Listado de la etiqueta: memoria_do_silencio

Onte 2096: «A lavandeira de San Simón», comezo de Pequena Memoria

A publicación d’ A lavandeira de San Simón, texto de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores, que abre a colección Pequena Memoria de Xerais, supón un fito tanto para a historia da edición galega como na causa da memoria, a da recuperación das voces silenciadas, ocultas, exiliadas e castigadas da historia. Seguindo o fío temático que Eva Mejuto iniciara na novela Memoria do silencio (Xerais, 2019) e de precedentes como Mexique. El nombre del barco (Libros del Zorro Rojo 2017), Mejuto e Gregores artellan un relato dende a voz e a ollada de Teresa, unha rapaza filla dun desaparecido e dunha lavandeira que viaxa cada mércores á Illa de San Simón a levar a roupa limpa e unha empanada a algún dos alí encarcerados. Unha historia que empregando os recursos visuais da linguaxe do álbum ilustrado dá voz ás crianzas como vítimas invisibilizadas daqueles días de horror.

Un relato dirixido ao público infantil que homenaxea á rede de solidariedade tecida por unhas mulleres anónimas e afoutas, as lavandeiras ou madriñas, que se arriscaron a axudar aos presos da Illa de San Simón ou do buque Upo Mendi, fondeado na ría e utilizado tamén como cárcere, persoas que elas na súa maior parte descoñecían (procedentes en boa parte de Asturias) e que non cometeran máis delito ca defender a República e os seus valores.

Historia das lavandeiras, rescatada por investigadores e escritores redondeláns como Gonzalo Amoedo, Carlos Antuña Souto e J. Ángel Xesteira, e pola asociación de mulleres A Xanela de Redondela, na que Mejuto e Gregores apostan por dotar dunha forte pegada visual, combinando o primeiro plano coas imaxes panorámicas cenitais ou de grande angular, coa intención de crear a atmosfera de terror dunha historia entrañable narrada en clave íntima. Texto e imaxes complementadas pola documentación fotográfica das gardas e por un coidado texto informativo publicado como epílogo, estendido no espazo web creado por Mejuto, que permiten ao lectorado novo coñecer o que foi un dos episodios máis heroicos da guerra civil en Redondela.

Recomendo vivamente esta primeira e tan prometedora entrega da colección Pequena Memoria, un proxecto editorial que pola súa calidade temática, formal e editorial constitúe unha das achegas máis destacadas da lix galega dos últimos anos. Parabéns ás autoras e á editora.

Onte 2038: «Memoria do silencio» de Eva Mejuto

Seguindo o fío das lecturas ennobeladas da literatura do Holocausto en galego, hai outra serie de títulos moi útiles para a formación dun criterio literario entre o lectorado novo. Refírome a dous clásicos contemporáneos publicados por Kalandraka, O neno do pixama a raias de John Boyne, traducido por Daniel Saavedra e Diario de Ana Frank traducido por Tomás Ruibal. Como tamén o é O derradeiro irmán de Nathacha Appanah, traducido por Emma Lázare Rodríguez (Xerais 2009), un dos enfoques máis orixinais que coñecín como editor sobre a narrativa dos campos de concentración, unha  conmovedora novela sobre a amizade entre diferentes, tinguida de aromas da Illa Mauricio.

Entre esta conta de lecturas testemuñais, a máis recente é Memoria do silencio (Xerais 2019). Publicada na colección Fóra de Xogo, esta segunda novela da editora e xestora cultural Eva Mejuto insírese na tradición de literatura da memoria, facendo coincidir na ficción dúas historias reais, a de Frieda Belinfante, violonchelista e  primeira directora de orquestra europea, membro da resistencia holandesa, escondida con identidade de home durante varios meses,  e a das galegas irmás Touza (Lol,a Xulia e Amparo), que desde o seu quiosco da estación de Ribadavia axudaron a medio millar de persoas, a maior parte delas xudías, a fuxir a Portugal polo paso de Ponte Barxas, da persecución por toda a península da Gestapo, e evitar así unha morte segura. Como fixera no seu debut, 22 segundos (Xerais 2017), Mejuto deita a súa ollada sobre dúas historias esquecidas, agochadas, protagonizadas por mulleres valentes que loitaron pola liberdade e pola xustiza en tempos moi difíciles.

Memoria do silencio é un texto breve, concentrado, áxil no que grazas a un emprego moi afortunado da elipse narrativa, Eva consegue que o silencios contribúan a contar a historia dunha persecución chea de segredos, medos e afoutezas. Singularmente logrado é o intercambio de voces da novela, tanto cando se utiliza a potencia da primeira, nos casos de Frieda e Lola, como cando Günter, o capitán da Gestapo que as persegue, faino en terceira, coa intención de esculcar na súa conciencia. Un xogo formal que contribúe a afondar na caracterización destas personaxes memorables e ao relato dunha historia de heroísmos anónimos. Unha trama e unhas mulleres destemidas protagonistas merecedoras dunha adaptación cinematográfica.

Memoria do silencio é unha das novelas xuvenís máis destacadas deste primeira metade de 2019, confirmando a Eva Mejuto como unha das narradoras máis anovadoras do xénero. Unha ficción de intriga histórica de lectura trepidante, capaz de arrepiarnos tanto como de conmovernos. Un texto de poderosa capacidade para desvelar dúas historias  agochadas de mulleres heroicas. Literatura da memoria en estado puro, á altura dos clásicos internacionais do xénero. Parabéns a nosa admirada Eva Mejuto por estoutro logro.