Listado de la etiqueta: manso

Centenario Lueiro

Dedixo o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey:

imgresO pasado sábado, 9 de abril, celebramos en Fornelos de Montes o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey, o escritor solitario afincado no Grove, que traballou como funcionario na delegación de Facenda de Pontevedra. A entrega da IVª edición do premio que leva o seu nome ao vigués Marcos Abalde Covelo; a presentación dunha nova edición de “Non debían medrar”, a súa novela da memoria e das pombas e a estrea dun fermoso audiovisual didáctico preparado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes foron oportunidades para homenaxear a este escritor vocacional e de esquerdas que ao longo de catro décadas cultivou a narrativa, a poesía e o ensaio. Un acto emocionante no que o seu biógrafo e primeiro estudoso, Ramón Nicolás, e o seu amigo e valedor, o profesor Xesús Alonso Montero, retrataron unha figura humana na que espellarse, pola súa honradez, ponderación e integridade, valores cicelados na súa autoesixencia de labrar o territorio da palabra, nun mesmo compromiso estético ca cívico.

Dende a publicación en 1950 de “Nacencia. Cuentos y poemas”, o seu primeiro libro, asinado co pseudónimo de Gudea, do poemario “Juncia de amor y vida” na colección Alba (1959), da novela “Manso” (1966), cuxa versión primeira foi publicada mutilada pola censura, como das numerosísimas colaboracións en xornais e revistas literarias como “Litoral”, “Faro de Vigo” ou “La Noche”, Lueiro desenvolveu unha obra en castelán comprometida, debeladora de certas feridas históricas e da súa militancia clandestina dende finais dos anos corenta no Partido Comunista, o que non lle impediu ser recoñecido e obter numerosos premios, mesmo na Galicia emigrante.

Dende comezos do anos setenta, animado por Xesús Alonso Montero e polos azos achegados polos exiliados americanos (Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste e Lorenzo Varela), cos que amizara en tres viaxes a América, onde confesou “atopara unha nova vida”, iniciou a súa obra literaria en galego. Será nas Edicións do Centro Betanzos onde en 1971 publique “Un tempo de sol a sol (poemas do neno galego)”, libro ao que seguirá a noveliña de iniciación “Non debían medrar” (Ediciós do Castro, 1974), o libro de relatos “O sol na crista do galo” (1982) e os seus poemarios “Escolma ferida” (1977) e “Nova escolma ferida” (1988), nos que comparte unha paixón ética e estética, que el definiu como “ferida”, onde non é difícil identificar a guerra civil como a traxedia que marcou a ferro toda a súa vida.

Manuel Lueiro é autor, ademais, de “Sonetos a la ciudad de Vigo”, obra pola que obtivo o primeiro premio dos “Juegos Florales” Ciudad de Vigo de 1960, publicada no mesmo ano en Pontevedra, nos Talleres Hijos de Eladio Portela, e reeditada en 1990 baixo o título “Vigo en tres paisajes”, libro moi fermoso e de gran formato que Lueiro preparou días antes do seu pasamento, ilustrado e deseñado polo seu amigo o pintor Antonio Chaves Cuíñas.

Ler os trece sonetos de Lueiro sobre a cidade de Vigo estremece. Despois de máis de cincuenta anos estes versos manteñen a mesma frescura e forza que cando foron escritos. Máis alá da altura da evocación da paisaxe da cidade amurada, da luz e do vento desbocado azoutando ás Cíes; da potencia do mar, ese glauco camiño, salinado; ou do transcorrer das horas e o seu silencio envolvendo a cidade coas súas notas, as imaxes de Lueiro apuntan certeiras sobre o cerne da cidade que fomos, que somos e que queremos ser:

“Pero tú quedarás, Vigo pujante,

atado al yugo del esfuerzo cierto,

en pugna día a día, en la batalla”.

O Vigo de Lueiro estreita os alentos, as esperanzas nesa cidade dos traballadores do martelo, da roda e da máquina:

“Vigo, pujante, con la frente erguida,

le regaló el trabajo, el campo, el puerto,

para ser hoy la abeja de la orilla”.

Humanista comprometido, eticamente esixente na defensa das súas conviccións democráticas no tempo podre da ditadura, Manuel Lueiro Rey comprendeu como poucos á alma viguesa. Desde que a coñecín, apropieime deliberadamente da metáfora da “abella da ribeira” de Lueiro para referirme á cidade tan complexa e revolcada como é Vigo. E cada vez que o fago cito co respecto debido ao seu autor, coa intención de lembralo e reivindicalo.

No centenario do seu nacemento, unimos a nosa voz ás das persoas e institucións que abrazan a “Causa Lueiro”, que reclama con boas razóns un día das letras galegas para Manuel Lueiro Rey. Xaora, a cidade de Vigo debería incorporarse dalgunha maneira ao programa de actividades literarias deste centenario de Lueiro, promovido polos concellos de Fornelos de Montes (un dos membros da Área Metropolitana de Vigo) e do Grove, así como pola Deputación de Pontevedra, ademais de colaborar na recuperación e divulgación destes sonetos, unha das obras literarias máis salientables de exaltación da alma viguesa.