Listado de la etiqueta: union_europea

Cidade pesqueira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao carácter de Vigo como cidade pesqueira:

Lalo Vázquez Gil, cronista oficial da cidade durante tres décadas, rescata nos seus Novos Retrincos da Historia de Vigo (Ediciones Cardeñoso 2005) un dos documentos máis útiles para entender a historia viguesa. Trátase do acordo asinado en Domaio o 29 de xaneiro de 1573 polos xustizas ordinarios (alcaldes), procuradores xerais, rexedores (concelleiros) e cinco veciños de cada un dos portos de Vigo, Redondela e Cangas no que se recolle as ordenanzas e estatutos da pesca da sardiña na ría de Vigo. Un documento esclarecedor para entender, como sinala con retranca Valentín Paz Andrade, que o mar dos trobadores é tamén o mar das sardiñas e, como fixera tamén o licenciado Molina en 1550 salientando a riqueza da sardiña e da pescada nos portos de Vigo, Bouzas, Baiona e Redondela, «que abastecían a Galicia e aínda a Castela e Portugal», a importancia do seu comercio, que obriga aos labores de carretado, escochado e prensado dos que se ocupaban milleiros de mulleres. Mais e sobre todo un texto que amosaba que dende hai case cinco séculos na ría de Vigo non podía botar as redes quen e como quixera, sendo a pesca unha actividade regulada polas autoridades e polos propios mareantes.

Revisar os termos daquel texto provoca hoxe sorpresa polo afán de facer unha pesca –empregando a terminoloxía actual– sostible, xa que as restricións fixadas pretendían «non facer dano á ría e a pesca dela» e obrigaban a todos os mariñeiros da ría de Vigo, como aos procedentes de Portugal, que no caso de contraviñelas perderían os seus aparellos ou serían multados con mil marabedís ou mesmo co cárcere, se fosen reincidentes. O acordo suspendía a pesca dende o venres á tardiña até a medianoite do domingo coa «intención de reparar o aparello» e regulaba o calendario da actividade dos cercos e dos xeitos: os primeiros sairían dende o 8 de agosto ao día de San Silvestre, final de ano; os xeitos, dende o primeiro de maio até a saída dos cercos; mentres se mantiña unha veda da pesca da sardiña dende o primeiro de ano ao primeiro de maio. O texto, ademais, regulaba as características das redes sardiñeiras, «que constarían de cento cincuenta e cinco mallas, segundo se adoitaba usar antigamente, porque sendo de máis faise moito dano á dita ría e pesca dela». Prohibíase o emprego dalgúns tipos de palangres, rascas e cazoeiras e establecíase as zonas da ría nas que se poderían botar certos aparellos.

Dende entón, a actividade pesqueira do Berbés, a nosa abella da ribeira, en metáfora afortunada do poeta Manuel Lueiro Rey, o primeiro pulmón económico da vila e despois cidade, asumiu diversas regulacións das súas actividades e limitacións das súas capturas, dende aquelas Ordenanzas da Carlos III de 1768 recollendo e unificando as normas tradicionais da pesca nas Rías Baixas, rescatadas do esquezo por Xosé María Álvarez Blázquez, pasando polas ordenanzas que regularon a actividade do corso, coincidindo coa chegada a partir de 1770 dos fomentadores da pesca e comerciantes cataláns ao barrio do Areal, até as máis recentes do século XX, da ampliación a 200 millas da Zona Económica Exclusiva (ZEE, 1982) e das severas limitacións establecidas coa incorporación da España á Unión Europea (1986). Regulacións que obrigaron a repensar o modelo de actividade pesqueira, e afectaron tamén ao empeño industrial dos sectores conserveiro, do conxelado e da construción naval, mais que tamén amosaron a vontade do sector pesqueiro vigués, agrupado dende 1964 na Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto Vigo (ARVI), de asumir un modelo de pesca máis selectiva baseada en información científica e no principio de substentabilidade medio ambiental, económica e social como piares dunha actividade economicamente viable no marco da Política Pesqueira Común.

