Onte 1440: «Mañana cuando me maten»

principal-portada-manana-cuando-me-maten-es_medLin estremecido, case dunha sentada, Mañana cuando me maten, o libro de Carlos Fonseca sobre as derradeiras execucións do franquismo hai corenta anos. Utilizando os procedementos do xornalismo narrativo, que aproveita os recursos da ficción para contar unha historia real, Fonseca reconstrúe os acontecementos que levaron a aquel 27 de setembro de 1975 no que fusilaron a dous jichiños vigueses, Xosé Humberto Baena e José Luís Sánchez Bravo, xunto a Ramón García, Jon Paredes Manot Txiki e Ángel Otaegui, loitadores antifranquistas, membros do FRAP e ETA, vítimas dun simulacro de xustiza militar que os sentenzou antes de xulgalos. Particular emoción produciume o relato de Baena, baseado nas testemuñas da súa irmá Flor, no diario do seu pai Fernando e nos textos escritos en Carabanchel días antes da súa execución. É tremendo «El reloj», conto no que expresa a súa loita contra o tempo e a súa convicción de que o ían matar. Como conmovedoras son as súas lembranzas dos días nos que traballou en Fumensa recollidas nunha das cartas escritas unha semana antes de ser fusilado.

Polo seu rigor documental e fondura na investigación histórica (até onde o acceso aos arquivos lle foi permitido ao autor), coma pola fluidez do relato, o libro de Fonseca supón un achegamento á verdade do sucedido aqueles derradeiros meses do feroz tardofranquismo, mais tamén unha reclamación de revisión xudicial daqueles catro consellos de guerra carentes de calquera tipo de garantía xurídica. Fonseca lembra que o poeta arxentino Juan Gelman dicía que «o contrario do esquecemento non é a memoria, senón a verdade». Razón pola que xa non abondaba con evocar o ocorrido naqueles días de setembro de 1975, é imprescindible abrir as cancelas que agochan aquela historia que estaba aínda por contar. Un libro que afonda naquela ferida, aínda sen pechar. Recoméndoo moi vivamente.

Onte 1439: Via Lliure

diada_2015O novo éxito da Díada supón a consolidación do empoderamento dunha cidadanía catalana disposta a participar na construción dun novo país e a reclamar un novo estatus de Catalunya con España e con Europa. Un proceso de empoderamento, que no tempo coincidiu con movementos como o 15M, no que foi decisivo o peso das organizacións cívicas e sociais agrupadas na Assemblea Nacional Catalana. As fotografías desta Via Lliure da Meridiana expresan que foi un día de festa, de ledicia e esperanza compartida por moitas persoas. O carácter plebiscitario das eleccións do 27S protagonizou esta convocatoria soberanista. Tras as enquisas publicadas esta semana e despois desta gran manifestación independentista é moi probable que no 27S as candidaturas soberanistas (a lista unitaria de Junts pel Si e a da CUP) obteñan unha maioría absoluta apretada, cuxa xestión será complexa e consecuencias políticas impredicibles. Con todo, chama a atención o esforzo do Partido Popular por intensificar esta polarización, que entende lle favorecerá fóra de Catalunya nas xerais de decembro.

Onte 1438: Comezou a Primaria

colexio_vite_10-09-2015Onte pensei moitas veces na miña sobriña Sabela que comezou primeiro de Primaria nun centro público de Vigo. Agardo que teña moita sorte e que cada mañán a luz e as pombas entren polas fiestras súa escola. Xaora, hai razóns para a preocupación sobre o que está sucedendo no sistema educativo. A continuidade da política de recortes de profesorado e o caótico proceso de implantación dos currículums LOMCE, que modifican os procedementos de avaliación, por medio de probas externas e múltiples rexistros cuantitativos da actividade docente, agoiran outro curso difícil no ensino público. Con todo, nin os engados electorais da introdución do libro dixital e do mal chamado «ensino plurilingüe« (ese disparate de utilizar o inglés como lingua vehicular nalgunhas materias troncais como as Ciencias da Natureza en Primaria e ESO), nin sequera o debate sobre o modelo de gratuidade dos libros de texto e materiais didácticos, poden agochar que a principal doenza do noso sistema son as elevadas taxas de fracaso escolar, aínda moi lonxe do previsto na axenda europea 2020.

Onte 1437: O que vale un litro de leite

davila_tractorada

Interesoume moito o artigo que na Voz de Galicia publicou onte Xosé Antón Rodríguez sobre o valor da produción leiteira en Galicia. A tese do profesor da facultade de económicas compostelá resúmese en que o valor dun litro de leite debe ser «a suma dos custos totais de produción máis as externalidades positivas que xera». A contribución á fixación da poboación no medio rural, a produción alimentaria de calidade, o coidado do bosque ou a mellora da calidade medioambiental, como algunhas destas externalidades, deberían ser valoradas polos poderes públicos implicados, singularmente, pola Xunta de Galicia. Considerado así o valor do sector leiteiro, que achega considerables beneficios ao conxunto da sociedade galega, é de xustiza que o Goberno Galego defenda e apoie directamente ao conxunto do sector, dende as explotacións até outros elementos da cadea de valor láctea, no marco das súas políticas agrarias, demográficas e de comercio interior. Como tamén é precisa a corresponsabilidade cidadá no consumo destes produtos galegos de calidade.

Gratitude ao xenial Bichero de Davila.

Onte 1436: Tractoradas

ganaderosgrande2Nas tractoradas de Lugo e Santiago en defensa do sector leiteiro, identificamos una nova xeración de gandeiros chamada a protagonizar una mudanza radical no medio rural en Galicia. Unha xeración, retratada por Manuel Iglesias Turnes na súa segunda novela, Que non te aten, prevista para comezos de ano, que racha cos estereotipos e prexuízos sobre un mundo rural atrasado e conservador. Tras as fileiras de John Deere, rodeando a Muralla e sitiando Compostela, están mozos e mozas que, diante do remate da política de cotas, apostaron esperanzados pola modernización tecnolóxica e competitividade das súas explotacións, até converter algunas nas máis avanzadas de Europa. Diante da inacción conformista dos gobernos de Rajoy e Feijoo, a súa mobilización, que xa adquiriu tintes históricos, é determinante para o futuro do sector leiteiro, sometido aos efectos da deslocalización alimentaria e das políticas agrarias da UE. Os nosos gandeiros merecen todo o apoio.

Produtos galegos

No artigo semanal de Faro de Vigo (incompleto por un erro na versión enviada ao xornal) reflexiono sobre a soberanía alimentaria e a corresponsabilidade dos consumidores e consumidoras galegos.

mercado_progresoMiña avoa e miña nai foron praceiras do mercado do Progreso onde venderon durante décadas froitas e verduras. Desde novos aprendimos alí que os produtos do país e da casa eran os máis valorados e preferidos polas clientas. Os grelos, os repolos, os pementos, as xudías, as escarolas, os tomates, as cebolas e as patacas, presentadas nas patelas, eran sempre da aldea. As mazás, fosen tabardillas, reinetas ou de louriñales, as pavías, os pexegos, as ameixas, as peras de san xoán, as cereixas, as castañas e as noces eran sempre do país. Como os ovos e os chourizos eran sempre da casa, a tetilla do país, o marmelo artesán e a manteca de confianza. Denominacións todas que expresaban a calidade e orixinalidade dos produtos da nosa horta, cuxa orixe en moitas ocasións estaba en pequenas explotacións familiares das parroquias viguesas, que mércores e sábados acudían á feira. Daquela, cando Portanet e Ramilo gobernaban en Vigo, nos anos da ditadura e da resistencia, nos mercados municipais do Progreso, Berbés, Travesas, Calvario, Teis e Bouzas, onde se realizaba a compra diaria, conservábase intacto o aprezo polo propio, polos produtos alimentarios do país.

