Voces de liberdade, a homenaxe do PEN Clube

Onte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios “Voces de liberdade”. A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que “a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos”. Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a “a muller que está traballando para que o galego morra dignamente”, que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que “todos estabamos alí para darlle vida a lingua”), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: “un grande amigo do meu pai”. O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións “espontáneas” dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!

Francisco Castro incorpórase a Galaxia

Francisco Castro incorporouse ao cadro de persoal da editorial Galaxia para encargarse dos Novos Proxectos (presupoño que para desenvolver os relacionados, especialmente, co mundo dixital e a edición electrónica). Un profesor e escritor experimentado e un inquedo animador cultural e da lectura como foi até agora Francisco, son un perfil moi prometedor para un convertirse nun bo editor disposto a alongar as perspectivas do libro galego. Os meus mellores desexos de éxito para el e os meus parabéns para a editorial Galaxia por tan importante fichaxe.

Etiquetas:

Stop the bullet. Kill the gun

É impactante este anuncio (Stop the bullet. Kill the gun), encargado por Choice FM, que pretende sensibilizar sobre a necesidade de eliminar as armas de fogo. Publicidade branca, da maior calidade narrativa e eficacia comunicativa, si señor! Ás portas da celebración do Día escolar da paz e a non violencia constitúe un bo recurso para iniciar as actividades sobre esta cuestión.

Vía: Islas Cíes, Trafegando Ronseis.

"Os amigos de Chano Piñeiro"

Chegoume hoxe un exemplar d’ Os amigos de Chano Piñeiro, un libro de homenaxe (formidable o formato), coordinado por Miguel Anxo Fernández e editado pola Presidencia da Xunta de Galicia. Sempre mantiven grande lealdade con Chano, figura da que son admirador incondicional, razón pola que estou moi orgulloso de ter sido convidado a participar en tan fermoso libro achegando unha pequena colaboración agarimeira. Grazas a Mariluz e a Miguel Anxo polo convite.

Etiquetas:

Temos que morrer

O brillantísimo artigo de Suso de Toro contrasta, nas mesmas páxinas do Luzes de hoxe, coa lamentable obstinación do académico Franco Grande de intentar devaluar a calidade da literatura galega actual.
Coincido de cheo con Suso de Toro que non é cabal utilizar o pasado da literatura galega para destruír a presente, como, coincido, tamén en que “é perverso argumentar que os textos literarios máis interesantes son os que veñen doutras linguas”. Con todo, deste artigo fulcral, que sei comparten moitos dos autores e autoras da literatura galega (hoxe falei por teléfono con varias persoas que se amosaban moi identificadas co texto), recollo dous parágrafos claves que chegaron a emocionarme (sobre todo o primeiro):
  • “[En Galicia…] Existen eses lectores libres, esas persoas, e non consinto que ninguén as liquide. Eses lectores que entran polo seu pé nunha libraría e piden un libro en galego son o froito de xeracións de escritores e editores, son uns miles e son, somos, un froito valiosísimo dun esforzo colectivo.”
  • “A nosa literatura precisa unha auditoría, quizais externa: unha cuantificación obxectiva e logo unha valoración honrada, sen complicidades ideolóxicas e compincheos disparatados, mais tamén sen ruindades. Estamos no mellor momento dende os trobadores, non sei se iso é moito, mais é así por moita hostilidade que nos teñan.”
A entrevista do académico, sen dúbida, máis prudente que o seu artigo que provocou a polémica, non achega grandes novidades, coa excepción da importancia que concede a existencia dunha crítica literaria feita con seriedade e á oportuna distinción entre produtos editoriais e libros literarios, afirmacións que semellan ben atinadas e deben ser salientadas.
Só cabe felicitar aos responsables de Luzes por continuar alentando cada semana un debate literario democrático e desprexuízado, que contribúe a clarificar o futuro esperanzador da nosa literatura nacional.

Etiquetas.

Informe sobre o impacto do préstamo

Hoxe La Voz de Galicia e Vieiros informan sobre os contidos do informe, encargado pola AGE e elaborado por un grupo de traballo da USC, sobre o impacto moi negativo da modalidade de préstamo do libro de texto sobre a viabilidade sector editorial galego. Non vou reiterar as miñas opinións sobre a cuestión que, desgrazadamente, son agora avaladas por datos ben contundentes. Transcorridos xa dous anos e medio de lexislatura, o conflito sobre a modalidade de préstamo do libro de texto continúa, a pesar dalgúns compromisos adquiridos pola Presidencia da Xunta e algunhas melloras técnicas da Consellaría de Educación, en punto morto. Mentres non exista unha política de lectura e do libro promovido como un eixo transversal polo goberno galego, que abranga o traballo de todas as consellarías, dificilmente pode solucionarse este problema. Aquel compromiso inicial da Consellaría de Cultura de promover unha Mesa Técnica formada polo sector e representantes das consellarías de Educación, Cultura, Industria e da Secretaría xeral de Política Lingúística quedou no esquezo. Ogallá este informe axude a reflexionar aos diversos responsables políticos e se puidese recuperar. A esperanza é o último que se perde.

Etiquetas:

Papyre 6.1

Continúa a procura dun estándar amigable para a lectura electrónica. A empresa española FacThor anuncia a comercialización dun dispositivo electrónico que permite a reprodución de contidos dixitais (libros e documentos diversos) “cunha calidade de lectura como a dun libro en papel”. Custa 350 € e xa se pode solicitar por teléfono. Como será?

Etiquetas:

Protocolo contra a violencia machista

María Xosé Queizán enviounos a moción aprobada o pasado 19 de decembro polo pleno do Concello de Vigo, a proposta do Consello Municipal da Muller, dun protocolo de rango público a desenvolver nos funerais das mulleres asasinadas polas súas parellas. Unha medida xusta e oportuna, no camiño da restitución da dignidade das vítimas, que debería contribuír, ademais, no difícil proceso de concienciación sobre a erradicación da violencia machista. Reproduzo o texto da moción viguesa (da que non vimos referencia nos medios impresos), que ben debería ser exportada a outros concellos:

“Grazas á recente Lei contra a Violencia de Xénero, o maltrato e os asasinatos de mulleres saíu da esfera privada, do terror oculto onde non tiña carácter de delito, á esfera pública onde son considerados delitos dos que toda a sociedade debe responsabilizarse.
Sabemos que a misoxinia, o dominio sobre o que os asasinos e maltratadores consideran propio, e o escaso valor das mulleres na sociedade é a causa fundamental deste terrorismo sexual. É, pois, moi necesario que estas mortas, adquiran o valor e a dignidade necesaria para erradicar esta enorme inxustiza
Neste proceso consideramos de xustiza que as víctimas da violencia sexual teñan dereito a un funeral de rango público, un protocolo no que as autoridades presidan o sepelio e lle dean o pésame á familia. Só así, estas mortes adquirirán a dignidade necesaria, como corresponde a unha sociedade democrática.

Lectura na consola

Grazas ao un bo amigo souben hoxe das posibilidades de lectura sobre a consola máis popular no mundo. Non hai dúbida que a procura dun soporte de lectura amigable (ver a anotación de Calidonia) continúa sendo un reto. Chegar, chegará.

Etiquetas: