Listado de la etiqueta: merlín_e_familia

Vigo e o ano para don Paco

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a escolla de Francisco Fernández del Riego como figura do 17 de maio de 2023:

Non foi sorpresa ningunha que a Academia escollese a Francisco Fernández del Riego como figura homenaxeada no vindeiro día das letras galegas (2023), coincidindo cos cento e dez anos do seu nacemento en Vilanova de Lourenzá (1913) e coa sexaxésima celebración do 17 de maio, efeméride creada polo polígrafo galeguista, coincidindo co centenario da publicación no obradoiro da rúa Real de Compañel de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, o primeiro libro universal contemporáneo que se producira en Galicia. Un ano dedicado a don Paco, figura referencial do galeguismo progresista do século XX, afouto resistente interior ao franquismo durante catro décadas, teimoso editor e motor de Galaxia, editorial da que foi ideador xunto a Xaime Isla, lector letraferido, escritor todoterreo, obreiro das letras galegas, activista e divulgador cultural en centos de páxinas en galego, primeiro no suplemento dos sábados de La Noche, despois en Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Todo un ano para afondar na biografía e na ampla obra cultural dun home de temperamento optimista, tolerante, dialogante, pacífico até o lirismo, que dedicou canto menos oitenta primaveras a que o soño dunha nación galega dona de seu se proxectase no futuro, un seu máis íntimo degoiro.

Un ano del Riego no que Vigo deberá ter o principal protagonismo e responsabilidade. «Vigo é a miña vila», confesoulle a Perfecto Conde, no seu libro de conversas (Xerais 2018), texto memorialístico clarificador, un diálogo auténtico e espontáneo que constitúe hoxe un testamento cultural e político aos seus 95 anos. «Vin para Vigo en 1939 e xa levo aquí 70 anos. Identifiqueime con Vigo, cos seus problemas, co xeito de ser da súa xente e o único que me afasta algo de Vigo é o seu pé coxo da cultura, Vigo é unha grande explosión industrial e comercial, pero ten un déficit de cultura indubidable». Unha sincera declaración de lealdade á cidade á que confesa chegou cunha maleta chea de libros e incertezas para incorporarse como pasante do despacho de Paz Andrade da rúa Policarpo Sanz. Un Vigo de días difíciles nos que del Riego obtivo os seus primeiros ingresos como redactor dunha revista de reloxaría e máis tarde de Imán, de deportes e cine, antes que empezara a dar clases no colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor, e fundara a Academia Sigma da praza da Constitución. Unha cidade da que don Paco se sentía orgulloso, «Vin como Vigo se foi facendo», e da que acreditaba no seu futuro como Barcelona do Atlántico: «a posición estratéxica da cidade e os medios cos que conta poden posibilitar que o día de mañá Vigo adquira unha dimensión moito máis importante da que agora ten».

Foi tamén en Vigo onde don Paco consagrou a súa vida á editorial Galaxia, á revista Grial, que dirixiu até o seu número cen, ás páxinas de «Arte e literatura» de Faro de Vigo (1961), onde asinaba como Salvador de Lorenzana, e máis tarde na páxina de «Letras», tamén no decano, xa en lingua galega. Como foi tamén en Vigo onde dirixiu a biblioteca Penzol, o maior fondo documental galego e sobre Galicia existente no mundo. Del Riego foi o motor de todos eses proxectos galeguistas: «Os demais eran máis reflexivos ca min», confesoulle tamén a Perfecto Conde, «eu era un lanzado, e cando tiña que sacar adiante unha cousa, tiraba dela como fose». En Galaxia, onde foi dende secretario a director xerente, don Paco alentaba teimoso a autores, como fixo con Cunqueiro, amigo dende a infancia, para que rematase Merlín e familia, mais tamén pasaba os textos a máquina, correxía galeradas, unificaba o idioma (a don Paco debéselle a supresión dos apóstrofos para facilitar a lectura) e facía os paquetes de novidades que logo enviaba á reducida rede de librarías que vendían libro galego.

Del Riego e Vigo arraigaron a súa relación cando coa alcaldía de Manuel Soto o concello de Vigo acolleu os fondos da Biblioteca Penzol no que foi a antiga casa do concello, transformada en Casa Galega da Cultura. Proxecto ampliado polo goberno municipal de coalición de socialistas e nacionalistas presidido por Carlos G. Príncipe, que a dotou das instalacións actuais e de persoal para o seu funcionamento. Arraigo intensificado en 1995 cando don Paco doou á cidade de Vigo os 30.000 volumes da súa biblioteca persoal, o seu grande arquivo documental e de correspondencia, así como unha ampla pinacoteca, que hoxe ocupan dous andares do edificio da Porta do Sol coa praza da Princesa. Un valioso legado que amosa o vínculo de don Paco con Vigo como a súa cidade amada, unha querenza que compromete tanto ao concello de Vigo, a Fundación Penzol, como a Academia Galega a modernizalo con motivo do 2023, ano del Riego. Tempo haberá de entrar en detalles sobre unha celebración que aventuramos contará en Vigo con ampla simpatía popular.

Rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro

Ao fío da polémica suscitada en Madrid, publico hoxe no Faro de Vigo un artigo sobre as rúas do escritor Álvaro Cunqueiro:

Calle_Alvaro_Cunqueiro_Madrid

Felizmente Álvaro Cunqueiro continuará formando parte do rueiro de Madrid. A rúa co seu nome, situada preto do barrio do Pilar, como as bautizadas como Rosalía de Castro, Islas Cíes ou Monforte de Lemos, seguirá sendo testemuña de galeguidade na zona norte da capital. Supérase así unha polémica absurda provocada hai case dous anos cando o nome do xenial escritor de Mondoñedo foi incluído entre os que o equipo de goberno do Ayuntamiento de Madrid estudaba retirar do seu rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei da Memoria Histórica. Evítase así un delirante “cunqueiricidio”, que nunca debeu producirse, nin sequera no papel, xa que as razóns de que o seu nome fose incorporado ao rueiro madrileño obedeceron aos seus méritos literarios e non ao seu comportamento político, vinculado ao franquismo, tras os primeiros anos do alzamento militar e até o seu regreso a súa vila natal en 1947.

Ninguén discute hoxe en Galicia a simpatía e agarimo que concita a figura literaria de don Álvaro, cuxo nome (como o do poeta Celso Emilio Ferreiro ou da escritora Rosalía de Castro) aparece con fachenda inzado aquí e acolá o país enteiro. En Vigo, o autor de “Merlín e familia” (1955) honra co seu nome o novo hospital do Sergas en Valadares e dende hai décadas un dos institutos de Secundaria de Coia. O seu nome forma parte do rueiro de todas as sete grandes cidades galegas e da maioría das outras pequenas cidades e vilas do país. En todas elas réndese homenaxe a quen foi un escritor memorable, tanto como poeta, narrador, autor dramático e excepcional columnista de “El envés”, pezas publicadas en “Faro de Vigo”, xornal que dirixiu de 1964 a 1970.

Rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro de quen herdamos a confianza esperanzosa de traballar a man tenta e a man común para que a nosa lingua continúe florecendo mil primaveras máis. O feliz trasacordo do goberno de Manuela Carmena obedece a idénticas razóns: lembrar e recoñecer ao escritor e humanista galego. Longa memoria para don Álvaro nas rúas co seu nome!