Literatura con denominación de orixe
/en Artigos_Luzes, Polémicas, Traducións/por bretemasEtiquetas: Luzes
Lectura no Reino Unido
/en Lectura/por bretemas"Vigo por Magar III"
/en Artes Visuais, Autores, Novidades, Presentacións, Vigo, Xerais/por bretemasHoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.
"O adeus do vello mariñeiro"
/en Autores, Novidades, Poesía, Presentacións, Xerais/por bretemasOnte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro.
O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. “No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades”. Continuou Seoane cualificando o poemario como “canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento”. Rematou a súa intervención recomendando a lectura do “fermoso libro de Corcón” no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot “O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces”.
Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. “Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar”. Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é “a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron”.
Non á pena de morte
/en Dereitos_humanos, Política, Sociedade/por bretemasA aprobación por parte da Asemblea Xeral da ONU dunha resolución (desgrazadamente non “vinculante”) que pide a aplicación dunha moratoria ás execucións dos sentenciados a pena do morte, como primeiro paso para unha abolición por parte de todos os estados, é unha das noticias máis esperanzadoras deste ano a piques de finalizar. A pesar da crise das Nacións Unidas este debería ser o primeiro paso no proceso inevtiable de abolición da pena capital, como xa sucedeu no estado de New Jersey, o primeiro dos estadounidenses en derrogala. Con todo, non debemos esquecer que actualmente entre 19.000 e 25.000 persoas están condenadas a morte en todo o mundo, e neste ano foron executadas máis de 1.500 persoas, un auténtico escándalo para a humanidade, un xenocidio tan legal como silencioso. Apoiamos, pois, a campaña de Amnistía Internacional para conseguir un mundo libre de execucións.
"Blogonovela" galega
/en Blogs, Iniciativas, Medios, Narrativa/por bretemasUn artigo de Hernán Casciari e unha anotación de Juan Varela poñen sobre a mesa hoxe, outra volta, a cuestión da blogonovela ou “ficción on line”. A verdade é que o modelo de blogonovela que defende Casciari (empregando a metáfora da presenza dos seareiros no estadio, que compartimos plenamente) xa fora ensaiado en galego con anterioridade (en 1999) por Camilo Franco, razón pola que debemos considerala un invento galego e non arxentino. A cadaquén o seu, meus. Agora que contamos con varios diarios dixitais en galego podería volver ensaiarse esta modalidade de creación narrativa (aproveitando as posibilidades da textualidade electrónica: textos, imaxes, sons e enlaces) con moito maior difusión e participación de lectores e lectoras. Quen se atreve a escribir outra blogonovela galega? ou quizais xa se está escribindo e non o coñezamos. neste caso, pido axuda para localizala.
Knol
/en Edición, Internet, Tecnoloxías/por bretemasO mestre Juan Varela clarifica a estratexia do Google futuro: “Knol, el nuevo proyecto de enciclopedia en internet, es el último paso de Google para dejar de ser el Gran Buscador y convertirse en el gran medio con la receta mágica de esta era: tecnología, publicidad y contenidos.” Recomendo ler completa as dúas anotacións de Juan, son fulcrais para identificar as tendencias polas que pode transitar a web e a edición de contidos nos vindeiros anos. Un tema importante a seguir.
Entrevista a Xosé Manuel Sarille
/en Entrevistas, Lingua/por bretemasSarille pon o dedo na chaga do galego: o problema da situación “alarmante” da lingua e da súa perda de falantes está na falta de vontade política de todos os partidos con respecto ao proceso de normalización. Diante de tan contundente radiografía, expresada no seu recente ensaio, A impostura e a desorientación na normalización lingüística, Sarille propón abrir un debate sen imposturas nin visións litúrxicas.
Como sucede no eido da edición, da lectura (neste blog tan reiterados) e noutros das políticas culturais, sociais e sectoriais, o futuro dunha lingua que se nos derrama nas mans como area require dun novo programa político compartido que vaia moito máis alá do curtopracismo da presenza dos nacionalistas no goberno. Unha chamada de atención moi oportuna que debemos agradecer.
Nova entrevista a Ramiro Fonte
/en Autores, Críticas, Entrevistas, Presentacións, Xerais/por bretemasNova entrevista a Ramiro Fonte, desta volta na Voz de Galicia. Afortunadamente a publicación da terceira e derradeira entrega das Vidas de Infancia, non está pasando para os medios de comunicación desapercibida (este esforzo afouto de ofrecer case mil catro centas páxinas de prosa galega miniada ben o merece). Na entrevista realizada polo tamén escritor Ramón Loureiro (ollo á crítica extraordinaria de García Posada sobre As galeras de Normandía, considerada polo importante crítico como “obra mestra”, “una de las obras de mayor peso de las literaturas hispánicas en los últimos tiempos” e cun “nivel máximo de exigencia moral y estética, como sólo saben hacerlo los grandes escritores…”, beizóns, Ramón!) hai afirmacións de Ramiro que merecen ser arquivadas:
- “O home, entre outras moitas consideracións, é un ser memorioso que necesita crear lembranzas para valerse na súa vida. E o certo é que a literatura tamén ten moito de arte da memoria.”
- “[…] A memoria é coma a auga, foxe das nosas mans. E entón, cando se quere reconstruír literariamente, hai que recorrer á verdade literaria, que a miúdo ten moito de ficción. […] A única maneira de resucitar a moitas persoas que levan anos mortas é entrar nos territorios da literatura, no bo sentido da palabra. Eu en principio quería escribir un libro persoal, de lembranzas… O que fixen é reconstruír un pouco a historia desde abaixo, desde as humildes, desde o cotián. Esta triloxía converteuse nun fresco dunha época porque ten moito de memoria persoal, pero tamén de memoria colectiva.”
- “¿Quen somos nós agora para xulgar a vida que tiveron que vivir os nosos pais? Faltaba a liberdade, había miseria, e reler o libro faime chorar, pero tamén busquei que haxa cousas que fan rir. Hai problemas que quixen resolver a través da ironía, porque a ironía, como sabemos desde Cervantes, é o mellor remedio que temos contra as vexacións do tempo e contra as inxustizas.”
- “Quixen facer que a xente aparecese co seu nome, co seu apelido… Plasmar a multiplicidade da vida. A escritura do eu acabou sendo unha escritura do nós. ¿Que hai moita xente morta? Tamén está morto o neno que nós fomos. Dá un pouco de respecto poñerse a facer revivir épocas e acontecementos e persoas que levan corenta anos enterrados, si… Pero se algunha vez quixen parodiar a alguén, foi aos poderosos. Aos humildes, xamais. E se alguén é vítima do sarcasmo do escritor é o propio neno… que fun eu.”
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.