Listado de la etiqueta: mil_primaveras

45 primaveras máis

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 45 aniversario do discurso Mil primaveras máis de Álvaro Cunqueiro:

Lémbrame o meu amigo o editor Bieito Ledo de que o pasado 24 de abril fixéronse 45 anos da homenaxe a Álvaro Cunqueiro, que organizara como xerente da editorial Galaxia. Motivou aquel recoñecemento, no que don Álvaro pronunciou a súa histórica apoloxía «Mil primaveras máis» en defensa vibrante de Galicia e da súa lingua, a precaria saúde do mindoniense, magoado pola diabetes e pola vivencia dolorosa do acto celebrado o 28 de xaneiro de 1980 na Universidade de Santiago, onde foi investido como doutor honoris causa, xunto a Camilo José Cela e o catedrático Joseph M. Piel, que o afundiu nunha depresión. Conta del Riego que Cunqueiro quedara tocado pola irrupción que no claustro universitario fixera un grupo de ácratas que «soltaron un porco con birrete proferindo insultos aos homenaxeados, particularmente ao escritor padronés». Protesta, que se faría famosa, dirixida contra o reitor José María Suárez Núñez, concibida como performance transgresora promovida polo profesor Miguel Cancio e Juan Mari Solera, coñecido como o «Príncipe Galín de Galicia», que organizaran antes unha roda de prensa na facultade de medicina, entón o epicentro estudantil, na que entraron cunha burra, enfatada co traxe académico, ao que chamaron «burro Zenón de Elea», coa intención de nomeala «Horroris causa» xunto a un porco e media ducia de galiñas.

Provocación ácrata, habitual naqueles nosos anos composteláns, onde os estudantes nacionalistas de ERGA tampouco apoiaron ao autor d´As crónicas do Sochantre, o que abaixou o seu ánimo, segundo conta Bieito Ledo que o visitaba semanalmente no seu piso de Marqués de Valadares. Foi Bieito tamén quen ideou a realización dunha grande homenaxe popular, presentada como iniciativa dun grupo de amigos e apoiada por numerosas institucións, dende a Real Academia Galega, Universidade de Santiago, Museo do Pobo Galego, Seminario de Estudos Galegos, Instituto Pai Sarmiento, Fundación Penzol, Patronato Rosalía de Castro, Fundación Otero Pedrayo, Museo de Pontevedra até o Pedrón de Ouro. Homenaxe que se fixo coincidir con motivo da publicación do primeiro dos catro volumes da súa obra completa, o dedicado á poesía e o teatro, e coa inauguración da rúa viguesa que leva no seu nome, que lle outorgou a primeira corporación democrática presidida por Manuel Soto Ferreiro. Recoñecemento ao que se engadiu a novidade da publicación dun elepé con poemas de don Álvaro, gravado en Orpheo, recitados por Laura P. Landeira, Joaquín Lens e Xohana Torres, con música de arpa de Emilio Cao, que publicara en 1977 o seu Fonte do Araño, primeiro álbum gravado en estudio dun músico de folk.

Xaora, a cerna da homenaxe foi o xantar multitudinario celebrado no Hotel Samil o 24 de abril de 1980, no que na sobremesa e presentados por Carlos Casares, interviron Francisco Fernández del Riego, o reitor Suárez Núñez, o presidente da RAG Domingo García Sabell e o propio homenaxeado. E foi entón cando naceu o texto oral das mil primaveras, pronunciado de forma improvisada e emocionada, sen mediar apunte escrito ningún, concibido como manda do seu epitafio, que un ano despois se convertería en extraordinario legado ao futuro da lingua e patria galegas. Foi unha alocución de construción maxistral alicerzada toda sobre a expresión máis xenerosa e ampla da gratitude:

«Quero dar as gracias a Deus por haber nacido nesta nación galega entre vós, por haber nacido no voso tempo e ser amigo voso…» «Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, por haberme ensinado a decir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.»

Peso decisivo da fala que Cunqueiro une co futuro da propia Galicia, mesmo cando aínda non se constituíra nin o primeiro goberno autonómico galego (1981):

«As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivera dando herba na terra nosa, podería decir a miña lápida: “Aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.»

Ollada na Galicia do porvir na que Cunqueiro asume que a duración da nosa comunidade de mortos e vivos (o pobo galego e a súa memoria) depende da subsistencia do seu idioma. Desexo de don Álvaro de «mil primaveras máis para Galicia» que o discurso galeguista transformou no sintagma de «mil primaveras máis para a lingua galega». Non está de máis recordalo.