Artigos

Fridays for future


Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a #FridaysForFuture, a iniciativa da activista sueca Greta Thunberg, promotora da Folga escolar polo clima:

Greta Thunberg, unha rapaza sueca de dezaseis anos, é hoxe a líder icónica da primeira folga escolar mundial polo clima que o pasado venres se celebrou en máis de cen países e 1.600 cidades. Unha mobilización planetaria con escasos precedentes iniciada por esta estudante de noveno curso (equivalente a 4º de ESO) o pasado 20 de agosto cando tras a vaga de calor e incendios en Suecia decidiu non ir á escola e chantarse diante do Riksdag, o parlamento situado no centro de Estocolmo, durante o horario escolar cun cartel no que aparecía a frase «Folga escolar polo clima».

Logo de celebradas as eleccións xerais dos seus país, o 9 de setembro, nas que foi elixido primeiro ministro o socialdemócrata Stefan Löfven, Greta decidiu continuar a súa folga só os venres, xornada nas que durante sete horas permanece co seu cartel, soportando temperaturas baixo cero, reclamando que se adopten medidas para limitar o aumento da temperatura global do planeta a 1,5 graos. Iniciativa, acuñada na rede coa etiqueta #FridaysForFuture, que comezou a ser seguida por milleiros de estudantes doutros países que reclaman diante dos seus parlamentos e edificios gobernamentais a redución das emisións de carbono establecidas no Acordo de París, dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, en vigor dende 2016, do que Donald Trump anunciou a retirada dos Estados Unidos en 2017.

Diagnosticada de Síndrome de Asperger, trastorno do desenvolvemento incluído no espectro autista, que afecta a interacción social recíproca, e tras padecer unha depresión paralizante aos once anos, Greta Thunberg confesou que adoptara o seu modelo de desobediencia civil inspirándose na protesta de Rosa Parks, unha muller tímida e introvertida coma ela, que en 1955 foi capaz de non ceder o seu asento do autobús a un home branco de Montgomery, Alabama, acción que supuxo un punto de non retorno na loita a prol dos dereitos civís nos Estados Unidos.

Coma sucedera coa activista estadounidense, a acción de Greta comezou a chamar a atención dos medios de comunicación de todo o mundo constituíndo a inspiración para o emerxente movemento internacional de «Folgas Escolares polo Clima», como a que o venres mobilizou a varios centos de estudantes vigueses de secundaria diante do concello de Vigo reclamando atención para as políticas sobre o cambio climático e denunciando a falta de compromiso dos políticos cunha situación que rouba o futuro das novas xeracións. Protestas estudantís que dende o pasado mes de novembro foron estendéndose dende Australia e que continuaron ao longo do inverno no Canadá, Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Xapón, Suíza, Reino Unido ou nos propios Estados Unidos.

Facendo fincapé sobre todo na importancia da investigación sobre o cambio climático, como xeito de facerlle fronte ás posicións negacionistas de Trump e a industria petroleira, o novidoso do movemento promovido por Greta, que xa falou diante dos líderes mundiais no Foro de Davos do xaneiro pasado ou na conferencia climática da ONU en Katowice, reside na capacidade de mobilizar a mozos e mozas de todo o planeta que reclaman, cando xa apenas hai marxe de acción, unha maior ambición e contundencia dos políticos para derrotar o cambio climático. Un cambio que se ten que producir agora, desbotando así a retórica dos que interpretan no seu beneficio acordos como os de París ou entrando en aberto litixio co trumpismo que ameaza con levar ao planeta ao abismo neste mesmo século.

O feito de que activistas como Greta asuman nas súas formas de vida comportamentos e hábitos que contribúen a limitar o aumento da temperatura global do planeta –a súa familia non viaxa en avión nin consume carne nin utiliza plásticos– amosa que esta causa obriga a unha mudanza das nosas formas de vida, anticipando uns hábitos alternativos na alimentación, na mobilidade e no consumo enerxético moi distintos dos que utilizamos. Mudanzas nestes hábitos de mobilidade, que afectan dende a redución do tráfico aéreo planetario á utilización de vehículos con motores de combustión, que se deben producir canto antes, o que modifica case de raíz a actual axenda política e económica do noso tempo. Un movemento mundial de adolescentes mobilizados por Internet a prol dun desenvolvemento sustentable que obriga ao ecoloxismo, nacido hai catro décadas ao fío do movemento antinuclear e organizado en plataformas e partidos diversos, a actualizar agora e de raíz o seu programa e as súas formas de actuación.

En todo caso, beizón a Greta Thunberg, unha líder tan atípica como carismática, capaz de tirar do fío da esperanza cando semella non haber futuro. Como beizón para eses centos de estudantes vigueses de secundaria mobilizados nestes Venres polo Futuro, xa que como eles din «non temos un planeta B».

Onte 1402: Día internacional da amizade

Final Phase DigitalAínda que no noso entorno tivo escasa presenza, celebrouse onte o Día Internacional da Amizade, creado en 2011 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa intención de que «a amizade entre os pobos, os países, as culturas e as persoas poida inspirar iniciativas de paz e oportunidades de tender pontes entre as comunidades». Unha efeméride que forma parte das accións que Nacións Unidas promove a prol da cultura de paz, acuñada en 1998 como «un conxunto de valores, actitudes e condutas que rexeitan a violencia e procuran previr os conflitos abordando as causas profundas que os provocan». Na actual coxuntura, onde o papel da ONU está cada vez máis devaluado, propostas como este Día da Amizade poden parecer outro exercicio de cinismo diplomático. Xaora, a promoción da cultura da paz e da non violencia nos sistemas educativos é imprescindible. Como tamén o é o recoñecemento da amizade como un sentimento esencial na vida dos seres humanos. Beizón para aquelas persoas que coidan da cultura solidaria da amizade!!!