Listado de la etiqueta: manolo_gonzález

Dous días negros

Un celtista histórico, dos setecentos heroes que viaxaron esta semana a Razgrad en Bulgaria, escribiume unha mensaxe dende alí unha hora despois da clara derrota co Ludogorets: «Que afán de protagonismo e que desprezo do rival.». Outro celtista, socio dende hai máis de catro décadas, dos que viviron ascensos, descensos e noites europeas inesquecibles, envioume outra preguntándose se tiña sentido facer debutar alí a unha promesa ou se era o momento para aliñar ao porteiro suplente, concluíndo: «Isto é Europa, non a Copa do Rei». Críticas durísimas a Claudio Giráldez, que comparten os afeccionados no eido privado, tratando de comprender algunhas das decisións do adestrador da Louriña, referidas aos criterios utilizados nas rotacións e como condicionan a composición do once inicial e os plans de partido. O de Razgrad foi un xoves negro, onde o xogo do Celta non estivo á altura do esforzo dos heroes que o acompañaron viaxando até dezanove horas por centro Europa. Eles, coma os que seguimos o partido na tele, dubidabamos se era a máis axeitada unha liña defensiva de tres inédita, formada por dúas promesas e un lateral de participación esporádica, que semellaba un coadoiro. De nada serviron os minutos de tempo engadido, que maquillaron o resultado, nos que El-Abdellaoui marcou o seu primeiro gol como celeste dunha moi fermosa factura.

Tras o xoves negro, no que Claudio asumiu a responsabilidade da derrota, o once de gala diante do difícil Español do caurelao Manolo González, non tivo apenas sorpresas. Coa excepción das ausencias de Ilaix Moriba e de Mingueza, podería ser considerado noutro club como o equipo titular, o que evitaría as polémicas. Mágoa que esta composición máis frecuente e menos atrevida ca aposta búlgara tampouco fose capaz de ofrecer a primeira vitoria en Balaídos no que vai de campionato, acumulando xa oito xornadas sen facelo, unha marca negativa que iguala a do fachendoso Rafael Benítez, aliviada na táboa clasificatoria polos excelentes resultados como visitantes, dos mellores da Liga. Un partido no que o cadro técnico de Manolo González por terceira vez superou tacticamente ao do Celta propoñendo unha estratexia dun aparente cero a cero, resolta nos dez minutos finais cunha xogada a balón parado ben deseñada, mellor executada polo veterano Kike García e moi mal defendida polos célticos. Responsabilidade do gol atribuíble ao propio cadro técnico de Claudio, que como noutros momentos decisivos non defendeu unha pelota queda.

Mágoa que se chegase ao minuto 86 co marcador sen estrear, cando o Celta dispuxo do balón e de varias oportunidades interesantes, aínda que non preocupasen o suficiente ao gardameta visitante. Na primeira metade, o Español saíu durante vinte e catro minutos coa presión moi alta e cun xogo directo dirixido a Roberto, o seu temible dianteiro, que incomodaba aos celestes. Xaora, o traballo serio de Starfelt e de Borja Iglesias, referentes atrás e diante, foron orientando o partido e o Celta comezou a sentirse mellor. Bryan Zaragoza puido marcar no 28’, na mellor xogada do partido, nacida da biqueira de Borja, un auténtico mestre do xogo de costas, que asistiu ao extremo andaluz que conduciu e despois xutou ao pao longo, buscando ese primeiro gol como celeste que non acaba de chegar. Dende entón, o Celta apropiouse do balón e estivo máis cerca da área, mais sen ser capaz de concretar. Faltoulle gol, a súa maior doenza en Balaídos.

