Está vendo o arquivo da categoría » Dicionarios

Onte 1547: Feminicidio

bretemas —  31 de Decembro de 2015 — Deixa un comentario

feminicidio_en_galicia

O magnífico Portal das Palabras elixiu “refuxiado” como a palabra do ano 2015. Mil setecentas persoas escollérona entre a media ducia de finalistas, –onde estaban “feminicidio”, “rechouchío”, “indignación”, “xihadismo” e “plebiscitario”–, probablemente para expresar a súa solidariedade cos millóns de persoas obrigadas a fuxiren dos seus países de orixe cara Europa. Xaora, e co maior respecto para esta escolla, para min é “feminicidio”, palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos, a triste protagonista deste ano. Este asasinato imparable de mulleres por razóns de xénero, que onte en Galicia acadou a sétima vítima, a quinta na área metropolitana viguesa e a número 55 en todo o estado, non pode ser abordado de forma rotineira nin como un fenómeno social inevitable. Este feminicidio debe pasara a formar parte central da axenda pública (a utilizada polos medios e institucións públicas), das preocupacións das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) como das iniciativas e organizacións sociais e cívicas  (non só dos grupos feministas). Razóns polas que cómpre chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.

0884131001223892154-Faleceu Manuel Rodríguez Alonso, un obreiro das Letras Galegas do noso tempo. Un cancro fulminouno en apenas mes e medio. Foise coa mesma discreción coa que traballou arreo como profesor de instituto e da UNED, como lingüista, como editor, como crítico e, sobre todo, como lector privilexiado da literatura galega actual. Tremenda perda para a crítica literaria galega dunha das súas figuras máis destacadas que desde o seu blog Bouvard e Pécuchet –nome que é unha homenaxe á obra póstuma de Flaubert– atendeu con independencia, rigor e constancia encomiables toda a produción literaria recente, con atención preferente á contribucion dos textos na formación do lector e lectora literario. Non esquecerei os nosos contactos destes dous útimos meses con motivo da súa participación no xurado de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2015, do que de forma xenerosa aceptara formar parte. Manuel Rodríguez Alonso deixa a súa importante obra crítica e ensaística, mais tamén outra non menos relevante, a lexicográfica, como un dos dicionaristas que foi máis destacados da lingua galega. A súa valoración do silencioso traballo editorial, como concienzudo editor de textos que foi, a súa preocupación pola corrección e a calidade da lingua literaria galega marcaron tendencia na crítica galega, transformándose en expresión de autoestima e rigor para o noso sistema literario. Lembrarei a Manolo con gratitude e admiración. Beizón.

O foxo do castelo de Soutomario foi o espazo de privilexio escollido para a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo 2012. Os autores do Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais; o escritor e funcionario redondelán Gonzalo Amoedo López; e o Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Pronvicial de Lugo foron os galardonados. Especialmente memorable e punxente resultou a intervención de Luís Villares defendendo a necesidade dunha acción xurídica positiva a prol da lingua galega e un traballo social eficaz para desmontar os prexuízos existentes sobre o seu uso en todos os ámbitos. Agardo que a Fundación Lois Peña Novo publique decontado os vídeos de todas as intervencións, moi valiosas, dun serán no que se defendeu con paixón e razón o emprego da lingua galega no eido da Xustiza e o consumo responsable dos produtos etiquetados en galego. Parabéns aos premiados e aos organizadores.

Ten moita razón Xabier DoCampo cando di que non damos abandonada a situación aquela da Penélope do chairego Xosé Díaz Castro: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea ds teus soños non se move». O día no que o concello de Lugo aprobou por unanimidade unha magnífica ordenanza de uso do galego, soubemos pola denuncia do Diario da Liberdade que os nosos dicionarios nun dos centros de El Corte Inglés da Coruña ocupan o espazo das «Lenguas extranjeras». A ordenanza lucense é un importante paso adiante, tanto por artellar un amplo espazo de consenso social arredor do emprego do galego, como polo que supón de modelo, sobre todo no que atinxe ao compromiso de contar cun Gabinete de Normalización Lingüística. Porén, a ubicación inadecuada dos nosos dicionarios no centro comercial coruñés, é un doloroso paso atrás, máis aínda cando sabemos que noutros centros galegos de ECI o libro galego, incluídos os dicionarios, recibe un tratamento profesional e, mesmo agarimeiro, por parte dos responsables e dos profesionais do departamento de Libraría. Indígname e magóame comprobar que o libro e a lingua galega sexan tratados como «estranxeiros na súa terra». Agardo que os responsables de ECI coruñés retifiquen na «Semana das Letras Galegas».

Esta dispoñible a nova versión do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG). A esta nova versión incorporáronse novas coleccións documentais e novos modos de busca que a converten nunha ferramenta moi útil para o coñecemento da lingua galega medieval e as temáticas vencelladas con ela. Que pensaría don Xosé María Álvarez Blázquez se puidese consultar todas estasFontes” dende o seu despacho? Unha contribución moi valiosa do ILG, na liña do seu Tesouro Informatizado da Lingua Galega, para coñecer e traballar neste caso sobre o corpus lexicográfico e literario galego medieval. Parabéns ao equipo de autores, patrocinadores e empresas comerciais colaboradoras.
Etiquetas: