Onte 997: «El jueves»

El_jueves_06-06-2014El jueves, tras décadas arriscando nas marxes dos kioscos, é a primeira vítima da renuncia de El-Rei. A súa propiedade, o grupo RBA, decidiu destruír a tirada semanal de 60.000 exemplares, nos que aparecían en portada El-Rei e o Príncipe, ademais de deixar as brincadeiras sobre a abdicación nas páxinas interiores. Unha decisión editorial que provocou na tarde de onte a deserción dunha parte dos seus colaboradores máis veteranos por considerala un xeito de censura previa que contradí o espírito rebelde desta publicación satírica. Sen dúbida que os editores (e a Casa Real) erran se pretenden desnaturalizar unha publicación que fixo do sarcasmo e da acedume das súas portadas o seu principal sinal de identidade. Xaora, a decisión é tamén ineficaz para os seus promotores, xa que a mudanza da portada orixinal achegoulle maior visibilidade na rede. Con todo, lamento que El jueves poida quedar como unha publicación satírica do reinado de Juan Carlos. Mágoa!

Onte 996: Jogo bonito

Lin na revista do avión que o football chegou a Brasil en 1894 na equipaxe de Charles William Miller, un estudante brasileño fillo dun traballador escocés do ferrocarril de São Paulo. Trouxo dúas bólas, unha bomba para inchalas, unhas botas e un libro coas regras dun xogo que coñecera mentres estudaba en Inglaterra. Cando aquelas dúas bólas comezaron a moverse entre os pés dos brasileiros o football acadou a perfección e transformouse en fútbol e aquel sport importado convertiuse a ritmo da samba en «jogo bonito». O feito de que fútbol e samba fosen da man no Rio de Janeiro abonda no carácter creativo (artístico e relacionado coas Belas Artes) de ambas as dúas disciplinas. Bo é lembralo antes de que a brazuca corra nas lameiras, mais sen esquecer que o «jogo bonito» non pode agochar que unha maioría de brasileiros aínda vive na pobreza e na exclusión.

Onte 995: Nova Transición

Rubalcaba-Felipe-Cumbre-Iberoamericana-EFE_EDIIMA20140602_0299_15Aventuro que a proclamación express de Felipe VI, acordada polos dous partidos sistémicos e os seus asociados, suporá o inicio dunha nova Transición. A apertura dun proceso (re)constituínte será a fórmula escollida para intentar evitar a secesión catalá e para consolidar novas reformas estruturais obrigadas pola Troica. Unha reforma constitucional que non sería descartable finalizase cunha consulta popular, estratexia coa que os partidos monárquicos pretenderían que o novo Rei obtivese a lexitimidade popular da que hoxe carece. Nese proceso, non exento de riscos para os seus promotores, o PSOE de Rubalcaba afastaríase un pouco máis das súas bases sociais, o que queimaría inevitablemente as posibilidades de renovación do seu novo liderado. Esvaramento socialdemócrata que abriría posibilidades para unha recomposición dos espazos das esquerdas republicanas e dos seus liderados.

A renuncia de Juan Carlos pactada con Rajoy e Rubalcaba abriu unha nova axenda na que, como sucedeu hai catro décadas coa Lei da Reforma Política, se poñerá a debate (no Parlamento, mais tamén na rúa) a forma de estado e o encaixe dos territorios históricos (tamén o de Galicia, a pesar da súa actual irrelevancia política). Un proceso no que, como tamén aconteceu daquela, a crise económica, as cifras brutais de desemprego, ao que agora se engadirán novos recortes dos servizos públicos, serán factores todos que contribuirán a enxergar un futuro complicado. Non é descartable que, como pensa Anguita, esteamos diante da estratexia do gattopardo, mais tampouco que a vontade cidadá promova mudanzas imprevistas.

Onte 994: Encrucillada en Compostela

fotonoticia_20140304205835_800

Semella que onte foi máis doado que abdicase El-Rei ca demitisen os sete concelleiros do Partido Popular de Compostela inhabilitados xudicialmente durante nove anos para exercer cargo público. A súa condena por prevaricación abre unha encrucillada para o actual alcalde popular e para o propio Feijoo, como presidente do partido, xa que deberán decidir decontado o que cómpre facer no pazo de Raxoi, se o grupo municipal popular nomea edís electos (ao abeiro da lei de cidades), o que tería dubidosa lexitimidade institucional, ou se a Xunta de Galicia intervén o concello, unha posibilidade que tras as recentes declaraciós de Feijoo sobre a corrupción non sería desbotable. Como tampouco semella un disparate a «demisión» do propio alcalde Ángel Currás, tamén imputado. Difícil era acreditar que a herdanza política de Conde Roa dese tanto de si: fraude fiscal, demisións, enchufes, prevaricacións e imputacións no caso Pokemon. En Raxoi tamén se vive unha fin de etapa.

