Artigos

O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

Onte 1809: «Mimosas» de Oliver Laxe

MimosasA primeira película do ano foi Mimosas do noso admirado Oliver Laxe. Un filme mestizo que, baixo a aparencia dunha narración das aventuras (case un western) dunha viaxe nas montañas do Atlas marroquí coa intención de transportar un cadáver, propón ao espectador unha reflexión esixente sobre o camiño da espiritualidade e a identidade relixiosa. Dividida en tres partes, outras tantas posturas de oración sufi (tamén as tres da traxedia grega), Laxe enfronta na narración dúas concepcións arredor de como entender o camiño (en realidade, a propia vida): unha, a dada pola fe relixiosa, a asumida, representada por Shakib; outra, a construída, a mítica, a de Ahmed e Said, que entre as súas vacilacións, medos e dúbidas, agardan poder atopar o seu destino. Laxe ofrece unha película conmovedora e fermosa, desenvolta sobre unha paisaxe silenciosa e inquedante, sexa pola severidade da neve, a violencia da auga entre os canóns ou a amplitude das chairas onde os mercedes camiño de Sijilmisa debuxan ronxeis no deserto.

Tras o éxito de Todos sodes capitáns (2010), Oliver dá un chimpo de xigante cunha película de narración máis clara e formato máis industrial e internacional, sen perder por iso un ápice nin do seu misterio nin da súa preocupación espiritual nin do seu carácter mestizo (está rodada en árabe), característicos da súa identidade como director. Mimosas é unha película que interpela ao espectador de xeito que obriga a volver sobre ela, a preguntar e remoer. Recomendo non perdela (está en cinco salas galegas, algo pouco frecuente para unha película distribuída por Numax), paga a pena.