Cuestión de acenos

Vía Manolo Gago (outra vez) descubro o interesantísimo blog de Julián Gallo, profesor arxentino de novos medios. Mete medo ler este post sobre a análise dos acenos que realizan as forzas israelitas de seguridade no aeroporto Ben Gurion. Atopo así explicación ao que me sucedeu hai dúas semanas no JFK. Debín amosarme moi disgustado ou anoxado? O deseño deste blog é impecable e os contidos moi suxestivos e variados. A idea do tag do día é para emular. Unha razón máis para seguir lendo blogs como forma de acceso ao coñecemento.
Etiquetas:

O encadernador

Dedicado ao meu amigo Folerpa.
(Vía Libreros, fonte inesgotable de coñecemento e beleza)

Etiquetas: ,

Miña terra galega

Siniestro total

(Primeira formación de Siniestro Total, 1982)

Vieiros alertounos do vinte e cinco aniversario do accidente de Siniestro Total. No artigo da semana conto o que sei sobre os preliminares do asunto e reclamo un recoñecemento colectivo para estes músicos que traballan en beneficio de todos.

Novos orixinais

Nestes últimos días de verán adoitan entrar moitos orixinais. Sobre a mesa teño moi interesantes cousas para ler, que publicaremos nos vindeiros meses: dous libros de relatos para Fóra de Xogo (Sucos de bágoas e Cartas de amor), unha novela (Pecados manuais, premio concelle de Melide 2005) e un libro de narracións (Palabras contadas). A tempada literaria comeza.

Etiquetas:

A nosa dimensión tráxica

Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes “mileuristas” que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?

Etiquetas: Galicia, Sinistros

O ABCdario de Peonza

O magnífico ABCdario de animación á lectura do Equipo Peonza pode consultarse no Cervantes virtual. Un deses textos imprescindibles para profes, bibliotecarios ou editores, agora, por fin on line. Moi, moi recomendable.
Grazas, Tökland.

Cal será a próxima?

Mágoa de país con semellantes tendencias suicidas!
Cal será a próxima catástrofe medioambiental?
(Vídeo vía Contando estrelas)
Actualización (24-08-2006): os autores do vídeo son galiciaenpie.com, a cadaquén o seu. Os meus parabéns polo seu traballo
Etiquetas: ,

Zagat

NY é todo un bazar, onde se pode mercar case calquera cousa. O maior perigo do turista (non renego desa denominación) é transformar o seu paseo nunha interminable xornada de visitas a todo tipo de tendas. Dende as máis exclusivas da Quinta e da Madison (preto de Central Park) ás elegantísimas do Soho ou do Greenwich Village, o comercio é a primeira actividade económica da cidade. O prezo asequible para nós dalgúns produtos, sobre todo da roupa (con formidables rebaixas de ata o 70%), e a magnífica arquitectura interior dalgúns establecementos (ollo!: o aire acondicionado está tan alto que podemos pillar un arrefriado) son dous alicientes máis para anestesiarnos saíndo e entrando en porta si e porta tamén.
Unha boa guía para non perder moito tempo é seguir os indicativos ZAGAT Survey, que tamén axudan para atopar restaurantes e outros servizos de hostelería. A Time out e a Where (as dúas impresas en papel e na rede) son outras axudas bastante fiables nesta tarefa de economía da atención. Con todo, é inevitable (e recomendable) entrar a botar unha ollada por Macys e polo Apple Store (experiencia ineludible para os que somos maceiros). Ademais das tendas, en NY hai magníficos mercados populares onde mercar todo tipo de trapalladas ou tomar unha masaxe antiestres; non hai que perder o longuísimo da Avenida Madison (os domingos ao mediodía) e o de Union Square (os sábados pola mañá).

Etiquetas: