Agustín Fernández Paz, «Nun lugar dos soños»

O vindeiro domingo, 14 de decembro, Agustín Fernández Paz será homenaxeado no Muíño de Rañego da súa Vilalba natal pola Fundación Manuel María. Tras unha mesa redonda (ás 12:00) sobre a súa figura, na que participarán Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo, Paco Martín, Xulio Xiz e Manuel Bragado, colocarase o terceiro hectómetro literario no Paseo dos Soños e celebrarase un xantar de irmandade no restaurante «A Nova Ruta» de Vilalba. Pode avisarse asistencia ao xantar no teléfono: 646413890.

«Declaración dos Dereitos Humanos», sesenta aniversario

Conmémorase, mañá, 10 de decembro, o 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con este motivo, a partir das 20 horas, celebrarase un acto cívico, no Auditorio do centro Cultural Caixanova de Vigo, no que ademais será presentado o volume Literatura Galega pola Paz coa que se pecha a triloxía Educación e Paz, coordinada por Xesús R. Jares.
Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e a agrupación dos Mestres da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo (e-Trad), interpretará diversas pezas. Ademais, intervirán algúns dos narradores e poetas participantes no libro (Agustín Fernández Paz, Francisco Castro, María Reimóndez, Obradoiro Gianni Rodari, An Alfaya, Antonio García Teijeiro, Román Raña e Fran Alonso). Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Hai dez anos, con motivo do cincuenta aniversario da Declaración, Xesús R. Jares publicou na Biblioteca Didáctica de Xerais, Educación e Dereitos Humanos. Estratexias didácticas e organizativas. Aquel libro converteuse ao longo desta década en referente na abordaxe educativa do articulado da Declaración Universal, e os pactos, convenios e declaracións que a desenvolven, como o reto fundamental co que se atopa a humanidade no futuro inmediato.
A Concellaría de Educación do Concello de Vigo (unha das organizadoras do acto, xunto a Xerais e Educadores pola Paz) tivo a magnífica iniciativa de editar unha pequena publicación, que todos os asistentes terán súa disposición, na que se inclúe o texto da Declaración, precedido de dous textos introdutorios, o primeiro de Laura López Atrio, concelleira de educación, e o segundo, do propio Xesús R. Jares, extraído da obra á que antes facíamos referencia.
Xesús R. Jares afirma neste texto que «o papel da educación debe supoñer un proxecto pedagóxico integrado que incite a vivir e a gozar os dereitos humanos, pero tamén a fomentar un estado de opinión que leve a pensar que calquera violación destes en calquera lugar do mundo non nos pode resultar allea e que, por conseguinte, a responsabilidade de evitalo a todos e todas nos incumbe».
Así tamén o recorda o preámbulo do propio documento no seu parágrafo final: «a presente Declaración Universal dos Dereitos da Persoa é un ideal común polo que todos os pobos e nacións se deben esforzar, para que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constatemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais».
Ao inicio e ao remate do acto será proxectado un vídeo-semblanza (preprado por Paco Vilabarros) de Xesús R. Jares, a quen os organizadores dedicamos unha saudosa lembranza.

Benvido, «Xornal de Galicia»

Recibimos con alegría o primeiro número de Xornal de Galicia, a primeira cabeza periodística que se define como galeguista no periodo autonómico. Haberá tempo para aquilatar as intencións e a liña informativa do proxecto encabezado por José Luis Gómez, mais é indubidable que a presentación do produto é impecable (especialmente o deseño e a disposición tipográfica) e o enfoque informativo moi atractivo para a lectura. Un medio que abre un pouco máis o pluralismo informativo no país, abandonando a confrontación entre territorios polo debate entre posicións ideolóxicas. Un paso importante para a nación. Benvido, pois, este Xornal de Galicia saído hoxe de trinque. Desexámoslle os maiores éxitos.

Cultur.gal 2008, un balance esperanzador

Despois de catro días moi intensos no Cultur.gal 2008, cómpre facer unha recapitulación. Adianto que considero esta segunda feira celebrada na Coruña como un éxito, tanto polo aumento considerable de público con respecto á edición anterior como pola diversidade dos sectores das industriais culturais presentes (sexan os que venden produtos ou servizos). Este proxecto estratéxico da industria cultural en lingua galega de contar cunha cita anual de referencia para visibilizar a súa presenza na sociedade de noso consolídase con claridade. Un éxito colectivo do que todos nos debemos sentir orgullosos e que demostra que temos un pobo lector, unha industria cultural emerxente con vontade de selo, un país orgulloso dos creadores na lingua propia. Hai futuro, moito.
Entre as cuestións máis positivas deste Cultur.gal 2008, ademais do aumento moi considerable de público xeral, debemos salientar o crecemento da presenza de público profesional de sectores como o teatro e a xestión cultural (que se incoporaron nesta edición), a mellora da convocatoria publicitaria e a diversidade e interese do programa de actividades para todos os públicos (foron varios centos as actividades que se desenvolveron) e o compromiso coa feira da Radio Galega que oa longo da fin de semana emitiu en directo moitos dos seus programas. Cultur.gal 2008 transformouse nesta segunda edición nunha feira de feiras, onde xunto ao peso decisivo do libro galego (o noso sector da industria cultural, a pesar das súas cifras humildes, máis consolidado e estable), comezan a emerxer outros sectores, como o da distribución de espectáculos (tanto musicais, teatrais como de animación) e a xestión cultural.
Entre as cuestións a mellorar, que tamén houbo algunhas insuficiencias, a da comunicación interna da organización co público e cos expositores pareceume a máis salientable. Coa excepción do groso programa de actividades, non existiu un sistema de información en liña que orientase ao público sobre o moito que podía atopar (tanto no que se refire aos produtos, como a todas as actividades). Pareceume significativa, tamén, a escasa presenza de pantallas nos estans dos editores de libros (unha mostra significativa do noso atraso no eido da cultural dixital), como a imposibilidade para o público de escoitar ou visionar os discos nos dos produtores de música e audiovisual. A ausencia das artes visuais tamén foi outra carencia (podería estudarse a posibilidade incorporar a futuras edicións, quizais como un módulo específico, a feira do proxecto-edición), como todo o referido á cultura de internet e das súas redes sociais. Salientable, maogoadamente, foi o escaso compromiso da TVG co evento que só achegou o espectáculo da Xabaxira e gravou o concerto do Music.gal (botamos en falta un set da TVG onde se gravasen entrevistas con escritores, músicos ou actores, como é adoito noutros eventos; carencia suplida polo esforzo extraordinario realizado pola AELG que no seu espazo Falemos de libros emitiu en directo por internet máis de corenta destas pezas). Carencias que, en todo caso, poderían subsanarse doadamente en futuras convocatorias.
De cara ao futuro dun Cultur.gal, que non teño dúbida medrará cada ano, haberá que tomar dúas decisións importantes: decidir a súa ubicación definitiva (ben na Coruña ou itinerando polo resto das cidades do país) e consolidar o seu sistema de xestión (sexa organizado directamente pola Consellaría de Cultura e Deporte, como nesta edición, ou por medio dunha fundación pública, con participación das administracións e dos sectores da industria). Dúas cuestións que merecen unha reflexión devagar que faremos en futuras anotacións. No entanto, o éxito dos Cultur.gal do futuro dependerá da corresponsabilidade e compromiso dos sectores e das empresas neste proxecto en man común. Hoxe, como responsable de Xerais, reiteramos o noso compromiso con Cultur.gal e abenzoamos o esforzo do equipo organizador, dirixido por Nel Vidal e Roberto Pérez Pardo, e aos responsables políticos do evento, o director xeral Luís Bará e a concelleira coruñesa María Xosé Bravo, que estiveron admirablemente a pé de obra servindo á cidadanía durante estas intensas xornadas. Beizóns para todos eles.

Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

«O Globo de Shakespeare», o elenco de Jaureguízar

O vindeiro sábado, ás 12:00, presentaremos en Culturgal O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. Dende hai dúas semanas Jaureguizar iniciou no seu blog unha serie de anotacións sobre o elenco de personaxes da obra, unha experiencia interesante dun autor reflexionando sobre a súa propia obra. Velaí, a primeira sobre Ricardo, o personaxe central, a segunda, sobre Rosalía, a terceira sobre a señora Quickly, a cuarta sobre Sebe e a quinta sobre Adriana:

Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.

Rosalía é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.
En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.

Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.

Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.

Campaña canadiana de fomento da lectura

Vía Ediciona e a revista Babar coñezo esta impactante campaña de fomento da lectura entre os nenos e as nenas promovida pola Fondation pour l’alphabetisation de Canadá. Diversos personaxes de contos infantís deambulan agonizantes polos espazos dun hospital para expresar que se os nenos deixan de ler eles morrerán (o lema da campaña: «Cando non lemos a imaxinación desaparece»). A Cincenta turrando do goteiro polos corredores , Peter Pan en cadeira de rodas na soidade do seu cuarto ou a Carapuchiña na sala de urxencias son algunhas das imaxes desta sorprendente campaña de «sensibilización» lectora. Os vídeos da campaña poden verse enlazados desde aquí (por máis que procurei non os din atopado en you tube). Unha proposta que obriga a reflexionar sobre o valor profunda da lectura e da ficción.

Actualización (04-12-2008): Grazas, Ronsel. Claro que o vídeo se pode ver en you tube: