Onte 1584: Linguas cooficiais

2016012112575048380Dentro do programa de goberno que o grupo parlamentario de Podemos presentou onte, ao que puiden botar unha ollada en vertical, reparei no apartado 5.2.12 referido á «Protección da riqueza cultural e lingüistica do Estado». Un texto interesante no que por vez primeira, dende os tempos da Reforma Política, se propón que o castelán, o catalán, o éuscaro e o galego sexan «cooficiais para o conxunto do Estado español», fixando que estas linguas «poderán ser utilizadas en todas as institucions e actos da administración pública central». Unha medida que de poñerse en vigor cualificaríamos de histórica e decisiva para a recuperación do estatus da lingua galega, máis aínda cando sería acompañada doutras non menos relevantes como «a preservación das políticas de normalización lingüística existentes», «a revisión dos contidos educativos nas materias de Historia e Ciencias Sociais para integrar unha visión plurinacional do proceso de construción e ordenación do Estado» ou a presenza da pluralidade lingüística nos medios de comunicación públicos estatais e a súa promoción nos medios de comunicación privados. Ben sei que apenas se trata de liñas programáticas, mais é ben esperanzador que medidas deste tipo comecen a incluírse na axenda política futura.

Poema de hoxe 46: Pilar Pallarés, «Livro das devoracións»

livro_das_devoracionsarxilas da memoria

todo e nada

espellismos de sal que a tarde inventa

Pilar Pallarés, Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996)

Onte 1583: «Spotlight»


Spotlight-691666579-largeSpotlight
, a película con seis nominacións nos Oscar de Thomas McCarthy, é unha lección de xornalismo necesario. Baseada en feitos reais, reconstrúe o proceso que levou a Spotlight, un equipo de investigación de catro xornalistas de The Boston Globe, a desvelar en 2002 os casos de pederastia de varios centos de sacerdotes da Igrexa Católica e a trama de silencio institucional que os agochou durante décadas. Spotlight procura non só dar conta dos feitos, senón e sobre todo explicar o funcionamento desta trama corrupta na institución eclesial. Aí reside o esencial, a razón de ser do xornalismo ao servizo dos lectores e lectoras, na procura da verdade, a auténtica materia prima e razón de ser do periodismo independente. Un guión brillante, sinxelo, directo, conduce aos xornalistas a indagar nos documentos e a contar coas voces das vítimas, cuxas feridas continúan aínda abertas. Spotlight exalta a reportaxe como o xénero matriz sobre o que construír un xornalismo que conta e importa. Aí un dos valores dunha película interesante.

Poema de hoxe 45: Víctor Campio, «Pido un exilio digno»

Pido acougo de amor

na miña última patria.

Víctor Campio Pereira, Exilio digno (2006)

Onte 1582: «Cara ao leste» de Antía Nara

XG00249001Volvín sobre Cara ao leste de Antía Nara, que chega estes días ás librarías. Unha novela que aventuro será unha das sorpresas da tempada, confirmando a esta investigadora residente en Berlín, que debutara con Aquel lugar (Xerais, 2007), como unha das nosas narradoras máis orixinais. Ao longo da xornada do velorio da tía Isolina coinciden a súa sobriña, emigrada en Alemaña, e tres compañeiras coas que montara unha coperativa agraria na aldea de al-Luaria. Un reencontro no que reflexionan  sobre o seu devir desque se separaron tras un incendio ocorrido hai 19 anos. Catro mulleres que ollan cara un pasado cheo de medos, violencias e fuxidas. A pesar de que todas creran acadar unha certa paz co mundo, terán a oportunidade de pechar feridas que permaneceran abertas. Unha novela contra o conformismo, na que se propón a procura de horizontes novos («cara ao leste, cara ao oeste, cara ao sur, cara ao norte»). Escrita con prosa elegante e precisa, esta peza breve e intensa facilita unha lectura engaiolante. Recoméndoa.

Máis rúas para Cunqueiro

No artigo que me solicitou Faro de Vigo reclamo máis rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro:

calle_alvaro_cunqueiroO escritor Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, lembraba onte que o 11 de febreiro cumpríronse 83 anos do gran mitin celebrado no Salón Teatro do Casino de Mondoñedo a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia. Un acto presentado por Álvaro Cunqueiro, daquela un rapaz de vinte e un anos, no que como oradores falaron figuras como Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Suárez Picallo e Castelao. Unha mostra primixenia do compromiso co Partido Galeguista (do que foi militante) dun Cunqueiro que acababa de publicar na editorial Nós de Ánxel Casal o seu primeiro libro de poemas “Mar ao Norde” (1932). Vínculo galeguista que mantería en 1936 apoiando o Si no referendum do Estatuto de Galicia celebrado o 28 de xuño.

Mais é innegable na biografía política de Cunqueiro que despois da sublevación militar, colaborou en “Era Azul”, o xornal falanxista da súa vila natal. Como tamén está acreditado que en 1937, tras a súa afiliación a Falanxe, colaborou nas páxinas “El Pueblo Gallego”, onde publicou algúns artigos como “De la necesidad del Caudillo” ou poemas como “Elegía verdadera a los muertos de la revolución”, escritos ao servizo da causa franquista. Como está acreditada a súa colaboración con medios da Ditadura nos seus días madrileños até o seu regreso a Mondoñedo en 1947, onde comezou o que podemos chamar un certo exilio interior.

