«As eleccións da crise»

No artigo da semana abordo o que entendo son as perspectivas coas que se abriu a carreira electoral para a renovación da coporación do concello de Vigo.

«Orgullosos do noso», a peza do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas


As mellores experiencias de fomento do galego e de defensa dos dereitos lingüísticos estanse promovendo dende os equipos de normalización e dinamización lingüísticas dos centros esolares (sei que agora obrigan a chamalos doutra maneira). Velaí esta excelente peza audiovisual do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas que tira partido das posibilidades técnicas da animación «stop-motion». Formidable, tamén, a colaboración de García MC. Recoméndoo.

Vía Linguason.

Reitero o meu consello de subscribirse á fonte do Planetaki Planet, o agregador dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, unha páxina de absoluta referencia para coñecer todo o que está fervendo nese grande movemento.

Xa temos finalistas dos Premios Xerais 2010

O xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas, entre as 38 obras participantes, as presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso».

Pola súa banda, o xurado da XXV edición do Premio Merlín de literatura infantil formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas, entre as 32 participantes, as obras presentadas baixo os lemas «Canis lupus», «Celerífera», «Cincocentros trinta e tres» e «Sete pétalos».

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 12 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora Fina Casalderrey actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será retransmitido en directo por Internet por Blogaliza tv.

Os previsibles argumentos de campaña

No Taboleiro do Colmeiro debúllanse as argumentacións que previsiblemente (ao fío dos textos que manexa a SXPL) serán utilizadas na campaña publicitaria sobre o Decreto de Plurilingüismo, na que a Xunta gastará un millón de euros.

Semella que todas elas incidirán na idea xeral de que o decreto fomenta o uso e a aprendizaxe do galego, tratando de que cale na cidadanía o seu carácter equilibrado e sensato, respectuoso coa lexislación, fronte ao extremismo das posicións que o critican, ás que se lle recriminará «que continúen pretendendo impoñer o galego».

Máis alá de que nos imaxinamos que a campaña, polo seu elevado orzamento, debería ter unha boa factura visual e capacidade comunicativa, ben será que vaiamos tomando boa nota devagariño das liñas argumentais para desmiuzar o que se agocha detrás de cada unha delas. Para isto, collemos o fío da anotación de Colmeiro (a quen reiteramos o noso agradecemento polo seu texto):

  1. Insistirase en que «cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua», porén agocharase que, no caso contrario,  será o castelán, como tampouco se informará sobre o procedemento ideado para realizar a pregunta ás familias sobre a lingua que falan os picariños.
  2. Salientarase que «en todas as etapas, coa excepción de infantil, o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán», porén agócharase que coa posta en vigor do decreto o galego reduce significativamente a súa presenza no horario escolar de todas elas e, pola contra, o castelán aumenta en todas elas.
  3. Subliñarase que «en Primaria e Secundaria se impartirán en galego áreas que esixen un importante desenvolvemento das competencias de comunicación oral e escrita», porén, agocharase que as matemáticas, a tecnoloxía e a física e química non poderán ser impartidas en galego, a pesar de seren área claves para a desenvolvemento, entre outras, das competencias matemática, dixital e de aprender a aprender.
  4. Insistirase en que «o decreto establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua e que os libros de texto e restantes materiais tamén deberán estar en galego», porén agocharase que o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia, abrindo unha perigosa fenda á autoridade do profesorado na aula e introducindo un importante prexuízo sobre a utilidade do galego no eido académico.
  5. Lembrarase que «todos os centros deberán desenvolver un programa de fomento do galego elaborado polo equipo de dinamización da lingua galega», porén agocharase o cambio de denomización dos Equipos de Normalización Lingüística e a redución orzamentaria realizada das partidas destinadas para a realización destas actividades nos centros.

Entendo que, ademais de ferramentas tan útiles como as proporcionadas pola Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, é moi importante continuar realizando ese traballo de análise argumental. A defensa do fomento do galego e dos nosos dereitos lingüisticos é un combate cívico que sabemos se libra só coa forza poderosa e paciente das palabras.

A Coruña, a cidade que le, convoca un concurso de biblioclips

Onte na presentación de Níxer na Casa Museo Casares Quiroga tiven oportunidade de comprobalo unha vez máis: o concello da Coruña en cuestión de lectura é un modelo a seguir. Xa non é só o funcionamento modélico da rede de Bibliotecas Municipais, agora tamén o é a súa campaña transversal de animación lectora que baixo a denominación «A cidade que le» ofrece un dos máis completos programas deste tipo que coñecemos. Velaí ciclos de actividades que aquí temos gabado noutras ocasións como o «Poetas di (n) versos», o s «Encontros na cidade da Coruña» (este ano coa presenza do noso admirado Alberto Manguel) ou os itinerarios literarios. A pesar do completo do programa, aínda queda espazo para a sorpresa. Velaí a convocatoria de »Vémonos na Biblioteca. Concurso de Biblioclips das Bibliotecas Municipais da Coruña«, unha iniciativa pra promover o feito lector entre a cidadanía cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun anuncio (aquí nas brétemas, dende hai tempo chamámolos «book-trailers» dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados. As bases poden baixarse en pdf aquí e o prazo de envío das obras remata o 1 de setembro. O primeiro premio consistirá nunha cámara de vídeo. Estou seguro que, a pesar da sobriedade e utilidade do premio, a participación será moi numerosa e dará moito xogo futuro na rede. Os meus parabéns aos promotores de tan interesante concurso.

«Ruth Matilda Anderson en Vigo»

No artigo da semana comento a exposición arredor de Ruth Matilda Anderson ao fío da súa apertura en Vigo. Mágoa que chegase aquí tan recurtadiña.

O que vai supoñer o decreto

Esta presentación é un interesante recurso didáctico para explicar as consecuencias que vai supoñer o decreto.

Vía Blog ENDL C.E.I.P Bergantiños. Obrigado

Agradécese a difusión e a inclusión nos blogs. Pásao!

Magnífico discurso de Antón Louro nos Premios da Crítica

Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.