Artigos

Onte 1822: “Arredor das Irmandades da Fala”, presentación na Coruña

Cochon_Casas_Ferreiro_e_Barreiro_02-02-2017

Onte nun serán de galerna presentamos na Librería Sisargas da Coruña Arredor das Irmandades da Fala, o volume colectivo coordinado por Luís Cochón, cuxa edición foi apoiada polos concellos de Compostela, Coruña e Ferrol. Un acto literario brillante no que interviron, ademais do director do proxecto, os profesores Arturo Casas e Xosé Ramón Barreiro Fernández e o alcalde da Coruña Xulio Ferreiro.

XG00259901Comezou o seu discurso Cochón celebrando que fose A Coruña, a cidade fundante das Irmandades da Fala, quen acollese a primeira presentación deste libro. lembrou ao prologuista da obra, Xosé Luís Méndez Ferrín, e á musa do libro, que partiu dunha conversa con Branca Novoneira, concelleira de Cultura de Santiago. Xustificou, a seguir, o período de tempo establecido para o estudo, 1914-1931, entre o inicio da da Gran Guerra e sétima asamblea das Irmandades da Fala e o primeiro congreso do Partido Galeguista. “Este libro saíu da convicción compartida de que facer no ano 2016 con motivo da fundación da primeira Irmandade. Pretendimos estudar o comportamento asambleario, como foi a historia do movemento e  que foron e que non foron ao cabo as Irmandades. Conscientes de que o lapso 1914-1931 configura un tempo determinante na historia de Galicia, sexa galeguista ou non galeguista, nun tempo cando se chamaban nacionalistas moitos máis dos que hoxe”.

Arturo Casas centrou o seu discurso na figura do seu parente Víctor Casas, “na miña familia ‘o pobre Victor’. o director do xornal A Nosa Terra, cando foi fusilado en Poio o 12 de novembro de 1936, o único liberado do Partido Galeguista”. Arturo glosou a figura do xornalista fusilado, como lembrou que o foran tamén Manuel Lustres Rivas, Xohán Carballeira e Roberto Blanco Torres, e lamentou que a pesar da súa actividade xornalística dende os vinte anos fose un perfecto descoñecido. “O seus artigos foron recollidos por Enrique Romasanta no libro Escritos políticos, publicado por Edicións A Nosa Terra, onde recolleu algúnhas das súas columnas publicadas baixo o título “Do momento”, análises que teñen transcendencia hoxe, quizais por que asuntos diso que se chama España non avanzan”. Citou Casas a carta que Víctor escribiu a Gómez Román a noite antes que fose fusilado, “pedindolle que o Partido Galeguista se refundase na esquerda, o que el sempre defendía”. “Víctor Casa tamén participou na tentativa de facer un teatro nacional galego. Tiña criterio no ámbito da poesía. Foi un ideólogo importante na estratexia política do partido e, sobre todo, un xornalista”. Rematou Arturo parabenizando a Luís Cochon, “un gran director de escena capaz de montar unha obra tan interesante como a que hoxe presentamos”.

Xosé Ramón Barreiro comezou salientando que este centenario das Irmandades fose celebrado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e os concellos do norte de  Galicia, o que demostra que “somos un pobo que lembra e agradece”. Para Barreiro a clave da celebración deste centenario é responder a algunhas preguntas: “Por que no ano 1914 repentinamente en Galicia se descubre o poder do nacionalismo? Por que a lingua se converte dende entón nun plasma sanguíneo capaz de darlle consistencia a todo? Cales son as razóns deste cambio?” Para Barreiro a resposta está na Primeira Guerra Mundial, “cando estados como Francia e Inglaterra trataban de derrubar as barreiras que no centro de Europa establecían o estado austro-húngaro ou Turquía”. “Francia e Inglaterra apoiaron a aquelas etnias sen estado para loitar contra estes estados intermedios. Déronlle así peso ao nacionalismo, ás novas fronteiras e á recuperación das linguas. Foi nos Balcáns onde se concentrou o interese de dinamitar estes estados intermedios. Isto é o que explica que o nacionalismo se convertise en ariete”.

Para Barreiro este contexto creado pola Guerra do 14 facilita que “os membros das Irmandades da Fala orienten a súa actividade arredor da fala e dunha reivindicación política que pretendía reducir o peso dos poderes oligárquicos. Mentres os vascos e os cataláns conseguiron reducir o número de deputados que non foran deles, isto non pasou en Galicia, por mor do caciquismo. Con todo,os membros das Irmandades nunca perderon a fe e continuaron construíndo unha teoría do feito diferencial galego”. “Ademais un dos aspectos fundamentais das Irmandades foi que dende o seu comezo lle deron valor á economía, son os primeiros en poñer o acento en que Galicia debía entrar no sistema capitalista e, unha vez alí, establecer rectificacións”. Citou Barreiro a contribución das Irmandades ao debate foral, as súas propostas e elucubracións ferroviarias ou as súas propostas sobre os sectores agrícolas e gandeiros. “Os membros das Irmandades soñaron e traballaron arreo para que Galicia recuperase a súa lingua e asúa dignidade”. Rematou Bareiro felicitando ao coordinador, “este é un libro que Cochón preparou co esmero e a intelixencia que lle é propia”.

