Listado de la etiqueta: patti_smith

Cancións de Xela Arias

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro de Cancións de Xela Arias e ao regreso do grupo Desertores:

A pasada semana celebrouse a terceira e derradeira sesión do Simposio Xela Arias co que a Real Academia Galega pecha as actividades do brillantísimo ano dedicado a homenaxear a escritora viguesa. Un serán literario no que se abordou a súa actividade profesional como editora e tradutora pioneira e na que se salientou o seu carácter como artenauta interesada polo diálogo creativo da poesía con outras artes. Unha pulsión interartística iniciada coas primeiras colaboracións de Xela Arias cos pintores Xosé Guillermo e Pedro Sardiña nas páxinas dos xornais A Nosa Terra (1982) e Faro de Vigo (1984), ampliada coas letras que escribiu para o grupo vigués de rock Desertores, na segunda metade da década de 1980, que chegaría ao seu cénit no libro e na exposición Tigres coma cabalos (Xerais 1990), o seu traballo a medias co fotógrafo Xulio Gil, e que tería o seu ramo coas colaboracións con Jandro, autor da escultura do vendedor de xornais Manuel Castro da rúa do Príncipe, no marco das mobilizacións de Burla Negra (2003), co pianista Alberto Conde (1999), co compositor Antonio Pulido Cid (2000) e co clarinetista Fernando Abreu (2003) cos que ensaiou diversas performances sobre os textos de Intempériome (Espiral Maior 2003, Xerais 2021), o seu derradeiro libro de poemas.

Diálogos creativos nos que Xela se achegou ás linguaxes da ilustración, da pintura e escultura, da música e da fotografía, tamén en menor medida e de forma máis ocasional do audiovisual e do teatro, coa intención de espallar o poema fóra dos límites do libro de papel, rebotándose contra a concepción do libro como un cadáver nun anaquel, explorando nos seus numerosos recitais até onde podería chegar a comunicación poética. Unha actividade literaria expandida e hibridada pioneira, rabiosamente contemporánea, na que a autora de Denuncia do equilibrio (Xerais 1986) arriscou a explorar con escasos complexos as posibilidades creativas achegadas por estas disciplinas no seu diálogo co texto poético, coa idea, nas súas palabras, de abordar dende unha posición de rebeldía a que entendía como «a única revolución pendente: a revolución dos afectos». Unha revolución creativa insurxente que xa emerxía nos seus primeiros poemas publicados en Faro de Vigo e fancines como Katarsis nos que experimentaba de forma provocadora coa disposición dos elementos gráficos e o manexo dos espazos, unha forma de indagación que, como sinala a profesora Chus Nogueira, editora da poesía completa (Xerais 2018), expresaba un rexeitamento a un concepto compracente de poesía que pon en dúbida a orde establecida.

E como outra das serendipias afortunadas deste ano, coincidiu o remate do simposio de estudos xelísticos coa aparición nos andeis das librarías do libro-disco Cancións (Xerais 2021) no que a xornalista Teresa Cuíñas Lavandeira recompilou, traduciu para o galego e contextualizou na música do seu tempo as letras que Xela Arias escribira para Desertores. Un volume que inclúe unha gravación discográfica actual dunha ducia de temas con letras de Xela Arias, tanto os seis incluídos no primeiro disco do grupo, El Desertor (1991), os catro do segundo, El vicio de la carne (1994), como outros dous, «Detrás de ti» («Boogie») e «Nena alcohol», que permanecían inéditos. Un traballo musical excelente do veterano grupo dos oitenta formado na actualidade por Humberto Díaz (Heredia), Juan Díaz, Valerio Araújo e Francisco Araújo, presentado en concerto no Auditorio de Chapela e no Culturgal desta fin de semana, cunha acollida entusiasta do público. Un libro-disco concibido como outra peza contra o esquecemento que actualiza aquelas cancións, cuxos textos Fernando Francio definiu «labrados na area da vida», zumegando o aroma daquel Vigo húmido e revolcado, aquel «lixo de cidade», ao que se refería en «Veña, brinca xa, que o imos rebentar», noutra das letras inéditas escrita para Desertores.

A publicación deste coidado libro-disco de Cancións de Xela Arias, como a do anterior de Intempériome, que incluía a gravación do espectáculo «Vencerse é cousa de se tratar» de Fernando Abreu, no que tamén emancipaba os seus versos utilizando a música como recurso escénico, constitúe un afortunadísimo peche bibliográfico deste ano dedicado á autora que confesou que lle gustaría reencarnarse en «Lou Reed feminino» e se sentía «moitísimo máis influída polo mundo do rock and roll que polos poetas galegos». Unha escritora na que descubrimos á Patti Smith das letras galegas, encarnando a fusión de poesía e o rock. Unha poeta na que toda comunicación con ela, en palabras de Teresa Cuíñas, «sucede no seu discurso do desasosego, experto nos confíns dos rueiros, efusivo, congruente, modelado consonte as súas inclinacións en cada momento e inseparable dos seus eixes vitais».

Onte 2019: Un decálogo para «Infamia» de Ledicia Costas

Moito agradecín que Ledicia Costas e Fran Alonso me convidasen a acompañalos na presentación de Infamia no Instituto Camoens. Un acto no que tiven a oportunidade de expresar a miña admiración por unha autora excepcional e compartir a lectura dunha novela que aventuro marcará unha xeración de lectoras do noso tempo. Atrevinme a preparar un décalogo, que a seguir resumo, coa intención de sen desvelar a trama contribuír a compartir unha obra tan valiosa e tan salientable, sen dúbida, un texto 100% Ledicia Costas.

  1. Infamia é unha novela con estrutura narrativa de perfecto origami, planificada e escrita como un thriller psicolóxico sen cortes ningúns, construída sobre dobras e dobreces, o que provocaunha lectura adictiva e amosa unha habilidade excepcional da autora para dosificar a intriga e a tensión narrativa. Origami que fai referencia, ademais, á lectura como unha actividade que libera tensión e producecalma, ao tempo que remite ás mil grullas (ave que en Xapón expresa a felicidade) de papel que forman parte do Parque Memorial de Hiroshima.
  2. Infamia é unha novela de arrabalde, localizada en Merlo, un espazo enchoupado pola choiva («Chovía en alta definición» é a primeira frase da novela, outra máis para as setenta do noso admirado James Rhodes), onde se produciu unha traxedia cuxas consecuencias se alongan durante décadas e onde se impuxo o silencio machista, tan mesto como a néboa que a todos cega. Merlo é un espazo de dor e de indagación onde a beleza e o terror chegan a identificarse.
  3. Infamia é unha novela sobre o peso da infancia e da memoria familiar, de experiencias marcantes que poden chegar a ser determinantes para as vidas das crianzas.
  4. Infamia é unha novela coral onde case unha ducia de protagonistas interactúan ao fío dos seus actos, do peso das súas conciencias; personaxes cheos de matices e contradicións.
  5. Infamia é unha novela política, unha representación das violencias do mundo actual, na que se abordan temas como a violación da manada, a pedofilia dos depredadores eclesiásticos ou a regulación dos delitos sobre a liberdade sexual.
  6. Infamia é unha novela poética tanto pola súa escrita soberbia (hai páxinas de beleza desbordada) como polo protagonismo do poeta canario Félix Francisco Casanova, o Rimbaud español, falecido con apenas 19 anos. Os seus textos funcionan como trabes da propia trama de intriga psicolóxica.
  7. Infamia é unha novela onde a dor a todos iguala, unha novela sobre a perda, a loita de toda unha vida contra o monstro da culpa (metáfora da balea), o insoportable peso da conciencia e o dereito das vítimas á reparación.
  8. Infamia é unha novela feminista, tanto pola temática como polo punto de vista dunha narración onde son maioría os protagonistas masculinos.
  9. Infamia é unha novela cinematográfica e musical, que reivindica as narracións de intriga de filmes de Hitchcook e David Lynch, a atmosfera opresiva de Blade Runner ou a violencia dalgunhas pezas de Tarantino, acompañada dunha banda sonora protagonizada por The Smiths, Joy Division, Patti Smith, Nick Cave ou Massive Attack.
  10. Infamia é unha novela arca, chea de sorpresas e detalles fermosos, sexan intertextualidades e homenaxes literarias, como informacións sobre acontecementos arrepiantes.