Lacra a erradicar

No artigo da semana volvo sobre a cuestión da violencia machista. Coincide cunha reportaxe sobre a incidencia deste problema na área metropolitana de Vigo e cunha entrevista moi interesante a Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade, publicadas as dúas, tamén, no Faro de hoxe. Reiterar estes argumentos e análises parece necesario para concienciar sobre un problema tan difícil de atallar.

Nace Cultur.gal

Despois dunha coidadosa xestación de dous anos onte, por fin, foi anunciada a primeira edición de Culturgal, a grande feira do libro e da industria cultural que organizamos os editores galegos. Esta Feira, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 ao 14 de maio, está chamada a converterse na grande cita anual e punto de encontro de todos os sectores da industria cultural galega (especialmente do mundo do libro e do disco) co público. A calidade do espazo web, a importante cobertura institucional e a profesionalidade na organización anuncian que o evento debe constituírse nun grande éxito. Dende o blog seguiremos de forma preferente a elaboración do programa de actividades desta cita na que temos postas tantas esperanzas.

Etiquetas:

Terra de Melide

Onte viaxei a Melide para participar na primeira presentación d’ Os pecados capitais, a novela de Francisco A. Vidal gañadora do premio Terra de Melide 2005. O acto foi moi concorrido e a intervención do autor espléndida, situando a novela como unha reflexión sobre a quebra do amor e da amizade sobre o fondo dun escaparate de prosperidade que gocha o rexeitamento de calquera opción moralmente defendible. “Esta é unha novela de aventureiros, contrabandistas, na que os narcos son heroes que arrastran co ouro fácil a todos os seus conveciños á miseria. O meu protagonista é un covarde, que como todos os desa condición non saben poñerlle límites ao instinto; pola covardía cometéronse sempre as maiores maldades”, concluíu o seu discurso. Nós, pola nosa banda, reiteramos o compromiso da editorial no apoio á publicación das onras gañadoras deste certame de narrativa (non hai limitación de subxénero). Este mesmo mes de marzo aparecerá a obra gañadora de 2006 e o 7 de xuño participaremos no fallo do convocado este ano.

Ben interesante foi, tamén, a visita que realizamos ao modélico Museo da Terra de Melide, un centro arqueolóxico e etnográfico moi cuco (recomendo tanto a visita virtual como achegarse a realizar unha visita vagorosa) que rexe o Centro de Estudos Melidense. O traballo do seu fundador e director, Xosé Manuel Broz Rei, é verdadeiramente hercúleo ofrecendo unha completa presentación da cultura da Terra de Melide, no eido arqueolóxico (con importntes pezas das escavacións do castro da Graña, Toques), etnográfico (con mostras dos oficios tradicionais e vilegos) e na súa relación co Camiño de Santiago. Un modelo magnífico de “folk museum”, que moitos nos recordou a experiencias semellantes que coñecimos, hai varias décadas, de museos ingleses e escoceses. Só nos faltaron uns ricos (os dóces típicos melidenses) para completar un serán moi entrañable e interesante, onde non faltou unha acollida agarimeira dos nosos anfitrións e amigos de Melide.

Etiquetas:

Presentación da web da Cova das vacas mortas

Tal como tiñamos anunciado hai case un mes, o vindeiro luns, 5 de marzo, ás 17:00 horas, terá lugar nos locais da editorial a presentación da web da novela de Jaureguizar, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil (xa vai na segunda edición). Teñen comprometida a súa participación, ata agora, varios blogueiros (Martin Pawley, Alfredo Ferreiro, Pelachos ou Folerpa) que interpelarán ao autor sobre a novela, sobre os contidos da web (a primeira que promove a editorial sobre unha das súas obras) e as súas posibilidades para fomentar a súa lectura ou sobre calquera outra cuestión que consideren pertinente. O acto gravarase en vídeo e o martes publicaranse fragmentos na rede. Todas as persoas interesadas están convidadas.

Etiquetas:

Golfiño

Dos proxectos que teño promovido na miña vida profesional en poucos tiven máis fe ca en Golfiño, unha revista mensual de banda deseñada, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos, que creamos da man de Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire. Sempre crin que co comenzo deste século era o momento de reeditar o esforzo que supuxo Vagalume ou o papel que en Cataluña viña desempeñando Cavall fort (despois de corenta e seis anos segue editándose) como medios dirixidos ao público máis novo. Equivoqueime. Comercialmente para nós a experienciade Golfiño foi un fracaso estrepitoso, non conseguimos apenas axudas (a pesar de que petamos en moitas portas) e, despois de catorce números de termar por ela, acabamos pechándoa e cedéndolla gratuitamente á La Voz de Galicia que a convertiu en semanal e exclusivamente en publicación de historieta, durante dúas tempadas. Porén, teño o convencemento de que Golfiño triunfou doutra maneira, xa que foi fundamental para que agromase unha boa parte da xeración de debuxantes de BD, que existe hoxe no país.
Agora Fausto inaugura unha exposición sobre o proceso creativo das portadas da revista, unha antolóxica de quince daquelas portadas, feito que nos enche tamén de orgullo. Poucas veces podemos dicir que un fracaso sementase tanta esperanza. Beizóns para Fausto o creador do personaxe e o director artístico de tan importante proxecto.

Etiquetas:

Premio Primavera de Novela

Hoxe, por vez primeira (cantos menos que eu coñeza), retransmitiuse por Internet o fallo dun premio literario: o Primavera de novela, organizado por Ámbito Cultural El Corte Inglés e pola editorial Espasa. Outra iniciativa que amosa as posibilidades que ten a rede para a promoción do libro. Unha iniciativa a emular. Parabéns aos organizadores.

Etiquetas:

En Brétemas hai un ano, hai dous anos… (V)

  • Hai un ano recomendabamos a entrevista de Teresa Moure en Vieiros. Estes días Teresa ultima a súa vindeira novela, Benquerida catástrofe, que, finalmente, publicaremos a finais do mes de abril, con motivo do Día do Libro.
  • Hai dous anos reflexionabamos sobre os comentarios reintegracionistas sobre unha miña proposta de regular o ensino da lingua e cultura galegas como materia optativa nos centros de Secundaria do resto do Estado; mágoa, que esta iniciativa non se recollese na nova Lei Orgánica de Educación.

Novo libro do Profesor

Mañá presentaremos en Vigo o novo libro do Profesor Alonso Montero. Sei que esta nova obra de don Xesús é unha das máis queridas e miniadas polo seu compromiso dunha a vida a prol das causas de Galicia e do Partido Comunista no que milita denda hai máis de corenta anos. O texto de contracuberta que preparamos sobre a obra é o seguinte:

“Fálase neste libro de intelectuais galegos que reflexionaron en Galicia desde o marxismo, algúns deles investigados por primeira vez, e fálase de homes e mulleres que, antes e despois da Guerra Civil, protagonizaron accións –heroicas algunhas– contra as malfeituras da sociedade desde postulados e inquedanzas comunistas. Tamén nestes capítulos hai achegas novas. Nunhas e noutras páxinas, como é habitual na pedagoxía literaria do profesor Alonso Montero, adúcense e ofrécense textos reveladores case descoñecidos, ademais dun documento inédito extraordinariamente significativo, a “acta” orixinal da Iª Asemblea de intelectuais do PCG (marzo de 1977).”

O vindeiro sábado, ás 12:00 horas, celebrarase unha segunda presentación na Galería Sargadelos de Ferrol, na que participarán Yolanda Díaz e o histórico dirixente de CC.OO. Manuel Amor Deus.

Campo do Fragoso XXXIV

UN ESTADO DE ÁNIMO
O partido de onte demostrounos que o fútbol é, sobre todo, un estado de ánimo. E o do Celta desta tempada avala en Balaídos entre os escasos momentos de euforia e confianza e os máis numerosos de confusión e medo, moito medo. Así sucedeu onte contra o Rácing de Santander, un equipo que, coñecendo a actual falta de confianza celeste e sen ofrecer un xogo doutro xoves, soubo teimar nas súas posibilidades ata conseguir o seu obxectivo de puntuar. É innegable que o Celta fixo unha boa primeira parte. Tras o recente éxito europeo, con dous goles á media hora e con varias xogadas magníficas de Bamogo (un par de controis de calidade, un cano na área rival e o espléndido cabezazo do segundo gol), os celestes conseguiron entusiasmar ata tal punto ao público que parecía dar por resolta a crise. Máis tamén o é que tras a reanudación, o Celta fixo unha segunda parte nefasta, fracasando de cheo a estratexia do adestrador de arrefríar un encontro moi vivo con constantes alternativas nas dúas portas. Mentres os galegos saíron temerosos a tratar de conservar o resultado reforzando a defensa, os cántabros puxeron moita convicción na remontada, conducidos por un Pablo Munitis inmenso nos seus caneos e na súa imprevisible mobilidade en todas as posicións avanzadas, feitos que provocaron dous fatídicos erros de concentración defensiva celeste. Estragáronse así todas as posibilidades de conseguir, por fin, unha segunda vitoria na casa. A polémica, entón, volveu á bancada, onde unha parte semella máis concentrada en discutir as polémicas decisións de Fernando Vázquez (hoxe os seus trocos foron pouco afortunados) ca en apupar e erguer ao equipo cando cae abatido na súa impotencia. Con semellante desencontro entre o adestrador e unha parte do público non vai ser doado atopar a saída do túnel. Non se lle ve moito xeito, non.

Etiquetas:

Torpeza

El Pais de Galicia relata moi oportunamente a historia dunha torpeza que nos ten perplexos e profundamente preocupados desque a coñecimos. Non deixa de ser chocante que un asunto desta evidente gravidade (sinto coincidir co PP, mágoa!) pasase case desapercibido para o resto dos medios galegos. A columna de Suso de Toro, tamén de hoxe e no mesmo medio, así como a reportaxe de Tempos deste mes de febreiro sobre “o bipartito e a rexeneración democrática”, alertan sobre unha cuestión que sei preocupa cada vez a máis xente: a necesidade de que todos os membros do goberno bipartito (sen excepción) utilicen unha cultura política e unhas formas que non recorden nin de lonxe ás vellas prácticas do fraguismo. Comportamentos como os relatados na información de El Pais de Galicia constitúen unha torpeza inadmisible nun goberno que asumiu un compromiso coa cidadanía de traballar a prol da rexeneración democrática e da transparencia e participación cidadá como eixos da súa actuación. Un goberno no que tantos confiabamos e, a pesar destes esvaróns (que deberían ser explicados polos seus protagonistas), debemos seguir confiando. No caso da polémica dos rótulos, e como lembra Lluis Llach: “No es aixó, companys, no es aixó“.

Etiquetas: Galicia