Campos do Fragoso XLIII

ASÍ NON SUBIMOS
Polo que vimos contra o Córdoba, así non subimos. O Celta de Stoichkov naufragou en todas as súas liñas contra o equipo que hai só uns meses gañou o Play Off de ascenso ao noso benquerido Pontevedra. Sen patrón de xogo, sen identidade de conxunto, sen individualidades desequilibrantes, sen referentes de liderado dentro e fóra do terreo de xogo, sen coñecemento das características do equipo rival, sen compromiso nin convicción nas propias posibilidades, os célticos foron dominados coma fantoches durante case todo o encontro (nalgúns momentos da segunda parte de forma vergonzosa) por un equipiño entusiasta que se tería levado doadamente o encontro de ter máis fortuna na finalización. Custoulle ao Celta media hora realizar un remate e, en todo o partido, só foi capaz de tecer unha xogada con verdadeiro sentido atacante (a do gol dun pésimo Canobbio, que culminou unha boa asistencia de Larena). Un pobrísimo balance de xogo para o peor Celta que recordo, polo menos, nos últimos quince anos. Os sufridos resistentes da bancada (apenas a metade dos que comezamos a tempada pasada) non podemos dar creto á semellante desfeita que, sendo realistas, sitúa aos celestes moito máis preto da 2º B ca do devecido ascenso a primeira. As dúas únicas notas positivas da lamentable matinal de onte foron o debut de tres canteiráns (Richi, Dani Abalo e, sobre todo, dun prometedor Roberto Lago), que adozaron cun pouco de sal e optimismo o aborrecemento do público, e a posibilidade de tributarlle unha derradeira homenaxe a Borja Oubiña, quen, inevitablemente, abandonará o clube esta semana. Moito, moito terá que mellorar este equipo, instalado nunha crise gravísima de identidade, para poder aspirar a recuperar tanto terreo perdido. A mesma enerxía que utilizou o señor Mouriño para desmantelar nunha semana o club debería empregala ésta para rearmar realmente o equipo. Se non o fai, pode volver precipitalo no abismo.

Etiquetas:

As 25 leis máis absurdas do mundo

Indispensable a anotación que publica hoxe Pedro Valadés sobre as 25 leis máis absurdas vixentes no mundo. Como adianto desa lectura tan recomendable, aí vai un anaco:

“[…] Na cidade de York, ao norte do país, esta permitido matar a unha persoa de orixe escocesa que transite polas murallas da cidade, a condición de que este cargue un arco e frechas. En canto ás mulleres embarazadas, permíteselles por lei evacuar as súas necesidades físicas en calquera lugar, ate no casco dun policía, se así o require a futura nai. Con todo, non só Estados Unidos e Reino Unido contan con este tipo de leis, en Francia, é ilegal pór a un porco o nome de Napoleón. En Indonesia, a masturbación se castiga con decapitación, e en San Salvador, os condutores de automóbiles que conduzan peneques poderían ser castigados coa pena de morte […]”

Etiquetas:

El Jueves, máis madeira

Adeus, Oubiña

Estes vindeiros días saberemos, por fin, se é o Manchester City ou o Benfica o destino do noso admirado Borja Oubiña, o mellor xogador galego de fútbol. Gosto de calquera das dúas opcións. Sempre crin que para as características do seu xogo a Premier League (hoxe a miña liga preferida) sería o espazo máis axeitado para medrar como futbolista; o tempo enérxico do xogo de conxunto do fútbol inglés sería o berce máis axeitado para lucir a capacidade de recuperación e a elegancia de desprazamento de balón do vigués. Non esquezamos que Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo, ademais de moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo. Mais tampouco é mala opción para el a do Benfica (onde pode ser unha estrela e voar, máis tarde, á Premier, onde os futbolistas portugueses teñen moito creto), a pesar de que a Liga Portuguesa non é das mellores europeas e que o conxunto que esta tempada adestrará Camacho non xogará a Champions (o pasado ano só quedou terceiro). Xogando Oubiña en Portugal teríamos unha razón máis para interesarnos polo noso país irmán (por que a TVG non trata de dar os partidos?). En todo caso, tanto Inglaterra como Lisboa son opcións intelixentes para un xogador a quen tanto debemos os celtistas. Saudosos, desexámoslles os maiores éxitos. Aupa, Borja!

Etiquetas:

Google maps e os blogs

Google maps acaba de introducir a posibilidade de que as súas buscas poidan ser publicadas nos blogs. Premendo en “establecer unha ligazón con esta páxina” aparece unha ventá, na que aconsello escoller a opción “personalizar e visualizar previamente o mapa que se inclúe”. Alí podemos escoller tamaño e copiar o código html para pegar na nosa anotación. Desde o blog poden utilizarse todas as utilidades e mesmo enlazar co mapa ampliado; así, as posibilidades de emprego didáctico, aumentan considerablemente. Eis a busca da miña oficina.

Visualizar o mapa ampliado

Gremio Literario

Xenial, Lisboa!

Vía Txetxu.

Etiquetas:

Himno galego: o ridículo de "El Mundo"

El Mundo, o periódico máis identificado hoxe coa dirección do Partido Popular de Mariano Rajoy, pretende atacar ao vicepresidente Quintana por medio dunha anotación sen asinatura na que se ridiculiza o himno galego e algunhas medidas de política lingüística aprobadas polo Goberno Galego.
O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado “xornal de referencia”.
A lamentable anotación non merecería máis comentario se non fose outro síntoma da ferocidade que esta prensa capitalina (ou esa inefable rede de blogs proRajoy, que meten medo!) está disposta a despregar co nacionalismo galego, ás portas das vindeiras Eleccións Xerais. Ben sería que por coherencia o propio Mariano saíse ao paso da anotación e solicitase unha rectificación ao seu benquerido PJ, xa que o actual presidente do PP é corresponsable da Lei de Símbolos de Galicia, aprobada (por unanimidade) en 1984 polo Parlamento Galego do que el daquela formaba parte. De non facelo, poderiamos chegar a pensar que Rajoy defende sen rubor ese “nacionalismo excluínte” que para El Mundo expresa o himno dun tal “Arturo Pondal”.
O máis pavero do asunto é que as palabras de Quintana foron ben sensatas e moi prudentes. Claro que a celebración do centenario do himno (o vindeiro 20 de decembro) merece ser salientada polo Goberno, polo Parlamento e polo conxunto da sociedade galega! Como tamén o desexo de Quintana (que todos compartimos) de que todos os escolares realmente aprendan o himno, mais aínda cando o coñecemento dos símbolos de Galicia está recollido como un dos contidos dos currículums de todas as etapas educativas non universitarias (mesmo dende a Educación Infantil). Quintana non propuxo nada que xa non estivese establecido na nosa lexislación educativa. Mágoa que os redactores anónimos de El Mundo non tivesen a paciencia e o rigor de comprobalo!
Etiquetas:

Ás voltas coa Área Metropolitana de Vigo

No artigo da semana reflexiono sobre a enésima polémica arredor da constitución da Área Metropolitana de Vigo. Entendo que o debate real está na reforma da organización territorial de Galicia, cuestión vencellada á reforma do Estatuto. O demais serían polémicas partidarias para seguir enredando e gañando tempo.

Etiquetas: