[Ángel Gabilondo, «Darse a la lectura», p.16, RBA 2012]
A encrucillada de NGB
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Economía, Goberno Feijoo, Goberno Rajoy, Política/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a encrucillada de Novagalicia Banco. Creo que o Parlamento Galego debe investigar decontado o que sucedeu no proceso de fusión das caixas e propoñer as mellores solucións para os intereses xerais de Galicia.
Unha cantidade importante do rescate de 62.000 millóns de euros que o reino de España solicitará aos fondos europeos para sanear o sector bancario irá destinada ás entidades nacionalizadas, entre as que se atopa Novagalicia Banco. Efectivamente, o banco nacido da fusión das dúas caixas galegas, tras recibir do FROB máis de dous mil millóns de euros, que situaron a participación pública no 90,3% do seu capital, recibirá agora unha nova inxección por determinar, entre os sete e os dez mil millóns, para sanear de vez os seus “activos tóxicos inmobiliarios”, a maior parte deles situados fóra de Galicia. Unha nova recapitalización pública que debería despexar de forma definitiva as dúbidas existentes sobre o futuro dunha entidade que, a pesar da súa crise e inevitable deterioro recente da súa imaxe, mantén unha (elevada) cota do 40% do mercado bancario galego.
Neste enleado proceso da fusión e reestruturación das nosas caixas de aforro, no que tan decisivas foron as circunstancias persoais dos seus altos directivos e os intereses políticos de PP e PSOE, no que mesmo xa perdemos a continuidade e a fidelidade do relato do acontecido, semella que para o Banco de España chegou a hora da verdade. Resumindo moito os protocolos financeiros, a autoridade supervisora deberá escoller entre dúas grandes opcións: ou ben Novagalicia Banco continúa en solitario como banco público cunha participación privada minoritaria (como propón o plan do seu actual equipo directivo) ou ben será adquirido por un dos tres grandes bancos por medio dalgún procedemento de subasta (sexa pura ou en concorrencia competitiva con participación privada).
Sen menoscabo de cómo finalmente se resolva este proceso de capitalización –clave para o futuro da entidade, para o seu cadro de persoal cada vez máis minguado, como para o conxunto da economía galega nunha coxuntura de recesión e clave mesmo para a existencia de Galicia como feito político diferenciado–, Novagalicia Banco non pode continuar coa venda nos ollos e debe enfrontar a crise provocada pola venda de participacións preferentes, polas indemnizacións e pensións millonarias percibidas polos directivos de ambas as dúas caixas matrices, como polo futuro incerto da obra social e cultural do que foron as caixas. Tres cuestións esenciais para o futuro de NGB xa que dunha ou doutra maneira afectan a milleiros e milleiros dos seus clientes, perplexos e decepcionados diante da xestión dunha entidade na que confiaron, a maioría ao longo de toda a súa vida, tanto as súas nóminas e aforros como a compra dos seus produtos financeiros.
O engano no caso da venda de participacións preferentes por parte tanto de Caixanova como de Caixa Galicia (como doutras caixas) do que foron vítimas moitos milleiros dos seus clientes evidencia a opacidade (por utilizar un eufemismo piadoso) coa que durante a década da burbulla inmobiliaria e da economía de casino foron xestionadas estas entidades que utilizaron sen prexuízos este produto para aumentar o seu capital. Un problema que de non ser resolto decontado, ademais de arruinar a unha parte dos seus clientes (a maioría pequenos aforradores e xubilados), funcionaría coma un lastre sobre a credibilidade do novo equipo de xestores. Outrosí sucede coas indemnizacións e pensións millonarias ao persoal de alta dirección das vellas caixas que grazas á mobilización cidadá e sindical están sendo retidas e supervisadas polo Banco de España coa intención de valorar se foron aprobadas de acordo a dereito.
O caso do futuro de Novacaixagalicia, que ten na actualidade unha participación en NGB de só o 6,84% e xestiona a maior parte da Obra Social e Cultural, aínda é máis preocupante xa que a recapitalización do banco a deixaría na insignificancia ou no caso da subasta ao borde da súa desaparición. A reformulación decontado do seu estatus como “Fundación de carácter especial” como a renovación dos seus órganos de goberno, nos que aínda permanecen os xestores de toda a vida, semellan imprescindibles para manter polo menos a súa actividade nos servizos sociais de atención a maiores e persoas con dependencia, así como para conservar o seu valioso patrimonio inmobiliario e artístico.
Diante da encrucillada na que se atopan Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, a cidadanía ten dereito a coñecer con todo detalle qué pasou ao longo deste proceso de reestruturación e qué pode suceder no futuro. Ningún lugar mellor que o Parlamento de Galicia, onde traballan os representantes do pobo galego, para investigalo, para esixir responsabilidades se as houbese e para propoñer as mellores solucións para os intereses de Galicia. Agardar para facelo á resolución do dilema, como propón o presidente da Xunta, coincidindo co remate da lexislatura, pode ser xa moi tarde.
Onte 289: Lume novo
/en Festas, Memoria, Onte, Persoal, Vigo/por bretemasTras ver o partido do equipo de Del Bosque, compartimos coa familia en Bembrive as primeiras sardiñas do verán e o lume novo. Non deixa de ser paradóxico que o rito purificador das fogueiras, nas que queimamos o vello, o fanado, o estragado ou o gastado polo tempo, recuperen parte do seu pulo (simbólico) a esta altura do século XXI, cando as tecnoloxias dixitais e os plásticos reinan nas nosas vidas. Miña nai lembroume que en 1965, tal noite coma de onte, dous días antes de dar a luz a miña irmá máis nova, saíramos de paseo a participar nas fogueiras do barrio noso, que daquela os mozotes preparaban no bulevar do Paseo de Afonso e nas chairas do Berbés e do Campo de Granada. Non puiden evitar un aceno de melancolía saudosa daquel tempo de infancia, mentres pasmabamos co engado do noso lume novo. Feliz verán!
Me sube la prima de riesgo
/en Economía, Goberno Rajoy, Humor, Música, Vídeos/por bretemasNon está de máis un pouco de humor para a fin de semana. Ben sabiamos que a xente de «Polonia» de TV3 é moi retranqueira, mais agora teñen a fortuna de que Mariano e o seu equipo de leais lles dean moito xogo cada semana. Esta versión da bilirrubina de Juan Luis Guerra é para non perdela.
Onte 288: Vidal Bolaño 2013
/en 17_de_maio, Cultura, Onte, Teatro/por bretemasA elección de Roberto Vidal Bolaño como autor das Letras Galegas 2013 é outro gran acerto da actual xeira da RAG presidida por Ferrín. Con certeza suporá a popularización do escritor dramático en lingua galega máis importante do século XX, un dos creadores do teatro nacional galego, unha figura insubornable na defensa da lingua, da cidadanía e da nación. Unha figura que, ademais, participou na fundación do noso sector audiovisual como actor e de quen o pasado ano foi levado ao cinema o seu texto Doentes. A escolla de Roberto para o 17 de maio debera axudar, por fin, á edición da totalidade da súa estensa obra dramática, proxecto xa en marcha por Edicións Positivas, así como ao regreso á escena de todo o país dos seus textos, escritos para ser representados polas súas compañías, dende aquel Grupo Antroido da nosa mocidade universitaria, até o seu Teatro do aquí dos anos noventa, onde se formaron ao seu carón o que son hoxe os seus continuadores. Este ano Vidal Bolaño é unha oportunidade, que non se pode estragar, para achegar novo pulo ao teatro galego actual, que vive unha situación de enorme precariedade, crise tremeda para as compañías e os seus profesionais, semellante á do resto das industrias culturais galegas, debido a ausencia de políticas culturais das administracións públicas. En definitiva, unha elección da RAG, sen menoscabo da importancia doutras candidaturas, que todos debemos abeizoar.
[Gustavo Luca de Tena na presentación de «Iria», Bouzas 22 de xuño de 2012]/en Citas, Narrativa, Presentacións, Xerais/por bretemas
O mar non se deixa pintar se non é nas persoas que van alí navegar.
Onte 287: As meigas de Lupa
/en Autores, Novidades, Onte, Presentacións, Xerais/por bretemasO salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela quedou pequeno para acoller aos aistentes á presentación d’ As meigas de Lupa, a primeira novela xuvenil de María Solar. Magnífica foi a lectura que realizou Xurxo Ayán que comezou definindo a obra como «un libro de servizo público» para lembrar despois a importancia de contar con relatos en galego sobre feitos protohistóricos galegos, algo que non existía hai 25 anos cando el era un lector novo. O arqueólogo salientou que o libro de María Solar «pon faciana ao noso pasado, xa que mesturando cultura e mito sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos. A literatura e o relato histórico científico que realizamos os arqueólogos son o mesmo relato». Rematou Ayán reiterando «o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa» e lembrando unha frase que Álvaro Cunqueiro pronunciou no seu discurso de entrada na RAG: «Temos futuro se seguimos crendo en tesouros, ananos e meigas». María Solar comezou o seu discurso confesando que «estaba condenada a escribir este libro, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba a súa nai. «Quixen transmitir esa riqueza tremenda da tradición». Referiuse logo a xénese da obra e o esforzo de documentación na reconstrución minuciosa da vida nos castros. Rematou referíndose a que non sabía se existiu ou non a Raíña Lupa, mais si que »estaba acreditado que daquela existiu unha muller de poder». Pechou a presentación Fran Pérez «Narf» que interpretou a «Nana de Ze Mambico». Fermoso serán de comezo de verán.
Onte 286: Euskadi 2012
/en Goberno Rajoy, Onte, Política/por bretemasA legalización de Sortu píllame en Bilbo, coincidindo coa xuntanza mensual do grupo de traballo sobre o sector do libro na CAE no que fun convidado a participar. O Constitucional recoñece o que xa é un feito cotián na realidade política vasca, a participación da esquerda abertzale no proceso de normalización democrática. Se algo chama a miña atención cada vez que veño ao País Vasco é a súa axenda pública, tanto política como cultural, ben diferente da imposta polos medios de Madrid e seguida cegamente en Galicia. Pouco coñecemos sobre o que está sucedendo en Euskadi, onde hai unha vontade cidadá maioritaria de construír “un País en paz, plural e libre, onde se respecte a diferenza, se fortaleza a convivencia e se resolvan os criterios enfrontados mediante o diálogo, a empatía e a razón”. A actuación estratéxica do Goberno Vasco, 2012 Ano das Culturas pola Paz e a Liberdade, enxerga esa esperanza colectiva. Quizais fose a providencia laica a que provocou que a habilitación de Sortu coincidise coa presentación de “Ideas para mudar o mundo”, encontro incluído nesa estratexia, que reunirá en Euskadi a 18 recoñecidos pensadores e intelectuais mundiais. Fronte a desolación e o conformismo, construír a paz dende a cultura da paz, eis un vieiro posible.
Onte 285: Antón Sobral
/en Artes Visuais, Beizóns, Cultura, Onte, Poesía/por bretemasGustoume moito acompañar a Antón Sobral no serán no que recibiu o «Premio de Pontevedreses do ano 2011» no eido da cultura outorgado por Diario de Pontevedra. Antón, felizmente xubilado, tras máis de tres décadas como profesor de arte, é un mestre na difícil arte da vida lenta, do exercicio peripatético que nos fai cidadáns. Sobral é un activista galeguista insubornable, paciente e comprometido con todas as causas da humanidade. Antón é unha persoa positiva, xenerosa, agarimeira, capaz de contaxiar a ilusión necesaria para enfrontarse as maiores dificultades, quizais porque leva o mar nos seus ollos. Viaxeiro curioso, artista multisoporte, pintor vocacional, fotógrafo, poeta, vídeocreador, melómano, rokeriño, lector apaixonado, ningunha actividade creativa resúltalle allea. Se todo isto non abondase, desenvolve dende mozo unha actividade no asociacionismo cultural e cívico intensa, en todos os elos da cadea, dende o da creación, pasando pola promoción, até o da difusión. Un auténtico home cultura, encrucillada de arte e coñecemento. Aconsello moi vivamente visitar a súa exposición, Da Maruxía, aberta no Museo do Mar de Vigo, no que comparte espazo co Detfler Kappeler. As xerfas de intensidade branca das súas mariñas conservan o arrecendo euforizante da maruxía, esa mestura proteica de salitre e pedramol. Beizón, grande Antón!
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.