Está vendo o arquivo da categoría » costa_do_solpor

Rematamos onte tres días de intensa participación na Feira do Libro da Coruña. Seráns literarias todas moi concorridas  e interesantes nas que presentamos algunhas das novidades recentes de Xerais dirixidas a públicos diversos.

Comezamos o martes 1 de agosto con Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro nunha sesión audiovisual na que Xosé María Lema presentou os espazos e os personaxes desta versión publicada en Fóra de Xogo da novela coa que o de Bamiro homenaxea o clásico de Stevenson, a comarca da Costa da Morte. Continuou Elena Gallego Abad, que conversou coa escritora e crítica Mercedes Queixas sobre O xogo de Babel, unha novela publicada na serie de fronteira Milmanda, na que a creadora da serie «Dragal» explora o xénero romántico, a intriga psicolóxica e a literatura de viaxes, tan pouco frecuentes en galego. Pechou a primeira xornada Xurxo Mariño que engaiolou ao público coa presentación audiovisual do seu periplo arredor do planeta recollido en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, publicado en Básicos Ciencia, e no seu blog fotográfico Vagamundeando. Mentres que Anxo Fariña asinou exemplares na libraría Lume de 4 xinetes.

Protagonizaron a segunda xornada, a do mércores 2 de agosto, Carlos Callón, Pedro Feijoo e Ledicia Costas. Callón tirando de moita retranca presentou o seu ensaio Galegocalentes e galegofalantes, publicado na colección Crónica, e defendeu a necesidade da activación dos galegofalantes e da unión dos galegocalantes como claves para o futuro do idioma. Xaora, os minutos de ouro dunha intervención moi vibrante de Callón foron os que dedicou a denunciar a identificación que os medios de comunicación galegos fan do galego coa delicuencia. A seguir conversamos con Pedro Feijoo sobre Os fillos do lume, a novela que recibida de forma entusiasta pola crítica lidera tamén de forma indiscutible todas as listas dos libros máis vendidos en galego. Feijoo defendeu a importancia da memoria no conxunto da súa obra e a súa intención de ofrecer outra visión de acontecmentos claves da nosa historia, como a Guerra de Galicia, mal chamada da Independencia. Mentres que a escritora Ledicia Costas asinou no stand de Lume exemplares da súa obra.

Onte, na nosa derradeira xornada, foron protagonistas Xurxo Souto, Manuel Rivas e Miguel Vázquez Freire. Souto presentou a cuarta edición de Contos da Coruña, un clásico, publicado hai dezaseis anos, que constitúe un auténtico compendio de épica cascarilleira, lembrando á poeta Luisa Villalta, que morreu en 2004 sen poder presentar En concerto, o seu libro póstumo. As repichocas e os contos de Xurxo emocionaron a un público que rendido celebrou a palabra coruñesa perfecta: ORZÁN. Desenvolveuse despois a agardada homenaxe arredor de Os libros arden mal de Manuel Rivas, recoñecida co Premio Mondoñedo 10 como a mellor novela galega da década (2006-2015). Antes da lectura de tres fragmentos, Rivas defendeu «a memoria conxugada como un presente recordado, a utopía de seres que exercen o dereito a soñar», insistindo en que «o corpo da linguaxe é a liberdade», e «a literatura debe funcionar como un biodetector, capaz de desvelar zonas de misterio», para finalizar citando a John Berger: «hai que ter un pouco de esperanza».

Pechou a participación de Xerais a presentación de Demos de verán, o regreso á narrativa galega, despois de case dúas décadas, de Miguel Vázquez Freire. Foi o xornalista Tino Santiago quen presentou unha novela que definiu como de lectura moi intensa. Na súa intervención Miguel confesou que tardara dez anos en escribila, «abandoneino moita sveces, case pode comigo como escritor, mais conseguín finalizala». Desvelou que foran tres as fontes da obra. A primeira os sucesos de malos tratos a menores acaecidos en 1984 e coñecidos como o caso Edelweiss; asegunda, un encontro fortuíto que tivo en Roma, que lle permitiu crear o personaxe de Radia Ludescu e desatascar a novela; e o terceiro, a proliferación de ideas, que levaron á humanidade ao desastre, difíciles de erradicar. «Quixen facer unha novela paródica das novelas esotéricas, ao xeito d’ O péndulo de Foucault, uha novela de misterio con fondo esotérico». Rematou Miguel anunciando a apertura do blog da novela onde publicará contidos estendidos.