A mesma cidade

No artigo da semana en Faro de Vigo, con motivo do ascenso do Deportivo, propoño recuperar a cooperación e a irmandade entre Vigo e A Coruña.

Desque hai corenta anos fun estudar bacharelato á universidade laboral considero A Coruña como a miña segunda patria, a cidade onde abrín os ollos a case todo, dende o galeguismo até os principios republicáns que impregnan o seu espírito liberal. Razón pola que dende comezos dos oitenta levei sempre moi mal ese enfrontamento pailán entre A Coruña e Vigo –protagonizado por tipos como Paco Vázquez, Lendoiro e “Leri”– dúas cidades portuarias atlánticas que comparten idéntico ADN e semellantes angueiras. Mágoa que unha rivalidade futbolística centenaria, anterior á fundación do Celta, protagonizada hoxe por unha rapazada pouco reflexiva e algunhas veces cunhas cervexas de máis, malogre a cooperación de dúas cidades que artellan as rexións urbanas da Galicia atlántica.

Ten razón o escritor coruñés Xurxo Souto, A Coruña e Vigo son a mesma cidade, dúas áreas metropolitanas unidas polo mesmo océano. O Berbés e o Muro son os dous portos pesqueiros de arribada e partida das embarcacións nosas que debuxan o ronsel da súa derrota no mar céltico. En ambas as dúas estacións marítimas producíronse os adeuses que abriron os camiños de alén mar da diáspora galega. As dúas cidades contan cun alma popular e obreira presente nos seus barrios. Que diferenzas substancias hai entre Coia e Navia con Elviña e o Barrio das flores? Entre a Casabranca viguesa e a Falperra coruñesa? Entre a Travesía de Vigo e Monte Alto? Entre Travesas e a Gaiteira? Entre o Calvario e os Mallos? Entre Bouzas e Labañou? Entre o Casco Vello olívico e a Cidade Vella cascarilleira? Entre Saiáns e o Portiño? Entre Matamá e Bens? En cada un destes barrios viven fillos e netos daqueles obreiros que chegaron das aldeas de Ourense ou de Lugo para darlles vida á industria e aos servizos de ambas as dúas cidades. En todos eles fálase unha lingua semellante (con cadanseu sotaque) e os problemas e as carencias non son moi distintos. Vigo e A Coruña posúen identidade de seu, aínda que son moitas máis as súas afinidades ca diferenzas.

A Coruña e Vigo eran a mesma cidade para o pintor Urbano Lugrís, que fixo de ambas as dúas a súa patria; naceu e viviu a maior parte da súa vida na primeira, para el “Percalinópolys”, e morreu un domingo de noiteboa de 1973 no hospital municipal da segunda, a que chamaba retranqueiramente “Xouba city”. O autor do cuarto do vello mariñeiro evidenciou nas súas cámaras e murais que vigueses e coruñeses respiramos idéntico arrecendo do pedramol mesturado coa maruxía da galerna. Esa atmosfera euforizante contaxiou nos anos oitenta a movida cultural viguesa e coruñesa, que mantiñan diálogo aberto en publicacións como “Tintimán” e “La naval”, entre os músicos de Siniestro Total e os de Radio Oceano, entre pintores como Antón Patiño e Cabanas, escritoras como Xela Arias e Luisa Villalta… Diálogo cultural continuado nos noventa, co movemento Bravú, musical e literario, de orixe inequivocamente cascarilleira, mais cuxo nome, segundo o xornalista vigués Antonio Ojea, puido nacer na ría de Vigo, xa que “bravú” é unha mestura da palabra “bravío” e aquel perfume Tabú, o que preferían a maioría das traballadoras da conserva da factoría Massó de Cangas.

Vigo e A Coruña son a mesma cidade como aparece no videoclip gravado para o celebrar o regreso dos Diplomáticos de Monte Alto, o poema de Celso Emilio Ferreiro “Deitado fronte ao mar”. Unha cidade onde se fusionan o balcón do paseo do Orzán co do paseo de Afonso, desde os que se enxerga idéntico horizonte; unha cidade onde a porta do Sol e a rúa do Príncipe continúa nos Cantóns. A mesma cidade popular, entusiasta, inconformista, alegre e orgullosa de formar parte do proxecto de Galicia.

