Onte 22: CR

A intransixencia foi unha das peores doenzas da dereita española ao longo do pasado século. Lamentábao Azaña cando lembraba a facilidade coa que era insultado da forma máis groseira polos seus rivais políticos. Esa tradición do insulto a flor de pel é a que está detrás do comportamento prepotente, irrespectuoso e provocador ao que nos teñen aborrecido algúns medios madrileños. Esa tradición é a que emula con tan escasa imaxinación Gerardo Conde Roa. Até agora, o alcalde compostelán adquiriu a súa notoriedade extramuros polos seus comportamentos excéntricos e declaracións provocadoras. Con todo, estou convencido que non estamos diante dunhas saídas de pata de banco explicables por un carácter sanguíneo ou polo entusiasmo verbal provocado un día polo consumo de líquidos euforizantes. Non. O conto é triste como dicía Castelao. Acabar con «culturetas», «indignados» ou «vagos de botellón» é unha estratexia política, concibida coidadosamente para satisfacer aos sectores conservadores máis belixerantes. Pode quedar algunha dúbida así de quen manda agora en Compostela?

Onte 21: a taboíña de Amazon

A presentación do Kindle Fire, a taboíña con sistema operativo Android de Amazon, amosa, outra volta máis, que a actual batalla pola creación dun modelo sostible de libro electrónico dirímese en moi boa medida entre os tres xigantes estadounidenses da distribución dos contidos dixitais de cultura e lecer, Amazon, Google e Apple. Polas informacións que fomos coñecendo, semella que a estratexia do xigante da loxística cultural é apostar por liderar o negocio da distribución de libros e de aplicacións (creará un Amazon Apps Store), o que non lle impide presentar unha renovación completa da súa gamma de lectores de tinta electrónica (a uns prezos xa moi asequibles e cunhas prestacións atractivas), como a de intentar crear un espazo no das taboíñas, cun aparello de prezo asequible (arredor de 150 euros), moi inferior ao do IPAD, e de prestacións e deseño semellantes ao PlayBook de RIM. En todo caso, Amazon onte deu un paso importante apostando pola distribución dos contidos dende unha biblioteca dixital e por un modelo de negocio (Amazon premium) baseado na suscrición. Diante de tan interesantes propostas, supoñemos que Google non tardará en mover a súa ficha neste mercado de distribución de contidos dixitais textuais. Fronte ao dinamismo das multinacionais estadounidense, os modelos de libro electrónico que utilizamos os editores europeos (baseados na tinta electrónica e no emprego do antipático DRM de Adobe) quedan cada vez máis afastados das necesidades dos potenciais usuarios. A presentación deste novo Kindle de Amazon, que se comercializará a partir do 15 de novembro, suscita moi numerosas preguntas: Debemos rendirnos diante de Apple e Amazon, empresas que utilizan lectores propios con formatos de encriptación propietarios? Apple poderá continuar vendendo os seus teléfonos e taboíñas a prezo de ouro? Google continuará negociando cos editores europeos para ampliar a súa xigantesca biblioteca dixital?

Onte 20: Vigo, arquitectura perdida

Do fío do meu benquerido Ramón Nicolás cheguei a esta magnífica peza sobre a arquitectura do Vigo perdido, aquel que percorreron Couto arriba os nosos avós, que eran, por certo, irmáns da estirpe Beleira. As marabillas da tecnoloxía permiten recuperar a fasquía primixenia daquelas edificacións pétreas derrubadas ou deturpadas pola avarenta teima «desarrollista». Lonxe da nostalxia paralizante, precisamos recuperar a memoria dunha cidade desmemoriada en permanente reconstrución. Xa o teorizou Siniestro Total, trátase de saber de onde vimos, onde estamos, cara onde imos.

Onte 19: Vicente Paz

Na primeira das catro magníficas sesións da Conferencia Internacional do Libro, Vicente Paz, o responsable de Leya de Brasil, ditou unha completa lección sobre a situación do sector editorial no Brasil e as posibilidades que supón para o sector editorial galego. O noso editor emigrante, quizais, tamén, o noso editor máis internacional, apenas era coñecido polos seus colegas galegos. Onte abriunos unha esperanzadora xanela sobre a industrial editorial do país que representa o 80% da poboación lusófona do mundo. Deixounos a súa presentación, completísima en datos e reflexións, que axiña poderá ser descargada dende o espazo web do Clúster da edición, librarías e comercialización.

Onte 18: Oubiña

A mellor noticia do partido foi comprobar que Borja Oubiña vai collendo forma. Tras varias tempadas de calvario e dun esforzo de autosuperación impresionante, o capitán celeste volve ser futbolista. Onte vimos como a súa participación é capaz de estruturar o xogo do equipo; comprobamos como a súa colocación, sempre oportuna, contribúe ao reforzar o sistema de axudas e á mobilidade dos seus compañeiros ou como cos seus pases longos (arriscados, tamén) procuran as costas da defensa rival. Esta recuperación alédame, xa que amosa a importancia dos valores acuñados por un deportista noble e sensato, ademais de reforzar a competitividade dun cadro celeste que precisa coma auga de maio o seu excelente criterio e poderosa presenza.

Campo do Fragoso CXII

ORELLANAZO

O Celta non é capaz de collerlle o fío a esta tempada que, polo visto estes dous primeiros partidos en Balaídos, se agoira será aínda máis difícil ca pasada. O de onte foi un partido maliño que rematou, afortunadamente para os nosos, no derradeiro minuto do desconto cunha extraordinario «orellanazo». Un empate in extremis, sen dubidalo un excelente resultado, cando xa dabamos por amortizada outra derrota consecutiva. Alguén terá que explicar algún día as razóns que expliquen o pánico que sofre en Balaídos este Celta herreriano, probablemente o equipo de segunda división que no que vai deste ano 2011 obtivo menos puntos no seu terreo, ou o que é o mesmo, o conxunto que máis desgustos e decepcións proporcionou aos seus seareiros. Onte semella que non quixo romper esa tradición e non amosou a convicción e a vontade abondas para impoñerse a un Valladolid máis frouxo do previsto. Herrera, para desesperación da bancada, continúa confiando, mesmo nos partidos en Balaídos, só nas posibilidades desequilibrantes do bo xogo de contraataque celeste. Esa semellaba ser, até o orellanazo, a nosa máis temible xogada. O ruxerruxe dos medios de comunicación e o balbordo dos seareiros, diante de dúas lamentables derrotas diante de Elxe e Almería, fixeron efecto e Herrera fronte ao Real Valladolid solificou a estrutura do seu equipo dando entrada a un novo xogador por liña, Catalá, Oubiña e Orellana; tres futbolistas importantes, con talento, experiencia, argumentos e autoridade abondas para armar arredor deles o xogo celeste. Porén, xa dende o inicio foron os violetas os que controlaron tanto o espazo onde se xogaba como a súa cadencia, o tempo moi embarullado e confuso, cheo de faltas, tarxetas e interrupcións arbitrais, destinadas a curtar as contras galegas. Álex e Oubiña, durante os primeiros corenta e cinco minutos, enviaron balóns moi longos, cargados de intención, capaces de superar a liña de fóra de xogo, mais a defensa castelá, para desesperación dos nosos dianteiros, soubo moverse para adiante con enorme mestría e coordinación. Mediada a primeira parte, os celestes tiveron os seus mellores minutos, con senllas boas xogadas de Quique de Lucas e outros tantos taconazos de Orellana, que un David Rodríguez, moi lonxe da forma de hai un ano, non foi capaz de finalizar con éxito. Tras a reanudación, o Celta puido abrir o marcador nun pexegazo de Roberto Lago, o único dos nosos con chegada dende a segunda liña (saudades que temos de Michu). Mais o Valladolid axiña volveu a controlar o barullo e o Celta sufriu os minutos de maior acoso. Herrera pretendeu responder mudando aos seus dous mediocampistas. Sen embargo, a entrada de Bustos no minuto 17, que substituía ao capitán Oubiña, foi a clave negativa do encontro. Descentrado e frío, provocou unha man inocente, pola que recibiu unha amarela, ao minuto da súa entrada. O saque desta falta pillou a defensa nos berzas e así naceu o gol pucelano, na única ocasión clara que tiveron os visitantes diante de Yoel, onte case un espectador. O mellor do Celta foi que non deitou os brazos e seguiu procurando as contras dirixidas case sempre por Álex, o xogador que nesta tempada asume o leme do ataque (saudades que temos de Trashorras); nalgunha delas debeu chegar o empate, mais alí estaba un formidable Jaime para impedilo. Desta volta, serían as doses do talento que agochaba Orellana as que nosa salvarían por medio dun saque de falta marabilloso que o internacional chileno dirixiu con precisión de ciruxián á escuadra esquerda. Foi o feliz orellanazo, o único punto onde non puido chegar Jaime. Bendito chisco de fortuna que tantas veces se nos ten negado.

Un contrapunto: a crónica do partido de El Norte de Castilla.

Fracaso escolar

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da actual situación de recurtes no ensino público, lembro a pegada marcante de Lorenzo Milani e a súa escola de Barbiana, para logo reflexionar sobre as taxas de fracaso escolar.