Porén, desde hai máis de tres décadas está en marcha un proceso imparable de liberalización do comercio mundial de alimentos que levou á deslocalizar e intensificar a produción e a desestacionalizar o consumo dos produtos agrarios. Un proceso que no marco das mudanzas das formas de vida e do consumo urbano foi substituíndo o modelo de compra diaria no mercado de produtos frescos polo de compra semanal ou mensual no supermercado ou grande superficie. Hoxe os consumidores galegos, como o resto dos privilexiados do primeiro mundo, temos a posibilidade de adquirir, sen importar nin a súa orixe nin cando foi producido, calquera tipo de alimento fresco (sexan pementos de Padrón producidos de Almería, xudías de Marrocos, mazás de Chile ou amorodos de Palos en pleno inverno), conxelado (sexan produtos naturais ou xa precociñados) ou envasado (sexa auga mineral australiana ou espárragos chineses ou peruanos). Sen esquecer, que neste período mundializouse o mercado de produtos alimentarios básicos, como o da soia, o café ou o leite, con consecuencias funestas para os seus produtores, sometidos ás flutuacións de prezos e os intereses das corporacións transnacionais que monopolizan a súa distribución e pretenden a súa desregulación total.

Un proceso de reconversión alimentaria que na Unión Europea obrigou á desaparición das pequenas explotacións agrogandeiras e a súa substitución por outras de dimensións industriais. Unha dinámica que en Galicia leva arruinadas xa 150.000 explotacións e supuxo abandonasen esta actividade 350.000 persoas. Crises como a actual do sector do leite, que afecta a todos os produtores europeos e pode arruinalo de vez en Galicia, constitúen apenas a punta do iceberg deste modelo intensivo de produción alimentaria, que no noso país tanto ten contribuído ao despoboamento do medio rural. Un modelo, xaora, que non o esquezamos, é incapaz de proporcionar alimentos para toda a poboación mundial e ameaza a saúde do planeta no seu conxunto, polo incremento da emisión de gases de efecto invernadoiro provocado pola deforestación e o consumo de combustibles fósiles. Un modelo de produción agrícola, pois, insostible e inxusto, incapaz de atallar a fame e a pobreza, ao que dende hai vinte anos, tras o cumio mundial da alimentación da FAO en Roma, se ofrece como alternativa o da soberanía alimentaria, baseado no dereito que ten cada país de producir os seus alimentos no marco do seu desenvolvemento sostible e da súa seguridade alimentaria.

Nesa tendencia de recuperación da soberanía alimentaria, que madia leva non nega a posibilidade do comercio internacional xusto de alimentos, cómpre acadar unha relocalización da produción e a súa distribución en cada un dos mercados locais. Unha tendencia soberanista cada vez máis potente en todos os países da Unión Europea, onde se promove e privilexia en todos os puntos de venda (e sen ningún tipo de complexos) o consumo de produtos propios, frescos, naturais e de tempada, que non son outros que aqueles chamados do país ou da casa no tempo das nosas avoas. Consumir leite, auga ou cervexa galegas; comprar os produtos frescos da nosa horta e os peixes e mariscos das nosas lonxas; apoiar os nosos produtos con indicación xeográfica de calidade (queixos, mel, carnes, viños, hortalizas…) é unha expresión de autoestima, un xeito de facer país. Consumir produto alimentario galego, sexa natural, envasado ou conxelado, máis aínda se está etiquetado na nosa lingua, é unha forma de corresponsabilizarnos co noso futuro e contribuír á recuperación do medio rural galego. Apoiemos os produtos do país.

