Onte 280: «Atl», a distopía de Manuel Lourenzo

Despois de varios meses de intensa e concienciuda edición, chegaron os primeiros exemplares de Atl, a obra de Manuel Lourenzo González gañadora da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela. Este fermoso volume de 540 páxinas e encadernación acartonada contén un texto no que se propón un novo achegamento á Atlántida, o continente perdido, dende perspectivas que van dende a historia e o mito, até a crónica e a fábula. Esta é unha engaiolante novela de acción, de lectura moi áxil e entretida, mais tamén unha coidadísima e complexa obra de ficción científica na tradición das mellores obras do xénero. Unha distopía que retrata de forma minuciosa e verosímil outra sociedade posible, na que se lle outorga moita importancia á política, ao desenvolvemento tecnolóxico postdixital, á ciencia e o coñecemento, a relación coa natureza, así como as formas de vida cotián, nas que existen escasas posibilidades para a iniciativa persoal. Revísanse así, os grandes temas da condición humana e da organización social nun espazo, que o autor sitúa «nalgún mar do noso interior máis profundo», e nun tempo futuro que pode ser calquera nese continente perdido. Neste momento de desconcerto e desacougo sobre o futuro,  a reflexión que Atl propón sobre a deriva dunha sociedade futura é de enrome interese. Sen dúbida, Atl é unha novela importante na traxectoria solidísima do autor, froito dunha década de traballo, mais tamén creo que marcará un fito na narrativa galega do século XXI. Parabéns!!!

Onte 279: Paíño, o pichichi rebelde

Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones  y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba  criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!

Onte 278: Bernardo García Cendán in memoriam

Magooume o pasamento de Bernardo García Cendán. Coñecino da man de Agustín Fernández Paz, que o tiña por irmao maior. Grande lector, Bernardo presentou moitos dos nosos libros en Vilalba e Lugo con mestría. Admirei sempre a súa cordialidade infinita, a súa disposición incondicional, o seu verbo preciso, a súa cultura extraordinaria, a súa actitude permanente de escoita e abrazo. Asocieino sempre a Fuxan os Ventos, quizais por que foi un dos autores dalgunhas das súas cancións; coa revista Encrucillada, da que foi un dos seus principais animadores durante décadas e coas súas columnas xornalísticas, «Cartas a Antón», que publicaba n’ A Voz de Vilalba. Bernardo foi un auténtico esteo de solidariedade e axuda para todos os membros da súa comunidade. Un profesor queridísimo polo seu alumnado. Un home bo, xeneroso sen límite. Deixa saudades moi gratas. Con todos os abrazos para os seus.

Onte 277: Carteiros en folga

Os carteiros do meu barrio están en folga. Protestan pola redución de trece prazas do cadro de persoal da cartaría da Alameda. Apenas 39 persoas ocúpanse do reparto diario dunha zona onde viven 184.000 persoas, o que supón, nalgúns casos, até 1.400 envíos por xornada e traballador. Os carteiros non reivindican melloras salariais, senón o mantemento do cadro de persoal e  a cobertura de baixas e vacacións, para asegurar a calidade deste servizo público básico. Os recurtes das políticas públicas, a privatización dos servizos postais e a profunda mudanza dos procedementos de comunicación interpersoal (os telegramas desaparecen e as cartas persoais van por idéntico camiño) son factores que ameazan o futuro do correo público. No obstante, como reivindican os carteiros do meu barrio, a existencia dun servizo postal universal é unha condición imprescindible para asegurar a equidade entre todos os cidadáns e todos os territorios. Non é pouca cousa a que se dirime nesta folga!

Onte 276: Rescate (para as palabras)

Rajoy pretende evitar a ferro e fariña que os 100.000 millóns do rescate poidan estragarlle a lexislatura. O camiño escollido para evitalo volve ser a utilización perversa do eufemismo, torcendo o valor das palabras. O rescate, unánime para a prensa internacional, convértese para Rajoy e o seu goberno apenas nunha «inxección de liquidez aos bancos en condicións privilexiadas». A solicitude do rescate, considerada polos mercados de débeda como unha claudicación do estado intervido, nas palabras de Rajoy transfórmase nun «éxito do Euro» e nun obxectivo acadado, previsto dentro do plan económico da lexislatura, destinado a promover o crecemento e a creación de emprego. Afirmacións insostibles dende a racionalidade, mais que Rajoy pronuncia con certa vacilación e os altofalantes gobernamentais promoven  sen aparente vergonza. Non fai falta ser Krugman para saber que este rescate aumentará a débeda e incrementará o déficit por mor dos intereses que haberá pagar o Estado. Inevitablemente, chegará a subida do IVE, o endurecemento do calendario de xubilación ou a redución das prestacións de desemprego. Rescatar o significado das palabras é, neste contexto, imprescindible para comezar a desmontaxe desta estratexia de engano. A presenza do presidente no palco polaco, coma seareiro do equipo de Del Bosque, non é unha anécdota menor, xa que para el visualizaría a celebración de semellante «éxito».

Reivindicación do texto manuscrito

O meu admiradísimo Carlos Núñez (Le Vieux), mestre tipógrafo e deseñador gráfico, creador da tipografía Gallaecia Castelo, envioume un correo electrónico no que reivindica o texto manuscrito. Non esquezamos que na mudanza de paradigma, o tránsito do textual ao hipertextual, prodúcese tanto nas formas na lectura como na escritura. Mudan as formas de lecturas e as formas de escritura. Isto é fulcral. Polo grande interese desta reflexión, «El escrito a mano es la expresión del alma», sobre todo dende o punto de vista didáctico, permitinme convertila nun documento pdf que se pode baixar aquí. Grazas, Carlos!

Onte 275: Outro serán en San Simón

Foi o serán de onte en San Simón o da babuxa, circunstancia que nos obrigou a facer todo o convivio ao cuberto. A pesar dos malos agoiros do rescate, anunciado por Guindos mentres Marilar Aleixandre remataba o seu discurso e Calveiro recollía o seu Merlín, dende as palabras de apertura de Celia e as pezas de Xurxo Souto, o serán foi emotivo e emocionante, amosando que alí se tecía, tamén, unha comunidade de afectos. Coa aparición de María e Manuel Lorenzo, autores de Tona de laranxa, saltou a grande sorpresa. En San Simón onte reivindicouse o valor tremendo das palabras (na intervención memorable de Calveiro) e a paixón pola literatura expresada pola familia do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. A volta a Cobres, entre unha mesta brétema, fixo aínda máis inesquecible estoutro Xerais.

Xuntos somos invencibles


Din que conmoveu a Paco Herrera e que serviu para motivar ao vestiario antes do partido co Córdoba, probablemente é a mellor peza da nosa admirada Karpinha08. Tamén recomendo moi vivamente a peza máis recente «Amos do noso destino, capitáns da nosa alma», hoxe gabada no Faro.

Onte 274: Valentín Arias na lembranza

«Como puido tanto un home só» foron as palabras coas que Rexina Vega iniciou a emocionante homenaxe a Valentín Arias. Un serán no que se lembrou a unha persoa que Beiras definiu como de «enteireza enorme, de afouteza extraordinaria e de xenerosidade sen límites». Unha persoa extraordinaria, para Víctor Freixanes «un esteo», para o seu fillo Lois «un home ordenado que traballou arreo porque quería mellorar Galicia». Nas miñas palabras salientei a súa importante relación con Xerais, sobre todo na etapa fundacional da editorial, o seu carácter de «patriarca dos tradutores galegos» e o seu carácter de «home de país» que desenvolveu un labor polifacético,  actividades todas nas que se entregou cunha xenerosidade incesante, unha discreción superlativa e unha dispoñibilidade permanente para o abrazo e a axuda máis fraternal con todos aqueles que compartían ansias e vieiros. Foi o de Valentín Arias, pois, un labor de alicerce e soporte esencial sen o que non poderíamos entender o pulo da cultura textual en galego do noso tempo. Home de elegancia natural e trato agarimeiro forxou acordos en positivo alí onde se precisaba a súa presenza. Mais e sobre todo, Valentín Arias exerceu como mestre no sentido máis amplo desta palabra sagrada. Ben merecería que a cidade na que viviu durante corenta anos o lembrase co nome dunha rúa onde rezase «Tradutor e mestre Valentín Arias». Con todos os nosos abrazos para Amparo, os seus fillos e oito netos.

Onte 273: Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz

Marcos Pérez Pena pediume que en apenas trinta segundos expresase as razóns polas que Agustín Fernández Paz merece unha Homenaxe Nacional. Non hai dúbida que aos membros da Cerna de Prolingua –a promotora desta iniciativa civil aberta a todos os amigos e amigas, admiradores e admiradoras do escritor– moveunos o afecto e o desexo de expresar agarimo por quen tanto fixo polos proxectos colectivos a prol da dignidade da lingua e pola galeguización e renovación pedagóxica da escola nosa. Unha homenaxe, tamén, de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades. Agustín é hoxe un dos escritores que conta con máis lectores e lectoras en galego, mais tamén con moitos seguidores nas outras comunidades onde foron traducidos a maior parte dos seus libros, sobre todo en Cataluña e Valencia. A Homenaxe Nacional do 30 será unha oportunidade para expresarlle a este mestre a nosa gratitude por tanto e tanto que lle debemos.