"Máis libros"

Polo pouco que puiden ver ata agora, a campaña Máis libros, incluída no Plan galego de Lectura, ten moi boas trazas. O concepto de lectura utilizado é o que vimos defendendo, situándoa por riba do soporte libro e do espazo onde se realiza. A aposta decidida pola libraría de cultura e pola biblioteca fundamental. O eslogan é moi acertado, vencellado a lectura cos valores da liberdade, subliñando así o seu carácter cívico. O deseño gráfico, baseado no protagonismo dos textos sobre diversos soportes cotiáns (briks de leite, rolos de facturas…) pareceume moi elegante. En definitiva, gustoume moito e levei unha boa alegría. A campaña promete. Porén, chamoume a atención, segundo puiden ver no vídeo da noticia de Vieiros, que na presentación da campaña da Consellaría de Cultura se colocasen sobre a mesa “monstros de libros” publicados por editoriais privadas co logotipo da Xunta de Galicia no lombo. Constitúe unha imaxe equívoca que pode levar a malentendidos e subliminalmente a afondar no prexuízo de sector subvencionado que dende tantos anos persegue aos editores privados galegos.

A homenaxe á Enrique X. Macías

O Máis alá de Vieiros publica unha anotación moi agarimosa e ben contextualizada sobre a homenaxe prevista ao noso amigo o músico Enrique X. Macías. Agardamos que as actividades previstas no mes de maio pola Consellaría de Cultura e a Concellaría de Cultura de Vigo estean á altura que se merece un dos nosos creadores máis interesantes da nosa contemporaneidade.

Grazas, Maciño

Despois de cinco anos de render moi bos servizos, esta madrugada un erro fatal (“kernel panic”) estragou o meu vello mac de bola. Quedamos, pois, sen ordenador na casa (desacougado que estou con algunhas perdas de información), razón pola que estes días teremos moitas dificultades para manter actualizadas estas brétemas. Volveremos cando contemos cun novo (hai que buscar as mellores ofertas). Pregamos desculpas.

Campo do Fragoso LIX

SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.

Etiquetas:

Máis cidadanía

No artigo da semana critico a redución de horas de Filosofía, Historia e Educación Física, que a Consellaría de Educación introduce no decreto que regula o ordenamento e currículum do novo bacharelato. Fago miñas as palabras dos membros da asociación de profesores de Filosofía Sine Nómine que promoven un manifesto na rede sobre esta cuestión (pode asinarse aquí).

Memorable "Serán pola paz"

A de onte foi unha noite moi emocionante e memorable. Un milleiro de persoas (1000, non me trabuquei) ateigaron o Teatro Caixanova para participar no Serán pola paz, onde presentamos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz e celebramos o 25 aniversario de Educadores pola Paz. A presentación de Manolo Romón foi magnífica. Os discursos institucionais interesantes (especialmente o do alcalde Abel Caballero, que apostou por unha cultura de paz laica e pcomprometida). As intervencións dos autores dos libros acaídas (algunhas como as do teólogo Tamayo e o vicerreitor da Universidade de Lisboa, Luis Moita, extraordinarias). As lecturas dos poetas galegos e portugueses potentes. E as actuacións musicais memorables: Abe Rábade virtuoso, Uxía (a sorpresa non prevista no programa) saudosa e entrañable, e Berrogüetto (xa con Xavier Díaz) impresionante.
Porén, e a pesar de todo o expresado (o acto alongouse durante tres horas), o verdadeiramente importante desta noite inesquecible foi a homenaxe que todos lle rendemos á figura de Xesús R. Jares, ese orfebre da cultura de paz. Suso é unha autoridade mundial en Educación para a Paz, como puidemos comprobar pola presenza no acto de persoas chegadas de Latinoamérica (México, Colombia e Chile) e de diversos lugares da península coa única intención de abrazalo e expresarlle o seu recoñecemento. Ao longo da noite, eu que son un sentimental incorrixible, non puiden evitar quedar invadido polas saudades de hai vinte e cinco anos, cando os dous tiñamos arredor de vinte e cinco anos, e desde o grupiño de Nova Escola Galega de Vigo abrimos este vieiro de loita contra o conformismo e a desesperanza no eido educativo. Con todas as beizóns para Suso Jares.

