Novas tecnoloxías e dinamización lingüística

Mañá estaremos en Carballo participando no IV curso de Verán Traballando en lingua: novas tecnoloxías e dinamización lingüística. Interviremos nunha mesa redonda sobre “Recursos pedagóxicos e culturais na rede”, xunto a Xoán Costas Casas, Henrique Quintáns Míguez e Camilo Regueiro.

"A Nosa Terra Diario"

A Nosa Terra Diario acaba de abrir un novo espazo de crítica de produtos culturais (libros, discos, películas de cine e dvds). Un espazo de crítica que, indubidablemente, mellora os contidos deste diario dixital. Beizóns aos responsables d’ ANT.

Numilog, libraría dixital francesa

Numilog é un libraría dixital francesa que ofrece máis de corenta mil títulos de e-books dispoñibles en formatos pdf en prc . De moitos títulos ofrece tamén a posibilidade da lectura ou consulta gratuíta en liña da totalidade ou parte do contido ou de adquirir a versión audiolibro. Os prezos das descargas son sensiblemente inferiores aos libros impresos en papel. Tamén ten un espazo de libros de descarga gratuita. O interese deste portal dixital é que ofrece formatos múltiples de lectura electrónica adaptados aos diferentes tipos de contidos. Os títulos en formato pdf están concibidos para a súa lectura con Adobe Reader sobre a pantalla de calquera tipo de ordenador. Outras posibilidades interesantes desta libraría dixital son a posibilidade de compra de determinados capítulos, partes ou artigos dun libro ou o encargo da súa impresión baixo demanda. O modelo de Numilog anticipa algunhas das tendencias que parecen detectarse como principais na comercialización e distribución de libros electrónicos: versatilidade, segmentación do contido e oferta de produtos de lectura para utilizar nunha multiplataforma dixital. Volveremos en futuras anotacións sobre este interesante modelo.

Máis sobre a xestión da CdC

Daniel Salgado publica en El País Galicia unha xeira de opinións sobre o modelo de xestión escollido para a CdC. Entre as persoas que fomos consultadas a maioría expresamos dúbidas sobre a conveniencia de darlle maioría ao capital privado na xestión da nova fundación. Pola súa banda, Galicia hoxe publica unha entrevista con Juan Manuel Urgoiti, a persoa escollida por Touriño para presidir a nova fundación, que non achega novidades con respecto ao xa publicado ata agora.

Kamel Ghilas, novo dianteiro do Celta

Procedente do Vitoria Guimarães chega ao Celta Kamel Fhati Ghilas, un atacante versátil (principalmente de banda esquerda) internacional arxeliano con pasaporte francés. Ghilas xogou tres tempadas na liga francesa co Cannes e logo pasou á liga portuguesa. O máis sorprendente é que parece estivo na axenda do Arsenal de Wenger. Alguén pode explicar como é posible que un xogador polo que na primavera pasada se pedían 1,75 millóns de libras polo seu traspaso, cun equipo clasificado para a previa da Champions pode chegar libre ao Celta da concursal e fichar por tres anos? Semella cousa de meigas. No vídeo poden verse algúns dos seus goles co “Eurovitoria”: “tres preciosos tantos” para o locutor portugués. Semella unha boa fichaxe este compatriota de Zidane. Ghilas (autodenominado “o fenómeno alxerino”) ten aberto este blog.

Rare book room

Neste sitio poden consultarse manuscritos dixitalizados por Octavo para diversas bibliotecas do mundo. Fedellando poden verse cousas moi interesantes e curiosas.
Vía: Libreros.

Editar é intervir no presente

“Editar es una forma de intervenir en el presente. El catálogo de una editorial (además de ser su principal activo, dato que cada vez más parece olvidarse en busca de la ganancia a corto plazo) es ante todo una opinión. Editar un libro, insertarlo en un catálogo, implica formular una opinión sobre el estado de la literatura contemporánea, del ensayo de ideas, de la reflexión actual.” Damián Tabarovsky, Director Editorial de Interzona

Tirado de Leroy Guitérrez.

Desvélase o modelo de xestión da CdC

Comezan a desvelarse os proxectos previstos para a CdC. Non podo agachar a miña enorme perplexidade diante do modelo de xestión anunciado por Touriño: unha fundación con maioría privada (51%) para xestionar unha obra financiada na súa totalidade con cargo a fondos públicos. Outrosí sucede co anuncio do nome do responsable da nova fundación, Juan Manuel Urgoiti, empresario de tan acusado perfil financieiro e cosmopolita como escasa presenza na actividade cultural do país, ou o carácter claramente bipolar (“mixto”) que se pretende proporcionar á xestión da CdC, esgazada nunha parte pública (os edificios do Arquivo e da Biblioteca Nacionais, e supoño tamén do Museo de Historia de Galicia, que serán responsabilidade da actual Fundación CdC) e noutra privada, onde se adscribirán as instalacións expositivas de perfil máis innovador (o Centro de Arte Internacional, o Museo dos Nenos e o Espazo Obradoiro) e a xestión dos servizos comúns (restauración, espazos comerciais ou parkings).
Outra das nosas perplexidades é que este modelo de xestión bipolar non parece coincidir exactamente co anunciado pola conselleira Ánxela Bugallo nas súas comparecencias parlamentares; como tamén parece ben extraño que o presidente Touriño non anunciase un compromiso explícito do Goberno central na xestión dun proxecto que debería ser considerado de estado. Porén, sen poder entrar a valorar a viabilidade e excelencia do modelo de xestión proposto nin os contidos expositivos (as informacións proporcionadas onte foron moi xenéricas), polo menos semella unha boa noticia o compromiso destas grandes empresas galegas para encarreirar tan díficil proxecto. Ben está que as dúas caixas, Inditex ou os grupo Jove e Tojeiro arrisquen parte dos seus recursos nun proxecto que, inequivocamente, debe estar ao servizo da cultura galega e da súa proxección internacional. Quedemos con esta esperanza, agardando que despois do verán se poidan despexar moitas das dúbidas que expresamos.

Galeusca

Hoxe asinei o texto que a Federación de Escritores Galeusca publica como necesaria resposta ao “Manifesto de Savater” (o filósofo hoxe recunca nun artigo en El País no seu vitimismo, moi irado pola posición contraria do PSOE e o presidente de Zapatero ao seu texto). O texto dos escritores cataláns, vascos e galegos manexa argumentos potentes e ben podería servir de base para constituír unha plataforma cívica a prol do plurilingüismo en todas as comunidades. españolas. Especialmente interesantes parécenme estes dous parágrafos:

“4. O galego, éuscaro e catalán tamén son linguas oficiais nos seus territorios, que é o mesmo que dicir que son as linguas propias de aproximadamente o 40% da poboación do estado español. Estes códigos lingüísticos diferentes do castelán, lexítimos e nos que se recoñece o percorrido e expresividade dun pobo e dunha cultura, son instrumentos de comunicación igualmente “democrática”, ferramentas de relación interpersoal útiles e necesarias para a sociedade que as sustenta.”
[…]
“9. As políticas lingüísticas aplicadas ao ámbito educativo nas chamadas comunidades bilingües teñen como obxectivo conseguiren que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar. Para acadar ese obxectivo, é preciso desenvolver planificacións lingüísticas que garantan a consecución dese obxectivo e que pasan, necesariamente, pola utilización vehicular maioritaria da lingua máis desfavorecida socialmente. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade lingüística.”

O texto pode apoiarse dirixindo un correo electrónico á secretaría da AELG: oficina@aelg.org