Gennet Corcuera

O momento culminante da magnífica conferencia de onte de Pilar Pérez Esteve sobre as “Competencias lingüísticas no marco da Reforma Educativa” foi cando relatou a historia de Gennet Corcuera, a primeira española xordocega que chega á Universidade. Recordou que a estudante comentara nunha entrevista que o momento máis inesquecible da súa vida foi cando “comprendín que cada cousa ten o seu nome, foi coma romper unha cápsula de aceiro”. Poucas veces escoitamos unha referencia máis valiosa para explicar o valor da linguaxe para regular emocións e sentimentos, para entender como a lingua é a mediadora principal de todo tipo de aprendizaxes.

Panificadora

Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.

Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.

Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.

A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.

Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.

Bibliotecas Públicas en Galicia, un diagnóstico

Hilario Hernández abriu o IIIº Simposio O Libro e a Lectura cunha conferencia traballadísima sobre a situación das Bibliotecas Públicas (BP) en Galicia, con datos referidos a 2004 e 2005.
Hernández comezou a súa intervención definindo a biblioteca como “o servizo público que garante o acceso dos cidadáns en igualdade de oportunidades á cultura, á información e ao coñecemento”. Subliñou, logo, o seu carácter de servizo público universal e igualitario para toda a poboación; normalizado (a través de disposicións legais); responsabilidade da administración e organizado como sistema ou rede. Advertiu que no seu estudo sobre as BP, que consideraba como columna do sistema bibliotecario e da sociedade lectora, quedaban fóra as bibliotecas escolares, as académicas e as especializadas. Despois de referirse ao desenvolvemento normativo das BP en Galicia (detido en 1995) proporcionou os datos dispoñibles sobre procentaxe de lectores (poboación de 14 e máis anos) en 2005 por diferentes Comunidades Autónomas. Galicia sitúase, entre todas elas, en última posición, xunto a Estremadura. A partir dese momento foi debullando gran cantidade datos que permiten facer un acaído diagnóstico sobre a nosa carencial situación bibliotecaria pública. Entre os máis salientables, sinalamos os seguintes:
  • Habitantes por punto de servizo de BP: Galicia (6.424), España (9.349), UE (9.451).
  • M2 de BP por 1.000 habitantes: Galicia (30, 19, España (29,3), A Coruña, cidade (50,4), Vigo (11,1), Santiago (9,2).
  • Poboación inscrita en BP: Galicia (16,8%), España (21,1%), UE (26,7%). Case 240.000 dispoñían en 2004 carné de usuario dunha BP, dos que o 28% eran menores de 14 anos.
  • Visitas por habitante: Galicia (1,4), España (1,9), UE (4,8), Finlandia (18). As BP de Galicia en 2004 atenderon 3,8 millóns de visitas, das que 2,5 millóns rexistráronse na provincia da Coruña.
  • Visitas por habitante por cidades: A Coruña (5,9), Vigo (0,6), Santiago (0,4).
  • Préstamos por habitante: Galicia (0,43), España (1,09), UE (4,93).
  • Préstamos por habitantes por cidades: A Coruña (2,139, Vigo (0,14), Santiago (0,15). Xeralmente os índices de préstamo indican o índice de lectura da sociedade.
  • Libros por habitantes: Galicia (1,16), España (1,13), UE (1,80). Galicia contan nas súas bibliotecas con 3,2 millóns de libros que supoñen o 93,8% dos seus fondos. As pautas internacionais recomendan enre 1,5 e 2,5 libros por habitante.
  • Documentos sonoros, audiovisuais e electrónicos por 1.000 habitantes: Galicia (39), España (69), UE (147).
  • Adquisición de volumes por 1.000 habitantes: Galicia (80), España (82), UE (144).
  • Adquisición de libros por 1.000 habitantes por cidades: A Coruña (126), Santiago (35), Vigo (non consta que se adquirira ningún en 2004). As pautas recomendadas por IFLA/UNESCO están entre 150 e 250 libros por habitante e ano e a necesidade de renovar totalmente os fondos cada dez anos. As coleccións en Galicia teñen un marcado carácter patrimonial (de conservación), xa que o 47% dos fondos teñen unha antiguidade superior aos dez anos.
  • Gasto total en BP por habitante: Galicia (4,99 €), España (7,83 €), UE (17,53 €). Galicia gastou en BP, no ano 2004, 13,8 millóns de euros (7,7 na provincia da Coruña).
  • Gasto en persoal por habitante: Galicia (3,60 €), España (4,59 €), UE (10,36 €). As BP en Galicia eran atendidas en 2004 por un total de 532 traballadores (para 430 puntos, 1,2 por punto), xerando un gasto de 10,37 millóns de euros.
  • Gasto en persoal por habitante por cidades: A Coruña (12,68 €), Vigo (1,45 €), santiago (2,00 €). Na cidade da Coruña dispoñían de 4,6 traballadores de BP por cada 10.000 habitantes; en Lugo e Pontevedra, 3; en Ourense, 2; e en Vigo e Santiago, 1 por cada 10.000 habitantes.
  • Gasto en adquisicións por habitante: Galicia (0,54 €), España (1,11 €), UE (2,25 €). Galicia investiu 1,5 millóns de euros para renovar as coleccións.
  • Gasto total en BP por habitante por cidades: A Coruña (17,22 €, moi preto da cifra da UE), Vigo (1,77 €), Santiago (2,44 €). Un importante desequilibrio orzamentario existe entre as cidades galegas.
Traballando os datos poden tirarse moitas conclusións sobre o que realmente está sucendo na nosa rede de BP. Unha situación, coa honrosa excepción do concello da Coruña, extremadamente carencial.
Etiquetas: ,

Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”.
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”.
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”.
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”.
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

Vidas exemplares

Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.
Ulises, un excursionista extraviado no bosque, sinte tres arrepíos, que lle impiden articular palabra, cando coñeceu a tres anciáns que padecen unha condena insoportable… Un estraño engado percorre o xardín do Pazo de Galdán desque alí apareceu o corpo de dona Arminda… Nai e filla deambulaban pola tenda baixo a atenta mirada da dependenta, que observaba sen disimulo os gustos tan dispares das dúas mulleres… Aquel condutor tiña un problema, freara o coche en seco e saltara correndo cara aos servizos do bar como se o perseguise unha fera rabiosa… A vida de Héctor e da súa compañeira mudou cando a iguana chegou á súa casa…
Este volume, singularísimo na nosa produción narrativa actual, reúne vinte e un intensos relatos de medo e intriga, protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados. Un libro, escrito na mellor tradición dos clásicos do xénero de terror, que deita a súa mirada con ironía sobre os espazos máis escuros de vidas exemplares.
Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXVI

DESFEITA
O fracaso europeo e a vergonzosa eliminación copeira do pasado xoves non agoiraban que se producise onte en Balaidos o inicio da agardada remontada. Comezaron o encontro os celestes moi animados conseguindo sacar catro corners e outras tantas oportunidades na súa primeira xogada de ataque. Mais a medida que foron pasando os minutos, e despois de que un defensa onubense sacase na mesma liña de meta un bo cabezazo de Baiano, o Celta foise desinchando e a primeira parte concluíu de forma soporífera. Coa reanudación chegou decontado o primeiro gol do Recreativo (ata entón pouco máis fixera que defenderse de forma ordenada), a balón parado e dende a banda dereita (nunha xogada moi semellante a que provocou a derrota co Alavés). Foron os sete minutos posteriores de absoluto desconcerto, cando o Celta vagaba desorientado polo campo como un boxeador noqueado, os que mellor aproveitaron os andaluces para sentenciar o encontro: unha fatal perda de balón de Iriney (que, inexplicablemente, carecía de cobertura) permitiu a galopada en solitario de Uche que soubo gañarlle a cintura a Pinto e marcar a porta baleira. Unha desfeita. Non abondaron as saídas de Perera e Larena, nin sequera a bonita combinación de toda a dianteira, que concluíu no gol de Guayre, para culminar unha remontada que os celestes nunca mereceron. Moito terá que reflexionar Fernando Vázquez sobre cáles son as razóns destas decepcionantes actuacións do equipo en Balaídos (catro derrotas de cinco encontros). Urxe poñerlle remedio eficaz á falta de concentración defensiva, á incapacidade para tomar decisións atacantes valiosas ou a ese desequilibrio entre o xogo das bandas e os espazos centrais que fan deste Celta de Balaídos un equipo tan endeble. Unha ondada de melancolía percibíase na saída do estadio.

Etiquetas: ,

Ms. Dewey

Eis o novo buscador de Microsoft. A interface en flash é simpática, aínda que o buscador é lentísimo e a lectura e acceso das buscas complexa. Apúntome aos comentarios de Vanesa. Con todo, sinala unha tendencia…
Quen teña interese en experimentar con outros buscadores, o Chacha non está mal para atopar contidos, sobre todo, en inglés (mesmo ten a posibilidade de buscas titorizadas). Semella que no futuro non todo vai ser premer en Google.

