Libro aberto e clubes de lectores

Esta noite inicia a súa emisión Libro aberto, o agardado novo programa sobre libros e literatura da TVG. Polas noticias que temos o programa vai ser moi xeitoso e dinámico, con protagonismo importante dos clubes de lectores das bibliotecas. O programa de hoxe centrarase arredor de Corredores de sombra, a obra máis recente de Agustín Fernández Paz, que será entrevistado por Manuel Romón, o condutor do programa (un acerto recuperar a este Rompente para a programación cultural). A novela de Agustín foi traballada a fondo polo clube de lectores da Biblioteca Moaña, que prepararaon varias preguntas para que respondese o autor. A vindeira semana serán os lectores da Biblioteca Rialeda de Oleiros os que aborden O heroe. Darlle voz aos lectores, sexa por medio dos clubes de lectura ou dos críticos especializados en ámbitos temáticos ou de xénero, semella que vai constituír o sinal de identidade do programa que dirixe Luís Rei. Unha estratexia moi interesante. Agardamos que o programa consolide unha audiencia digna. A proposta ben a merece.

Blog de Xabier Docampo

Coñecín hoxe o blog de Xabier Docampo. Magnífico! É moi importante que os nosos escritores se vaian incorporando ao blogomillo. Semella que Xabier pretende aproveitar as posibilidades da textualidade electrónica. Recoméndoo vivamente.
Etiquetas: ,

"Contra Maquieiro", premio Losada Diéguez

Acollemos con ledicia a noticia da concesión do premio Losada Diéguez de creación 2005 ao último poemario de Ferrín. O xurado definiu a obra como “unha crónica lírico-sarcástica e comprometida co século XX e comezos do XXI na que o autor consigue harmonizar poesía, ficción, profecía e realidade social, cun perfecto equilibrio entre a técnica, a variedade formal e os contidos solidarios coa xente oprimida”. O xurado considerou Contra Maquieiro unha obra “á vez innovadora e experimental, na que o escritor se supera a si mesmo dando un novo exemplo da súa garra poética e do seu uso da fantasía como compromiso social”. A concesión deste premio coincide coa inauguración da exposición sobre a visión de trinta e catro asrtistas sobre a obra de Ferrín e tamén coa presentación do poemario que temos previsto realizar durante este mes de maio.

Etiquetas: , ,

Campo do Fragoso XX

ORGULLO CELESTE
Os dous mil celtistas arrecunchadiños nas bancadas de Riazor vivimos o sábado o partido máis feliz e emocionante que esta tempada ofreceu o equipo noso. Desta volta os celestes non se viron intimidados pola perigosa atmosfera do nordés que alí bate tan forte. Pola contra, saíron moi concentrados para conter con paciencia e disciplina defensiva as perigosas turradas iniciais dun Coruña decidido a procurar a vitoria que como auga de maio aliviase as dores da súa frouxa tempada. A modiño e con moito tempero, os de Fernando Vázquez foron desfacendo o nobelo dun derbi moi áspero. Grazas a unha defensa atacante moi sobria e elegante, aos límites da perfección, o Celta comezou a recuperar balóns no medio campo e a apuntar con perigo á porta dos Riazor Blues. Así chegou o gol máxico de Silviña, tras un oportuno remate dun Baiano moi implicado e batallador ao longo de todo o encontro. Co vento a favor e tras os oportunísimos trocos da segunda parte, o Celta abraiou aos locais cos seus continuos contragolpes e cambios de banda. Borja Oubiña –situado por vez primeira como atacante, por diante dos medios centros ocasionais– amosou nun par de xogadas extraordinarias que posúe, ademais de capacidade de recuperación defensiva, tamén o don do pase preciso (algo propio só das figuras). Nunha das súas alancadas proporcionou un servizo de ouro a Perera que non dubidou en noquear os coruñeses. Tras unha década de desgustos, este gran conxunto de Vázquez recuperou para o Celta a hexemonía indiscutible no futbol galego. Un día de orgullo e de competitiva ledicia para os seareiros celestes que ben sabiamos que non hai mal que dez anos dure.

Etiquetas: ,

Galego na escola

No artigo da semana reflexiono sobre a posta en marcha d0 plan experimental de ensino monolingüe galego na educación infantil.

Infancia, lingua e outros contos

Magnífico o artigo de Alba Nogueira. Ten moita razón na necesidade de “crear e fortalecer unha industria que, normalizadamente, dispoña de libros, discos, videoxogos, películas ou actuacións teatrais ou musicais en galego que favorezan a socialización en galego das nenas e nenos”. Para afrontar o proceso de regaleguización dos nosos pequenos é imprescindible tanto unha nova política lingüística na escola (mañá falaremos dela) como o apoio decidido á industria cultural que ofrece produtos para os pequenos cidadáns. Recomendo vivamente o artigo.

Etiquetas: , ,

Vídeos dos oitenta

Nesta páxina pódese atopar unha boa mostra de vídeos de música dos oitenta (Agradecidos, Pedro). A verdade é que non está todo e hai moita paxarada, mais, fedellando aínda se poden atopar cousas ben xeitosas. Entre tanta ramallada atopei aos meus amigos de Siniestro, tan noviños que non puiden evitar publicalos.

Etiqueta: , ,

Menea el Bullarengue, unha de Siniestro

Feira do libro de Compostela

Hoxe abriu a Feira do Libro de Compostela. Con respecto a edicións anteriores nótase un claro baixón do número de expositores (apenas vinte e seis), o que pode ser outro síntoma da crise deste modelo de promoción e do propio mercado do libro. Porén, as boa noticias son o elevado número de asinaturas de autores e autoras previstas e o feito de que Suso de Toro será mañá o pregoeiro, o que supón outra mostra de que vivimos nun tempo político novo. Estaremos na Alameda ás 13:00 horas.
Etiquetas: ,