Case perfecto: a primeira crítica

Montse Pena publica a primeira crítica de Case perfecto a última novela de Marina Mayoral. Eis un parágrafo do texto:

Case perfecto é tamén unha desas novelas que é complicado deixar de ler, que se devoran nunha ou dúas tardes. Os motivos non son outros que unha intriga ben dosificada (derivada de que ata as derradeiras páxinas non coñecemos en qué circunstancias faleceu o pai e marido, namentres aínda nos esperan algunhas sorpresas), un afondamento psicolóxico nos personaxes moi acaído (e ao que xa nos ten acostumados a autora) e unha fervenza de aconteceres un tanto excesiva, aínda que certamente entretida. Contra o final, a historia enguedéllase demasiado, a pesar de que a escrita sinxela e accesíbel de Mayoral impide que o receptor se vexa desbordado polas traxedias cotiás e non tan cotiás dunha familia da alta sociedade, que apuntan á sombra dunha lectora implícita media que por veces se deixa ver no texto.”

Etiquetas: Marina_Mayoral

A ortografía é unha actitude

Ten toda a razón Tiscar. En galego, aínda que moitos non acrediten niso, tamén.
Etiquetas: Ortografía

Análises dos resultados das locais

Entre as moitas análises nos blogs e na rede dos resultados das eleccións locais en Galicia interesáronme unhas cantas que enlazo para o arquivo:

Agardamos o comentario indispensable de dpaso.

Etiquetas: Locais_2007

Boys into books 11-14

Un espazo web moi interesante para coñecer os títulos recomendados e as estratexias de fomento da lectura para a etapa 11-14 polas autoridades educativas inglesas. O documento en PDF merece ser estudado de vagar (proporciona vieiros moi xeitosos para a dotación da biblioteca escolar e tamén para o traballo de editores, profesorado e responsables de bibliotecas públicas).
Via: Alcameh
Etiquetas: Lecturas_11-14

Xeración E Logo!

Esta iniciativa da SXPL é fermosa. Xa era de tempo de propoñer o nacemento como a primeira etapa normalizadora. Propostas de arrolos (todo un luxo de Espido, Mercedes Peón, Uxía, Xabier Díaz) escolma de nomes e outros materiais para celebrar aniversarios e seguir o libro da vida deben contribuír a mudar as actitudes das novas nais e pais arredor da lingua inicial para os seus fillos. Tamén o papel das institucións sanitarias e dos sanitarios pode ser moi interesante para o futuro da lingua.

Etiquetas: Galego

Inhibición electoral

Entre tantas análises sobre os resultados electorais paga a pena reparar no alto nivel de abstención que se produciu en Galicia (un 37,03%, case catro puntos máis ca nas anteriores), unha cifra que supón que case un millón de electores galegos que tiñan dereito ao voto decidiron quedar na casa. Porcentaxe que é aínda superior na maioría das nosas cidades como Vigo (case un 40%, o que supón 98.000 electores), Pontevedra (tamén case un 40%, 29.000 electores), Santiago (43%, 36.000 electores), Ferrol (44%, case 30.000 electores), Coruña (46%, máis de 100.000 electores). Eis nesa inhibición electoral (seguramente causada por fastío e alonxamento dos partidos das preocupacións cidadáns) pode atoparse algunhas das causas do paradóxico retroceso do voto de esquerdas e a mellora relativa das posicións conservadoras producida nas cidades galegas.
Na mesma liña podemos entender o sucedido en Redondela, onde se depositaron 1.544 votos nulos, causados, entendo na súa maior parte, polo chamamento realizado pola Liga Veciñal Polo Voto Útil, o que supón case un dez por cento dos votos emitidos (equivalentes aos dous concelleiros obtidos polo PG), ademais dunha clarísima reprobación aos partidos políticos redondeláns que levan anos e anos sen apostar por ningún tipo de renovación (o seu alcalde será o máis veterano dos galegos) nin na conformación das súas listas nin na súa proposta programática. Unha tristeza!
Ben sería que este toque de atención realizado fose pola vía do crecemento da inhibición electoral (un fenómeno que se produciu a nivel de todo o estado, 36%, case trece millóns de electores na casa, un 4,5% máis ca nas anteriores locais), fose pola da protesta nas urnas, servise para alertar aos tres partidos maioritarios galegos de que algo se está cocendo na sociedade civil por baixo da súa autocompracencia.

Etiquetas: Locais_2007

Profundizar no cambio político

Afeitos como estamos a escoitar os discursos autocompracentes dos responsables dos partidos, a ninguén pode extrañarlle que se manifesten igualmente satisfeitos cos resultados das locais. Unha cerimonia retórica que non pode agachar nin algúns importantes fracasos nin a consolidación das tendencias que se abriron tras as últimas autonómicas.
  • O Partido Popular, a pesar do seu bo comportamento na maioría das cidades, non pode evitar a súa decepción pola perda de 54 das súas maiorías absolutas, feito que suporá verse expulsado de moitas alcaldías e xa de dúas Deputacións, o que arruina a estratexia clientelista que mantivo durante cinco mandatos. Consolídase así a tendencia iniciada nas autonómicas de perda de boa parte dos seus apoios (que por vez primeira se sitúan por baixo do 42%) e de menor implantación nalgúns dos seus feudos tradicionais (os casos moi numerosos da provincia de Lugo e dalgunhas localidades pontevedresas, como Salceda, Nigrán e A Estrada, son moi significativos). Un panorama moi negro para Alberto Núñez Feijoo que na súa primeira convocatoria electoral non consegue remontar o voo.
  • O PSdeG-PSOE, a pesar de aumentar en porcentaxe de votos, número de concelleiros e novas alcaldías, non pode ocultar o rotundo fracaso da súa estratexia cesarista nalgunhas cidades onde gobernaba comodamente: A Coruña e Lugo, principalmente, (onde perde a súas maiorías absolutas e retrocede claramente) e, mesmo tamén en Santiago (onde Bugallo foi claramente superado polo candidato conservador). Estratexia cesarista que, coa honrosa excepción de Ferrol (onde Irisarri obtén un resultado magnífico), tampouco funcionou en Vigo, onde Abel Caballero apenas consegue incrementar a porcentaxe de votos en menos dun punto e medio (66 votos), o que amosa as serias dificultades de crecemento dos socialistas na primeira cidade galega. Moi fino terá que fiar o presidente Touriño para, a pesar de contar co poderoso aparello de poder da Xunta, rendabilizar a súa xestión en futuras convocatorias.
  • O BNG, a pesar de aumentar o seu número de votos, de concelleiros e de alcaldes en tres das provincias (coa excepción de Pontevedra, onde retrocede por mor do mal resultado de Vigo), non pode ocultar o seu fracaso nas cidades onde perde 24.000 votos (coa excepción da Coruña e, en menor medida, en Lugo). A debacle de Ferrolterra (despois da crise provocada polos seguidores de Rodríguez), o esmirriado resultado de Vigo (ao que non puido ser allea a estratexia da agrupación local de apoiar ao PP na cuestión do PXOM), a imposibilidade de conseguir o “sorpasso” en Ourense ou o serio aviso recibido en Pontevedra (onde pasa a segunda forza), a pesar de que poida conservar esta alcaldía e participar nos gobernos locais de todas as cidades, son feitos que non poden ser considerados como meras notas á marxe. O BNG conta con maiores posibilidades de condicionar ao PSdeG-PSOE (o que constitúe un éxito da súa Dirección), medra nas vilas intermedias (con resultados enormes en Monforte, Carballo ou nos concellos do Morrazo) e mesmo nalgunhas máis pequenas (como en Arzúa, Melide, Teo ou Gondomar) o que constitúen noticias para a esperanza dos que agardamos na ampliación do proxecto político nacionalista. No entanto e lonxe de autogabancias, os seus responsables deben reflexionar sobre cáles son as razóns das súas serias dificultades para consolidarse nas cidades, onde se concentra o 70% da poboación.

Agardamos que o proceso de negociación das alcaldías amose a madurez da política de rexeneración democrática e transparencia que, a pesar das insuficiencias, está abrindo o bipartito. Os cidadáns galegos apostaron por este xogo de equilibrios democráticos. Precisamos máis que nunca de sutileza, respecto e altura de miras por parte dos dous coaligados.

Etiquetas: Locais_2007

Campo do Fragoso XLI

FELIZ CARAMBOLA
Un penalti no tempo de desconto, que Fernando Baiano resolveu con enorme serenidade, permite ao Celta continuar coas súas posibilidades matemáticas de evitar o descenso. Unha feliz carambola para un partido dramático e escasamente vistoso no que os celestes nin foron superiores no xogo nin amosaron nunca unha mellor actitude que os béticos. De saída Stoichkov apostou polo equipo e polo esquema utilizado por Fernando Vázquez ao longo de case toda a tempada. Porén, a pesar da concentración de Borja Oubiña que permitiu algunhas interesantes recuperacións, os célticos nunca controlaron o centro do campo, por mor do naufraxio e a desimplicación xa habitual de Pablo García e de Canobbio. Só os dous voantes celestes conseguían subir polas bandas con certo perigo, mais como tamén é adoito os seus balóns se desperdiciaban na área pequena no momento decisivo do remate. Outra falla de marca de Placente permitiu que Odonkor centrase a pracer dende a liña de fondo para que Robert adiantase aos béticos. Semellaba entón que para a maior parte dos celestes, apenas transcorridos vinte minutos da primeira parte, o partido quedara resolto e a tempada amortizada. Só a actitude heroica de Gustavo López e un soberbio cacheirón coa súa zurda rescatou, a punto de chegar o descanso, a esperanza celeste. A segunda parte foi dun xogo nefasto dos dous conxuntos. A pesar da súa superioridade numérica, os de Stoichkov non foron capaces de intimidar a un rival moi disciplinado que se conformaba cun empate que o salvaba. No entanto cando a bancada manifestaba a súa decepción polo descenso, chegou a carambola dun inocente empurrón do porteiro andaluz a Núñez. O momento do lanzamento do penalti foi dramático e moi emocionante tanto no terreo de xogo coma na bancada. Grazas á precisión de Baiano, os celtistas que pretenden seguir soñando aínda poden facelo. A agonía continúa.

Etiquetas: Celta

27 M