Onte 831: Galerna
/en Lingua, Onte, Sociedade/por bretemasUnha das maiores mudanzas do noso tempo é o da información meteorolóxica, capaz de realizar predicións moi fiables, utilizadas polos servizos de emerxencia e protección civil. Entre estas fontes confeso a miña clara preferencia polas publicadas polo equipo de 4gotas. Co espírito didáctico que o caracteriza onte explicou a transformación que se produciría da borrasca Dirk nunha cicloxénese explosiva, ou bomboxénese, o fenómeno que provocou unha tremenda ventada e ballóns moi considerables en todo o país noso. En palabras que utilizabamos na nosa infancia, o que soportamos onte e hoxe é unha tremenda galerna, un grande temporal no mar, acompañado dunha borrasca cun forte descenso da presión, acompañado de caídas da luz en máis de 70.000 fogares galegos (todo un clásico nestes casos). Un fermoso día, cen por cen galego.
Illa soidade
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Política, Sociedade, Vigo/por bretemasDedico o artigo da semana en Faro de Vigo a non esquecer ás persoas que viven en soidade a noiteboa.
Xa perdín a conta do tempo que un home maior, calculo que terá arredor dos oitenta anos, leva vivindo diante dun escaparate dun comercio da rúa Urzaiz, situado na parada de Vitrasa das casas de Benito Sanjurjo, esoutra marabilla proxectada por Pacewicz. Hai case dous invernos publiquei unha breve anotación no meu blog dando a nova da súa presenza as vinte e catro horas do día ao pé do adro dunha tenda de toallas e roupa de casa. O comercio pechou, como tantos outros do centro, arrasados pola baixada das vendas desta crise interminable, mais o velliño solitario continúa alí, sentado polo día sobre dúas bolsas grandes, onde garda todas as súas pertenzas, que lle serven de único tallo, deitado pola noite, envurullado nas mantas, protexéndose do frío, dos ballóns, da barafunda do tráfico e do algareo constante da avenida.
Ao longo destes dous anos, abráiame velo estricarse ás mañás diante da media ducia de persoas que ao seu carón agardamos o vitrasa que nos leve a cadanseu chollo e afán. Cada mes parece máis fraco e consumido pola súa reclusión nun espazo aberto de seis metros cadrados. Camiña moi amodiño, apenas uns poucos metros para baleirar no sumidoiro a botella plástica dos seus ouriños. En contadas ocasións vin que falase con algún transeúnte ou que conte con persoas amigas. Sei que só a visita algunhas mañás dun rapaz, que o acompaña a asearse e tomar un café quente, é capaz de sacalo durante uns minutos do seu recuncho, onde non posúe nin a intimidade nin o calor do fogar máis humilde.
Cando regreso á noitiña, comprobo que o noso home continúa sentado con dignidade no seu tallo, protexendo as súas costas no escaparate, envurullado entre os seus farrapos, escoitando os noticiarios, as tertulias e os partidos de fútbol no seu transistor, o único fío que semella mantelo unido coa comunidade do seu tempo. Alleo aos ires e vires de milleiros de persoas, que cada día pasan diante do seu fogar improvisado, este home sen nome de Urzaiz procura a súa única distracción, non sei se tamén algún consolo, en seguir os debates políticos sobre a contía dos recortes, sobre as investigacións dos casos de corrupción, sobre o fracaso das que foron as nosas empresas principais ou en participar dese interminable relato de vitorias e derrotas celestes no que depositamos as nosas esperanzas máis efémeras. Un paradoxo moi chamativo de quen decidiu colocarse por vontade propia á marxe, nos espazos de exclusión social e familiar, aqueles non contabilizados en estatística ningunha, dunha sociedade que corre a velocidade de vertixe cara a unha maior desigualdade (e por tanto, a unha maior pobreza), como a unha maior exclusión das persoas diferentes (e por conseguinte, a unha maior soidade).
Fose para mitigar as longas noites do chuviñento inverno, fose para aliviar os días longos do verán non é doado comprender como os servizos sociais non conseguiron convencer aínda a esta persoa para que abandone a súa posición de anacoreta urbano. Ignoro cales son as razóns que o levaron a vivir na rúa. Ignoro se mantén relacións coa súa familia e se dispón, como é previsible, dalgunha pensión para afrontar os seus gastos. Ignoro as causas polas que non acude aos servizos do albergue municipal da rúa Marqués de Valterra. Como ignoro por que o exitoso programa de coidadores do Casco Vello non se amplía a outros barrios. O único certo é que mergullada no rebumbio urbano, na actividade comercial do día ou na movida da noite, a súa soidade é pavorosa e inhumana.Como sucede nas páxinas de “Illa soidade” (2010), a magnífica novela na que a escritora viguesa An Alfaya aborda o mundo dos chamados “sen teito” (esmoleiros e vagabundos), non sabemos que futuro enxerga este solitario, máis alá de ser unha “illa deshabitada que vai conformando arquipélagos de soidade”. Outrosí sucede cos varios centos de persoas sen fogar que viven noutros barrios vigueses ou cos grupos que ocupan polo día a praza da Princesa ou os bancos do parque de Torrecedeira, persoas que arrastran o seu desarraigo provocado polas súas problemáticas dependencias do alcohol, das drogas ou da doenza mental. Presenzas que nos interpelan en tempos de desfeita social, no que máis de 650.000 persoas están en Galicia no limiar da pobreza, ao tempo que se reducen todos os programas públicos de dependencia e de integración social.
Coma reclamou a cadea humana, formada hai dez días por centos de persoas convocadas polas comunidades parroquiais de Coia, debemos librar unha batalla frontal contra as doenzas sociais provocadas pola crise, a soidade, a pobreza e a exclusión. Cómpre esixir unha resposta inmediata ás situacións de emerxencia social e reclamar aos poderes públicos que non poden renunciar ao seu papel na procura dunha sociedade que respecta os dereitos básicos de todas as persoas.
Onte 830: Choven cartos
/en Humor, Onte, Persoal, Radio, Teatro/por bretemasNon tocou nin unha pedrea na lotaría, ese pequeno consolo concibido como mecanismo fidelizador dos xogos de azar. A falta de chuvia de cartos, contentámonos con celebrar a vida e en desexar moita saúde e agarimo para todas as persoas queridas. E, tamén, botar unhas risas, que é un xeito estupendo de coidar o corazón.
Onte 829: Anova
/en Nacionalismo, Onte, Política/por bretemasO conflito que sofre Anova amosa a dificultade de construír unha cultura política alternativa no funcionamento interno das organizacións e na súa comunicación coa sociedade. As demisións de Martiño Noriega e outros membros da comisión permanente de Anova supoñen, probablemente, a derradeira oportunidade para refundar unha organización cuxo discurso inicial abriu unha xanela de esperanza para a renovación profunda da esquerda e do nacionalismo galego. Outra vez o debate entre o novo e as rotinas do vello. As 200.000 persoas que votaron AGE non merecen o lamentable espectáculo que a coalición e os seus dous partidos principais están ofrecendo.
Día do Apalpador en Vigo
/en Festas, Vigo/por bretemasOnte 828: Indígname
/en Dereitos_humanos, Feminismo, Goberno Rajoy, Onte, Política, Xustiza/por bretemasIndígname a lei de Gallardón liquidando o aborto como dereito. Indigname esta lei machista que controla a vida das mulleres. Indígname que as mulleres, coa excepción de se son violadas, non teñan dereito a decidir sobre o seu propio corpo e sobre como orientar as súas vidas. Indígname que médicos e xuristas poidan obrigar a unha muller a ser nai contra a súa vontade. Indígname a hipocresía dos membros deste goberno que impoñen a súa moral ao conxunto dunha sociedade que saben diversa e plural. Indígname que o PP renuncie a gobernar para a maioría social ofrecendo á xerarquía da igrexa católica e aos sectores máis conservadores do seu partido as mulleres como moeda de cambio que oculte a súa xestión económica catastrófica. Indigname que as rapazas máis humildes se expoñan os perigos dos abortos clandestinos. Indigname que outras se vexan obrigadas a saír ao estranxeiro para abortar. Indigname que se criminalice o aborto cando se retiran as axudas a dependencia. Indígname este retroceso social de décadas provocado por unha dereita tan egoísta e hipócrita. Indígname.
Onte 827: A fin de NGB
/en Economía, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Onte, Política/por bretemasA venda de NGB a Banesco supón a liquidación definitiva das caixas de aforros galegas, unha derrota do aforro popular galego sen posibilidade de retorno nin revancha posible. Con todo, foi a perda do carácter sistémico de Novagalicia banco, a pesar de que o FROB puxo nove mil millóns de euros, a decisión fulcral dun proceso político, tutelado por Rajoy e Feijoo, que deixa ao país noso sen instrumento financeiro de seu. Máis alá das primeiras declaracións dos novos donos, sempre optimistas e esperanzadas, haberá que agardar a coñecer as condicións de compra, a letra pequena da oferta de Banesco, para poder valorar unha adquisición coa que o banco venezuelano chanta ambos os dous pés no mercado financeiro galego, español e europeo.
Onte 826: Homenaxe a Cameselle
/en Artes Visuais, Onte, Presentacións, Vigo, Xerais/por bretemasA presentación do libro Cameselle. Crónica fotográfica de Vigo (1975-2005) no Club Faro de Vigo constituíu unha homenaxe moi emocionante ao fotográfo Guillermo Cameselle. Gustoume o retrato humano que do fotógrafo de Lavadores perfilou o seu compañeiro o xornalista Luis Piñero, que revelou o carácter aprensivo de Guillermo, con quen compartiu reportaxes inesquecibles. Foi moi oportuna a reclamación de Piñero para que o concello de Vigo incluíse no seu rueiro o nome de «Fotógrafo Guillermo Cameselle». Pola súa banda Ceferino de Blas, director e responsable de Faro de Vigo durante máis de dúas décadas, encadrou a Cameselle como o cabezaleiro da terceira xeración de fotógrafos de Faro de Vigo. «Cameselle foi fotógrafo e fotógrafo de Faro de Vigo, con todo o qu eiso supón de continuidade e legado. Tras a primeira xeración de fotógrafos do xornal, á que vai de 1920 ao final da guerra, formada por Gil, Ksado, Pacheco, Llanos (pai), Sarabia e Pintos; despois da segunda, comprendido entre 1940 e 1970, da que formaron parte Llanos (fillo), Tomás Siorty, Bene e Magar, Cameselle iniciou na década de 1970 a terceira». «Cameselle foi un fotoxornalista integral, o fotógrafo dos luns ao sol, o que se ocupou do proceso de reconversión industrial». Pechou a quenda de intervencións, Fernando Cameselle, o fillo máis novo de Guillermo, que fixo un retrato moi emocionante do seu pai. Pechou o acto a proxección dun centenar das fotos publicadas no libro e uns minutos da gravación da cerimonia de entrega do Premio Galicia Comunicación que recibiu Cameslle en 2005. Gran Cameslle!!!
Onte 825: No Salón Do Libro Infantil e Juvenil de Madrid
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Onte, Persoal, Promoción do libro/por bretemasConvidados por Sara Moreno, presidenta de Consejo del Libro Infantil y Juvenil viaxamos a Madrid para participar no «Día de Galicia» do Salón do Libro Infantil y Juvenil de Madrid. Pola mañá Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo en calidade de autores; Xosé Cobas, Xan López Domínguez e Marina Seoane como ilustradores e eu mesmo coma editor participamos nun encontro interesantísimo con alumnado de Bacharelato e de Deseño Gráfico. Pola tarde, xa diante dun público diverso, os autores e os ilustradores presentaron o seu traballo como creadores e a experiencia do seu traballo compartido. Moito pagou a pena compartir esta viaxe, moito.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.