Onte 1435: «Corazón silencioso»

Coraz_n_silencioso-585086344-largeO dereito a unha morte digna, a cuestión da eutanasia, é un tema que foi abordado en películas como Mar adentro (2004) de Amenabar ou Amour (2012) de Haneke, Corazón silencioso, o drama do dinamarqués Bille August, volve sobre este dilema moral no que finalmente prevalece a firmeza da decisión individual sobre a dor que provoca esta elección no entorno familiar. Empregando unha estrutura teatral pouco orixinal, a reunión de oito persoas dunha familia para celebrar a despedida da avoa que padece unha doenza incurable, August expresa a vulnerabilidade duns seres humanos obrigados a enfrontarse a horas decisivas (aí a presenza inexorable dos reloxos). A sobriedade das interpretacións femininas salva un filme que, a pesar de todo, constitúe unha exaltación esperanzosa das vidas compartidas. A tenrura da derradeira escena é dificilmente esquecible nunha película que, a pesar do interese dalgúns diálogos e o humor dalgunha escena, esvara polos vieiros dun sentimentalismo nórdico.

Onte 1434: Vítimas en Facebook

_318-49940Vexo que tanto no caso do accidente do ralli da Coruña coma no asasinato machista de Vigo de onte, os grandes medios impresos utilizan nas súas informacións os datos e fotografías publicadas nos perfís de Facebook das vítimas. Sen dúbida que ningunha destas persoas acreditaría nesta posibilidade cando abriu o perfil nesta rede social nin valorou as diversas posibilidades de privacidade. En todo caso, semella que tanto os medios como os usuarios de internet deberiamos ser moi respectuosos ccoa desgraza das súas familias e coa divulgación das súas vidas truncadas de forma tan inxusta como inesperada. Non estaría de máis reflexionar sobre o uso que facemos de Facebok e o nivel de privacidade do contido que publicamos.

Onte 1433: As lecturas de Obama

O presidente Obama publicou a súa lista de lectura de vacacións, unha mestura atractiva de tres ensaios e outras tantas novelas de James Salter, Anthony Doerr e Jhumpa Lahiri. No noso entorno, máis alá dalgunha resposta a un suplemento de verán, non coñezo ningún político que fixese públicas as súas lecturas, o que nos axudaría a coñecer as súas filias literarias. Se somos o que lemos, o coñecemento por parte da cidadanía das lecturas dos seus elixidos, ademais de prestixiar o libro e a lectura, facilitaría o retrato dos seus intereses lectores tan valioso como o dos seus intereses económicos. Obama, un bo lector, anticípase a facelo.

Onte 1432: Battiato en Vigo

franco_battiato_vigo_04-09-2015Participamos no serán de onte na cerimonia case relixiosa do concerto do noso admirado Franco Battiato. O siciliano presentouse no escenario de Beiramar de forma austera, cantando sentando durante pouco máis dunha hora un repertorio intimista, a maior parte en italiano, meditativo, case místico, no que abordou a súa preocupación espiritual presente nos seus traballos das últimas décadas. Arroupado por unha instrumentación sobria, apenas un cuarteto de cordas, piano e teclados, e apoiándose na música electrónica pregravada (voces incluídas), Battiato fixo unha viaxe polas súas músicas e a súa investigación sonora, mesturando temas clásicos memorables como «Prospettiva Nevski», «Nomadi», «La cura», «E ti vengo a cercare« ou «No Times No Space», con outros máis recentes como «Passacaglia», onde acadou a súa maior enerxía e brillantez vocal. Mais foi nos tres bises cando se abriu a festa rachada en Beiramar. Battiato xa de pé actualizou os seus éxitos pop de comezos dos oitenta dos álbums de Nomades e Patriots: «Voglio Vederti Danzare», «La stagione dell’amore»… A interpretación coral de «Cuccurrucucú», lembrando a Dylan e nun contexto inequivocamente xeracional, pechou unha noite emocionante. Saímos entre as saudades dos tempos felices, lembrando no entanto que «os horizontes perdidos non se recuperan xamais». Obrigado, Battiato!