Listado de la etiqueta: manuel_seoane_cordal

A batalla invisible

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro de Gaston Leroux A batalla invisible:

Fanse corenta anos da publicación da tradución ao galego d’ O misterio do cuarto amarelo (Xerais 1986) coa que Gaston Leroux debutou en 1907 no xénero de «misterio en cuarto pechado», a primeira das oito aventuras de Joseph Rouletabille, xove xornalista e detective afeccionado. Como tamén está en galego O fantasma da ópera (Xerais 1998, tradución de Ana Luna e Xoán Garrido), novela gótica publicada en 1910 que acadou grande éxito, unha das primeiras levadas ao cine, na que mestura intriga, humor e fantasía. Porén, aínda non foi traducida La bataille invisible (1917), localizada na Ría de Vigo, publicada en castelán por Aguilar (1950) e recuperada polas viguesas Ediciones Agoeiro (2020), nunha edición promovida por Manuel Seoane Cordal, presidente da asociación Hermérico, prologada por Ceferino de Blas, o último cronista oficial de Vigo.

A batalla invisible forma parte da biloxía que baixo o epígrafe de «Aventuras de Herbert de Renich» Leroux iniciou con Capitán Hyx (1917), na que presenta ao comandante francés do submarino Vingador, a súa réplica do Nautilus do capitán Nemo, que aparece en Vinte mil leguas baixo os mares (Ir Indo 2003, Xerais 2019 ) e A illa misteriosa de Jules Verne (Xerais 2014). A trama d’ A batalla invisible desenvólvese durante a metade da Guerra do Catorce e localízase nas súas tres cuartas partes na Ría de Vigo, augas ou chaira líquida onde se enfrontan as empresas que representan o capitán Hyx e a do almirante von Treischke, que pretenden facerse co fabuloso tesouro de Rande, do que as dúas posúen licenza de busca repartida de forma salomónica polo neutral goberno español: a empresa do temible alemán o Leste, dende Rande á praia de Coia, onde ten no castelo a súa base; a canadiana o Oeste, dende Coia ás Cíes, onde se gorece na illa de san Martiño. Batalla que libran a seis metros oitenta e cinco de profundidade dous exércitos de buzos en cadansúa trincheira submarina. Épica batalla invisible no mar, continuada en terra polos espías de boches e aliados e polo mediador luxemburgués Herbert e Renich, que finalmente remata na Atlántida, milenaria cidade perdida no fondo dos mares, á que se accede máis alá de Cíes, onde se gardan os dous mil millóns de ouro dos doce apóstolos, os galeóns afundidos en Vigo en 1702. Cruel aventura bélica na que Leroux homenaxea a Verne e ao xénero da ciencia ficción, ademais de introducir elementos fantásticos, históricos e de intriga, que conforman unha das novelas viguesas máis orixinais, tanto polo protagonismo da ría como pola descrición recoñecible da paisaxe da beiramar e dos espazos portuarios.

Cando escribiu a biloxía, Gaston Leroux xa visitara Vigo como redactor do xornal parisino Le Matin. En concreto, intentaba conseguir ser o primeiro en entrevistar ao científico e explorador sueco Otto Nordenskjold que, ao seu regreso da proximidade do Polo Sur con outros vinte e tres expedicionarios, faría escala en Vigo procedente de Buenos Aires. Leroux soubo anticiparse ao xornalista sueco Otto Heukvist, que agardaba confiado en Vigo ao seu compatriota para entrevistalo en exclusiva, tras ser rescatado por un buque da armada arxentina. Leroux non perdeu tempo, viaxou a Lisboa e dende alí a Madeira, onde embarcou no Tijuca, transatlántico no que viaxaban os exploradores, e tivo tempo suficiente para saber o que lles aconteceu. Cando desembarcaron en Vigo, Leroux enviou a redacción de París o relato exclusivo nun longo telegrama, mentres Otto Nordenskjold, que permaneceu no buque, atendía a Heukvist e respondía a numerosa correspondencia recibida para el na sede viguesa da Compañía Hamburguesa. Non hai dúbida que Leroux aproveitou ben aquelas visitas de finais de 1903 e comezos de 1904 para coñecer as localizacións da batalla que en 1702 mantiveron na ría as frotas angloholandesa e hispanofrancesa, como para describir a paisaxe con admiración («Oh Vigo, Vigo! Canto tempo estiven contemplando o teu glorioso e enigmático panorama!» «Misteriosa e encantadora baía de Vigo») .

Non consta que Leroux fixera despois outras visitas a Vigo. Xaora, a publicación d’ A batalla invisible foi suficiente para que formase parte destacada do Vigo literario máis cosmopolita. Como outros títulos de enfoques e dirixidos a públicos diversos, mais cos que se podería facer unha Biblioteca literaria de Rande de grande interese para o lectorado vigués como para o internacional. Relación na que ademais das xa citadas, A batalla invisible (1917) e Vinte mil leguas baixo os mares (1870), non poden faltar La escuadra de plata (1935) de Avelino Rodríguez Elías, O Códice esmeralda (2017) de Alberto Blanco Casal, Os Megatoxos e a batalla de Rande (2018) de Anxo Fariña, O albatros negro (2025) de María Oruña e A batalla de Rande (2023), cómic de David Braña e Pablo Prado, entre outros.