 

P1020268

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia deste ano dos que coñecimos onte o seu ditame e nos que por vez primeira en trinta e sete edicións asistiu o presidente da Xunta de Galicia. É innegable que quedei fachendoso polos dous premios recibidos por libros publicados por Xerais, a gran novela de Xosé María Lema, que xa quedara en varias oportunidades co mel nos beizos, e a Estilística da lingua galega de Freixeiro Mato. Como tamén foron excelentes noticias o recoñecemento a traxectoria de Berrogüetto, coincidindo co seu adeus dos escenarios, como de Costa da Morte, a película de Lois Patiño que internacionaliza o Novo cinema galego. Como merecen todos os parabéns Antón Pulido, o noso grande pintor contemporáneo, e o labor de Yolanda Castaño no ciclo Poetas D(in)versos do Agora coruñés e Ponte-Poética en Pontevedra. Foi a novidade desta edición a nova modalidade de Cultura Gastronómica que recoñeceu a creación do Marrón glacé por parte do Grupo Cuevas, capaz de transformar a humilde castaña nunha excelente delicatessen internacional. Os chamamentos á recuperación do consenso arredor do idioma, coincidindo co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, que fixeron dende a tribuna Lema e Freixeiro, como as apelacións á excelencia de Castaño, Pulido, Patiño e Anxo Pintos foron tamén moi oportunas. Outra excelente edición dun esforzo en mancomún do que participamos.

Onte 1072: Nemancos

bretemas —  31 de Agosto de 2014 — Deixa un comentario

cabo_vilano

Percorremos onte algúns dos vieiros das terras de Nemancos, entre os concellos de Muxía e Camariñas, espazo literario lópez abentiano no que Xosé María Lema desenvolveu algunhas escenas memorables da súa Costa de Solpor. A pesar da fortísima ventada e de abraiarnos coas dimensións da piscifactoría da norueguesa Stolt Sea Farm, pagounos moito a pena a visita ao Faro Vilán e ao seu aqueladiño centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimas da Costa da Morte. Como tamén foi ben proveitosa a paradiña en San Xulián de Moraime, impresionante igrexa do século XII, unha das tantas alfaias pouco coñecidas do románico, onde conversamos cunha veciña sobre o que foi o mosteiro e o cárcere onde gardaba as súas ovellas. Despois dun xantar monográfico de froitos do mar, procuramos o acougo e unhas horas de lectura na praia do Lago, unha marabilla natural que por ventura conserva o seu espazo intermareal atlántico. Ao regreso, probablemente para desfacer ideas prexuizadas, en Quintáns, na parroquia de San Martiño de Ozón, parounos na estrada unha manda de vacas, demostrando que a de Nemancos, é tamén terra gandeira. Unha xornada nemanquina ben aproveitada, si señor!

