Efemérides 2008

Oportunísima esta anotación do Máis alá de Vieiros recollendo o calendario de efemérides literarias e eventos culturais galegos para este 2008. Ademais do ano de don Xosé María, convén non esquecer o cincuentenario do pasamento do poeta Luis Pimentel e o corenta aniversario de Voces Ceibes e do 68 compostelán. Teremos oportunidade de falar aquí de todas elas.

Etiquetas:

"A sombra descalza", incluída na Lista de Honra do IBBY 2008

Hoxe soubemos da inclusión d’ A sombra descalza de An Alfaya na Lista de Honra do IBBY 2008. Unha espléndida noticia para comenzar o ano. Esta obra xa contaba cos seguintes premios: o Lazarillo de literatura xuvenil 2005; o Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2006 e o White Ravens 2007. A novela, ademais, merece o apoio dos lectores, xa vai na cuarta edición. As nosas beizóns para An Alfaya que ben as merece por tan importante recoñecemento.

Etiquetas:

"O segundo sexo" en galego

Coincidindo co ano do centenario do nacemento de Simone de Beauvoir (celébrase mañá, día 9 de xaneiro) publicaremos os dous volumes d’ O segundo sexo na nosa colección Xerais Ensaio. Margarida Rodríguez Marcuño xa entregou a tradución do primeiro tomo que pretendemos presentar con motivo do vindeiro 8 de marzo. A edición desta obra fulcral no pensamento feminista é un dos máis vellos proxectos de tradución no que viñamos teimando dende hai anos, razón pola que moito nos satisfai poder anunciar hoxe.

Actualización (08-01-2008): Corrixo na anotación o erro da data do centenario (por atinada suxestión de Pawley): é, loxicamente, o 9 de xaneiro. Con este motivo o Diario Cultural da Radio Galega emitirá un programa monográfico sobre a figura de Simone de Beauvoir. Tamén podemos anunciar hoxe que a publicación estará coeditada por Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade.

O ano de don Xosé María

No artigo da semana abordo por segunda vez a figura de don Xosé María Álvarez Blázquez, nesta volta na súa relación con Vigo, cidade da que foi Cronista Oficial e á que dedicou dous dos seus máis importantes libros, La ciudad y los días e Vigo y su historia. Nas próximas semanas pretendo rematar a serie cun traballo sobre XAMB editor. Sei que a figura de don Xosé María ocupará unha importante atención nestas bretemas ao longo deste ano. Non é casual que o primeiro libro que nos chegou do prelo foi, o pasado venres, a Poesía galega completa en edición de Xavier Rodríguez Baixeras; na próxima chegara a nova edición de Roseira do teu mencer (que incluímos na colección Xerais Merlín e diriximos ao escolares de Primaria) ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico e un estudo literario sobre o poemario preparado por Darío Xohán Cabana, autor tamén dunha importante biografía que sobre o editor e escritor tudense publicaremos a finais de xaneiro.

Sala para o libro no Museo do Pobo Galego

Onte foi inaugurada a nova sala no Museo do Pobo Galego denominada “Da imprenta. Dos impresores e encadernadores. Do libro e a prensa” e subvencionada polo Xacobeo. A sala presenta os oficios de impresores e encadernadores e recolle o máis representativo da cultura letrada na historia de Galicia até o presente. A inauguración desta sala constitúe un feito significativo xa que carecemos en Galicia dun museo sobre a imprenta e o libro, unha institución necesaria para recoller toda a nosa memoria literaria e textual. Quizais esta sala do Museo do Pobo Galego, que xa temos ganas de visitala, poida ser o xermolo do Museo do Libro Galego que entendemos formará parte do proxecto da Biblioteca e Hemeroteca Nacionais da CdC.

Terceiro aniversario

Hoxe estas brétemas cumpren o seu terceiro aniversario. Dende aquela primeira anotación inocente e temerosa (paréceme agora) levamos publicadas outras 1.727 (590 noventa neste terceiro ano), un ritmo moi semellante aos dous anos anteriores. O blog medrou nas súas preocupacións temáticas, exploramos algúns camiños novos, aínda que no fundamental seguimos fieis ao interese pola lectura galega, concibida como ferramenta para comprender a cultura textual contemporánea, e ao fío do meu traballo cotián (quizais o principal argumento do relato) e das miñas preocupacións como editor en lingua galega. Non podemos queixarnos, tampouco, polas nosas visitas (unha media de tres mil por semana), 210.000 desque en setembro de 2006 colocamos un contador, aínda que o número de comentarios (uns oito mil dende o inicio) diminuíu este ano de forma notable (unha tendencia que observamos na maioría dos blogs). A principal novidade foi o inicio da nosa colaboración na rede social multilingüe de Blogs e libros, un dos camiños que me parecen máis colaborativos de cara un futuro que sei virá preñado de moitas mudanzas neste soporte comunicacional de identidades individuais. Agradezo moi sinceramente e coa maior humildade a lectura e os comentarios de todas aquelas persoas que se achegan a estas brétemas, beizóns para todas elas. Seguiremos navegando sempre que teñamos vento abondo nas velas.

"Diario de lecturas" de Alberto Manguel

Desque hai nove anos lin Una historia de la lectura son adicto á prosa erudita de Alberto Manguel. Os libros deste arxentino políglota, cidadán canadiano e escritor inglés residente en Francia, especialmente os que aparecen baixo o rótulo de ensaio, constitúen sempre un convite a gozar e compartir as súas mellores lecturas. Manguel nunca me decepciona nin aburre xa que está sempre disposto a ofrecer a súa experiencia de lector como un xeito de poñer orde e razón no brumoso caos social do mundo contemporáneo. Se hai uns meses falabamos no blog de La biblioteca de noche, onde Manguel nos propoñía unha aventura apaixonante no laberíntico espazo das bibliotecas, hoxe facémolo sobre a reedición ilustrada de Diario de lecturas, preparada por Alianza Editorial, o último libro que rematei estes días, no que narra a súa experiencia dun ano (o 2002) no que releu doce libros que forman parte do seu canon persoal, un por cada mes. Manguel, que escribe e pensa en citas, ofrece neste libro-blog (a súa prosa fragmentaria é característica do noso medio electrónico) unha reflexión sobre a súa experiencia de lector vocaional e compulsivo que para el non é outra cousa que falar da experiencia da propia vida. “Mi experiencia del mundo non me satisface: necesito que la literatura me proponga nuevos mapas, desplace mi punto de vista, me cuente ese mundo con las palabras de otros”. Lendo este prodixioso novo Manguel, cheo de suxestións, de listas, de confianza optimista no poder dos bos libros, non hai dúbida de que non é esaxerado afirmar que “somos o que lemos”. Recoméndoo para comezar de forma venturosa este novo ano.

Etiquetas:

Mensaxes 2008

Como xa é adoito recibín no móbil moitas mensaxes ventureiras para arroupar este 2008. Aí van os textos dunhas cantas:
  • “Matámonos a comprar, padecemos ás familias, temos que ser enxeñosos coas sms… E sobrevivimos. Quen di que o Nadal non é máxico!”
  • “Os deuses nunca abandonan aos vellos woodystas. Que teñamos un ano tranquilo.”
  • “Abenzoados sexan para vós todos os días de 2008.”
  • “Moi ben capeas o vento miña lanchiña.