Etiquetas:

Normas do Hábitat

Se hai unha área no actual Goberno Galego da que nos poidamos sentir máis satisfeitos os cidadáns galegos progresistas é a da Consellaría de Vivenda. Dende o inicio da lexislatura, a conselleira do BNG Teresa Táboas ven acometendo un traballo rigoroso e teimudo chamado a provocar unha revolución de calado sobre aspecto tan complexo como é o da política de vivenda, un eido que afecta directamente á calidade de vida das persoas, ao rostro do territorio e, por que agachalo, tamén aos importantes intereses económicos en xogo (na construción de vivendas é onde se cocen hoxe as maiores fortunas). Despois de décadas de fracasos continuados das políticas públicas de acceso a vivenda (un dereito fundamental recollido na Constitución), a conselleira Táboas demostra que neste eido outra política é posible.
O primeiro e grande acerto da conselleira foi deseñar unha política estratéxica integral que abordase de forma transversal todos os ámbitos do problema: o regulamento das vivendas rurais, a recuperación dos cascos históricos e cidades monumentais, a política de chan, o mercado de vivenda protexida, os estándares construtivos, a participación corresponsable das administracións autonómicas e locais na xestión edificatoria e urbanística… Eidos todos eles inseridos nun modelo racional e sostible de organización territorial do país, de compensación de desigualdades sociais e territoriais, e de atención ás novas realidades sociais e comunitarias, expresados cun estilo político renovado baseado na discreción, austeridade e diálogo sectorial, o que non lle impide o exercicio da firmeza necesaria na defensa dos intereses colectivos (como sucedeu co presunto fraude das vivendas protexidas de Navia).
Entre o amplo abano de actuacións desenvolvidas nestes case tres anos de traballo do equipo de Teresa Táboas merecen o noso aplauso máis entusiasta pola súa afouteza as dúas “medidas corenta”: a que regula o solo urbanizable e as recentes “Normas do Hábitat Galego”. Non entendo, pois, a razón pola que os responsables socialistas da FEGAM, facendo seguidismo dos intereses dos construtores, pretenden boicotear a aplicación dunha norma aprobada polo goberno galego (onde eles están presentes). Ben debería o presidente Touriño clarificar a posición do seu partido. Este xogo partido non se entende.

Etiquetas:

Editar é sexi

Esta anotación de Joaquín Rodríguez, con motivo da inauguración da feira do libro de Londres (onde anda estes días Fran Alonso, representando aos editores galegos), non ten desperdicio. A verdade é que ten razón a ministra de cultura británica, os editores, aínda que constituímos xeralmente a primeira industria cultural dun país (como sucede, tamén no caso galego), temos escaso poder de sedución sobre a sociedade e unha imaxe escasamente atractiva para a maior parte da cidadanía (só había que visitar a pasada semana a lánguida Feira do Libro de Compostela). Recuperar a capacidade de sedución que tivo a edición (mellor sería dicir, agora, a lectura) semella un reto que debemos afrontar.

Etiquetas:

As luces da República

Os compañeiros da Asemblea Republicana de Vigo convidáronme a pronunciar unhas palabras con motivo da concentración republicana do 14 de abril. Reproduzo o texto que escribín.

Estimados compañeiros e compañeiras:
Reunímonos para recordar a xesta democrática que un día coma hoxe de hai setenta e sete anos protagonizaron os nosos avós. Facémolo sen nostalxia, sen saudades ningunhas, movidos pola convicción profunda de que aquel lume de esperanza acendido por eles o 14 de abil de 1931 continúa aceso na memoria de moitos corazóns, convencidos de que aqueles seus ideais de renovación democrática, de liberdade, de igualdade e fraternidade están hoxe plenamente vixentes. Aqueles ideais son, tamén, hoxe os nosos ideais.
Todos sabemos que nos reunimos nun espazo emblemático da memoria republicana viguesa. En fronte nosa, no muro do león de Pedro Domeq, contiguo ao edificio “El Moderno”, quedaron sinaladas as marcas de fusilaría que o 20 de xullo de 1936 acribillaron, tras a lectura do Bando de Guerra do capitán Antonio Carreró Verges, a Lenin Moreda Vázquez, un rapaz de só catorce anos, que o profesor don Xesús Alonso Montero considera o primeiro mártir vigués da represión.
Lembrar hoxe a efeméride do 14 de abril de 1931, un día que foi vivido pola xeración dos nosos avós como un auténtico estourido de alegría, é, ademais, un acto de estrita xustiza histórica; mais aínda nunha cidade como Vigo que, xunto a Eibar e Barcelona, se adiantou en proclamar, tras os resultados das eleccións municipais do 12 de abril, a chegada da nena bonita.
Efectivamente, foi o tipógrafo socialista Enrique Heraclio Botana (logo fusilado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto a outros mártires), quen, en representación da xunta republicana viguesa, izou na tardiña daquel martes, catorce, a bandeira tricor na viguesa casa do concello. Abríanse así cinco anos nos que se realizou un colosal esforzo de modernización social baseado na consideración da “pedagoxía como a auténtica ciencia de transformar as sociedades” e na declaración dunha guerra aberta contra o analfabetismo e a ignorancia. Afirmábase así o valor central da educación e da cultura como luces para o progreso e para a convivencia cidadá. Só, alicerzados sobre estes valores, crían os dirixentes republicanos, se podería lograr que España fose unha auténtica democracia.
Estas ideas eductivas republicans, defendidas polos membros da Institución Libre de Enseñanza e do movemento de intelectuais rexeracionista, calaron tan fondo que, coa perspectiva do tempo transcorrido, debemos considerar a aquel período republicano como o dunha revolución educativa sen parangón na nosa historia. Tras a creación dunha escola primaria unificada (neutra, coeducadora, gratuita e obrigatoria), planificouse a construción de 27.000 mil escolas (2.200 en Galicia); acometéndose, tamén, a formación de mestres e pedagogos e a mobilización cultural promovida polo Patronato das Misións Pedagóxicas co obxecto, como sinalaba o director xeral de Instrución Pública Rafael Llopis, “de sacudir da modorra a esa España rural e inxusta que permanecía aferrada á tradición monárquica, liberando aos seus habitantes do caciquismo que caracterizou o réxime canovista e a ditadura de Primo de Rivera”.
As Misións Pedagóxicas chegaron a Galicia en 1933 contando coa participación do inesquecible Rafael Dieste, ou doutras figuras galegas como o poeta Lorenzo Varela, o pintor Urbano Lugrís ou Otero Espasandín. En medio centenar de poboacións galegas desenvolveron exposicións pitóricas polo día e charlas e proxeccións cinematográficas pola noite, ademais de contribuír a montar bibliotecas escolares, un feito inaudito, daquela: só na provincia de Pontevedra creáronse 155 en dous anos.
Aquelas luces educativas reformistas da Segunda República estendéronse ademais a un amplo programa de democratización e de procura de avances sociais: aprobouse o voto feminino, procurouse a incorporación da muller a algúns gobernos e procedeuse a separar a Igrexa e o Estado; aprobáronse os Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galicia abríndose, por vez primeira, a posibilidade de construción dunha España plurinacional e do recoñecemento da súa diversidade lingüística e cultural.
Setenta e sete anos despois, cómpre recoñecer aquel esforzo de vitalidade democrática e transformación modernizadora emprendido nun intenso tempo de entusiasmo, truncado infelizmente pola intolerancia dos que se alzaron contra o poder lexitimamente constituído e acometeron unha feroz represión xenocida.
Xa é tempo de recuperar a historia e recoñecer dunha vez o esforzo realizado por todas aquelas persoas que prenderon e mantiveron contra vento e marea acesas as luces da República. Mais tamén este noso tempo é o acaído para expresar a vixencia e actualidade dos ideais republicáns de globalización de fraternidade, de finalización dos privilexios da igrexa e da coroa, de afirmación do laicismo na organización da sociedade, de honestidade e austeridade no exercicio do goberno e da profundización da participación da cidadanía na xestión do público.
Compañeiros e compañeiras: manteñamos acesas as luces da República.
Saúde e República!
Viva República!

O acto, cada ano máis concorrido, reuniu a máis de trescentas persoas.

Etiquetas: República