Vigo e A Coruña, viradas de costas dende o inicio do período autonómico, merecen reatoparse no marco dun novo proxecto territorial de Galicia para o século XXI. Ambos os dous concellos deben cooperar no desenvolvemento das áreas metropolitanas e do novo mapa urbano do país, exixindo que isto constitúa unha prioridade na axenda autonómica. Como ambos os dous deben manter a firmeza institucional necesaria para que a prioridade principal da actuación do Ministerio de Fomento en Galicia sexa a finalización do eixo atlántico ferroviario que unirá as dúas cidades de forma permanente en pouco máis dunha hora, o que constituirá un feito case revolucionario para o recoñecemento mutuo de ambas as dúas veciñanzas.

O ascenso do Deportivo, outra proeza do mestre Fernando Vázquez, permitirá que a vindeira tempada gocemos de dous derbis, datas que deberían ser sinaladas nos calendarios como de irmanamento de ambas as dúas cidades e cidadanías, como de encontro eficaz entre as súas corporacións, deixando a rivalidade deportiva estritamente dentro dos estadios, onde eu agardo que o Celta continúe liderando o fútbol galego.

Onte 993: Fin da feira do libro de Vigo

Feira_Libro-Vigo_30-05-2014

Pechou onte a cuadraxésima edición da Feira do Libro de Vigo. Na miña opinión o balance non é plenamente satisfactorio. Ben é certo que os concertos de música infantil organizados por Galaxia foron un exitazo, sobre todos os da fin de semana, como algunhas presentacións e asinaturas de Xerais, singularmente de autores e autoras viguesas. Xaora, nin o número de expositores nin o de visitantes (descoñezo a contía das vendas) acadou as expectativas. Como tampouco me pareceron axeitadas nin as datas escollidas para celebrala, coincidindo cos dez últimos días do mes, nin a ubicación das casetas no corredor exterior da Alameda, que pola súa proximidade ao carril-bus non facilitaba a circulación, chegando a resultar nalgúns momentos perigosa. Como tampouco foi para botar foguetes a escasa presenza publicitaria da feira tanto nos espazos e transports públicos da cidade como nos medios de comunicación locais. Nesta feira da Alamedacontinúa faltanto implicación do concello de Vigo, tanto a nivel da dotación da infraestrutura e dos servizos coma no seu encaixe dentro das políticas culturais e de fomento da lectura locais, moi minguadas no actual mandato de Abel Caballero. Para a vindeira edición é impresindible recuperar o calendario de inicio de mes, non sei se en xuño ou en xullo, como reubicar as casetas e carpas no corredor interior da praza. É imprescindible para iso que o concello de Vigo a Agrupación de Libreiros manteñan un contacto permanente ao longo de todo ano. Vigo merece outra feira do libro, á altura do seu carácter de cidade metropolitana, a actual mantense aínda moi lonxe do pulo da de Coruña na primeira decena de agosto.

Escaparate 22/2014: Librería Librouro (Feiras do Libro)

Librouro_.28-05-2014jpgAmparo tras o mostrador da Librería Librouro na Feira do libro de Vigo. A foto foi tirada o 28 de maio no Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Escaparate 21/2014: Libraría Andel (Feiras do Libro)

Libraria_Andel_28-05-2014Xaime Nogueira tras o mostrador da Libraría Andel do libro galego e portugués na Feira do libro de Vigo. A foto foi tirada o 28 de maio no Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Escaparate 20/2014: Libraría Mendinho (Feiras do Libro)

Libraria_Mendinho_31-05-2014Mar detrás do mostrador da Libraría Mendinho na Feira do Libro de Vigo. Foto tirada o 31 de maio de 2014 do Facebook da Federación de Libreiros de Galicia.

Onte 992: Admirado Fernando

CELTA-4-CAMESELLE.jpgFernando Vázquez repetiu a proeza do ascenso. Como xa fixera co Lalín, co Racing de Ferrol e despois co Celta, a quen levou de segunda a Champions, o Deportivo recupera da súa man a primeira categoría. Axeitándose ao cadro mutante de xogadores do que dispoñía, a pesar da crise societaria máis grave da historia deportivista, destitución de Lendoiro incluída, Fernando conseguiu o obxectivo de devolver ao Coruña á élite. De Vázquez admiramos o seu rigor táctico e a súa capacidade para contaxiar ao seu equipo confianza nas propias posibilidades. De Fernando admiramos tamén o seu compromiso cívico expresado no apoio as causas cidadáns e á defensa da lingua galega, que da súa man comeza a abrazar tamén o Deportivo como club. Sei que a vindeira tempada Fernando Vázquez será recibido en Balaídos como merece o mellor adestrador galego de todos os tempos, unha lenda. Parabéns para el e para os deportivistas por un merecido ascenso.

O retrato é do gran Guillermo Cameselle.