Pechou a quenda de discursos, o alcalde Xulio Ferreiro que definiu o libro como “coral, aberto e transversal, como foron as Irmandades, unha obra que perdurará”,  Xaora, botou en falta que na obra non se abordase o papel sobranceiro das mulleres das Irmandades, precursoras do feminismo galego.

 

Onte 466: “Abecedario das mantenzas”, lembrando a Fausto Galdo

Na sede da Real Academia Galega celebramos a presentación do Abecedario das mantenzas. O acto constituíu unha intensa e emocionante homenaxe a Fausto Galdo, o seu autor, falecido o pasado mes de novembro cando a edición do libro estaba comezando a ser encadernada. Médico reumatólogo queridísimo, Galdo pertenceu a esa xeración de médicos humanistas coruñeses, irrepetible, que consideran o ser humano na súa integridade. Así foi lembrado na presentación por Cristino Álvarez, que encadrou esta enciclopedia gastronómica na estirpe das obras clásicas publicadas por Alexandre Dumas, Ángel Muro ou nos diversos dicionarios gastronómicos de Larousse.

Xosé Ramón Barreiro Fernández lembrou con emoción a Fausto salientado que “a pesar de non chegar a tempo para a presentación, estaba presente no acto”. Valorou, despois, “esta enciclopedia gastronómica galega como o auténtico testamento intelectual de Galdo. Aquí aparece todo o que ten que ver coa mantenza, toda a súa sabedoría. Faino de forma asequible, integrando con enorme xenerosidade os nomes de todos os que en Galicia escribiron sobre temas gastronómicos”. O profesor Barreiro insistíu na importancia do libro: “Isto é cultura galega. Non só por estar escrita en lingua galega. A cultura no seu fondo é a forma que a comunidade galega tivo de dar resposta as súas necesidades en forma de beleza. A forma que ten un pobo de comer é cultura. Con este gran libro Fausto Galdo fixo patria”.

Pechou as intervencións Faxildo Galdo, un dos fillos de Fausto, autor da ilustración de cuberta, realizando unha fermosa e moi emocionante biografía gastronómica do seu pai. Faxildo definíu o Abecedario das mantenzas como un “libro de gastrosofía”, lembrando ao seu pai como un “grande discutidor e escoitante”, no que o interese pola cultura das mantenzas, a pesar de que cociñaba pouco, foi un continuo na súa vida. Unha presentación inesquecible, na que o salón da RAG quedou pequeno.

El Ideal Gallego publica unha ampla crónica do acto e os xornais La opinión da Coruña e Faro de Vigo publican hoxe na súa última páxina unha ampla reportaxe sobre o libro.

Onte 349:«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

Case coincidindo co cincuenta aniversario da publicación de Longa noite de pedra, chegaron os exemplares de control de calidade da agardadísima biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Probablemente esta biografía monumental, froito dun traballo de investigación moi concienciudo e demorado, constitúa un dos maiores acontecementos do exitoso Ano Celso Emilio. Do excelente traballo do meu admirado Moncho Nicolás, do que sei se falará devagariño nas vindeiras semanas quixera adiantar e salientar neste adral apenas tres cuestións. Primeira: a amplitude do relato e a diversidade dos milleiros de fontes documentais e orais consultadas debuxan un perfil moi completo do autor de Onde o mundo se chama Celanova. Esta será, sen dúbida, durante moito tempo a biografía de referencia sobre Celso Emilio. Segunda: a integración de parte do epistolario de Ferreiro, até agora completamente inédito, achega numerosas novidades biográficas escritas en primeira persoa, ao tempo que clarifica episodios até agora polémicos. Terceira: o magnífico pulo narrativo de Ramón Nicolás, mesmo a súa vontade de estilo inequívoca, tanto nos capítulos de investigación como naqueloutros «ficcionados», fan engaiolante e amenísima a lectura dun libro que supera as seiscentas páxinas. Esta biografía literaria de Nicolás, como a de Barreiro sobre Murguía ou a de Rodríguez sobre Rosalía, amosan o pulo, tamén en galego, dun dos xéneros narrativos preferidos hoxe entre o lectorado literario. Recomendo todas as tres moi vivamente.

Reconquista popular

No artigo da semana rememoro o carácter popular da festa da Reconquista, que hoxe celebramos en Vigo, ao abeiro das achegas bibliográficas recentes de Eduardo Rolland e Xosé Ramón Barreiro Fernández. A pesar do moito que se ten avanzado no coñecemento e interpretación destes feitos,  continúan existindo zonas de sombra para os historiadores, como é o caso da existencia ou non de Carolo –«ese ancián mariñeiro do Berbés que caeu morto no seu empeño de deitar a machadazos á porta de Gamboa», segundo relata Xosé María Álvarez Blázquez– do que, porén, os investigadores non atopan rastro ningún na documentación. Sexa ou non un mito, na figura dese Carolo ou desoutra Aurora (a heroína que conseguía mobilizar ás mulleres), dous dos protagonistas da escenificación popular da Festa Reconquista realizada onte no Casco Vello, atopamos a estirpe popular do fenómeno fundacional da nosa cidade. Conservar o carácter popular e participativo da Reconquista debería ser o obxectivo primeiro da festa que hoxe celebramos.

Xeitosa reportaxe fotográfica de Sonia Daponte en Xornal de Galicia.