Listado de la etiqueta: miño

Menos mal que nos queda Portugal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo as relacións de irmandade entre Portugal e a cidade de Vigo a raíz do anuncio do Goberno portugués do tren de AV que unirá Lisboa e Vigo:

O goberno portugués anunciou a pasada semana o calendario das obras da liña de Alta Velocidade (AV) que unirá Lisboa con Porto, que a partir de 2026 continuarán até Braga e Valença, onde se integraría coa procedente da saída sur de Vigo. Este anuncio, importantísimo para a Galicia futura, ratifica a aposta ferroviaria do goberno de Antonio Costa pola vía da costa atlántica para a súa integración en territorio galego coa rede ibérica de AV, desbotando a alternativa, até agora preferida polo goberno español do enlace directo entre Lisboa e Madrid. Unha aposta portuguesa que constitúe unha oportunidade única para consolidar a posición estratéxica de Vigo na rede europea de transportes como un dos nós ferroviarios e marítimos da fachada atlántica entre Lisboa e Hamburgo, mais que precisa dunha determinación e compromiso semellantes por parte do goberno español, aínda moi remiso a fixar con todas as consecuencias orzamentarias a agardada chegada directa da AV á estación de Urzaiz e a súa continuidade até Valença antes de 2030, como pretende o seu socio ibérico. Outra vez máis, dende Vigo óllase con esperanza cara a Portugal, concitando a simpatía e a irmandade tantas veces celebrada entre ambas as dúas beiras do Miño, que forman parte dunha mesma eurorrexión europea de seis millóns e medio de habitantes.

Con alicerces nunha historia e lingua comúns durante séculos, as relacións entre Galicia e Portugal foron a daqueles irmáns que viviron virados de costas. Con todo houbo períodos de enfrontamento, provocados pola pretensión española de consolidar a hexemonía peninsular, como sucedeu cos conflitos bélicos do século XVII, no marco da Guerra de Restauración portuguesa, que no trono de Lisboa substituíu aos Habsburgo pola Casa de Braganza, o que supuxo o recoñecemento da independencia de Portugal (1668). Guerra que chegou ao territorio galego, sendo unha das razóns da construción da muralla de Vigo (1656) e da constitución daquel Terzo de Valadares de mosqueteiros vigueses de casacas brancas e unha divisa vermella, participantes en varias batallas contra os portugueses, como os sitios de Valença e Monção e a defensa de Tui e Salvaterra, aínda que case sempre situándose no lado perdedor, como sucedeu en Monterrei (1664) cando case douscentos foron masacrados polas forzas portuguesas, que entraron o ano seguinte por Goián, achegándose a Vigo. Conflito armado que se repetiría na chamada guerra das laranxas de 1801, librada en Estremadura, mais que en Vigo supuxo o afastamento dos portugueses da aínda vila durante a penas quince días.

Secasí, xa ao longo do século XIX foron varias as iniciativas que trataron de tecer lazos de colaboración entre Vigo e Portugal, especialmente relacionadas co desenvolvemento do ferrocarril. A construción da ponte internacional do Miño, obra de Eifel, aprobada en 1880 e finalizada en 1886, permitirá a conexión por tren de Porto con Vigo, que abrira a súa estación en 1881, en apenas oito horas, reducindo tamén a viaxe a Madrid por Portugal a trinta e seis horas. Como forxaron en Vigo unha cultura transfronteiriza iniciativas como a excursión en tren que centos de portugueses fixeron o 28 e o 29 de xuño de 1901 a Vigo, devolvendo a visita realizada polos vigueses con anterioridade, inmortalizada en imaxes estereostópicas polo fotógrafo Aurelio Paz dos Reis. Acontecemento, como aqueloutra extraordinaria Semana Portuguesa de Vigo, organizada pola patronal viguesa entre o 26 de marzo ao 2 de abril de 1933, sendo alcalde Emilio Martínez Garrido, recuperados do esquecemento polos traballos de José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (Glaucopis nº 26, IEV 2021).

Case noventa anos despois, emociona repasar as actividades daquela semana de irmandade, rebautizada como Semana Hispano-Lusitana de Vigo, inaugurada coa solta de 10.000 pombas. Un programa completísimo, que incluía unha exposición de produtos portugueses no pavillón da Aduana e unha feira do libro portugués, no que se mesturaban conferencias, actividades deportivas, representacións teatrais, excursións e até un festival de escaparates da rúa Galán (hoxe do Príncipe) para recibir á delegación portuguesa. Un irmandamento económico e cultural que durante os anos da ditadura quedaría na memoría inconsciente de Vigo, recuperado por Gerardo González Martín en 1986 no seu libro sobre o centenario da Cámara de Comercio. Non obstante sería a expresión punk desa irmandade luso viguesa a fixada por Siniestro total no seu terceiro álbum, Menos mal que nos queda Portugal (1984), e por Resentidos no seu primeiro elepé, Vigo, capital Lisboa (1984), a que hoxe utilizamos para abeizoar a estratexia ferroviaria do goberno portugués de conectar por AV Lisboa, Porto, Braga e Vigo.

Ribeira Sacra literaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Ribeira sacra, tras o acordo parlamentario solicitando a súa declaración como Patrimonio da Humanidade e a publicación de Todo isto che darei de Dolores Redondo:

Ribeira SacraHai poucos días a Comisión de Cultura do Congreso aprobou por unanimidade un texto que solicitaba o apoio da cámara á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Apoiada tamén de forma expresa polo ministro de Cultura, está iniciativa parlamentaria é moi significativa, tanto polo feito de que fose consensuada entre a deputada ourensá do PP Ana Belén Vázquez e o lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, un feito até hoxe inédito, como pola súa capacidade de achegar un novo pulo á cándidatura proposta en 2013 polas deputacións de Ourense e Lugo e polo Consorcio Turístico da Ribeira Sacra. Unha vella iniciativa, incorporada hai dúas décadas ao listado de aspirantes a esta declaración da UNESCO, mais atascada pola complexidade de atopar unha figura de protección axeitada para este territorio de vinte e un concellos, situado no sueste de Galicia, onde viven 75.000 persoas.

Un espazo patrimonial de exhuberante vexetación marcado pola grandiosidade dos seus canóns entre os que discorren os leitos dos ríos Sil e Miño, en cuxas beiras se desenvolve dende época romana unha vinicultura heroica (quen pode negar que os viños de Amandi, a parroquia do concello de Sober, xa eran do gusto dos emperadores?) e se asentan dende o século XII varios dos cenobios románicos mellor conservados do país como os mosteiros de Montederramo, San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil ou Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta beira sagrada dos mosteiros e do viño, como a cualificou o escritor Manuel Garrido, froito de pregamentos de millóns de anos, agocha espazos sorprendentes para o gozo do viaxeiro, sexa polo abraio cromático producido polas vides de mencía e godello amarradas á pendente da ribeira ou polo asombro provocado pola paisaxe dende miradoiros panorámicos como os do Cabo do Mundo, do Torrón, do Picotiño, do Cotano, dos Mouros ou dos Torgás (tamén chamado popularmente “Balcones de Madrid”, xa que dende alí se despedían os afiadores camiño da capital), onde os caprichos do Miño, do Sil e dos seus afluentes debuxan os canóns ondulantes.

Un espazo de beleza sobria transformado en topos literario por Xabier Quiroga, o escritor do Saviñao, en novelas como Atuado na braña (2002), O Cabo do Mundo (2009) e, sobre todo, Izan o da saca (2015), a protagonizada por Reiniña, o taxista e investigador do Saviñao, que despois de seguir a rota das ratas por Galicia remata de forma apoteósica na parroquia da Cova. Novela que deu pé a un roteiro literario, “Izan na Ribeira Sacra”, organizado polo Centro de Formación do Profesorado, seguido o pasado 5 de novembro por un cento de docentes participantes en clubs de lectura que visitaron algúns dos escenarios da novela como o castro de Marce, a fervenza de Augacaída, as igrexas de San Martiño da Cova e San Paio de Diomondi, o embarcadoiro e vila de Belesar, o Ecomuseo de Arxeriz ou as instalacións de Abadía da Cova de Adegas Moure, situadas ao pé do meandro do Cabo do Mundo, un dos lugares máis emblemáticos da comarca.

Protagonismo literario da Ribeira Sacra consolidado coa publicación de Todo esto te daré (na edición en galego, Todo isto che darei), a novela coa que Dolores Redondo obtivo o Premio Planeta. Unha longa narración de case setecentas páxinas sobre escuros segredos familiares coa que a autora da Triloxía do Val do Baztán (case un millón de exemplares vendidos en todo o mundo en máis de trinta linguas) rende unha homenaxe as súas raíces galegas. Como xa fixera coas localizacións das súas novelas anteriores, Redondo escolleu a sobriedade e dureza das paisaxes da Ribeira Sacra como o marco máis axeitado para ofrecer unha intriga sobre a dor da incertidume e contra a impunidade onde son constantes as sorpresas dun xogo de enigmas dispostos en espiral. Homenaxes que a autora nalgúns casos fai explícitas, como ao traballo heroico dos vinicultores das adegas Vía Romana de Belesar, e noutras tece con sutileza na composición de personaxes memorables como o garda civil Nogueira ou Herminia a caseira das Grileiras, o pazo onde se desenvolve a cerna da investigación.

Polo sucedido durante os dous últimos anos no Val de Baztán, é moi probable que esta novela de Dolores Redondo motive a milleiros de lectores e lectoras de toda España a visitar as paisaxes da Ribeira Sacra e vivir con plenitude a súa atmosfera. A Ribeira Sacra transformada en reclamo literario ofrece unha oportunidade que non pode ser desaproveitada.