Se Cunqueiro ten unha rúa en Madrid, no distrito Fuencarral-El Pardo, ao norte da capital, non foi pola súa traxectoria política nin como comprometido galeguista dos días da Segunda República nin como colaboracionista do réxime franquista que, como sinalou Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG, “na súa condición íntima, nunca se identificou coa violencia fascista”. Cunqueiro é lembrado no rueiro de Madrid, como no de varias ducias de concellos galegos, pola súa condición de escritor universal, fabulador visceral, narrador xenial que levaba a escritura no seu ADN, autor dunha obra literaria orixinal, a maior parte escrita en lingua galega. Nin máis nin menos.

Álvaro Cunqueiro nada ten que ver con figuras fascistas como Millán Astray ou nin sequera co bispo Eijo Garay. Resultaría inxusto, aberrante, absolutamente fóra de lugar que o concello de Madrid incluíse o seu nome na lista dos que pretende retirar do rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica. Lonxe desta interesada polémica, que se reproduce ao fío da actual crise política, a reivindicación da figura de Álvaro Cunqueiro, unha das iconas da Galicia do século XX, debería ser unha causa compartida por todos. Agardo que poida contar con moitas máis rúas co seu nome. Don Álvaro meréceas.

Onte 1581: «O dobrón de a oito» de Alberto Fontes

XG00236601Presentamos onte no Ateneo de Pontevedra O dobrón de a oito de Alberto Fortes. Confesou o autor pontevedrés que escribira «a novela que me gustaría ler: de aventuras, de iniciación, que transcorrera na Galicia do século XVIII, que eu imaxinara tras a lectura de moita documentación onde se pode ver a Galicia daquel tempo polo miúdo». Para Fortes a novela aborda «a explotación dos campesiños polos donos da terra, fosen señores eclesiásticos ou forais, que se mantivo en Galicia até hai algúns anos, xa que coñecín o recendo da Galicia clásica na nosa aldea de Caroi.» «Sei que aquela Galicia barroca era un país chuvioso, enfangado. En 1769 houbo seis meses onde non se viu o sol, choveu seguido, pasouse moita fame. Era aquela unha Galicia de choupanas colmadas, aínda non telladas. Un país de tabernas de viño malo, que se levantaban ao pé das praias, onde había moito contrabando de sal e tabaco de Virxinia.» «Un país de pousadas cheas de bichos, como escribiu Borrow na súa viaxe por Galicia.»

Continuou a súa intervención Alberto Fortes referíndose a «aquel país de mareantes e navegantes, nun tempo onde se crea a Armada Española e os tres departamentos marítimos». «Os rapaces da beiramar tiñan a obriga de enrolarse na armada como grumetes e máis tarde como gavieiros, en condicións de vida moi duras, algúns quedaban mancos ou tocos.» «Un país no que había un odio ao inglés, o que explica o fenómeno do corso e a aparición de Benito Soto que asaltaba só a barcos ingleses.» «Imaxinaba parroquias con escribáns falsarios, xuíces corrompidos e curas caciques. E por último, un país onde había fidalgos pobres.» «Nesta Galicia da que tanto falou Otero con saudade –cando lembraba que “o millo foi o mellor presente que chegou a Galicia”, xa que financiou todo o barroco galego–, quixen ambientar esta novela de aventuras clásica, que agardo sexa do voso agrado.»

Poema de hoxe 44: Vicente Araguas, «Xuvia revisitada»

imgres-1Sosteño que as chorimas

son flores melancólicas

e que o licor do toxo

nidifica no pranto

Vicente Araguas, Xuvia revisitada (Esquio, 2008)

Onte 1580: A grandeza dunha derrota

CELTA - SEVILLASobre a lameira de Balaídos, case unha lagoa, na noite de onte sofrimos os efectos euforizantes da grandeza dunha derrota. Durante unha hora, até que Banega meteu o seu gol (froito do primeiro erro defensivo celeste) e Guidetti enviou o penalti ao pao, o equipo de Eduardo Berizzo forxou o soño dunha remontada copeira, que semellaba case imposible. Xaora, tras o segundo de Aspas, cando o ballón azoutaba no Fragoso, ese soño convertiuse durante un minuto en realidade. A afouteza e o esforzo extenuante, mesmo cando todo estaba perdido, nunca os perderon os celestes expresando así a dignidade dos derrotados que nunca se dobregan. Foi emocionante, entón, participar no canto da Rianxeira, algo que Balaídos reserva só para os grandes momentos, como na despedida ao equipo, intensa, prolongada e esperanzada. Apenas dúas mostras conmovedoras do orgullo do celtismo que agradecía a merecida vitoria (só simbólica) do perdedor. Tras unha gran competición de Copa, con xestas memorables como a do Manzanares, o Celta caíu cos brazos abertos, sen perder nunca os azos e a vontade de ser quen é, sen conformarse co resultado, por moi adverso que fose. Onte comprendemos, outra vez, que o fútbol é expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que nos sentimos vivos, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo.

Poema de hoxe 43: Avelino Cachafeiro, «Rosalía abriu a fiestra»

Voando_small-192x300Rosalía abriu a fiestra,

bícana os raios do sol

Avelino Cachafeiro Bugallo, Voando cas aas da vida (1969)