Artigos

Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.

Onte 346: Nas Fragas do Eume

Foi unha xornada marabillosa a que gozamos nas Fragas do Eume. Ao mediodía visitamos a primeira edición do ETNOeume, unha feira de cultura tradicional xenuína, de auténtica estirpe, cunha importante presenza dos xogos populares e das actividades económicas artesanais. Unha organización comunitaria, baseada na participación veciñal, que constitúe unha alternativa ao modelo neofolclórico das chamadas «feiras medievais» que abrollan no país como cogomelos franquiciados de chourizos á grella e licor café. Esta feira forma parte do proxecto do Museo Etnográfico da Capela, promovido dende hai décadas polo incansable Secundino García Mera, sendo un dos modelos museísticos máis potentes de posta en valor da memoria da cultura tradicional agraria que coñecemos no país. A súa organización e contidos lembráronme os museos folk ingleses, que tanto sempre me gustaron. Merece unha visita moi demorada. Á tarde fixemos unha abraiante camiñada polas Fragas, seguindo o Eume dende os Altos de Fortandión até o Mosteiro de Caveiro, regresando monte arriba pola congostra de Ventureira. É innegable que o incendio da pasada semana santa deixou unha pegada desoladora nalgunhas zonas das fragas, sobre todo nas máis elevadas, onde é probable que afectase de forma irreversible a algún dos endemismos; mais tamén o é que a densidade do dosel arbóreo protexou os espazos de ribeira onde sentimos todas as fragrancias. Mágoa que non exista aínda un proxecto de protección integral dunha das alfaias dos noso patrimonio natural, como tampouco unha vontade de integración do parque natural nas actividades económicas e no desenvolvemento da comarca. Non esqueceremos este día nas fragas nin acollida tan agarimeira de Xabier, María Xesús e Daniel.