Unha reflexión xa presente nas angueiras do pioneiro Valentín Paz Andrade, promotor dos congresos internacionais de ministros de pesca, organizados coincidindo coas celebracións das diversas edicións da Wordl Fishing Exhibition (WFE 1973, 1985, 1991, 1997, 2003 e 2009), que contribuíron a colocar o porto de Vigo, e a propia cidade, como referente mundial dunha actividade pesqueira responsable. Preocupación retomada dende hai unha década pola celebración en Vigo con gran éxito (repetido a pasada semana) da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), iniciada co seu congreso no que se debaten os retos actuais e futuros da industria pesqueira. Nese contexto dirímese a actual batalla política e xurídica, tras o veto (probablemente precipitado) da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 polígonos de augas comunitarias, que ameaza a actividade das flotas pesqueiras galegas. Como cidade pesqueira atlántica todo Vigo debe proporcionar apoio ao primeiro sector económico da súa historia.

 

Plurilingües dende o galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a necesidade dunha nova política lingüística escolar:

Os datos sobre o estado da lingua son alarmantes: dende 2003 a 2018 o galego perdeu 250.000 falantes, o que supón que as persoas galegofalantes habituais supoñen o 52 % do total da poboación, unha diminución do 10 % nese período. Cifras que en tramos de idade amosan unha fenda xeracional no uso da lingua inédita, xa que o 75 % das maiores de 65 anos son galegofalantes mentres que a porcentaxe diminúe até o 25 % nas menores de 15. Como desacougantes son os datos dispoñibles sobre a competencia adquirida polo alumnado galego da Educación Secundaria Obrigatoria que amosan que os estudantes rematan esta etapa cunha capacitación, tanto na expresión oral como na escrita, superior en lingua castelá ca galega. Datos que expresan o fenómeno que os docentes coñecemos: o do dramático abandono do uso do galego como lingua de instalación habitual polos que serían os seus falantes máis novos rompendo cando se incorporan a Primaria e inician a aprendizaxe da lectura e da escritura a súa cadea de transmisión familiar, sendo a súa competencia oral e escrita, no caso de utilizar o galego, inferior a adquirida en castelán.

En resumo, as crianzas cada vez falan menos en galego e con máis dificultades. Un abandono que identificamos coa aceleración que na segunda década do século se produciu no proceso de substitución lingüística do galego polo castelán en case todos os ámbitos da vida social, coincidindo cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo, responsable principal da aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, unha operación electoral coa que rompeu o consenso político e social forxado en 2004, no derradeiro goberno de Manuel Fraga, arredor do Plan xeral de normalización da lingua galega. Un decreto cuxos efectos nunca foron avaliados, a pesar de que así o establece anualmente a súa disposición adicional quinta, mais que de facto supuxo a creación dos «centros plurilingües», nos que se incorporou de forma regrada e explícita o uso vehicular da lingua estranxeira (eufemismo de ˝inglés”), así como un retroceso moi significativo do emprego do galego en Educación Infantil e primeiros cursos da Educación Primaria e a súa contundente prohibición nas áreas, hoxe privilexiadas como «STEM», de Matemáticas e Física e Química.

Diante de semellante fracaso da política lingüística feijoana, asumida polo seu sucesor, Alfonso Rueda, un dos participantes na estratéxica manifestación de febreiro de 2009 contra a «imposición lingüística», outra fake new de carácter negacionista, se pretendemos evitar que o galego sexa unha das linguas que a Unesco identifica como en «grave perigo», cómpre acuñar un novo modelo de política lingüística escolar que conte tanto co consenso da desenvolta até 2009 como se axeite á precaria saúde actual do galego e ao marco de preservación da diversidade lingüística garantido pola Unión Europea. Un modelo de equidade para o galego que asegure o seu futuro dentro do marco competencial deseñado na nova lei de educación (LOMLOE), que inicia novos currículums no curso 2022-2023, e garanta unha educación lingüística que dende un enfoque comunicativo e utilizando metodoloxías activas atenda tanto á adquisición efectiva dunha dobre competencia nas destrezas orais e escritas das linguas oficiais como atenda, dende unha actitude de sensibilización lingüística, á preservación da riqueza cultural e lingüística como unha tarefa abordada por todo o profesorado nos espazos escolares de convivencia, polo tanto dentro e fóra da aula, que contribúe ao desenvolvemento da competencia clave social e cívica.

Á tarefa compartida de reconstruír un modelo lingüístico do sistema educativo favorable á nosa lingua e respectuoso cos seus e as súas falantes, á vez que sirva como vehículo de integración da súa diversidade e útil para o futuro de todo o alumnado, contribúe o recente documento Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (RAG, 2022), preparado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Unha guía de referencia dirixida ao profesorado que, fronte ao plurilingüismo homoxeneizador do fracasado e ameazante decreto 79/2010 de Feijoo que obriga a retroceder ao galego, propón un concepto alternativo, o dun plurilingüismo restitutivo, construído dende o galego e comprometido co seu futuro, socialmente inclusivo, respectuoso e fomentador da diversidade e capaz de garantir a competencia en varios idiomas. Un plurilingüismo que como opción didáctica viable e decidida aposta ético-cívica alicerza unha educación lingüística que atende tanto a adquisición da competencia idiomática como ao respecto e valoración da diversidade lingüística. Nesa dimensión ética e didáctica o galego podería enxergar a súa recuperación.

 

Onte 1708: Brexit

BrexitO Brexit expresa o fracaso do proxecto europeo como comunidade política, incrementado dende o inicio da crise financeira tanto polo aumento da desigualdade e da xenofobia como polo retroceso dos dereitos sociais e cívicos da cidadanía. Tras a decisión do Reino Unido ábrese un debate ineludible sobre o futuro do soño europeo, tanto polas posibilidades de cohesión que abre liberarse do lastre do nacionalismo inglés, como polos perigos de desintegración efectiva da UE, se os partidos da ultradereita chegan a encabezar algún dos gobernos. Xaora, é innegable que o Brexit abre a axenda para a reunificación de Irlanda e para a celebración dun novo referendum para Escocia (onde gañou a continuidade do proxecto europeo), mais que tamén suporá unha nova política de inmigración, creando incertezas e medos para os milleiros de compatriotas que traballan e viven no Reino Unido como cidadáns da UE. Tras o previsible tsunami de medo, o Brexit abre apenas unha nova etapa da crise aberta por Lehman Brothers en 2008.

Idomenei

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a crise humanitaria que milleiros de refuxiados sirios sofren en Idomenei.

idomeneiO campo de refuxiados de Idomenei, na fronteira greco-macedonia, onde máis de 15.000 persoas agardan a apertura da rota dos Balcáns, que lles permita chegar a Alemaña, “é un campo de concentración, transformado na zona cero da humanidade, alí onde Europa asinou a súa acta de defunción”. Así o denunciou Iván Prado, voceiro internacional de Pallasos en Rebeldía, ao seu regreso do campo grego, onde actuou xunto a outros tres compañeiros, levando por unhas horas as súas risas e malabares a nenos e maiores que en condicións infrahumanas sobreviven nunha lameira, baixo un auténtico dioivo, sen comida, sen condicións hixiénicas e sen servizos médicos suficientes. Unha auténtica emerxencia humanitaria, como a que se vive na illa de Lesbos ou no campamento da xungla de Calais, ás portas do Reino Unido, que sofren desconcertados milleiros de refuxiados que fuxiron das guerras de Siria, Iraq, Afganistán ou Eritrea.

Ademais de levarlles a súa ledicia e entusiasmo contaxioso como pontes entre xentes e pobos, “ofrecendo a súa estupidez para que a xente lembre a beleza do fracaso”, os activistas galegos de Pallasos en Rebeldía espíronse diante do valado, que separa Grecia de Macedonia, para “erguer unha bandeira de liberdade e esperanza” e denunciar as políticas migratorias da Unión Europea. Unha protesta viralizada nas redes sociais que coincidiu co acordo dos responsables da Unión Europea con Turquía para expulsar a ese país a todos os estranxeiros, incluídos os refuxiados sirios, que chegan ás costas gregas. Un acordo, que debe ser refrendado no Consello Europeo desta semana, considerado ilegal e inxusto pola inmensa maioría das forzas políticas do Congreso dos Deputados, coa excepción do Partido Popular. Un acordo denunciado tamén por ACNUR, a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados, que entende bota por terra tanto a lexislación internacional e europea sobre os dereitos de asilo e refuxio como os valores da Unión Europea recollidos na súa carta de Dereitos Fundamentais.

