algunha vez, cando non secara o entintado dos seus caricaturizados (Nixon, De Gaulle, Mao Tse Tung ou Golda Meir) ou non lle atopara decontado os tres pés ao gato, o maquinista do expreso debía recollelo en Redondela ou Porriño, estacións ás que Fernando saía disparado no seu seiscentos para entregarlle a viñeta que comezara a preparar nas horas da sesta, despois dun día na oficina. Anécdota que demostra que aquel tren levaba, ademais do mellor peixe fresco Ría, outras delicias non menos exquisitas, os “pasatempos e filosofías, brincadeiras e retrancas” do Quesada.

Coa tímida apertura da censura dos anos setenta, Fernando Quesada foi gañando peza a peza os límites da temática dos seus chistes explorando a cotidianidade da cultura tradicional e empregando, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas viñetas, o que en palabras de Francisco Pablos “permitiulle reinventar un país”. É entón cando aparecen os seus personaxes máis característicos e divertidos: os labregos mestres da retranca, os afiadores que levan media hora pedindo paso, os emigrantes sentados nas súas maletas, os albaneis e os canteiros que manexan petrodólares, os gameleiros que adiantan en cambio de rasante ou os maquinistas que botan terra a un asuntiño… Quesada foi un tipo xenial de aspecto incontrolado, un “coñeiro” que atopaba os furados agochados do cotián, un mestre da retranca que hoxe choramos e nunca esqueceremos.

Poema de hoxe 171: «Contrabanddo de amigo» de Antón Reixa

Sentada estou na illa de San Simón
esperando, meu amigo, ai, que volvas do Gran Sol
e pola ponte de Rande van e veñen sen parar
moitos coches, meu amigo, que non veñen do Gran Sol.

Antón Reixa, «Contrabando de amigo» (Viva Galicia beibePositivas, 1994)

Onte 1706: Ler é vivir moito máis e moito mellor

Carles Capdevila, o director de Ara, publica en Twitter enlaces e reflexións educativas moi interesantes. Onte lembraba o cuarto aniversario do pasamento do escritor Emili Teixidor e recuperaba un texto extraordinario, «Ler é vivir moito máis e moito mellor», no que o autor de Pá negre ofrecía catorce reflexións sobre o libro e a lectura que pagan moito a pena traducir en síntese, como recurso didáctico:

Emili_Teixidor_-_2011-04-23_-_JTCurses1. «As palabras, a lectura, ordenan a cabeza. Ter un bo vocabulario é coma ter un armario ordenado onde atopamos axiña o que buscamos.»

2. «Os libros son a memoria do mundo.»

3. «Ler e falar dá felicidade, fainos saír de nós mesmos e liberarnos.»

4. «Cada vez que lemos un libro, as palabras reviven e a cabeza se nos enche de vida e por iso podemos dicir que os libros son conservas de vida que gardamos nas bibliotecas e nas casas para alimentar o cerebro: os pensamentos, as fantasías, así como as emocións…  Ler é vivir moito máis e moito mellor. Ler non só ocupa o meu tempo, ler cubre e engade valor a miña vida.»

5. «Contaxiar o desexo de ler é como contaxiar calquera outra convicción profunda: só se pode conseguir, ou mellor intentar, sen imposicións, polo simple contacto, imitación ou sedución.»

6. «Que satisfacción pode sentir un alumno nun ensino dunha lingua centrado en regras ocas e estruturas sintácticas faltas de sentido, estériles, de costas á formación literaria?»

7. «A literatura pode axudar aos xoves a distanciarse dos seus sentimentos, de xeitos que os poidan observar, comprender e adaptarse a eles.»

8. «Un mestre que non le nunca só poderá transmitir o seu propio baleiro.»

9. «Non se trata de ler só o que é politicamente correcto, hai que procurar ler o que é literariamente correcto.»

10. «Se non facemos amar as palabras e a arte máxima das palabras, que é a poesía, os mozos non amarán a poesía.»

11. «Unha persoa adulta, un pai ou un mestre non poden menosprezar nunca os libros escollidos libremente polos xoves. Sería como burlarse dos seus gustos persoais. A lectura tamén é unha mecánica e estes libros poden axudalos como mínimo a ler con maior fluidez. Xa descubrirán textos mellores.»

12. «Somos humanos porque temos palabras e podemos falar con outras persoas e con nós mesmas. Cantas máis palabras teñamos, máis humanos somos.»

13. «Se non proporcionamos palabras abondas para os nosos xoves, non os axudaremos a ordenar as súas emocións e os seus pensamentos e nin sequera a ser máis felices.»

14. «A imaxe futura do mundo depende da capacidade de imaxinación dos que hoxe, agora, aprenden a ler. A lectura non é tan só un xogo intelectural, senón que é a única maneira de entender o mundo, a única que permite usar “os lentes da complexidade” nun mundo que tende á simplicidade e á banalidade.»

Onte 1705: Feira do Libro de Redondela

María_solar_redondela_18-06-2016

Acompañei onte a María Solar na presentación d’ As horas roubadas na Feira do Libro de Redondela. Gustoume a ubicación da feira na Alameda, entre a casa do concello e a estatua de Castelao, un espazo ideal para crear unha tradición de visibilización do libro e da lectura na vila dos Viadutos. Gustoume o esforzo por dedicar esta primeira edición á literatura galega escrita por mulleres, convidando á escrtiora María Xosé Queizán como pregoeira. Como me gustou o apoio intenso á feira que achegou a biblioteca pública, unha das máis dinámicas do noso país, con numerosas actividades de animación para públicos diversos. Bos alicerces, sen dúbida, para facer medrar este espazo público para o libro e a lectura nunha cidade con tradición no apoio á creación literaria galega, sexa pola creación e renacemento do Premio Blanco Amor de novela ou polo veterano concurso Os Viadutos de narrativa para menores de trinta e cinco anos. A refundación das feiras do libro de Galicia pasa pola consolidación dun novo circuíto de feiras de fin de semana (de xoves a domingo) en localidades como Redondela, Ribeira, Cangas, Rianxo, Viveiro, Ribadeo, Monforte, Lalín, Carballiño, O Barco… Feiras ás que cómpre apoiar cunha programación literaria potente. Hai futuro para estas feiras.