Unha das lecturas marcantes, dentro da miña formación como pedagogo, foi Carta a una maestra dos Alumnos da Escola de Barbiana. Aquel libriño, publicado pola editorial católica Nova Terra en 1970 –merquei o meu exemplar no nadal de 1977, na libraría Ir Indo das galerías de Príncipe–, descubriume a figura do crego Lorenzo Milani, un mestre dunha peza que na aldeíña de Barbiana, nos montes da Toscana, fixo da súa escola primaria unha comunidade de vida e aprendizaxe. Concibido para defender a dignidade de Gianni, un rapaz de catorce anos que chegou a Barbiana rebotado dun centro do que fora excluído, o libro recolle unha longa carta que oito alumnos escriben a unha mestra imaxinaria, a señora Spadolini, relatándolle o traballo que se desenvolve na escola de Milani, onde ningún alumno era considerado “inepto para os estudos”. O libro publicado en Italia en 1967 constitúe unha lúcida denuncia do fracaso escolar, entendido tanto como o dunha escola incapaz de que todo o seu alumnado, sobre todo o máis pobre, obteña o seu diploma, ao remate do período de escolarización obrigatoria; mais tamén como o fracaso dunha escola de chapóns, mal educados, caprichosos, individualistas e alleos a todo aquilo que sucede no mundo e as súas inxustizas.

No entanto, o interesante da experiencia de Barbiana non está só na súa crítica á escola ineficiente e clasista, senón na súa reivindicación das posibilidades enormes dunha escola para todos, tamén para os máis humildes, baseada no que Milani denominaba “Pedagoxía do sentido comun”. Unha escola capaz de compensar as carencias arrastradas polo alumnado con maiores dificultades –sexan de linguaxe ou de estimulación familiar–, proporcionando a cada un dos seus alumnos unha resposta axeitada as súas necesidades. Milani insistíu nun ideal educativo de enfoque personalista que sabemos plenamente vixente: “a verdadeira igualdade pola que debería apostar a institución educativa é a igualdade de oportunidades, non só a de acceso. Non hai nada máis inxusto que tratar da mesma forma aos diferentes”. Como reiterou o papel fulcral do mestre nunha escola cuxo obxectivo é o éxito de todo o alumnado: “o orgullo do educador está en sacar adiante aos máis necesitados, aos menos capaces: o seu aprobado é o que debería enchelos de satisfacción”.

Transcorridas máis de catro décadas, a pesar da mellora da calidade dos sistemas educativos europeos, as ideas do crego florentino conservan, magoadamente, toda a vixencia. A loita contra a lacra do fracaso escolar –agora presentado co eufemismo de “abandono escolar”– constitúe a prioridade dos nosos sistemas educativos, aínda moi lonxe do 10% asumido como compromiso ineludible de todos os estados da Unión Europea na estratexia “Europa 2020 para o emprego e o crecemento”. Os últimos datos publicados sobre o fracaso escolar (xaneiro de 2011) non son moi alentadores. Ao longo da década de 2000, España empeorou en dous puntos as súas taxas de abandono escolar, situándose co 31,2%, á cola dos países da Unión Europea, xunto con Portugal e Malta, países que, porén, melloraron na década a eficiencia do seu sistema educativo. Comunidades como Baleares (40,8%) e Andalucía (37,5%) manteñen cifras escandalosas, mentres que a Comunidad de Madrid e Cataluña se sitúan na media do 31%. Pola súa banda, Galicia cunha taxa do 26%, unha cifra que case duplica a da media europea (14,4%), sitúase entre as seis mellores comunidades españolas, o que debería constituír un aliciente para continuar considerando a loita contra o fracaso escolar como un eido estratéxico das súas políticas públicas, o que supón, inevitablemente, investir máis recursos en educación.

Abonda con lembrar as imaxes do que sucedeu este verán no Reino Unido para comprender que a loita contra o fracaso escolar forma parte principal dun marco de convivencia en igualdade. Como é innecesario alertar sobre a complexidade dunha situación social moi fráxil, onde o desacougo creado pola crise económica e o aumento brutal das taxas de paro de xuvenil, pode chegar a facela perigosamente crítica. Vivimos un momento de mudanza civilizatoria no que é imprescindible apostar pola educación e en apoiar ao profesorado na súa difícil batalla contra o fracaso escolar. Xusto o contrario do que se está a facer en comunidades como as de Galicia ou Madrid, onde este curso se producen recurtes severos nos cadros docentes dos centros públicos e cuxos responsables políticos pretenden enfrontar ás familias co profesorado, deitando de forma demagóxica un veo da sospeita sobre a súa profesionalidade. Non está de máis lembrar que recurtar en educación é comprometer o futuro colectivo, tanto no que atinxe á convivencia en igualdade como á competitividade da economía da nosa sociedade.

Onte 17: «A árbore da vida»

As máis de dúas horas de The tree of life fóronse nun plis plas. Xa lera cousas suxestivas sobre a película de Terrence Malick, que prometían o mellor. Agardaba atopar a beleza dun poema visual. Sabía que asistiría a deconstrución dun relato familiar da América profunda, unha historia iniciática, que explora as claves dunha ruptura. Estaba disposto a enfrontarme a unha película densa, complexa, sen concesións emotivas. E abofé que o film superou todas estas expectativas. Primeiro,  pola súa beleza desbordada, tanto por unha fasquía visual e sonora que rende ao espectador, como pola súa magnífica interpretación dramática (Brad Pitt, Jessica Chastain e mociño protagonista, Hunter McCracken, están a grande nivel). Segundo, pola forma de abordar en paralelo senllas indagacións sobre a orixe da vida. Unha, en clave micro, utilizando a ollada dramática, a da formación do carácter no seo da familia, esa estrutura emotiva solidificada no intercambio coas figuras paterna e materna, sometida, ademais, a confrontación cos irmáns. Outra, en clave macro, utilizando a ollada documental, a da orixe do universo e o desenvolvemento do planeta, dramatizada visualmente na pantalla, dende o estourido inicial á formación dos planeta, pasando por cando foi ocupado polos dinosauros en territorios vizosos até o que será o seu inevitable devalo final. Unha e outra indagación, unha e outra olladas de xénero, conforman a árbore da vida, unha narración circular, que remata coa mesma luz tenue coa que se inicia, quizais para expresar o seu carácter expiatorio («Onde estabas ti cando eu fundaba a Terra?», Libro de Xob). Máis alá do goce visual e do moito xogo interpretativo que ofrece o film de Malick, é estupendo poder reconciliarse nas salas actuais co CINE. Non deixa de ser unha brincadeira que na sala da Praza Elíptica, a proxección desta película marabillosa de Malick fose precedida pola do trailer da tamén norteamericana El arte de pasar de todo. Unha proba máis do valor dunha película que racha para o público actual os límites tan estreitos do cine de fin de semana.

Onte 16: «A Nosa Terra»

A liquidación xudicial da empresa Promocións Culturais Galegas leva á desaparición do proxecto do semanario A Nosa Terra e do seu diario dixital, así como á dunha das editoras de referencia e máis dinámicas na cultura literaria galega das tres últimas décadas. Na miña historia persoal permanecerá sempre a lembranza que foi nun dos primeiros números do semanario, na etapa na que foi dirixido por Margarita Ledo Andión, onde publicamos o noso primeiro artigo; como a inmensa gratitude para as persoas que termando daquel proxecto tanto nos axudaron a promover o noso, Afonso, Manolo, Pepe, Xan, César, Horacio, María… Quede como testemuño do meu afecto para todos eles aquela gabanza (pdf) que preparei en 2007, con motivo da homenaxe que durante A Noite da Edición rendimos dende a Asociación Galega de Editores a este proxecto centenario onte interrumpido. Até logo, compañeiros!

Onte 15: Todos somos Troy Davis

Troy Davis foi executado no estado de Xeorxia tras padecer durante VINTE ANOS a tortura de permanecer no corredor da morte. Desta volta non houbo aprazamento, a pesar da existencia de fundadas dúbidas sobre a súa culpabilidade, tras a negativa do Tribunal Supremo de paralizar a execución. De nada servíu que os seus defensores presentasen media hora antes da hora prevista unha petición para que fose reconsiderada a execución. Este home de raza negra de 42 anos, que deica o seu derradeiro salaio se proclamou inocente dunha acusación de asasinato dun policía de raza branca, terá o número 1.269 desa lista estatística dos homocidios legais acontecidos nos EE.UU. desque se reinstaurou en 1976 a pena de morte, unha medida apoiada hoxe por unha maioría da poboación estadounidense. Nin a campaña de Amnistía Internacional nin as solicitudes do Vaticano e da Unión Europea nin sequera o editorial do influínte The New York Times solicitando a abolición da pena de morte foron capaces de contrarrestar diante dos xuíces as testemuñas dos familiares da vítima que reclamaban a execución de Troy para «facer dunha vez xustiza». A mediodía, AI informou que tras esta execución legal quedan máis de 3.200 persoas nos EE.UU. nos corredores da morte, así como 17.000 condenados a pena capital en todo o mundo. Non podemos permanecer impasibles. A pena de morte é un castigo inhumano e innecesario, a negación máis extrema dos dereitos humanos; o dereito á vida e o dereito de toda persoa a non ser sometida a penas crueis e degradantes. A pena de morte é un castigo irreversible e irrevocable que de forma inevitable se cobra vítimas inocentes xa que a xustiza en ningún lugar do mundo pode ser considerada infalible. A loita contra esta lacra debe continuar. Cada un de nós, como lembra a campaña de AI, somos Troy Davis.

Actualización: uns minutos despois de publicar esta anotación, coñezo a noticia dunha nova execución, a de Derrick Mason, un home de raza negra, no estado de Alabama por medio de inxección letal. Nas últimas vinte e catro horas, tres persoas executadas nos Estados Unidos.