Xaora, non esquezamos que no mundo viven hoxe 60 millóns de persoas desprazadas de forma forzosa debido a conflitos armados, á represión política, a desastres naturais ou a violacións masivas dos dereitos humanos. Situacións para as que o dereito internacional, ao longo do século XX, creou as figuras da condición de asilado e refuxiado coa intención de dotar a estas persoas de seguridade e protección. Situación que sofren, sen dúbida, os máis de catro millóns de sirios que abandonaron o seu país desque comezou en 2011 a súa guerra civil, a inmensa maioría deles refuxiados en Líbano, Xordania e Turquía. Mais, apenas dúas de cada dez destas persoas refuxiadas pretende chegar á Unión Europea procurando o seu amparo, angueira na que, segundo estimacións de ACNUR, perderon a vida no Mediterráneo cerca de catro mil persoas cada ano. Un desprazamento sometido ao control das mafias turcas que poden chegar a cobrar até catro mil euros a cada unha das persoas transportadas en embarcacións moi precarias que chegan ás costas das illas europeas do Exeo.

Para frear esta traxedia humanitaria que non cesa os vinte e oito gobernos da Unión Europa non atoparon mellor solución que a de contratar a Turquía como estado vixía e ponte, ao que devolver automaticamente ás persoas chegadas ás costas gregas, sen diferenciar entre refuxiados e inmigrantes irregulares. A cambio deste papel de gardián, todos os estados da UE asumen o compromiso de traer dende Turquía un número de refuxiados sirios equivalente ao de persoas expulsadas dende Grecia, ofrecéndolle como compensación ao goberno de Ankara o aumento dos fondos para atender aos refuxiados e outras vantaxes políticas como eximir aos seus cidadáns de visado para viaxar a Europa e acelerar o seu proceso de integración na Unión. Con este modelo do un por un, rexeitado por Amnistía Internacional e outras organizacións de dereitos humanos, a Unión Europea pecha as súas fronteiras a cal e canto aos solicitantes de asilo e expresa de forma inequívoca unha mensaxe de inamizade, rematando así cunha tradición de acollida que impregnou á Unión dende a creación das súas primeiras institucións.

Son numerosas e moi diversas as voces en Europa que consideran que este pacto do un por un conculca a Convención de Xenebra de 1951, que estableceu o estatus do refuxiado, así como á propia Carta dos Dereitos Fundamentais da UE que no seu artigo 19 estipula que as expulsións colectivas están prohibidas no interior da UE. Sexa como for, a abordaxe desta crise humanitaria será outra oportunidade perdida polos gobernos da Unión para recuperar a dignidade e os valores que forxaron o soño europeo. Mentres, no campo de Idomenei milleiros de refuxiados continúan abandonados, agardando por alguén que lles devolva o sorriso.

Leite galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do sector leiteiro.

prezos_xustos_para_o_leite

A crise do sector leiteiro constitúe unha ameaza para o mundo rural galego e para o futuro do sector agrogandeiro. Tras a liberalización da produción aprobada pola Unión Europea, que supuxo a desaparición das cotas lácteas, os prezos do leite derrubáronse, colocando aos nosos gandeiros nunha situación económica límite. A baixa dos prezos do leite en orixe en toda a Unión Europea, que no pasado mes de xuño era de 30,40 céntimos por quilo, acentuouse en Galicia onde segundo denuncian as organizacións agrarias hai case tres mil explotacións que xa o venden por menos de 0,26 e algunhas mesmo por menos de 0,20 céntimos por quilo (moi lonxe dos 0,35 céntimos, prezo medio do ano 2014). Prezos xa moi por debaixo dos custes de produción, insostibles para os produtores, que desequilibran toda a cadea de valor do sector e ameazan con deslocalizar a produción cara outros países da Unión Europea.

