Fenda de lectura

No artigo da semana no Faro de Vigo comento os resultados do barómetro do CIS sobre lectura.

Lectoras

É de agradecer que o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) dedicase o seu estudo do mes de setembro a analizar o estado da lectura en España. Un barómetro, no que foron consultadas 2.483 persoas, do que se tiran datos esclarecedores sobre o comportamento dos lectores e lectoras, tanto no que atinxe aos soportes impresos (libros, xornais e revistas), como dixitais (e-books e prensa dixital). Un retrato que permite comprender o actual proceso de hibridación da lectura, provocada pola masificación da lectura de textos e hipertextos en pantallas (ordenadores, taboíñas e teléfonos), que afecta xa e de forma irreversible a todos os segmentos de idade, coexiste coa utilización de soportes impresos que, a pesar dos interesados agoiros dos gurús dixitais, representan aínda a maior parte da cota lectora.

Nun país onde o 87,10% da poboación valora a situación política como mala ou moi mala, o 61,60 % declárase interesada pola lectura como actividade cultural, porcentaxe só superada pola música (74,60%) e polo cine (63,40%), e superior á do teatro (39,00%) e ás artes plásticas (40,60%), cifras semellantes ás do último barómetro deste tipo, publicado polo CIS en decembro de 2014. A lectura ten un espazo de seu nas preferencias da poboación que nun 63,90% se declara lectora de libros (65,00% en 2014), porcentaxes que se sitúas aínda por debaixo da media europea (68,00%), e nun 69,60% de xornais.

No entanto, o 74,20% das persoas consultadas expresan a percepción de que se le pouco, identificando a existencia dun déficit lector na nosa sociedade. Outrosí, a pesar de que un 38,10% declaran que non len nunca un libro e un 30,40% que non tocan un xornal, hai pola contra un 28,60% que todos os días len nun libro e un 39,80% que o fan nos xornais. Cifras que expresan a existencia na nosa sociedade dunha fenda entre o terzo daquelas persoas que consolidaron o seu hábito lector e o terzo daqueloutras que son totalmente alleas á práctica lectora.

As razóns da fobia lectora radican no desinterese e falta de atractivo da lectura (para o 42,30% das persoas que non len nunca) ou pola falta de tempo (22,30%), mentres que a filia lectora ten as súas principais motivacións no entretemento (para o 59,70% das enquisadas), na procura de información (14,10%) e na mellora cultural (12,30%), sendo apenas o 12,60% as que len “obrigadas” por razóns académicas ou profesionais. Cifras que sitúan o comportamento lector e a compra de libros (o 47,60% declara ter comprado e o 38,40% ter agasallado algún libro no último ano) no eido das actividades do lecer. Contexto no que é comprensible que novela sexa o xénero preferido para o 73,50% das persoas que se declaran lectoras. O que, ademais, semella coherente co feito de que o 60,70% confese que a lectura é unha escolla persoal, aínda que o 26,50% agradeza as recomendacións de familiares e amizades e só o 11,30% se oriente polas dos profesionais da libraría, crítica e medios; sendo para o 61,10% o tema do libro o seu principal criterio de escolla, seguindo polo 20,30% que acredita no coñecemento do autor ou autora.

Actividade que para un 89,80% das lectoras desenvólvese na casa, o espazo privilexiado para a lectura, onde o 17% afirma contar con máis de 200 libros, o que explicaría que o 70,90% declarase non ter pisado unha biblioteca no último ano, a pesar do seu papel no fomento da lectura e no acceso gratuíto a Internet. Como é de atender o feito paradóxico de que baixe a media de libros lidos por habitante e ano até 7,92 (en 2014, 8,6), que queda moi lonxe das doutros estados da Unión con maior febre lectora como Finlandia (47 por ano), mentres aumenta a dos libros mercados por habitante, 6,46 (en 2014, 5,96). Como tamén semella significativo que a pesar de que o 81,90% das persoas consultadas confese que se conecta todos os días a Internet, só un 43,80% utiliza o seu ordenador, taboíña ou teléfono para ler textos longos “de varios parágrafos” en webs, blogs e redes sociais, o que expresa a fraxilidade da actual lectura electrónica.

Como tamén é salientable que no proceso de hibridación dos soportes de lectura o 78,60% das consultadas exprese a súa preferencia polo emprego do libro impreso (o 80% no barómetro de 2014) e o 60,50% polo xornal en papel, aínda que un 37,60% confese ter lido algunha vez un e-book e un 31,70% aventure que no futuro haberá moi poucos libros impresos en papel.

En definitiva, no marco da crise económica e política e do proceso de hibridación dixital da cultura, este novo barómetro do CIS consolida en España un modelo de lectura hibridado e vinculado coas actividades culturais de lecer, especialmente a música e o cine. Un modelo no que se detecta unha profunda fenda entre as persoas lectoras e non lectoras, así como unha ralentización do proceso de dixitalización do sector do libro e da lectura.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *