Listado de la etiqueta: maribel_tato

Editio

Dende a creación do Calendario do libro e da lectura, vense celebrando o 17 de decembro como Día da Edición. Data que coincide co aniversario do nacemento de Ánxel Casal Gosende, o histórico libreiro, impresor e editor galego mártir. Efeméride na que se homenaxea ao cofundador da editora Lar (1924), xunto a Leandro Carré, e ao creador de «Nós, pubricacións galegas e imprenta» (1927), proxecto editorial compartido coa súa dona María Miramontes, onde se imprimiron as publicacións galeguistas (entre elas Nós e A Nosa Terra) e se foi desenvolvendo o primeiro catálogo da literatura galega. Militante do Partido Galeguista, alcalde de Santiago, vicepresidente da Deputación da Coruña, asasinado polos sublevados o 19 de agosto de 1936 en Cacheiras, Casal representa para a edición actual a ansia, a actitude e o compromiso máis auténtico do editor galego. Coa intención de reivindicalo e actualizalo, a Asociación Galega de Editoras (AGE) creou o «Premio Editio á Promoción do Libro Galego» que por vez primeira será entregado en Compostela a Libraría Cartabón. Un recoñecemento oportuno á libraría viguesa –coincidindo co corenta aniversario da súa apertura por Gonzalo Pérez Nieves e Maribel Tato– referente para o libro galego no eido da libraría tanto polo coidado e dimensións da súa colección, arredor das vinte mil referencias, como pola calidade e continuidade da súa actividade de promoción do libro e da lectura no espazo comercial (máis dun cento de convocatorias anuais), nas feiras do libro e nas redes sociais. Nacido co aliciente engadido de que o seu trofeo fose creado por Pepe Barro, o noso primeiro deseñador gráfico de libros e publicacións, a creación deste novidoso Premio Editio engade doses de enerxía e autoestima compartidas que tanto precisa o sector editorial galego, que a pesar da súa mala saúde de ferro, continúa sendo estratéxico na nosa industria cultural. Parabéns a Gonzalo e Maribel polo Editio. Gratitude toda ás editoras galegas que preside o noso admirado Miguel Toval.

Publicado en Nós diario: 17/12/2025

Cartabón 40

Cartabón, a libraría viguesa dos Choróns, fixo corenta anos. Os seus libreiros vocacionais, Gonzalo Pérez Nieves e Maribel Tato Sánchez, celebraron esta continuidade cun concerto da coruñesa Orquestra bravú Xangai. Unha conexión pangalaica, entre o Vigo e A Coruña máis populares, como corresponde a esta libraría de barrio, polo tanto educativa e infantil e xuvenil, aberta o 24 de xullo de 1984 –o día da primeira emisión da TVG– coma unha papelaría escolar, velaí o seu nome, mais que co tempo evolucionou cara o modelo dunha libraría cultural especializada en libro galego e lecturas de calidade, hoxe unha das coleccións bibliográficas referenciais en galego. Cartabón naceu coma un farol para a lingua galega, transformado en espazo cultural multiusos, onde cada ano se fan un cento de presentacións de libros, conferencias e xuntoiros cívicos que a converteron nunha entidade socio-comunitaria, nun porto creativo seguro para o lectorado que sostén a fantasía da industria editorial en galego. Comprometida coa promoción nas redes sociais da información literaria galega, os seus encontros foron gravados e fotografados constituíndo hoxe un dos máis interesantes e completos arquivos audiovisuais do libro galego. Como non renunciou Cartabón a participar na rolda anual das feiras do libro, acollendo centos de sinaturas de autores e autoras, que a consideran tribuna de privilexio e agarimo, ao tempo que Gonzalo levaba a súa coidada colección de libro galego por todo o país, amosando que a calidade dunha libraría cultural galeguista reside na escolla do seu fondo e no servizo proporcionado polo libreiro de confianza ao seu lectorado habitual ou ocasional. Sen esquecer que foi promotora Cartabón dalgunha edición non venal, como a dos Mini-relatos (1999), coordinada por Fran Alonso, ilustrada coas fotografías de Manuel G. Vicente, na que se inclúen textos mínimos de case trinta narradores e narradoras. Beizóns, Gonzalo e Maribel por esta proeza resistente! Que veñan outros corenta anos máis.

Publicado en Nós diario: 23/07/25