Etiquetas: ,

Da escola das bolboretas á noite de voraces sombras

A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de ¿Qué me queres amor? é unha película que consegue emocionar, xa que tras os ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso. Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.
Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ó contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, sedutoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ao seu conflito. Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública.
Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.
A película é crónica do fracaso deste modelo escolar, desta utopía pedagóxica destruída pola barbarie da intransixencia que levou, só en Galicia, a que noventa profesores (segundo o censo máis recente de Xosé Docampo) pagasen coa súa vida polo único feito de ser coma don Gregorio. A lingua das bolboretas é unha homenaxe para eles que forman parte da memoria de todos os educadores progresistas de hoxe. Aquela escola das bolboretas deu paso para o profesorado republicano á noite de voraces sombras.
Os sublevados axiña puxeron fin a esperanza educativa republicana e abriron un período de mortes, encadeamentos, castigos e exilios, que afectaron grave e negativamente aos corpos docentes en toda España e así tamén en Galicia. Desde os primeiros momentos de iniciado o golpe militar, e alí onde triunfaba, púxose en marcha a maquinaria represiva sobre o profesorado, ditándose en pouco tempo distintas medidas sinalando o alcance da depuración de condutas políticas e sociais consideradas punibles polo novo Réxime. Todo o profesorado (e mesmo o alumnado das escolas de maxisterio do curso 1935-36) foi sometido a expedientes de depuración, isto é a expedientes informativos que contemplaban, a través das opinións e escritos de diversos informantes (especialmente do sector eclesiástico), o comportamento político, moral e profesional de cada un no tempo da IIª República. O tipo de cargos sometidos a sanción cubría unha extensa nómina: militancia en organizacións afectas á IIª República, nacionalismo/separatismo catalán, vasco ou galego, simpatías de esquerda, irrelixiosidade, pertenza á masonería, conduta privada inmoral, etc., derivándose do anterior as diversas resolucións: dende a confirmación no cargo, ata posibles sancións que supuxeron o cese total para case 700 profesores galegos (o que para moitos deles supuxo intentar o camiño do exilio cara América ou do exilio interior), para outros tantos a suspensión de emprego parcial ou traslado de localidade e para máis de sesicentos sancións económicas.
Moita peor sorte tiveron os xa citados noventa profesores fusilados en Galicia. En Vigo foi fusilado na tapia de Pereiro, o 27 de agosto de 1936, o mestre José Apolinar Torres, xunto a outras oito persoas, entre as que se atopaban os alcaldes de Lavadores (José Antela Conde) e Vigo (Emilio Martínez Garrido), tres deputados (Enrique Heraclio Botana, tipógrafo, fundador da UGT en Vigo e primeiro alcalde republicano da cidade; Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández), ademais de dous concelleiros socialistas (o médico Waldo Gil e Ramón González Brunet) e o panadeiro Manuel Rey “O Vilagarcía”.
O 12 de setembro de 1936, o tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez González “O Rabioso” e tres falanxistas de Bouzas foron buscar a súa escola a José Vázquez Grela, mestre de Nigrán que foi asasinado polas costas no barrio de Devesa. Severino Crespo, alumno seu, relata así os feitos: “(…) sacárono e metérono
nun coche daqueles antigos e baixaron cara ao cruce, torceron á esquerda e metéronse pola estrada de Camos. Niso a muller baixa correndo as escaleiras e só puido ver o coche como torcía cara ás Angustias, saíu correndo (…) cando chegou preto das Angustias xa se oíron os tiros. Levárono pegado por un carreiro ao cemiterio do Cean e dixéronlle que baixara que o ían levar xunto do cura, así como comezou a andar pegáronlle cinco tiros polas costas, a carón dun carballo”.
Semellante infortunio ocorreu o 15 de setembro de 1936, cando foi paseado o mestre da escola Pública de Coia, Víctor Fráiz Villanueva, comunista, fundador da
FETE-UGT de Galicia e profesor de ideas pedagóxicas moi avanzadas como as descritas cando falamos da escola das bolboretas. Outrosí sufriu Antonio Mojón Vázquez, nacido na Cañiza e mestre interino en Asturias, fusilado no Monte do Castro o 31 de outubro de 1936, tras un Consello de Guerra.
Outros mestres asasinados da nosa comarca, dos que só temos constancia documental do seu nome, foron: Xoán Alonso Pérez e X. A. Álvarez Álvarez, os dous de escolas de Arbo; José Cortés, mestre de Goián; Hipólito Gallego Camarero, da escola de Forcadela, Tomiño (fusilado o 4 de agosto de 1936 en Mondariz); Gumersindo Gastiasoro, mestre de Cangas; Vitor Trabazo, mestre de Moaña. Outros dous mestres galeguistas de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao, e Xosé Losada Castelao, ambos os dous curmáns de Castelao, morreron o 24 de abril de 1937 no porto de Vigo cando intentaban fuxir nun bou cara a Francia.
Hoxe, setenta anos depois, pronunciando os seus nomes, estamos exercendo o noso lexítimo dereito á esperanza das luces da República que eles coa súa vida prenderon.

(Extracto da intervención preparada para pronunciar o día 15 de novembro na Semana pola Recuperación da memoria Histórica de Navia)

Casa das Letras

Vía Txetxu coñezo Casa das letras, o blog da Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo. Que eu coñeza, coa excepción dos espazos webs de Andel, Couceiro de Santiago e Trazos (con vendas online) este é o primeiro blog dunha libraría galega, un feito que cremos debe ser salientada. Esta veterana libraría da Mariña (tamén un centro de actividades culturais) foi recoñecida este ano co Premio Irmandade do Libro polo seu labor que, agora, dá un paso ao espazo electrónico. O blog inclúe fundamentalmente reseñas de novidades e noticias de autores (interesantísima a crónica da homenaxe a Suso Peña). Este blog é de indubidable interese, aínda que se bota en falta unha maior presenza do galego e, sequera, algunha referencia ás bitacoras culturais galegas.

Etiquetas: , ,