Poema de hoxe 34: «Cronos no Casco Vello» de Ramiro Fonte

Un poema contén unha mirada

Debe escoller moi ben ese lugar

Desde o cal nós poidamos observar

A vida, anque só sexa de pasada

Ramiro Fonte, A rocha dos proscritos (Xerais, 2005)

Onte 1570: Mary Quintero no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra

10006120713Acompañei onte a Mary Quintero na conferencia que ditou no Foro Foto do Ateneo de Pontevedra. Unha lección magnífica sobre o retrato de estudio e a súa evolución nas últimas seis décadas, ao fío das mudanzas da tecnoloxía fotográfica, dende o branco e negro e as técnicas de retoque de cor, pasando pola aparición da cor e do proxector de fondos, até as máis recentes da fotografía dixital. Ao longo de máis dunha hora, acompañando a proxección das fotos incluídas no libro que publicamos en Xerais, Mary Quntero demostrou que todas esas mudanzas técnicas supuxeron para ela novas posibilidades creativas e artísticas. Non obstante, fose nos retratos de mulleres da súa primeira exposición no Círculo das Artes de Lugo en 1950 ou nas fotos dixitais máis recentes en exteriores, a fotógrafa viguesa sempre acreditou na importancia da composición e na arquitectura da luz, os dous elementos dunha boa foto. A preocupación pola luz, que é o mesmo que dicir a súa alma de artista, alumeou a vida profesional desta muller pioneira e rebelde. Na quenda de preguntas confesou que tamén fotografara nus femininos, que os  anos oitenta foran os seus preferidos e que na actualidade os seus maiores intereses artísticos eran a pintura grosa e a fotografía de exteriores.

Poema de hoxe 33: «A candeloria» de Luís Amado Carballo

Na catedral do abrente

hoxe casan os paxaros,

con nubes de neve e ouro

está o ceo galanado

Luís Amado Carballo, Proel (1924)

Poema de hoxe 32: «Sinto» de María Mariño

palabranotempopqTeño forza que non chega

a min de certo a alentar…

María Mariño, Palabra no tempo (1963)

Onte 1569: Tempo de Entroido

mojinosescCun cocido de fraternidade e coas primeiras orellas abrimos esta fin de semana o tempo de Entroido. Foron sempre estes días de fartura, no caso noso, só larpeiros, tempo da miña preferencia, sobre todo cando traballaba na escola, xa que é cando mellor podiamos explorar os límites do xogo e teatralizar a actividade educativa. No entanto, non quedei feliz cando onte lin no Faro que serán os membros de Mojinos Escozíos os que leran o pregón, collendo a testemuña de Mario Vaquerizo que o fixo o pasado ano. Nada teño en contra destes veteranos e irreverentes rocanroleiros; mais non os vexo axeitados para abrir o noso carnaval.

O Entroido é transgresión, é exceso, é crítica feroz, mais moi pouco ten que ver con este esperpento que se nos propón. Quen vai recoñecer a «El Sevilla» no palco da Porta do Sol? Que saben os membros do grupo de Mollet sobre a nosa tradición carnavaleira? Non hai outras figuras populares de noso a quen convidar? Mágoa que volva a repetirse a desorientación da dirección da política cultural actual do concello de Vigo, incapaz de entender e valorar a tradición do noso Entroido popular de merdeiros e mascaritas.