Na xira de presentacións de Costa do Solpor, a novela de Xosé María Lema, fondeamos no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. Máis alá do interese das magníficas intervencións das presentadoras, Chus Barbeira e Concha Blanco, e da emoción do recital do poeta Alexandre Nerium, moito me chamou a atención as impresionantes instalacións da Casa da Cultura, tanto polo auditorio en dúas alturas, para máis de catro centas persoas, no que se desenvolveu a presentación, como polo resto das instalacións, unha sala de conferencias no soto, outra de exposicións e a biblioteca municipal. Un edificio impoñente cuxa construción leva arrastrado unha polémica xurídica esperpéntica e un longo conflito político de relato complexo. Sen entrar en moitos detalles, a lea ten a súa orixe na adxudicación da construción da obra polo alcalde (socialista) Alejandro Rodríguez Lema á empresa do seu irmán Manuel [Rodríquez Lema]. Unha obra licitada en 1,1millóns de euros que acabaría custando ás arcas públicas (concello, deputación e Xunta) 2,5 millóns de euros. Porén, foi o importe dunhas «obras de máis», non contempladas no proxecto inicial, as que provocaron unha reclamación do construtor e unha sentenza do TSXG que obriga ao concello de Vimianzo a pagar agora máis dun millón de euros. Unha formidable enleada política que arruína a un concello pequeno (apenas 8.500 habitantes e uns ingresos que non chegan aos seis millóns de euros) pola megalomanía dun alcalde. Unha situación máis escandalosa cando é unha evidencia clamorosa a relación familiar entre o alcalde e o construtora da obra, e no feito de inaugurala (2007), pouco antes das eleccións municipais, cando aínda non estaba totalmente finalizada. É este de Vimianzo un caso illado?

Foi a de onte unha xornada de presentacións en Compostela. Pola mañá acompañamos a Elena Gallego no acto no que se anunciou o salto da triloxía Dragal aos soportes multimedia. No serán fixémolo con Xosé María Lema que, acompañado por Xesús Ferro Ruibal, presentou en Couceiro Costa do Solpor. Día, pois, de dragóns e piratas, mundos ficcionais diferentes, mais ambos os dous enfiados pola tradición galega e polo seu carácter universal.

O salto da triloxía de Elena Gallego ao audiovisual (adaptación cinematográfica, web, videoxogos, cómic e creación dunha comunidade virtual…) amosa que as boas historias para o audiovisual galego tamén están na nosa inagotable fonte literaria. Julio Casal, o produtor de Ficción Producciones, entendeu a potencialidade do mundo ficcional creado por Elena Gallego para desenvolver un ambicioso proxecto transmedia coas marcas da literatura fantástica e do noso patrimonio de dragóns, serpes, cocas e tarascas. Unha iniciativa moi innovadora destinada ao público mozo na que temos grandes esperanzas.

Na sesión de tarde, Xesús Ferro Ruibal encadrou Costa do Solpor “como unha desas grandes obras que están no mínimo común múltiplo da comunidade galega”. “Unha novela de autoría inesperada, repentina, dun autor de quen coñeciamos os seus traballos lexicográficos, etnográficos ou artísticos, mais de que non sabiamos a súa actividade como narrador”, mais tamén que contén unha segunda sorpresa “a do seu tamaño, as súas 664 páxinas, quizais debido a que en tempos de fame gustan as novelas longas”, comezou salientado Ferro Ruibal.  Despois, sinalou como terceira marca da novela “ser debedora doutra, A illa do tesouro de Stevenson”. “Isto pasoulle a outras obras clásicas, como a Eneida de Virxilio, que é unha prolongación dalgún episodio que a Homero lle quedara por contar na Ilíada. Neses episodios condénsase a filosofía da sociedade clásica, como a novela de Lema quere ser unha filosofía da sociedade galega do século XVIII”. A verosimilitude do relato foi outra das características gabadas polo presentador, que definiu a obra como “unha novela de cociña lenta”, ademais do seu “carácter non maniqueo, xa que aquí a bondade e maldade están ben repartidas”. Atención especial mereceu para o académico a lingua “especialmente coidada”. “Toda a novela está cociñada con galego vivo, diferenciando entre a lingua do narrador e a lingua dos personaxes”. Puxo exemplos moi significativos sobre a fraseoloxía utilizada por Lema, considerando que “nesa pulcritude fraseolóxica está o nivel C2 de calquera lingua”. Para rematar, Ferro Ruibal atreveuse a facer dúas predicións. Primeira: “esta novela será traducida ao inglés pola necesidade da cultura inglesa de coñecer como rematou a Illa do tesouro“. Segunda: “A Costa da Morte terá unha rota turística que será denominada “Costa do Solpor” que percorrerá os espazos da novela de Lema”.