Adeus, Oubiña

Estes vindeiros días saberemos, por fin, se é o Manchester City ou o Benfica o destino do noso admirado Borja Oubiña, o mellor xogador galego de fútbol. Gosto de calquera das dúas opcións. Sempre crin que para as características do seu xogo a Premier League (hoxe a miña liga preferida) sería o espazo máis axeitado para medrar como futbolista; o tempo enérxico do xogo de conxunto do fútbol inglés sería o berce máis axeitado para lucir a capacidade de recuperación e a elegancia de desprazamento de balón do vigués. Non esquezamos que Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo, ademais de moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo. Mais tampouco é mala opción para el a do Benfica (onde pode ser unha estrela e voar, máis tarde, á Premier, onde os futbolistas portugueses teñen moito creto), a pesar de que a Liga Portuguesa non é das mellores europeas e que o conxunto que esta tempada adestrará Camacho non xogará a Champions (o pasado ano só quedou terceiro). Xogando Oubiña en Portugal teríamos unha razón máis para interesarnos polo noso país irmán (por que a TVG non trata de dar os partidos?). En todo caso, tanto Inglaterra como Lisboa son opcións intelixentes para un xogador a quen tanto debemos os celtistas. Saudosos, desexámoslles os maiores éxitos. Aupa, Borja!

Etiquetas:
3 comentarios

Los comentarios están desactivados.