Campo do Fragoso XLI

FELIZ CARAMBOLA
Un penalti no tempo de desconto, que Fernando Baiano resolveu con enorme serenidade, permite ao Celta continuar coas súas posibilidades matemáticas de evitar o descenso. Unha feliz carambola para un partido dramático e escasamente vistoso no que os celestes nin foron superiores no xogo nin amosaron nunca unha mellor actitude que os béticos. De saída Stoichkov apostou polo equipo e polo esquema utilizado por Fernando Vázquez ao longo de case toda a tempada. Porén, a pesar da concentración de Borja Oubiña que permitiu algunhas interesantes recuperacións, os célticos nunca controlaron o centro do campo, por mor do naufraxio e a desimplicación xa habitual de Pablo García e de Canobbio. Só os dous voantes celestes conseguían subir polas bandas con certo perigo, mais como tamén é adoito os seus balóns se desperdiciaban na área pequena no momento decisivo do remate. Outra falla de marca de Placente permitiu que Odonkor centrase a pracer dende a liña de fondo para que Robert adiantase aos béticos. Semellaba entón que para a maior parte dos celestes, apenas transcorridos vinte minutos da primeira parte, o partido quedara resolto e a tempada amortizada. Só a actitude heroica de Gustavo López e un soberbio cacheirón coa súa zurda rescatou, a punto de chegar o descanso, a esperanza celeste. A segunda parte foi dun xogo nefasto dos dous conxuntos. A pesar da súa superioridade numérica, os de Stoichkov non foron capaces de intimidar a un rival moi disciplinado que se conformaba cun empate que o salvaba. No entanto cando a bancada manifestaba a súa decepción polo descenso, chegou a carambola dun inocente empurrón do porteiro andaluz a Núñez. O momento do lanzamento do penalti foi dramático e moi emocionante tanto no terreo de xogo coma na bancada. Grazas á precisión de Baiano, os celtistas que pretenden seguir soñando aínda poden facelo. A agonía continúa.

Etiquetas: Celta