Tras o intervalo, Manolo moveu ficha, xa no 59´dándolle entrada a Kike García buscando así dúas puntas que abrisen espazo entre os tres centrais celestes. Claudio tardou dez minutos en darlle resposta cando deu entrada ao noruegués El-Abdellaoui buscando abrir a lata con dous extremos rápidos e profundos. Resposta que apenas modificou o panorama cando o partido semellaba que esvaraba polo pesado cerocerismo. Os de Manolo, con cambios defensivos, aparentaban aceptar a igualada. Apenas unha argucia do adestrador caurelao que no 85’ forzou dous saques de recanto case consecutivos. No segundo, unha posición forzada de El-Abdellaoui permitiu que Kike García cabecease con moita clase e Radu, case na primeira intervención do partido, perdese o balón que xa estaba dentro da portaría. Manolo levaba para Cornellá os tres puntos de matute e Kike, de paso, lembraba algunha conta pendente con Aspas. Partido igualado, no que o Celta non mereceu perder, mais tampouco tivo a superioridade suficiente para merecer os tres puntos. Algo non funciona na xestión dos momentos decisivos deste Celta bipolar, un equipo capaz de ilusionar a bancada co mellor e a seguir cun partido insípido coma o deste domingo negro. Situado na clasificación en terra de ninguén, antes de Nadal hai moita tea que ganduxar, dende poder dar a sorpresa no Bernabeu e acadar xa a clasificación á segunda ronda ca competición europea. Mais tampouco é descartable continuar co período de derrotas ligueiras en Balaídos, o que o achegaría ás posicións de descenso. Mentres, os afeccionados continuarán compartindo a súa perplexidade entre días celestes felices e negros días celtistas.

Publicado en Faro de Vigo: 1/12/25

Chasco

O dicionario da Academia Galega define a palabra desilusión como a carencia ou perda da ilusión que se tiña posta en algo ou alguén, sinalando como os seus sinónimos: chasco, decepción, desencanto ou desengano. Substantivos todos, que cos seus matices e precisións de cada un deles, serven para expresar o que sucedeu a tarde do sábado en Balaídos, cando o Celta de Claudio Giráldez foi derrotado por dous a cero polo Espanyol de Manolo González. Todo un chasco, sufrido xusto no momento no que o resto dos marcadores xogaron ao favor dos nosos, cando parecía que  se poderían consolidar as mellores opcións de loitar por unha clasificación europea despois de nove temporadas de ter xogado con Eduardo Berizzo no banco a inesquecible semifinal da Europa League en Old Trafford. Unha decepción encaixada con respectuoso silencio, inesperada polos case vinte mil celtistas sorprendidos por unha das máis frouxas actuacións dos seus. Unha cativa desilusión que, a pesar, de non mudar a envexable sétima posición, deixa un sabor agre, que rompe unha xeira fantástica de oito partidos sen perder, ás portas do Tourmalet das tres vindeiras xornadas: Barcelona, Vilarreal e Madrid.

Quedou claro que a Giráldez non lle senta ben enfrontarse ao seus colegas galegos. Se xa recibiu unha lección na pizarra de Diego Martínez, esta vez foi a de Manolo González, o míster de Folgoso do Courel, excondutor de autobús, deses galegos formados en Cataluña orgullos de conservar a lingua, como amosou na sala de prensa. Manolo deu un recital do que é nadar e salvar a roupa, un exercicio de prudencia e afouteza, diante dun vacilante Claudio que sorprendeu que no seu once inicial só incorporase a novidade de Hugo Sotelo na condución do xogo. Manolo deixou que os de Claudio se empachasen de balón, para quedarse coa tallada dos goles, aproveitando dous erros defensivos celestes, certo é que facilitados pola lesión muscular prematura de Starfelt, que resultaría decisiva. Abondou para os de Manolo agardar organizados en bloque baixo, onde gañaron a maior parte dos duelos, para que chegasen as súas dúas únicas oportunidades noutros tantos erros defensivos celestes pola banda esquerda. Por aí chegou o primeiro dos goles, tras un colapso masivo da cobertura local, onde erraron de forma consecutiva Carreira, Javi Rodríguez e Marcos Alonso, todos os tres moi por baixo de actuacións anteriores, que facilitaron que Roberto no 28’ marcara o primeiro dos seus tantos.

Había tempo para a habitual remontada, polo que a bancada acolleu o gol con escasa preocupación. Erro de percepción no que caeu tamén Claudio que non reaccionou até despois do descanso, cando introduciu a Moriba por un Sotelo encollido nun momento no que o equipo máis precisaba a intelixencia en movemento que lle sobra. Mágoa que unha nova perda, nun fallo de Carlos Domínguez no 60’, fose o agasallo que Roberto buscaba para marcar o segundo. E nin sequera foron eses erros inadmisibles os causantes da derrota, que atribúo máis a unha estraña ausencia de talento atacante, que afectou de forma xeneralizada a todo o conxunto, dende as figuriñas emerxentes, Carreira e Alfon, que non se atreveron coma noutras ocasións. Confusión compartida polos habituais cerebros celestes, Mingueza situada na esquerda, que pouco deu de si alí, ademais de tirar os saques de recanto con escaso perigo; como foi pobre a actuación de Aspas, coa excepción dun xutazo soberbio, pouco despois do descanso, salvado in extremis por Joan García nunha intervención decisiva, xa que pouco despois o seu equipo marcaría o segundo, pechando practicamente o partido.

Certo é que Claudio intentou poñer remedio a esta apatía, tirando do talento de Fer López que substituíu a Aspas, faltando media hora, o que fixo gañar coherencia ao xogo do equipo. Fer deulle un novo argumento ao partido, conseguiu abrir os espazos interiores que até entón pecharan tan ben os de Manolo, o que permitiu algúns remates dende a frontal como un de Alfon, que obrigou a outra enorme parada do gardameta catalán. Foi tamén Fer que dende a frontal da área enviou un pexegazo ao traveseiro, no que foi un dos mellores lances do partido, protagonizado por quen só con vinte anos está chamado xa a liderar o xogo e o propio equipo. Poucas veces, como na derrota do sábado, púxose en evidencia a entrega da testemuña de Aspas a este dianteiro estilista no que o celtismo xa deposita todas as esperanzas de relevo do capitán, que saíu anoxado do terreo de xogo cando foi substituído, xenio e figura. Como foi unha mágoa que non entrase antes Williot que meteu o picante que faltaba, cando os visitantes defendían un resultado no que lles ía a permanencia.

A derrota foi apenas unha desilusión á que o celtismo está afeito, apenas unha pedra na roda dunha tempada magnífica que é inevitable abra expectativas para optar a clasificarse entre os oito mellores, entre os que polo momento está o Celta. Unha mala tarde nunha tempada celeste excelente nunha clasificación moi igualada, na que, iso é o mellor, todo queda aberto. Quen nos di que non poidamos sorprender no Olímpico a vindeira semana?

Publicado en Faro de Vigo: 14/04/2025

Males de altura

O Celta de Marian Mouriño deulle en quince meses unha volta ao carpín da xestión do club que o seu pai levou en dezasete anos. Xirou 360 graos o proxecto deportivo, cesando ao sobrevalorado Benítez e apostando por Claudio Giráldez e o seu fútbol académico de canteira. Reorientou a comunicación, alicerzándoa sobre o éxito do himno da Oliveira de cen anos, o seu emprego inclusivo do galego e unha presenza creativa nas redes sociais, onde conta con máis de nove millóns de seguidoras en Tik-Tok (cifra asombrosa), dous millóns e medio en Facebook ou máis de medio millón en IG, que abriron o celtismo ao mundo. Desbloqueou as relacións co concello, que está deixando irrecoñecible aquel vello Balaídos, transformado nun fermoso coliseo ao xeito británico, e intenta unha saída negociada para o proxecto da cidade deportiva de Mos.

Porén, a dona do club non foi capaz de mitigar algunhas doenzas crónicas na historia celeste, dende eses incomprensibles hábitos deportivos de resucitar na competición aos que máis necesitados están ou a de que se cargue a atmosfera do club con conflitos institucionais, xusto cando mellor rula no deportivo. Males de altura, como os que sofren os montañeiros reducindo o seu nivel de osixeno en sangue, como o provocado esta semana polo apartamento fulminante de José Gainzarain e de Sonia García das súas responsabilidades como primeiros xestores corporativos e financeiros do club, tras o que non fai falta ser o inspector Caldas, se oculta un modelo distinto do que propiedade e os profesionais entenden como xestión óptima dunha sociedade anónima Deportiva (con maiúscula).

Como malestar provoca no celtismo informado o divorcio entre o club e a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo (AFAVI), que hai pouco denunciou o incumprimento económico do convenio asinado en 2022 polo club e a súa fundación. Un conflito de calado, tanto pola importancia das cantidades reclamadas pola entidade presidida por Daniel Costas, como pola seria dificultade de renovar un acordo que finaliza o 30 de xuño, e do que todo indica que a actual dirección deportiva pretende desfacerse. Confrontación sobre o modelo de canteira celeste, que supoñería prescindir da actual achega formativa de 19 clubs modestos que traballan con 4.000 rapaces e rapazas, canteira viguesa da que saíron xogadores como Jony Otto, Rubén Blanco, Brais Méndez, Gabri Veiga ou máis recentemente de Fer López.

Mal de altura que sufriu a noite do luns co empate insuficiente coas Palmas, que non certifica a permanencia automática, pero mantén a igualdade da pelexa co Raio e o Mallorca como principais rivais para a praza da Conference League 25/26. Estado de vertixe que non afectou tanto a calidade do xogo defensivo e atacante, moi superior na primeira parte, como no acerto na definición, que tivo dúas veces na biqueira o infatigable Borja Iglesias. Iso si, coa excepción de Alfon, autor do gol celeste no tempo engadido da primeira, unha valiosa alfaia nun partido memorable do extremo albaceteño, aposta persoal de Giráldez, sen dúbida, un dos mellores e máis regulares celestes da tempada.

Mal de altura que afectou a propio Claudio superado na pizarra táctica polo vigués Diego Martínez Penas, o máis recente seleccionador da Galega, bo coñecedor do Celta que nos primeiros corenta e cinco minutos pechou as bandas celestes defendendo de forma compacta e ordenada. Batalla táctica que tivo o seu lance principal cando o míster visitante mudou coa reanudación a súa liña de tres centrais, deixando no vestiario a Bajcetic, outra valor da canteira celeste, propiedade do Liverpool, a quen Alfon toleara ao xeito Nolito. Co paso á defensa convencional, os canarios tardaron tres minutos en empatar nunha gran xogada de McBurnie finalizada por Moleiro. Claudio quedou obrigado a mover pezas, deu entrada a Beltrán, que contribuíu a achegar máis continuidade, e a Aspas, que ofreceu moi pouco. Con todo, os celestes gozaron novas oportunidades, clarísimas a do pase de Carreira que non atopou rematador, a de Moriba, que quedou asustado a porta baleira, ou o xutazo soberbio de Marcos Alonso despexado polo porteiro insular, que substituíu a Cillesen, gravemente lesionado nun choque con Borja.

E como é adoito, un despexo insuficiente de Starfelt nun ataque illado, foi aproveitado por Fabio Silva para superar a Guaita cun xute entre as pernas. O silencio cortouse no estadio, roto apenas pola festa dos seareiros e banco amarelo. Outro das clásicas celtadas do anfitrión amable! Por ventura, o VAR acudiu ao rescate dos de Aspas, dando por bo un empate que deixaba as cousas como estaban, nunha xornada na que todos xogaron  para nós.

Con corenta puntos e faltando aínda nove datas, a permanencia está feita, e o Celta de Claudio, a pesar do seu estraño mal de altura, ten a obriga de pelexar polo máximo. A iso enfróntase en Mallorca o sábado e despois co Espanyol de Manolo Gónzalez, outro gran adestrador galego, ex-condutor de autobús, formado como míster en Cataluña. Dúas oportunidades, que despois de retrasar un paso, poden permitir un novo salto. Upa, Celta!

Publicado en Faro de Vigo: 02/04/2025

José Gil, pioneiro do cine

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de José Gil, fotógrafo e precursor do cinema en Galicia:

Entre as publicacións recentes da bibliografía viguesa destaca Nos días encantados de agosto (Galaxia 2022), unha biografía de José Gil preparada por Manolo González. Un libro referencial para desvelar o ronsel esquecido do precursor do cinema galego, tamén un dos protagonistas da actividade fotográfica, comercial e cultural de Vigo durante as primeiras décadas do século XX. Unha concienciuda obra de investigación biográfica, tamén un tributo a unha figura que amaba o cine por riba de todas as cousas, aquel vello barbudo que filmaba en solitario polas rúas viguesas, a quen consideraban un pouco tolo. Unha aproximación detallada a unha filmografía de 150 películas, producidas entre 1910 e a Guerra Civil, das que conservamos só sete, pezas do proxecto de «cinematografía rexional galega» que levou a Gil a filmar fábricas, industrias, escenas labregas, escolas, paisaxes, vodas, festas e romarías, entre outras moitas temáticas. Un retrato entrañable dun fotógrafo artesán, do que se conservan apenas catrocentas fotografías, unha pequena parte dos milleiros que tirou nos seus estudios de fotografía artística en Ourense, Lugo e Vigo ou na súa calidade de fotógrafo ambulante e pioneiro do reporteirismo gráfico en Galicia.

Nacido en 1870 en Rubiós, no concello das Neves, terra de músicos e viño tinto xeneroso, José Gil iniciouse como fotógrafo artístico no balneario de Mondariz, onde coñeceu a técnica pictorialista dos retratistas que facían alí a temporada estival e descubriu a modernidade a través do visor dunha cámara. Naquel microcosmos cosmopolita, adquirirá ademais o seu interese pola publicidade que moito lle servirá, despois do casamento con Trinidad Sarabia, nacida nunha familia de fotógrafos de Castro Caldelas, para establecer en Ourense en 1896 o seu primeiro estudio, Fotografía Artística, que en 1905 trasladaría a rúa Carral 14 de Vigo, atraído polo carácter emerxente e cargado de futuro da cidade. Comezo dun actividade que en poucos anos o convertería no rei da fotografía viguesa, instalado dende 1908 na rúa do Príncipe 49, na galería que chamou Gran Fotografía, ademais de reporteiro gráfico de referencia de Vida Gallega (1909), a primeira revista gráfica galega moderna. Unha actividade que o levará a fotografar a actividade social e industrial viguesa e a abrazar a idea do progreso e do valor da tecnoloxía, que anos despois o faría asumir a representación oficial dos automóbiles Ford e despois dos Texan e Traffic en Galicia.

Paixón polas máquinas dun soñador que a finais de 1909 mercou unha cámara Gaumont de madeira con obxectivo fixo e golpe de manivela (hoxe unha das pezas que mellor nos explican como cidade), coa que filmou as súas primeiras imaxes, o 3 de xullo de 1910, da excursión viguesa a Santiago, e vinte días despois da visita dos periodistas ingleses a Vigo e Pontevedra. Actividade que prendeu naquel verán con outras catorce filmacións localizadas en Vigo na súa maior parte, como a da colocación da primeira pedra do monumento a Curros Enríquez na Alameda. Novidosa cámara a de Gil que probablemente motivou a mítica fotografía de Manuel Murguía acompañado de membros da Real Academia Galega, o 27 de novembro de 1910, na súa galería de Príncipe, momento excepcional para a cultura galega decote remisa a valorar a cultura audiovisual. Inicio dun actividade cinematográfica que Gil levou alén mar por medio do cinema de correspondencia, financiado polas sociedades galegas de América, consolidada xa cando filmou Miss Ledya (1916), a primeira ficción do cinema galego, e cando no mesmo ano produciu a Revista Cinematográfica Galicia, o primeiro noticiario de Galicia.

Foi a produtora Galicia Cinegráfica o proxecto empresarial de José Gil entre 1921 e 1935, un período non exento de dificultades no que viviu en Ponteareas durante tres anos (1924-1927), onde abriu o Cine Royalty, e no que regresou a Vigo para establecer en Teis a súa empresa de filmación de «noticiarios de industrias, vodas, dramas e belezas de Galicia». Daquela etapa consérvase o filme publicitario de 34 minutos sobre La Artística (1927), valiosa mostra do traballo documental realizado en solitario. Cualificado por Manolo González como «intrépido explorador e soñador que se achegou á realidade a través do encadramento fotográfico», esta biografía de excelente alento narrativo reclama poñer a este pioneiro iconauta como referente da cultura cinematográfica en Galicia. En Vigo podemos recordalo no cemiterio de Pereiró, no monumento funerario de Asorey, en homenaxe as súas tres fillas, e dende 2007 na rúa que leva o seu nome preto da praza da Miñoca. Con todo non estaría de máis que se colocase unha placa que o lembrase na rúa Elduayen, na casa dos irmáns Sarabia onde faleceu o primeiro de xaneiro de 1937.