Nesta situación crítica, os responsables das case 9.500 explotacións leiteiras galegas, máis da metade das existentes en España, e as súas organización sindicais, promotoras da Plataforma pola Defensa do Séctor Lácteo Galego, denuncian as ameazas dalgunhas industrias de non recoller este produto perecedeiro e reclaman garantías duns “prezos dignos” (apenas un eufemismo para expresar que non sexan a perda) e a intervención enérxica e urxente das administracións públicas, o Ministerio de Agricultura e a Consellaría do Medio Rural, sobre a cuantificación e xestión dos excedentes lácteos, o seu almacenamento privado e a entrega a terceiros países, entre outras medidas dun plan de choque para o sector.

Unha baixada de prezos á que non son alleas circunstancias xeopolíticas, como o embargo da Unión Europea a Rusia, primeiro importador de produtos lácteos da UE, como o descenso das exportancións a China de leite en po. Unha baixada que no caso español tamén se explica polas dificultades de xestión, almacenamento e transformación dos excedentes como a tendencia á baixada do consumo do leite e derivados lácteos. Xaora, tamén semella que no caso especificamente galego é determinante o escaso compromiso co sector das administracións públicas, singularmente da Xunta de Galicia, na mediación dos produtores tanto coas industrias leiteiras, que neste contexto crítico impoñen os prezos, como coas empresas de gran distribución alimentaria, que banalizando o valor do leite utilizan o seu prezo como reclamo para os seus establecementos. Se isto non abondase, o fracaso do proxecto dun grupo lácteo galego, como a ausencia dun plan lácteo do Goberno Galego, integrado nun programa de política agrogandeira a longo prazo, agravan a situación dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo seu niveis de emprego directo e inducido como pola súa capacidade para artellar o tecido social e comercial de moitas comarcas rurais e fixar nelas poboación nova.

A abordaxe diferente da crise dos prezos do leite é moi significativa para entender a defensa dos sectores económicos propios no marco da Unión Europea. Mentres o Goberno Galego relativiza a importancia do problema leiteiro e aínda non foi capaz de sentar nunha mesma mesa a todos os tres sectores implicados (produtores, industrias e distribuidores), en Francia, tras a tractorada que bloqueou o acceso ás industrias e tras a mediación do ministro de Agricultura, todos os compoñentes do sector acordaron revalorizar o prezo do leite francés até finais deste ano. Un entedemento cuxo obxectivo está en garantir un prezo para os produtores no entorno dos 0,34, un incremento de catro céntimos por quilo que nunha parte será asumido polas industrias e distribuidores e por outra trasladado aos consumidores, aos que se lles solicita “un esforzo para superar esta crise”. Outrosí sucede coas empresas de gran distribución que asumen o compromiso de aprovisionarse só con leite francés para as marcas brancas que venden nos seus hipermercados.

O caso da crise do leite explica ás claras como un sector estratéxico para Galicia, en termos económicos, territoriais e sociais, pode ser porén prescindible dentro da lóxica económica e política manexada pola Unión Europea ou polo Gobierno de España. Como tamén expresa a importancia que teñen as políticas de consumo responsable, asumidas por amplos sectores da cidadanía, na reorientación da actividade dos sectores económicos. No caso galego, a defensa da viabilidade do sector do leite, como tamén o da carne ou o do viño, por poñer outros exemplos do sector agroalimentario, deberían ser considerada estratéxica e preferente polos poderes públicos, mais tamén asumida polos consumidores e consumidoras que de forma corresponsable apoian o produto propio, como garante de calidade e desenvolvemento sostible. Apoio o leite galego.

Onte 1216: O reto de Syriza

A clara vitoria de Syriza rebenta un gromo de esperanza no ermo actual da Unión Europea, onde por vez primeira se podería enxergar unha posibilidade de rematar coas políticas de austericidade da Troika. Syriza, unha coalición de forzas de esquerda de espírito europeísta, asumiu onte o compromiso co pobo grego de recuperar a súa dignidade e a soberanía na súa gobernanza. Xaora, para desenvolver o seu programa terá que facer compatible a súa capacidade para negociar nos «mercados» internacionais a reestruturación da débeda ilexítima coa do financiamento que Grecia aínda precisa. Nunca foi doado inxerir o triángulo dentro da circunferencia.