Frecha amarela

Gustoume moito a nova identidade corporativa do Xacobeo. Sinala un importante cambio na estratexia de comunicación e proxección de Galicia no exterior. Un grande acerto apostar por esta imaxe laica, civil e un chisquiño grafiteira (Esa frechiña recórdame, un pouco, ao logo noso de Fóra de Xogo, deseñado hai doce anos polo xenial Miguel Vigo). Beizóns!
Etiquetas: ,

Infantil en galego

Hai un mes reclamabamos a ampliación do programa experimental de escolarización en galego na Educación Infantil. A Consellaría de Educación, por fin, caeu do cabalo e prendeu ese fío do Plan de Normalización anunciando que poderán participar todos os centros sostidos con fondos públicos (é dicir os públicos e concertados) que teñan polo menos dúas liñás por cada curso da etapa 3-6. Esta si que é unha medida normalizadora de auténtico calado, moito máis se vai acompañada, como é de agardar, de apoios nos medios didácticos e na formación do profesorado. A creación dunha atmosfera galeguizadora nos centros dende o inicio dos procesos de alfabetización (Infantil e primeiro ciclo de Primaria) é a estratexia máis sólida para consolidar avances reais no emprego da lingua como vehicular na Primaria e na Secundaria. Desta volta, os meus parabéns para o equipo da Consellaría de Educación.

Etiquetas: , ,

Obrigado, moito obrigado

Sen querer entrar en polémicas nin pretender rebater interpretacións, aseguro que Quintana foi, o pasado mércores á noitiña, o primeiro que soubo da miña decisión. Tempo haberá nos vindeiros días nestas brétemas para falar e reflexionar devagariño sobre un rebumbio que protagonicei sen procuralo. A pesar da filtración informativa interesada do martes pasado, a pesar dos malos días que levo pasado dende entón, volvín comprobar que de todas as experiencias dolorosas da vida poden tirarse cousas positivas. E, abofé, que desta volta fíxenme cunhas cantas. Reitero o meu agradecemento por todas as opinións que desde a rede ou telefonicamente recibín, tanto as que me animaban aceptar o convite como aqueloutras que consideraban debía declinalo. Grazas de corazón a todos e todas.

Sempre Lois Pereiro

Magoaríame que por mor do rebumbio estas brétemas non lembrasen que hoxe é o décimo cabodano de Lois Pereiro. Recomendo as homenaxes de Josito, Mourullo, Folerpa e Jaureguizar. Aposto polo vindeiro dezasete para o inesquecible Lois:

Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e furia necesaria.

"O cidadán do mes" cambia para Libraría Sisargas

Unha inundación da Libraría Couceiro (vaia mala sorte, dous accidentes deste tipo nun mesmo mes!) obríganos a mudar o lugar da presentación de mañá d’ O cidadán do mes á Libraría Sisargas (Curros Enríquez 9) da Coruña. Agradecemos moito este cabo que nos botou Marta Souto, a responsable da aquelada libraría de Monte Alto. Este xoves, pois, ás oito, acompañando a Diego Ameixeiras estarán Miguel López Calzada e Fran Alonso falando do detective Dopico. Agradezo que se difunda na rede este cambio tan obrigado como precipitado.
Etiquetas:,

Ánimo, Olga!

Non será a afouta e xustificada denuncia de Olga a punta dun iceberg? Moitos temos escoitado sobre a precariedade da situación dos lectorados e do funcionamento insatisfactorio dos Centros de Estudos Galegos. Non conviría, dez vez, meterlle o dente a este asunto?
Etiquetas: ,

Nova etapa para "Vieiros da escola"

Os Vieiros da escola iniciaron unha nova etapa, xestionados por Nova Escola Galega, dedicando un monográfico ao Día das Letras. A escola en galego precisa destes recursos electrónicos, que botamos en falta. Un eido que debemos atender con maior interese. Boa camiñada!

Etiquetas: , ,

"Cullerón" de John Berger

CULLERÓN

Peltre cheo de picadelas
a lúa do cullerón
erguéndose sobre a estivada
mergullándose na pota
servindo a xeracións e xeracións
fumegando
dragando o que agromou das sementes
na horta
espesado con pataca
sobrevivíndonos a todos
no ceo de madeira
da parede da cociña

Nai servicial
que co fumeante peito de peltre
veado polos sales
alimentou os seus fillos
esfameados coma xabaríns
coa terra do serán
engastallada nas unllas
e o pan irmao
nai servicial

Cullerón
bota no prato
o ceo fumeante
co sol cenoria
as estrelas de sal
e a graxa da porca terra
cullerón
bota no prato
o ceo fumegante
bota caldo prós nosos días
bota sono prá noite
bota anos prós meus fillos

(John Berger, poema extraído de Porca terra. Tradución: Xoán Abeleira)

Etiquetas: , ,

Cifras do estado da edición nos EE.UU

Os inquedos blogueiros do Extratexto (un dos mellores espazos sobre edición internacional que coñezo) proporcionan hoxe algunhas cifras ben curiosas sobre o estado da edición nos EE.UU. Paga a pena debullar estes datos para identificar tendencias sobre o futuro da edición. Copio algúns dos máis salientables e chocantes:
  • O 78% dos livros publicados vieram de pequenos e microeditores que habitualmente trabalham 50 horas semanais sem direito a férias ou segurança social.
  • As primeiras tiragens são, em média, de 5.000 exemplares (cuja venda total é, em obras de ficção, considerada um sucesso, 7.500 de vendas para não ficção).
  • Os preços dos livros têm subido nos últimos anos, em valores variáveis de 2 a 20%, custando em média entre $30 a $40 (€23,5 a €31).
  • Dos 15 000 estabelecimentos de venda de livros, 8 000 são livrarias e 3 000 delas são livrarias de especialidade.
  • O 40% das compras de livros são por impulso.
  • A venda de livros online já ultrapassa os 10% do total de livros vendidos.
  • De 10 000 livros infantis escritos, 3 são publicados…
  • O 47% das pessoas compram livros baratos ou usados (de €0,75 a €6).
En comparación cos nosos, quizais os datos máis espectaculares sexan as tiraxes medias (nós en galego non acadamos en 2004 os 1.500) e os prezos entre (€12 e €18). Mellor non falar do 10% de compras en Internet (non acadamos nin sequera o 1%). Porén, semella moito máis doado publicar aquí, especialmente libros infantís. Quen goste de comparar máis estatísticas da industria estadounidense do libro aquí ten onde pasar o rato.
Etiquetas: ,

Resaca das letras

Mañá nova Resaca das letras. A iniciativa é ben aquelada. Mágoa que non poida acudir.

Etiquetas; ,